No herbal azur do ceo

No herbal azur do ceo
Foto: Roberto Mouzo

15 de outubro de 2015

ROBERTO VELOSO, PRESIDENTE DAS MOCEDADES GALEGUISTAS DE BUENOS AIRES

Roberto Veloso Gómez naceu na vila de Baio o 22 de novembro de 1919. Con trinta anos decide emigrar á Arxentina e na súa capital, Buenos Aires, vai permanecer oito anos traballando como xastre.
Lonxe da España franquista naceron en Roberto as inquedanzas galeguistas e unha das primeiras cousas que fixo ao xuntar uns cartiños foi mercar o Sempre en Galiza de Castelao, auténtica Biblia do galeguismo. Ademais, frecuentaba os centros da colectividade que estaban máis próximos ao nacionalismo, como eran os centros provinciais (sobre todo o Centro Ourensán), a Irmandade Galega e, como non, a ABC de Corcubión. Nesta foi requirido en varias ocasións por Perfecto López para que formase parte da directiva, pero rexeitou sempre a invitación por falta de tempo. Nestes centros pasaba horas na biblioteca ou acudía a actos e conferencias sobre cultura e política galega.
Todo o fervor galeguista dos mozos galegos emigrados e dos arxentinos fillos de galegos daría os seus froitos na creación en 1953 das "Mocedades Galeguistas" de Buenos Aires, na que Roberto participou. E non só foi partícipe, senón que chegou a ser nomeado presidente da entidade. Segundo el mesmo nos contou, "fun elixido presidente das Mocedades cun grande apoio porque como era socio do Centro Ourensán, do Coruñés, do Pontevedrés, do Galego, da Irmandade, tiña a confianza das sociedades e tamén da xente de mediana idade, que vía en min un tipo de confianza, e, por suposto, dos máis novos, que me elixiron case en contra da miña vontade". A estadía no cargo, como sinalaban os estatutos, era por un ano e foi ese o tempo que estivo á fronte, contando coa presenza de Xosé Neira Vilas como secretario. Á parte das moitas actividades que levaron a cabo, recorda Roberto con cariño a invitación que lles fixera aos directivos das Mocedades don Manuel Puente, o máis grande mecenas do galeguismo bonaerense, á súa casa con motivo da visita de Francisco Fernández del Riego: "Alí estábamos Neira Vilas, Denís Conles, Carlos Abraira, Adelina González e mais un de Baio rodeados de figuras como Manuel Puente, Fernández del Riego e os deputados Antón Alonso Ríos e Ramón Suárez Picallo". 
Na casa de Manuel Puente: Alonso Ríos, Fdez. del Riego,
Neira Vilas, Adelina González, Carlos Abraira, Denís Conles,
Suárez Picallo e Roberto Veloso, á dereita da imaxe.
Desta época é tamén unha significativa protesta contra un escritor galego que publica unha reseña sobre unha novela, a cal estima de menor valía por estar escrita en galego. Roberto figura como primeira sinatura dunha carta publicada no xornal bonaerense Opinión Gallega co título "Varil e lumioso defendemento do idioma galego. Mozos da Galiza libre dirixen unha carta aberta a un escritor galego de pouca fe e dinidade patriótica". A pesar de botar pouco tempo emigrado, non debeu pasar desapercibido o seu traballo cando o escritor Ricardo Flores o cita como unha das cincuenta persoas chegadas despois de 1936 que máis fixeron polo galeguismo en Buenos Aires, ao lado de xente como Bieito Cupeiro, Isaac Díaz Pardo, Rafael Dieste, Xosé Neira Vilas, Luís Seoane, Lorenzo Varela ou Elpidio Villaverde. Na cidade porteña asistiu ao maior acontecemento da colectividade galega emigrada, como foi o Primeiro Congreso da Emigración Galega, celebrado en 1956 para conmemorar o centenario do Banquete de Conxo. O seu grande pesar da súa estadía na Arxentina foi non coñecer persoalmente a Castelao, pois cando chegou Roberto en 1949 xa o rianxeiro estaba moi enfermo.
Pero as súas actividades políticas non lle quitaron tempo para outras tarefas, como foi o de ir casa por casa do baieses residentes en Buenos Aires para xuntar cartos para a construción das escolas "Agra Regueiro" na súa vila natal, en estreita colaboración co seu veciño Pepe Collazo. Tamén se dedicou ao mundo da canción, pois formou parte, practicamente des que chegou, da Coral Galega do Centro Orensano "Terra Nosa", que estivo dirixida ata 1952 por Isidro B. Maiztegui e logo por José Antonio Gallo. E tivo tempo tamén para introducirse no mundo da literatura, deixando algún poema aínda inédito.
Crónica da revista Alborada: aniversario
das "Mocedades Galeguistas" co
irmán Veloso de presidente.
A morriña era moita e estrañaba demasiado a Baio, polo que decide regresar a finais do mes de agosto de 1957. Instalouse de primeiras na casa patrucial, pero en 1961 decide mercar unha casa no veciño lugar do Ceán (Bamiro). Aquí dedicouse ao mundo da agricultura, cultivando a súa horta e sobre todo as súas árbores froiteiras que eran a envexa de todos cantos pasaban por alí. No Ceán coñecería a muller da súa vida, Carmen Balboa López, a mestra que acababa de chegar a Bamiro, coa que casaría o 7 de xuño de 1962. Carmen foi mestra nesta parroquia vimiancesa entre 1961 e 1973, e despois pasou ao grupo escolar Labarta Pose de Baio, no que estaría ata a súa xubilación en outubro de 1980. Nesta data deciden os dous trasladarse a vivir á Coruña, onde botaron os derradeiros anos das súas intensísimas vidas, pero sempre lembrándose de Baio (á súa asociación de veciños doáronlle, entre outras cousas, a súa completa biblioteca e deixaron orde de mercar un reloxo para que se colocase nas escolas Agra Regueiro).
Roberto faleceu na cidade da Coruña o 9 de agosto de 2010, mais os seus restos foron soterrados no cemiterio parroquial de Santa María de Baio.

Bibliografía:
  • Lema Suárez, Xosé Mª (2005): "Un baiés, presidente das Mocedades Galeguistas", La Voz de Galicia, Carballo, 28 de abril, p. 14.
  • Lema Suárez, Xosé Mª (coord.) (2010): A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte, Vigo: Xerais.
  • Rei Lema, Xosé Mª (2010): "Na morte de Roberto Veloso", La Voz de Galicia, Carballo, 13 de agosto, p. 11.
  • Rei Lema, Xosé Mª: Xosé Collazo. Obra poética; inédito.

Ningún comentario:

Publicar un comentario