No herbal azur do ceo

No herbal azur do ceo
Foto: Roberto Mouzo

18 de febreiro de 2020

Nos 75 anos da morte de Matías Escariz, poeta fisterrán nacido na emigración

O pasado 8 de febreiro fixéronse os 75 anos da morte de Matías Escariz, un dos nosos poetas máis prolíficos e tamén dos máis descoñecidos. A pesar de que xa fora reivindicado hai tempo por Miro Villar (La Voz de Galicia, 14-8-1992) ou Modesto Fraga (La Voz de Galicia, 16 de outubro de 1996), este crego "fisterrán" continúa no esquecemento e a súa obra espallada por revistas e xornais. Aproveitando esta data significativa dos 75 anos da súa desaparición, imos botar un pouco de luz sobre a súa figura.
Matías María Escariz Méndez naceu o 12 de decembro de 1881 en Buenos Aires, na emigración na que casaran seus pais. El, Francisco Escariz Canosa, natural de Denle, na parroquia fisterrá de San Vicente de Duio, o menor de seis irmáns dunha familia con fondas raíces nesta freguesía: seu avó paterno era natural tamén de Denle, e a avoa procedía de San Salvador. Súa nai, María Méndez Gundín, orixinaria do lugar da Catuxa, da parroquia de Santiago de Arteixo, era tamén a menor dos cinco irmáns desta familia con orixes en varias parroquias arteixás. Con pouco máis de cinco anos, o pequeno Matías vén para Galicia con seus pais: o 10 de abril de 1887 desembarca no porto de Vigo o vapor "Graf Bismarck" que os trae. Aséntanse na vila de Corcubión, onde a familia Escariz Méndez recibe a chegada de Josefa Francisca o 27 de febreiro de 1890, mais a alegría dura pouco e o 6 de maio dese mesmo ano falece a pequena.
Igrexa de Santa Locadia de Frixe por volta de 1930
[Foto: Boletín de la SAyC del Distrito de Mugía 10, 31-5-1930]
Asilo dos Desamparados en Betanzos, construído a expensas
dos irmáns García Naveira, no que Escariz estivo de capelán
O noso protagonista xa mozo vai ir para Santiago cursar a carreira eclesiástica. Expedíronlle o título de tonsurado en decembro de 1903, o de subdiácono en xaneiro de 1906 e o de diácono en abril deste ano. O 20 de xuño de 1906 é nomeado ecónomo de San Xoán de Bardullas e unidos. O 26 de outubro toma posesión desta parroquia muxiá, xunto coas de Santiso de Vuiturón e Santa Locadia de Frixe. Aquí vai estar ata que a comezos de 1914 é destinado ao concello da Estrada, en concreto a Santa Cristina de Vea. Sete anos botou nela ata que volve á súa terra, pois en febreiro de 1921 destínano ás parroquias de San Vicente e de San Martiño de Duio, onde desenvolvería unha ampla actividade, que mesmo traspasou fronteiras (foi socio das entidades bonaerenses "ABC de Corcubión" e "Finisterre en América"), e foi aquí onde comezaría a súa produción literaria. Tivo que abandonar as parroquias fisterrás por supostos "problemas veciñais" e vai ir para Santiago de Compostela en outubro de 1930, como capelán do Asilo das Oblatas, no barrio do Carme. A pesar de que estivo menos de dous anos na cidade compostelá, a súa actividade foi moi intensa, tanto relixiosamente (foi nomeado Cronista da Orde Terciaria dos Franciscanos) coma no campo literario. En xuño de 1932 envíano para Betanzos, como capelán do "Asilo de Ancianos Desamparados García Hermanos", no que vai estar ata que volve á súa comarca. A súa marcha de Betanzos supuxo tamén o final da súa produción poética (cunha única excepción, que veremos). A Guerra Civil colleuno como ecónomo de San Cibrán de Vilastose, en Muxía, pero en 1940 xa estaba de novo nas Mariñas, pois aparece como capelán das monxas de Meirás (Sada), onde nese mesmo verán oficia unha misa á que asiste Carmencita Franco. Aquí botou polo menos dous anos, ata que nos sorprende a súa presenza como capelán da "Comunidad de Hijas de Nuestra Señora" de Cangas do Morrazo no momento da súa morte, o 8 de febreiro de 1945.
Vida Gallega 424, 10-9-1929
Este percorrido pola súa traxectoria profesional como sacerdote vai ter moita importancia tamén no campo literario, pois boa parte da súa produción reflicte os lugares nos que habitou. Como dixemos foi un autor moi prolífico, pois del temos constancia da publicación de 150 poemas, dos que 104 son en galego e 46 en castelán, ademais de tres contos breves en galego. E todo nun espazo de pouco máis de sete anos, pois as primeiras referencias son de 1928, cando comeza a publicar na revista bonaerense Finisterre, voceiro da asociación de emigrantes fisterráns. 
Betanzos. Centro Cultural
Betanzos
, 1935. Este poema
recompilouno Torres Regueiro
en Betanzos na voz dos poetas
Vai ser a mediados do ano 1929 cando inicia a colaboración na súa publicación de cabeceira, o xornal El Compostelano. No desaparecido medio santiagués vai editar un total de 127 poemas (catro deles repetidos), dos cales 86 son en galego e 41 en castelán. Eses 86 poemas en galego convérteno no autor que máis poemas publicou na nosa lingua neste xornal entre 1925 e 1936, segundo os datos que ofrece Xulia Marqués no seu libro A Literatura galega no xornal El Compostelano (1920-1946), no que tamén elabora unha pequena biografía de Matías Escariz. A colaboración con este periódico foi ininterrompida ata marzo de 1935. Con todo, en 1941 aparecería un poema titulado "A Galicia (O derradeiro Adiós de Pérez Lugín)" coa seguinte anotación: "Optó al premio Pérez Lugín" -galardón creado pola Asociación da Prensa da Coruña para premiar o mellor traballo literario que enxalzase a Galicia-, pero que non era senón unha versión dun anterior titulado "O derradeiro adiós de Murguía". En El Compostelano tamén publicaría entre 1931 e 1934 outros escritos en castelán referidos a cuestións relixiosas, moitos deles agrupados baixo os títulos xenéricos de "Carta a un Terciario Franciscano" ou "Carta a un infiel".
Vida Gallega 444, 31-3-1930
Unha segunda publicación de referencia para Escariz era a prestixiosa revista viguesa Vida Gallega, na que deixou entre 1929 e 1934 un total de 81 poemas (61 en galego), moitos deles compartidos co xornal santiagués. A súa produción tamén chegou á Arxentina, pois xunto coa citada revista Finisterre, deixou a súa pegada en publicacións como Céltiga, Boletín Oficial de la Sociedad Nueva Casa de Galicia, Revista Oficial del Centro Gallego de Avellaneda ou Betanzos. Centro Cultural Betanzos. Incluso o atopamos na revista madrileña España Marítima, así como no decenario de Salvaterra do Miño El Eco del Condado, no xornal ourensán La Zarpa e no coruñés La Voz de Galicia.
Vida Gallega 584, 20-2-1934
A temática que domina nas súas composicións é a relixiosa, tanto na súa vertente de fervorosa fe, como na máis lúdica das celebracións de festas e romarías. Xunto a ela hai que subliñar o seu gusto polo costumismo e a exaltación da paisaxe que o rodea (con predominio das terras fisterrás, compostelás e mariñás). Mais tamén ten varias composicións nas que incide na temática social e mesmo lingüística e política, sobre todo en tempos da IIª Repúbica, como ese poema dedicado ás Mocedades Galegas "¡Arriba, Mociños!", ou en "¡¡Meu pobo gallego, esperta!!". Dentro da temática paisaxística, a súa terra fisterrá aparece en poemas como "¿Por quén chamar?", "A vila de Cee", "O Santo Cristo de Fisterre", "¡Corcubión!", "Pregaria á Virxe d'a Xunqueira", como tamén reflicte actividades propias da nosa zona, como o traballo no mar ou "O panillo". Compostela está representada en poemas como "A catredal de Santiago", "Mirando a Compostela", "O Pico Sagro", "Paisaxes compostelanos", "N'a Ferradura", "A feira d'Ascensión", etc.; mentres que a paisaxe de Betanzos vémola en composicións como "Os Caneiros", "Salayos mariñáns" ou "As feiras de Betanzos".
El Compostelano, 6-4-1932
En definitiva, foi a súa unha ampla produción poética, que aínda que non destaque pola súa alta calidade, si é mostra dun eloxiable labor literario dun escritor de noso que non debe quedar perdido no esquecemento.