No herbal azur do ceo

No herbal azur do ceo
Foto: Roberto Mouzo

21 de novembro de 2015

JUAN BENITO CARRERA, OUTRO FILÁNTROPO CORCUBIONÉS

[Foto: Nerio (1921)]
 Juan Benito Carrera Fábregas naceu na vila de Corcubión o 14 de xullo de 1853, no seo dunha distinguida familia, pero a pesar diso escolleu, xunto co seu irmán José, o camiño da emigración, en vez de seguir unha carreira universitaria como fixeron algúns dos seus once irmáns. Chegou á Arxentina cando contaba con 20 anos, e traballando en diversos establecementos comerciais, enseguida conseguiu ascender e co tempo ter negocios de seu, coma a firma “Carrera & Compañía”, casa importadora de tabaco da Habana e doutros produtos de Cuba e España. E, ao igual que a seu irmán, sorriulle a fortuna e conseguiu un grande éxito nos seus negocios e ser unha das máis importantes figuras do comercio bonaerense. Xa que logo, isto serviulle para entrar a formar parte da elite da colectividade galega en Buenos Aires, e para figurar nos cadros directivos de destacadas sociedades como a “Asociación Española de Socorros Mutuos de Buenos Aires”, da que foi directivo varios anos, chegando a ser o seu vicepresidente. Aínda que non chegou a ser directivo, tamén era socio do gran rival desta: o Centro Galego de Buenos Aires (socio nº 2849). No mundo financeiro, ocupou varios postos no directorio do “Banco Galicia y Buenos Aires”, e tamén na compañía de seguros “Galicia y Río de la Plata”. En 1911 fúndase “La Constructora Americana”, sociedade de préstamos hipotecarios e construción, da que vai ser o presidente do seu directorio.
Anuncio de "Carrera & Cía", empresa de Juan Benito
A finais de 1912 Juan B. Carrera envíalle ao alcalde de Corcubión o seu testamento, acompañado dunha carta na que lle indica que vai legar parte do seu patrimonio para beneficio da súa vila natal. Con todo, non será ata o 1 de xuño de 1920 cando faleza Juan Benito, na súa residencia da cidade de San Martín, provincia de Buenos Aires, a causa dunha insuficiencia cardíaca. Nese momento, segundo Waldomar (1921), estaba preparando o envío da súa preciada colección de libros para fundar unha Biblioteca popular en Corcubión.
Juan B. no directorio do Banco
Unha vez aberto o testamento ológrafo, compróbase que efectivamente deixa un bo legado: doa un terreo no centro da vila para a fundación dun asilo para anciáns desamparados (con preferencia para os que emigraran a América, e mesmo aqueles anciáns que aínda seguisen aló se querían retornar custeábaselles a pasaxe); adosado ao asilo construirase unha escola de Artes e Oficios de ensino práctico, que debía incluír a rama de servizo doméstico; no asilo tamén se instalará a súa Biblioteca (importante colección de libros e de cadros). Ademais deixa disposto o reparto anual de mil cincocentas pesetas para os máis pobres da súa vila. Xa en vida, Juan contribuíra a mellorar as condicións dos máis desfavorecidos, con importantes axudas. Tamén se preocupaba por aqueles emigrantes que chegaban a América con rudimentarios principios dun oficio manual e boa parte deles practicamente analfabetos. De aí a importancia que lle deu á construción desa escola de Artes e Oficios, pois así os seus veciños podían estar preparados para emigraren en condicións máis favorables. Este feito foi moi criticado polos políticos máis progresistas do momento, pois consideraban que estas “escolas dos americanos” dedicábanse a fomentar a emigración en vez de combater o problema desde a raíz; pero quizais non eran estes desprendidos emigrantes os encargados de solucionar os males da sociedade daquela época, e si os despreocupados gobernos.
A pesar de que os albaceas crearon unha fundación, que en 1931 foi recoñecida de carácter benéfico polo Ministerio de Facenda, as vontades de Juan Benito non chegaron a verse materializadas. O seu legado pasaría anos despois a outra fundación corcubionesa: o Asilo Emilio Alonso.

Bibliografía:
  • Anónimo (1913): Importancia de la Colonia Gallega en la República Argentina”, Nova Galicia nº 425, Buenos Aires, 6 de outubro, p. 1.
  • Anónimo (1920): “Muertes sentidísimas”, Nerio nº 1, Corcubión, 1 de xullo, p. 8.
  • Anónimo (1920): “Necrología. Don Juan B. Carrera”, Revista Mensual de la Asociación Española de Socorros Mutuos de Buenos Aires nº 100, Buenos Aires, 1 de xullo, s/p.
  • García Domínguez, Mª Teresa (2001): “O labor dos emigrantes galegos no eido educativo: o exemplo do Partido Xudicial de Corcubión”, en Entre nós. Estudios de arte, xeografía e historia en homenaxe ó profesor Xosé Manuel Pose Antelo; Santiago de Compostela: Universidade; pp. 729-747.
  • Lamela, Luis (2015): “El oscuro destino de la buena voluntad”, La Voz de Galicia, Carballo, 20 de outubro, p. 11.
  • Pesqueira, Joaquín (1919): Historia de la Asociación Española de Socorros Mutuos de Buenos Aires; Buenos Aires: A.E.S.M.B.A.
  • Waldomar, Emilio (1913): “D. Juan B. Carrera y su pueblo natal”, El Noroeste, A Coruña, 27 de xaneiro, p. 1.
  • Waldomar, Emilio (1921): “Nuestros filántropos. D. Juan Benito Carrera Fábregas”, Nerio nº 8, Corcubión, 15 de xaneiro, p. 9.


10 de novembro de 2015

MÁXIMO MUSI, O EMIGRANTE DE SOESTO (LAXE) QUE FIXO PASTA NA ARXENTINA


Máximo Francisco Musi García naceu no lugar do Centeal, na parroquia de Santo Estevo de Soesto (Laxe), o 23 de xaneiro de 1890. Era o maior dos catro fillos (Esteban, Francisco e Wenceslao) que tivo o matrimonio formado por Gregorio Modesto Musi e Teresa García, naturais tamén de Soesto. Seu pai, coma moitos dos seus familiares, era canteiro, e a orixe do seu apelido haina que buscar en Pedro Musi, bisavó de Máximo, que chegou a estas terras procedente da cidade francesa de Lyon (nas partidas de bautismo dos seus fillos especifícase como nativo da parroquia de Santa María de Loire/Loare/Luar –variantes que escribiron os párrocos segundo o seu entender-). Este Pedro casou en Soesto con Francisca de Lema, e tiveron cinco fillos, unha deles era Manuela Musi, solteira e xornaleira, e avoa do noso protagonista.
Máximo emigrou á Arxentina cando tiña 17 anos, a bo seguro para evitar cumprir co servizo militar. Polo menos outros dous irmáns seus, Esteban e Francisco, tamén emigraron a Buenos Aires, igual que algún que outro curmán. Unha vez na capital arxentina, Máximo desempeñou diversos e variados oficios con moitas luces e tamén con moitas sombras. Foi sete anos despois de chegar, o 6 de marzo de 1914, cando decide introducirse no mundo da pasta e funda a “Casa Musi”, especializada na fabricación de tallaríns, ravioli e outras pastas. Abre un local no número 1173 da rúa 15 de Noviembre, e aí vaise iniciar o despegue deste home no mundo dos negocios. En oito anos abre outros cinco locais en diversos puntos da capital porteña: Córdoba 1600, Salta 377, Sarmiento 1649, Independencia 1745 e a que será a sede central, en Charcas 1289. Podemos atopar publicidade da fábrica de pastas do veciño de Soesto en case todas as publicacións que os nosos emigrantes tiñan na cidade arxentina, pois axiña se fixo un oco na elite de moitas das asociacións que alí se crearon. No entanto, Máximo casara cunha súa veciña de Soesto, Asunción Rial, e deste matrimonio habían nacer tres fillos: Delfina, Máximo e Asunción.
O 15 de agosto de 1920 fundárase a “Asociación Instructiva y Mutua del Partido Judicial de Negreira”, e non sabemos por que razón Máximo Musi vai figurar, polo menos desde 1923, nos seus cadros directivos. E non só iso, senón que en pouco tempo, xunto coa súa familia, vai manexar esta asociación. Neste ano de 1923 e no seguinte, Máximo figura como integrante da Comisión Fiscal da sociedade, mentres que os seus irmáns Esteban e Francisco son vogais da directiva (o segundo como suplente); ademais Máximo era o presidente da Comisión de Festas. Nesta época, a asociación nicrariense era membro da Federación de Sociedades Gallegas (FSG), pero a mediados de 1924 bótase fóra e intégrase na Casa de Galicia (sociedade de carácter mutual que podemos considerar de segunda orde, detrás das máis importantes Asociación Española de Socorros Mutuos e o Centro Galego de Buenos Aires, e en rivalidade co Hogar Gallego). Desta asociación era directivo Máximo Musi: en xaneiro de 1925 é elixido tesoureiro. Con todo, a sociedade de Negreira no mes de febreiro volve ao seo da FSG, aínda que o laxense seguía no cadro directivo da Casa de Galicia e mesmo figura como un dos seus primeiros socios protectores.
O 19 de febreiro de 1925 é elixido presidente da asociación do Partido de Negreira, cos seus irmáns como vogais da directiva. Unha das súas primeiras medidas foi a creación de delegacións da entidade en Galicia. Nomean cadanseu delegado nos concellos que compoñen o partido xudicial de Negreira (Ames, A Baña, Brión, Negreira e Santa Comba), pero tamén no concello de Laxe!! Así mesmo, no mes de xullo, presentan un proxecto para financiar unha fonte pública na vila mariñeira, o que provoca os primeiros indicios de guerra interna nunha asociación que contaba con tan só 84 socios. A cooperación coa vila laxense estendeuse á axuda que lle prestaban á escola que tiña o Pósito de Pescadores, o que mereceu unha carta de agradecemento da súa xunta de goberno a Máximo Musi.
Na asemblea do 16 de febreiro de 1926 Máximo Musi renova o seu cargo de presidente, e o seu irmán Esteban ascende a tesoureiro, mentres que Francisco segue de vogal. Créase a Comisión de Damas, na que a súa muller Asunción Rial vai figurar como presidenta, as súas cuñadas Concepción e Carmen son vicepresidenta e tesoureira, respectivamente, e a súa filla Delfina é vicesecretaria. Completábase así unha especie de clan na sociedade barcalesa, que tiña outros laxenses copando os altos cargos directivos. Coa renovación da directiva nacen novos proxectos, case todos eles para o concello de Laxe, entre os que podemos salientar a creación dunha granxa-escola e dunha sala de primeiros auxilios. Dentro da asociación os de Negreira chaman a organizarse sen os de Laxe, pero os Musi seguían mandando e organizan festivais a beneficio da construción dunha escola en Laxe. Nesta época, o propio Musi mantén unha viva polémica coa directiva da FSG, que se vai prolongar durante moito tempo.
O 16 de maio de 1927 celébrase unha nova asemblea para elixir directiva, e por normativa Máximo ten que abandonar a presidencia, que queda agora en mans do seu veciño Rosendo Rodríguez, mentres el é vicepresidente e os seus irmáns manteñen os seus postos. Pero a sorpresa vén cando deciden modificar o nome da entidade e pasar a denominarse agora “Sociedad Agraria, Instructiva y Mutua del Ayuntamiento de Lage y sus contornos”. Con todo, os de Negreira non se botarán atrás e esixirán o mantemento do nome, o que vai provocar a formación de dúas entidades. No mes de outubro, as páxinas d’El Heraldo Gallego publicaban o nome dos 120 socios que tiña a nova entidade laxense, que se instalara nos salóns do Hogar Gallego, toda vez que a FSG instaba na prensa a que todas as sociedades federadas expulsasen como socio a Máximo Musi. Seguen a facer festas para recadar fondos con destino á súa terra natal, e na do 14 de agosto, para conmemorar as festas patronais de Laxe, o invitado de honra foi Ramón Suárez Picallo.
O primeiro local de "Casa Musi" na rúa 15 de Noviembre
(Céltiga, 1927)
No mes de novembro de 1928 Máximo Musi preside a Sociedade de Laxe, co seu irmán Esteban de vicetesoureiro e Francisco de vogal. Anuncian a recadación de 1914 pesos arxentinos, que se van repartir a partes iguais entre as escolas que sostén a Unión Barcalesa de La Habana e a que se teñen previsto facer eles en Laxe, para a que á súa vez crearon unha subscrición popular. Á parte disto, a entidade colabora con distintas achegas para a construción da Casa do Pescador da vila laxense, ou o financiamento total (2509’40 pesetas) dun lavadoiro público, e mesmo pediron presuposto para unhas novas campás para a igrexa de Soesto. En xullo de 1928 o Pósito de Pescadores escríbelle unha carta a Máximo Musi agradecéndolle a achega de 1791 pesetas da subscrición popular para a nova casa-escola. Na vila mariñeira estaban encantados co labor dos seus veciños emigrados e tribútanlle unha homenaxe aproveitando a visita do vicepresidente Lema Novás, na que se enxalza a figura de Máximo Musi, “el generoso protector de Lage” (El Heraldo Gallego nº 787), e mesmo o escritor José Campos Núñez escribe un artigo en La Voz de Galicia (6-12-1928) no que loa o traballo da asociación presidida por Máximo.
Na nova xunta directiva elixida en xuño de 1929, Máximo segue de presidente e Esteban de vicetesoureiro, mentres que Francisco desaparece dos postos de mando. Entre os novos proxectos que presentan como era de adoito ao se formar unha nova directiva, destaca o da aprobación da construción dun hospital en Laxe que levará o nome de República Argentina. En decembro de 1927 creárase a “Nueva Casa de Galicia” e será a mediados de 1929 cando Máximo Musi entre na súa directiva como vicepresidente, cargo no que estará polo menos tres anos.
É nesta época cando renova un dos seus locais comerciais, coa apertura da nova sede en Charcas 1279, moi preto de onde estaba anteriormente. A mediados de 1931 a familia Musi decide facer unha longa visita á súa terra natal, e así Asunción e os tres fillos partirán no mes de maio, mentres que Máximo o vai facer o 21 de xullo no transatlántico Duilio. Todos eles foron homenaxeados antes de partir, e así, a presidenta honoraria da sociedade de Laxe foi agasallada cunha cea-baile no novo local de “Casa Musi”, mentres que o vicepresidente da Nueva Casa de Galicia e presidente da asociación laxense foi convidado a un banquete polos seus compañeiros de ambas as dúas entidades. A familia non regresaría a Buenos Aires ata finais de ano.
A partir de aquí parece que se apartou da vida social o noso fabricante de pasta, e non o atoparemos máis en ningunha directiva das distintas sociedades. Tan só en 1935 o vemos nun preito contra a xa denominada Casa de Galicia, por mor duns préstamos que lle fixera cando el era directivo. Aínda así, o seu labor benéfico non quedou no esquecemento, pois, moitos anos despois, os emigrantes laxenses en Buenos Aires enviaron unha placa para colocar no recentemente construído porto de Laxe, e nos seus discursos as autoridades locais tiveron palabras de eloxio para os emigrantes, “con mención especial para Máximo Musi, que reside en Buenos Aires, y no repara en medios para cuanto puede ser beneficioso para su tierra” (Hoja del Lunes, 10-8-1953).

Bibliografía:
  • Anónimo (1927): “Comerciantes gallegos. Máximo Musi”, Céltiga nº 67, Buenos Aires, 10 de outubro, pp. 30-33.
  • Libro de Bautizados. Parroquias de Santo Estevo de Soesto e San Amedio de Sarces; Libros 5, 6 e 7.
  • Prensa da emigración en Buenos Aires: Acción Gallega, Alborada, Céltiga, Correo de Galicia, El Despertar Gallego, El Heraldo Gallego, Hogar Gallego, Revista de la Nueva Casa de Galicia.