No herbal azur do ceo

No herbal azur do ceo
Foto: Roberto Mouzo

15 de outubro de 2015

PERFECTO LÓPEZ, O MECENAS VIMIANCÉS DO GALEGUISMO BONAERENSE



Perfecto López naceu no lugar da Toxa, na parroquia de San Vicenzo de Vimianzo, o 12 de maio de 1904. De familia tremendamente pobre, traballou de neno en diversos oficios, como o o de recoller pinas ou carbón, ata que con 18 anos decide emigrar á Arxentina. Consegue alí traballar de chofer, e tras xuntar uns cartiños decide volver a Galicia e asentarse na Coruña, mais non tardaría en volver para Buenos Aires. Nesta segunda estadía deseguida fará fortuna coa compra de terras e sobre todo no ramo da automoción, no que a firma Perfecto López & Cía será das máis prestixiosas do país, coa venda para a capital arxentina das marcas Ford, Chrysler ou Dodge. Foron moitos os vimianceses que atoparon o seu primeiro traballo nalgunha das empresas de Perfecto, pois procuraba darlles aos seus veciños un medio de vida mentres non conseguían atopar outro traballo. Perfecto era coñecido en Vimianzo polo seu alcume, o Tato da Valiña, e cada vez que retornaba causaba admiración o seu flamante coche, "o haiga do Tato". En 1938 casará en terras americanas coa vimiancesa Gloria Romero, matrimonio do que nacerían tres fillos: Perfecto, Jorge Alberto e Gloria Susana.

Perfecto, de negro, portando o cadaleito de Castelao

Poucos sospeitaban na súa terra de nación que o Tato desempeñaba un importante labor político contra o réxime franquista, sobre todo dende a chegada de Castelao a Buenos Aires en 1940. Perfecto vai formar parte do reducido grupo de persoas do confianza do rianxeiro. Este grupo financiaba a estadía de Castelao e da súa muller na Arxentina, así como das institucións que creou: o Consello de Galiza (unha especie de goberno galego no exilio) e a Irmandade Galega (co seu voceiro A Nosa Terra). Debido á amizade de Perfecto con Castelao -e tamén con outros deputados como Alonso Ríos ou Suárez Picallo- foi enviado en 1949 a Galicia para reunirse cos galeguistas que operaban en Galicia (o chamado "grupo Galaxia"). De volta desta viaxe, Perfecto, coñecedor do grave estado de saúde de Castelao, levou terra galega para cubrir o corpo do rianxeiro. Con todo, chegou a tempo de transmitirlle a Castelao a mensaxe dos galeguistas do interior, pero dous días despois falece o rianxeiro, e Perfecto será un dos portadores do seu cadaleito no monumental enterro no cemiterio da Chacarita.
De esq. a der.: Alonso Pérez, Alonso Ríos, Fdez. del Riego,
Manuel Puente, Suárez Picallo, Rodolfo Prada, Perfecto
López e Xosé B. Abraira (1954).
Despois daquela entrevista cos galeguistas de Galaxia virían outras, das que naceu unha profunda amizade co seu líder, Ramón Piñeiro. A máis famosa foi a de 1958, na que Piñeiro e os demais membros de Galaxia expuxeron con contundencia o seu ideario e a súa ruptura coas teses que se mantiñan desde o Consello de Galiza.
Á parte de colaborar con estas entidades políticas, Perfecto tamén participou nas asociacións de emigrantes, desde as máis galeguistas, como o Centro Ourensán, o Pontevedrés e o Lucense, ata outras máis ambiguas, coma o Centro Galego de Buenos Aires. De todas elas foi socio vitalicio. Pero sen lugar ás dúbidas, a entidade que máis lle debe é a A.B.C. de Corcubión, da que foi directivo durante máis de trinta anos, algúns deles como presidente. Perfecto impulsou, revitalizou e colocou esta asociación entre as máis importantes da colectividade galega emigrada. Froito do seu compromiso foron as xestións para a compra da súa casa social da rúa Venezuela e do recreo social de Vicente López.
Castelao nun xantar na ABC, con Perfecto fronte a el
Foi ademais o vicepresidente do I Congreso da Emigración Galega (1956), considerado o maior evento celebrado nunca pola nosa emigración. Tamén foi presidente da Editorial Citania, que tiña como director literario e alma máter a Luís Seoane, e polo tanto responsable de publicacións como A Esmorga de Eduardo Blanco Amor, entre outras.
Perfecto López morreu en Buenos Aires o 12 de setembro de 1970.


1 comentario:

  1. Cuanto ha hecho esta gente por Galicia y los emigrados. Merecen un lugar especial y un reconocimiento oficial de la Xunta que sin embargo los deja a un lado, prefiere a los lamentables personajes que actualmente dirigen la emigracion vendiendo su alma al diablo por unas miseras monedas que les envian y les ayudan a mantener instituciones que se van muriendo de a poco por su ineficiencia, ego y avaricia.

    ResponderEliminar