No herbal azur do ceo

No herbal azur do ceo
Foto: Roberto Mouzo

31 de outubro de 2015

RAMÓN MARCOTE MIÑARZO, O BIBLIOTECARIO FISTERRÁN DO CENTRO GALEGO DE LA HABANA

Ramón Marcote Miñarzo naceu no lugar de Sardiñeiro de Abaixo, parroquia de San Xoán de Sardiñeiro (Fisterra) o 31 de marzo de 1880. Con 18 anos embarca no vapor Reina María Cristina e emigra a Cuba, chegando a La Habana precisamente no ano da guerra. Durante os seus primeiros sete anos na emigración, Ramón traballou nunha tenda de víveres, as coñecidas “bodegas”, primeiro destino de boa parte dos galegos que chegaban á cidade de La Habana. Durante este tempo compaxinou o traballo coa asistencia ás clases do Plantel Concepción Arenal do Centro Galego.
Marcote foi socio do Centro Galego e da "Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia", pero será ao primeiro deles ao que estará máis ligado, pois desde 1905 vai ser o seu bibliotecario, cargo no que botou case cincuenta anos. Tamén chegou a figurar nalgunha das súas directivas, en concreto dentro da Sección de Propaganda do Centro, ocupando os cargos de vogal e de vicesecretario. En 1917 faise cargo da delegación da Biblioteca América, a través da que animou as colaboracións de moitos intelectuais cubanos, e fomentou a produción de traballos sobre a orixe galega de Colón. Así mesmo, foi vogal da “Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega”.
Ramón Marcote foi membro fundador da sociedade “Hijos del Partido de Corcubión” de La Habana, entidade irmá da existente en Buenos Aires desde 1922. Foi o presidente desta, Antonio Díaz Novo, quen instou a Marcote a poñer en funcionamento esta sociedade. A pesar das dificultades que atopou pola escaseza de emigrantes da zona en La Habana, a finais de 1927 xa publican os seus estatutos e elíxese a primeira directiva, presidida por Manuel Castiñeira Canosa. Nela Ramón obstentou o posto de vogal, pero na maior parte da súa historia sería o seu tesoureiro, ademais de ser o encargado de notificar as noticias da sociedade á prensa.
Comité Pro-Colón Español (1922), no que figura Marcote (X)
Como escritor, Ramón Marcote foi colaborador na prensa que a colectividade galega editaba en Cuba (Galicia, Curros Enríquez, Vida Gallega, Cultura Gallega, …), ademais de exercer de correspondente na illa de diversas publicacións galegas, como El Ideal Gallego. É autor dunha exitosa Historia de Galicia (1924), do folleto Colón, Pontevedrés (1920); de Contra España, no (1928), obra que foi premiada na Exposición Iberoamericana de Sevilla; e do traballo literario Galicia en Cuba, que logrou a Medalla de Ouro dos Xogos Florais da “Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia” no ano 1945. Foi un firme defensor da orixe galega de Colón, e baixo a súa iniciativa creouse o Comité Pro-Colón Español en 1920, do que foi presidente. El mesmo sería o encargado de doarlle á Biblioteca América de Compostela as obras que sobre esta temática se publicaron en Cuba.
Ramón Marcote faleceu na cidade de La Habana o 6 de xullo de 1955.

 Bibliografía:
  • Anónimo (1920): “Comité Pro-Colón Español”, La Emigración Española, Madrid, 15 de abril; p. 6.
  • Anónimo (1927): “Interesante carta de Don Ramón Marcote”, Alborada nº 24, Buenos Aires, xullo, pp. 19-20.
  • Anónimo (1927): “Nuestros hermanos de Cuba”, Alborada nº 26, Buenos Aires, novembro, p. 16.
  • Cagiao Vila, Pilar (2007): A Gran Historia de Galicia. Os galegos de Ultramar. De emigrados a inmigrantes; A Coruña: La Voz de Galicia; tomo X, volume 1; pp. 207 e 209.
  • Cagiao Vila, Pilar / Rey Tristán, Eduardo (2007): “La contribución cubana a la Biblioteca América de la Universidad de Santiago de Compostela”, en Cagio Vila, Pilar / Guerra Vilaboy, Sergio (eds.): De raíz profunda. Galicia y lo gallego en Cuba; Santiago de Compostela: Universidade / Xunta de Galicia; pp. 267-280.
  • Lamela, Luis (2014): “Ramón Marcote Miñarzo, uno de los muchos fisterráns olvidados”, La Voz de Galicia, Carballo, 8 de xaneiro.
  • Libro de Bautizados. Parroquia de San Xoán de Sardiñeiro; Libro 4, folio 157.


Ningún comentario:

Publicar un comentario