No herbal azur do ceo

No herbal azur do ceo
Foto: Roberto Mouzo

31 de outubro de 2015

JOSÉ CARRERA FÁBREGAS, FILÁNTROPO CORCUBIONÉS

[Foto: Nerio, 1920]
José Carrera Fábregas naceu na vila de Corcubión o 19 de marzo de 1857 nunha familia acomodada e de certo prestixio, o que non foi obvice para que, con apenas 14 anos, tivese que coller o camiño da emigración. Este camiño levouno cara a Buenos Aires, onde a vida lle depararía unha exitosa carreira no mundo empresarial. Este éxito fixo aumentar o seu prestixio entre a colectividade e así puido formar parte de entidades como o “Banco de Galicia y Buenos Aires” ou da compañía de seguros “Galicia y Río de la Plata”, sendo de ambas as dúas o seu vicepresidente, e presidente da tamén compañía de seguros “España”. Presidiu a “Sociedad Española de Beneficencia” e pertenceu á directiva do Hospital Español de Buenos Aires. Tamén desenvolveu un gran labor filantrópico pagándolles unha pensión a moitos pobres da súa vila natal, ademais de favorecer os seus veciños que emigraban á Arxentina.
Pero sería despois de morto cando a súa figura como filántropo se agrande. O seu testamento, feito o 1 de maio de 1918, sinalaba que posuía valores taxados en 1.600.000 pesos arxentinos “y otros más que adquiriré pues estoy en mi cabal salud y no veo mi muerte próxima por ahora” (Alasca, 1920). Pero traxicamente as súas palabras parece que foron un mal fado, pois o 27 de xullo de 1918 falecía a causa dun edema pulmonar na cidade bonaerense.
Construción do edificio a comezos de 1926 [Foto: Alborada]
Unha vez coñecido o seu testamento compróbase que deixa mandado construír en Corcubión unha escola de artes e oficios. O edificio que a albergue constará de tres corpos: un central para a administración e o culto, e dous laterais destinados a nenas e nenos, respectivamente. A escola levará o seu nome e tanto os seus restos coma os da súa muller, a arxentina Clotilde Salomone, serán depositados nunha urna que se construirá ao efecto. Para o sostemento da escola deixa o campo de General Viamonte (na provincia arxentina de Córdoba), que produce 44.500 pesos de renda anuais. Ao falecemento da súa viúva será o albacea o presidente do Banco de Galicia y Buenos Aires, ou un representante do seu directorio, que terá que entenderse co consello de administración que se cree en Corcubión, que estará formado polo rexistrador, o alcalde e o cura, quen serán os encargados de que a obra se leve a cabo. Mais este testamento, por razóns de carácter legal, quedou anulado, e con el o proxecto de construción desta escola.
Bosquexo do edificio orixinal (La Voz de Galicia, 1925)
Non obstante, os testamenteiros e os amigos do defunto convenceron a viúva para que cumprise a vontade do seu marido. Xa que logo, entregoulle ao presidente do Banco de Galicia y Buenos Aires, Iréneo Cucullu, a cantidade de 200 mil pesos arxentinos para a creación dunha fundación. Cucullu, íntimo amigo de José Carrera, contactou en Corcubión co avogado Alejandro Lastres Carrera, sobriño do benemérito corcubionés, e eles puxeron as bases do novo centro, que agora se van fixar no ensino primario e non en artes e oficios. Encargáronlle o proxecto ao arquitecto coruñés Eduardo Rodríguez Losada, que deseñou o edificio como deixara expresado Carrera no seu testamento. No verán de 1921 Alejandro Lastres recibe os fondos e poderes necesarios para a compra do terreo. Na prensa especúlase con dúas posibilidades, unha, a preferida, está situada no punto denominado “Muíño de Vento”; a outra, máis céntrica, é coñecida como a “Horta de Pol”. Desde as páxinas de Nerio apostan pola primeira, pois aínda que está a 700 metros do centro da vila, conta co “aire, la luz y los bellísimos horizontes que se disfrutan en el Molino y son esenciales en toda obra pedagógica, ni la estética del edificio, de mucho más lucimiento allí”.
Fernando Blanco e José Carrera,
dous símbolos para os emigrantes
do partido de Corcubión na Habana
Antes de que estivesen rematadas as escolas, en xullo de 1923 chegaron desde Buenos Aires os restos de José Carrera para seren enterrados aquí, como deixara dito no seu testamento. Malia que en moitos sitios se sinala que as obras remataron en 1924, polas fotos da revista Alborada tomadas en marzo de 1926 vemos que non é certo. Xa en xullo de 1925, nas páxinas de La Voz de Galicia, se auguraba que a súa finalización ía tardar case dous anos. Con todo, no mes de novembro de 1926, o Correo de Galicia anuncia que as obras están chegando ao final. O edificio conta con tres corpos diferenciados: un central, de dúas plantas, cunha capela na planta baixa e a vivenda do mestre na superior; e dous volumes dun só nivel situados a ambos os lados do central, destinados a aulas e aseos separados por sexos. O desnivel do terreo solventouse cunha escalinata e dúas ramplas que cobren a totalidade da fachada.
Aínda que o edificio se rematou a comezos de 1927, novos problemas adiaron o comezo da actividade escolar nel. Finalmente foi en 1931 cando empezaron a funcionar, grazas ás xestións dos fideicomisos e do Concello coas novas autoridades da II República. Segundo García (2001) ese mesmo ano a Fundación José Carrera é declarada de Beneficencia Particular, sendo gratuítos os libros de texto e o material pedagóxico necesario.
O edificio hoxe é a Casa do Concello de Corcubión
O “José Carrera” estivo en funcionamento ata 1959, cando o Padroado quedou sen fondos. En 1967 fíxose unha remodelación, ampliándoo unha altura coa eliminación da capela. En 1974 foi cedido ao Concello, que á súa vez o cedeu ao Ministerio de Educación para destinalo a colexio de EXB, e estaría operativo ata 1993. Volveu a mans municipais, que o reformou para albergar alí a Casa do Concello de Corcubión.

Bibliografía:
  • ALASCA [Alejandro Lastres Carrera] (1920): “Nuestros filántropos. D. José Carrera”, Nerio nº 3, Corcubión, 1 de agosto, p. 7.
  •  Anónimo (1918): “Notas bonaerenses. D. José Carrera”, El Eco de Galicia nº 962, Buenos Aires, 30 de xullo, p. 8.
  • Anónimo (1918): “Notas bonaerenses. Una escuela más”, El Eco de Galicia nº 968, Buenos Aires, 30 de setembro, p. 8.
  • Anónimo (1921): “La Fundación Carrera”, Nerio nº 15, Corcubión, 15 de agosto, p. 9.
  • Anónimo (1923): “Desde Corcubión”, El Ideal Gallego, A Coruña, 31 de xullo, p. 8.
  • Anónimo (1925): “La ‘Fundación José Carrera’ en Corcubión. Un magnífico colegio”, La Voz de Galicia, A Coruña, 22 de xullo, p. 1.
  • Anónimo (1926): “La ‘Fundación José Carrera’ en Corcubión”, Alborada nº 10, Buenos Aires, maio; s/p.
  • Anónimo (1926): “Información de Galicia. Corcubión”, Correo de Galicia nº 1088, Buenos Aires, 28 de novembro.
  • García Domínguez, Mª Teresa (2001): “O labor dos emigrantes galegos no eido educativo: o exemplo do Partido Xudicial de Corcubión”, en Entre nós. Estudios de arte, xeografía e historia en homenaxe ó profesor Xosé Manuel Pose Antelo; Santiago de Compostela: Universidade; pp. 729-747.
  • García Domínguez, Mª Teresa (2007): "A emigración na comarca de Fisterra cara a América", Vento do Leste nº 14, Barcelona, xullo; pp. 21-23.
  • http://mapas.consellodacultura.gal/escolas

Ningún comentario:

Publicar un comentario