No herbal azur do ceo

No herbal azur do ceo
Foto: Roberto Mouzo

31 de outubro de 2015

CAYETANO GARCÍA LAGO, MUXIÁN FALANXISTA QUE PRESIDIU O CENTRO GALEGO DE LA HABANA


Cayetano Ramón García Lago naceu na vila de Muxía o 8 de decembro de 1891. Era o quinto fillo do matrimonio formado por José García Rey e Joaquina Lago Rebordelo, oriúndos tamén da vila da Barca. Ao dicir de Jerónimo Figueroa, os sete irmáns García Lago (José, Camilo, Gustavo, Aureliano, Cayetano, Teófilo e Álvaro) emigraron a Cuba. Cayetano farao en 1903, cando aínda non fixera os doce anos. En La Habana comeza a traballar como dependente ata que consegue establecerse como “detallista” (comerciante polo miúdo). Coa axuda financeira de seu pai, os irmáns García Lago logo fixeron fortuna como propietarios de numerosos comercios (sobre todo, no ramo dos víveres e do café). Será o propio Cayetano o que se erixa na cabeza visible da sociedade fraternal, e el mesmo non tardará en figurar entre a elite da colectividade galega e cubana (era socio do prestixioso club privado “Havana Biltmore Yatch and Country Club”). Segundo Guillermo Jiménez, foi accionista da “Nueva Fábrica de Hielo S.A.”, unha das máis importantes do país dedicada á fabricación de cervexa, malta e xeo (coas marcas de cervexa Cristal e Tropical, entre outras). Desde 1921 pertencía ao seu consello de administración, ocupando o posto de vogal na Xunta Xeral ata a década de 1950. Tamén foi accionista da aseguradora “Comerciantes Detallistas de Cuba, Compañía de Seguros S. A.”, ocupando postos de relevancia na súa dirección. En 1931 foi elixido presidente do “Centro de Detallistas de La Habana”.
Cayetano (der.) e Pura Tormo (esq), inauguran o edificio
do Centro de Detallistas de La Habana [Vida Gallega, 1932]
En 1914 morre seu pai, e os dous irmáns maiores non tardarán en volver para Muxía. Nos anos vinte sabemos que se encargaba de recadar cartos entre os seus paisanos para enviar a Muxía para a celebración das festas da Barca. Viaxou varias veces á súa terra natal, e nunha destas viaxes casou con Purificación Tormo López, filla do catedrático do Instituto da Coruña, Manuel Tormo. O casamento tivo lugar na parroquia de San Nicolás da Coruña o 10 de maio de 1928, e deste matrimonio nacerían dous fillos, Cayetano e Pura.
Desde finais da década de 1910 comeza a figurar nos cadros directivos de sociedades de emigrantes. Será durante varios anos membro da Sección de Sanidade do Centro Galego de La Habana, e en 1919 figura como apoderado desta institución. Tamén será, nesta época, directivo da "Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia”. Pero será no fatídico ano de 1936 cando Cayetano inicie a súa andadura nos postos de mando do Centro Galego de La Habana. O 18 de marzo é elixido presidente da entidade Antonio Rodríguez Vázquez, que nomea como tesoureiro da súa comisión executiva a Cayetano García Lago. Mais eran estes momentos de tensión no seo desta institución (“azotado por las más enconadas pasiones”, di Cultura Gallega), o que fai que a principios de xullo, García Lago pase a ocupar o cargo de presidente do Centro Galego escollendo unha nova executiva. Co inicio da guerra en España a tensión acrecentaríase e as loitas intestinas provocaron outra guerra dentro desta institución.

Caricaturas de Castelao
Os órganos de dirección do Centro Galego establecían dende 1915 que as accións da comisión executiva estivesen en todo momento controladas por unha Asemblea de Apoderados, que era elixida cada dous anos. Nas eleccións de apoderados do 3 de xaneiro de 1937 presentáronse dous partidos: “Renovación y Defensa Social” e “Afirmación Gallega”, ambos os dous de filiación conservadora. Resultou gañador o segundo, do que era presidente Secundino Baños (presidente de honra do Centro) e que tiña a García Lago coma o seu novo líder. Dous anos despois, nas eleccións do 1 de xaneiro de 1939, a cousa cambiou coa aparición dunha terceira forza: “Hermandad Gallega”, liderada polo galeguista exiliado Gerardo Álvarez Gallego. A batalla recrudeceuse co intercambio de acusacións na prensa creada ex-profeso para as eleccións, destacando a presenza na illa do deputado galeguista Castelao procedente dos Estados Unidos na súa campaña de busca de apoios á causa republicana. Castelao interviu activamente na campaña electoral en apoio de Álvarez Gallego, censurando as políticas caciquís e pro-franquistas de García Lago, de quen fixo numerosas caricaturas que publicou o xornal cubano Hoy. Non foi suficiente todo o traballo dos partidarios do goberno legal para impoñerse aos dous partidos de dereitas que aunaron a súa forza (que certificarían no mes de abril fusionándose en un: “Afirmación y Defensa”) e perpetuaron no poder a Cayetano García Lago.
Consuelo Naranjo (1988: 99) dinos que Cayetano, xunto cos outros homes fortes do Centro Galego, Secundino Baños e Jesús Mª Bouza, figura nos informes realizados polo Federal Bureau of Investigation estadounidense como membros destacados do corpo falanxista na illa, á vez que posuían un respaldo oficial do goberno cubano. E engade que o muxián, que adoitaba aparecer vestido coa indumentaria falanxista, era membro do Consello Directivo do Círculo Militar e Naval, e amigo íntimo do Inspector Xeral do exército, o xeneral Galíndez. Antes de que a guerra rematase, este círculo dirixente xa retirara do Centro Galego a bandeira republicana para substituíla pola monárquica, o que derivou en versos coma estes publicados en Noticias de Hoy (24-12-1938): “El señor Cayetano García Lago, / esperando que Franco lo agradeciera, / le tiró una indecente guataquería / dejando al Muy Ilustre sin su bandera. / Menos mal que muy pronto verá La Habana, / en el Centro Gallego  de esta ciudad, / ondear la bandera republicana, / izada y defendida por la Hermandad”.
Cayetano, de novo [Nerio, 1921]
 Aínda que non desempeñou postos claves nas diversas entidades falanxistas creadas en Cuba, o nome de Cayetano figurou sempre en todas as actividades de apoio e axuda a Francisco Franco. Así o sinala Katia Figueredo (2007), para quen o muxián simpatizou co bando sublevado desde o mesmo comezo do conflito hispano, cando foi creado o Comité Nacionalista Español de Cuba, do que era vogal, e mereceu, en varias ocasións, eloxios do conservador Diario de la Marina, polo seu destacado labor. Esta historiadora dedícalle neste artigo moitas páxinas ao que ela chama “el gran ‘cacique’ falangista del Centro Gallego”, analizando polo miúdo a súa presenza no cargo.   
Durante a guerra civil española, Cayetano tivo oportunidade de interceder por dous compatriotas ante as autoridades franquistas: Adelardo Novo e Aníbal Otero. Do primeiro sinala Domingo Cuadriello (2004: 232): “mucho trabajo les costó a sus compatriotas amigos lograr que la directiva del Centro Gallego, controlada por los elementos falangistas encabezados por Cayetano García Lago, envíase al gobierno de Burgos una tibia solicitud de respeto a la vida de Adelardo Novo”. Parece que se preocupou algo máis por Aníbal Otero, que fora detido en Portugal acusado de espía e entregado ás autoridades franquistas. Ramón Menéndez Pidal buscou apoio en Cuba e atopouno no presidente do Centro Galego, que lle enviou un cablegrama ao alcalde de Tui, e unha semana despois unha extensa carta con datos subministrados por Pidal na que manifestaba que o detido era un investigador que estaba a realizar un Atlas Lingüístico da Península, “obra patriótica que rivalizará con la de otros países como Francia, Italia o Rumanía” (Catalán, 2001).
En 1941 remata a súa etapa como presidente do Centro Galego ao cumprirse o tempo regulamentario, pero seguiu na directiva, encargándose de presidir a Sección de Sanidade. Coincide isto coa ilegalización de todas as agrupacións que supuxesen un perigo para a estabilidade do goberno cubano, dentro da voráxine anti-fascista de Fulgencio Batista, logo da entrada de Cuba na 2ª Guerra Mundial (cfr. Figueredo: 2007: 230).
[Foto: Lar, 1941]
En novembro de 1946, xa de novo presidente do Centro Galego, viaxa a España nunha expedición de autoridades cubanas con motivo da inauguración da liña aérea La Habana-Madrid-La Habana. A súa presenza dá conta da importancia que tiña dentro da illa cubana tanto o Centro Galego coma o seu presidente.
En 1952 deixa de ostentar o citado cargo e será nomeado Presidente de Honra. Ese mesmo ano, no mes de setembro, foille imposta a Encomenda da Orde de Isabel a Católica concedida polo goberno español. O acto celebrado nos salóns do Centro, coa presenza de máis de 2.500 comensais, estivo presidido polo embaixador de España Juan Pablo de Lojendio, que gabou do homenaxeado a súa enteireza e gallardía para manter a súa dignidade de español en tempos difíciles. No seu discurso García Lago deulle as grazas ao goberno español dedicándolle un emocionado recordo ao Xeneralísimo Franco.
Xa retirado, volvería a España en 1953 acompañando a directivos do Centro Galego de La Habana. Un ano despois regresaría á fronte dunha peregrinación de 300 galegos residentes en Cuba con motivo do Ano Santo. Chegaron o 19 de xullo ao porto da Coruña e foron recibidos polas autoridades municipais; ao día seguinte chegaron a Compostela onde os agardaba o cardeal Quiroga Palacios.
En 1957 vémolo por última vez nunha directiva do Centro Galego, neste caso ocupando o posto de Vicepresidente Segundo, nunha xunta comandada por Ángel Pérez Cosme. Foron vinte anos nos que Cayetano, ben desde a dirección, ben desde a sombra, manexou os fíos da máis importante institución de emigrantes de Cuba.
Cayetano García Lago faleceu o 31 de marzo de 1958 no sanatorio La Benéfica do Centro Galego de La Habana, logo dunha curta enfermidade, aos 66 anos de idade. No momento da súa morte figuraba, en opinión de Guillermo Jiménez, entre os 330 propietarios máis importantes de Cuba.

Bibliografía:
  • Alonso Girgado, Luís (1999): “Introducción” á edición facsímile de Cultura Gallega, Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro.
  • Anónimo (1922): “Desde Mugía”, El Orzán, A Coruña, 17 de agosto, p. 2.
  • Anónimo (1946): “Inauguración de la línea Habana-Madrid-Habana”, La Vanguardia, Barcelona, 27 de novembro, p. 2.
  • Anónimo (1952): “Acto de ferviente españolismo en La Habana”, La Vanguardia, Barcelona, 3 de setembro, p. 14.
  • Anónimo (1953): “Recepción con motivo de la fiesta nacional cubana”, ABC, Madrid, 11 de outubro, pp. 63-64.
  • Anónimo (1954): “Llega a La Coruña una peregrinación de 300 gallegos residentes en Cuba”, La Vanguardia, Barcelona, 20 de xullo, p. 10.
  • Anónimo (1954): “Han llegado a Compostela los peregrinos gallegos residentes en Cuba”, ABC, Madrid, 21 de xullo, p. 22.
  • Anónimo (1957): “El Centro Gallego es una institución ejemplar, orgullo de España y de Cuba”, ABC, Madrid, 26 de xuño, p. 69.
  • Anónimo (1958): “Ha fallecido en La Habana Cayetano García Lago”, La Vanguardia, Barcelona, 2 de abril, p. 13.
  • Anónimo (1958): “Necrológicas. Don Cayetano García Lago”, ABC, Madrid, 6 de abril, p. 76.
  • Cagiao Vila, Pilar / Pérez Rey, Nancy (2009): “Itinerarios cubanos del exilio gallego”, Árbor nº 735, Madrid, xaneiro a febreiro, pp. 129-138.
  • Catalán, Diego (2001): “Aníbal Otero, encuestador del Romancero y del Atlas Lingüístico, acusado de espionaje”, en El archivo del Romancero, patrimonio de la humanidad. Un siglo de historia; Madrid: Fundación Menéndez Pidal.
  •  Domingo Cuadriello, Jorge (2004): Españoles en Cuba en el siglo XX; Sevilla: Renacimiento.
  • Figueredo Cabrera, Katia (2007): “Resonancias de un conflicto: el Centro Gallego de La Habana y la Guerra Civil española”, en Cagiao Vila, Pilar / Guerra Vilaboy, Sergio (eds.): De raíz profunda: Galicia y lo gallego en Cuba; Santiago de Compostela: Universidade / Xunta de Galicia; pp. 207-232.
  • Figueroa y Domenech, Jerónimo (1921): “Nuestros conterráneos en Cuba. Don Cayetano García Lago”, Nerio nº 11, 1 de xuño, pp. 8-9.
  • Jiménez Soler, Guillermo (2008): Los propietarios de Cuba 1958; La Habana: Editorial de Ciencias Sociales, 3ª edición.
  • Libro de Bautizados. Parroquia de Santa María de Muxía. Libro 9.
  • Naranjo Orovio, Consuelo (1988): Cuba, otro escenario de lucha. La guerra civil y el exilio republicano español; Madrid: C.S.I.C.
  • Neira Vilas, Xosé (1983): Castelao en Cuba; Sada: Ediciós do Castro.
  • Rei Lema, Xosé María (2005): As historias de Pepe de Xan Baña. A obra de Xosé Baña Pose; Santa Comba: tresCtres

Ningún comentario:

Publicar un comentario