No herbal azur do ceo

No herbal azur do ceo
Foto: Roberto Mouzo

26 de xaneiro de 2016

A CREACIÓN DE ASOCIACIÓNS DE EMIGRANTES DA COSTA DA MORTE NA ARXENTINA (1920-1930)

A emigración é o factor máis definitorio da poboación galega contemporánea en opinión de Ramón Villares [2004: 267], pois tense calculado que foron emigrantes netos máis de dous millóns de galegos entre 1836 e 1960. Os destinos preferidos foron Cuba e Arxentina, e en menor medida Brasil e Uruguai. A illa caribeña foi a elixida polos galegos ata finais do século XIX, cando comezou con forza Arxentina a ser o destino ideal, primeiro nas provincias do sur e xa no século XX en toda Galicia. Co novo século, a emigración á Arxentina fíxose masiva, e así, segundo Peña [1991 I: 86], entre 1910 e 1930 máis de setecentos mil galegos chegaron ao país austral. En datos de Eiras Roel [1992: 195], no primeiro terzo do século XX un 58% dos galegos emigraron á Arxentina, fronte a un 29% a Cuba, un 8% ao Brasil e un 3% ao Uruguai.
Emigrantes de Cee embarcando na Coruña (c1930)
[Foto: Ramón Caamaño]
Son varias as causas que explican a forte emigración. O esgotamento dos métodos tradicionais de expansión agraria, a promoción que dela fixeron tanto o goberno español coma os dos países receptores, o poder librar do servizo militar ou o grande avance dos sistemas de transporte co abaratamento dos custes da viaxe son algunhas delas. Outro factor podémolo atopar no forte crecemento demográfico que experimentou Galicia nas últimas décadas do século XIX e nas primeiras do XX. Botándolles unha ollada aos datos do censo de poboación do partido xudicial de Corcubión do seguinte cadro, vemos que entre 1860 e 1930 concellos como Camariñas, Cee, Fisterra ou Vimianzo experimentan unha forte suba, mentres que os outros catro teñen un incremento menor, pero aínda así substancial.


POBOACIÓN DE FEITO
AUSENTES
1860
1900
1930
1900
1930
CAMARIÑAS
2.994
4.153
5.288
419
848
CEE
3.300
4.060
5.151
336
408
CORCUBIÓN
1.450
1.551
1.613
157
116
DUMBRÍA
3.254
3.526
3.824
226
315
FISTERRA
3.104
4.708
4.994
396
866
MUXÍA
5.972
6.542
7.296
548
1.147
VIMIANZO
6.821
8.637
9.222
768
2.369
ZAS
5.180
5.691
6.275
200
935
Total
32.025
38.868
43.663
3.050
7.004
[Fonte: www.ine.es]

Pero quen emigra a América? É ben certo o dito “non emigra quen quere, senón quen pode”, pois había que dispoñer dun capital para sufragar a pasaxe e poder asentarse no país de destino. Por iso serán os “pequenos campesiños que non só non tiñan sido espoliados ou proletarizados, senón que mantiñan razoables expectativas de se converter en pequenos propietarios” [Villares, 1996: 46] os que emigren a América en grande maioría. Pola contra, “los campesinos más pobres de la aldea de Zas, en Galicia, trabajaban en los campos de Portugal y barrían las veredas de Madrid en lugar de hacerlo en Buenos Aires” [Moya, 2004: 43].
Xa vimos que o proceso migratorio non foi igual en toda Galicia, e tamén había diferenzas entre os concellos. Como ben sinalou Moya [2004: 118], “la distancia con respecto a los puertos internacionales tenía menos importancia que el acceso a la información, cualquiera que fuera la ruta. Por ejemplo, los municipios marítimos de Corcubión y Finisterre se encuentran 50 kilómetros más alejados del puerto de La Coruña (con una distancia total de 120 kilómetros) que el municipio interior de Zas, de la misma jurisdicción. Sin embargo, el éxodo de los dos primeros empezó y tomó fuerza unas dos generaciones antes que el de Zas porque las noticias sobre el Nuevo Mundo llegaban a través de otras fuentes”. Proba disto é que mentres os fisterráns emigran en 1897 nun 85% cara á Arxentina e nun 5% a Cuba, nesa mesma data os de Zas aínda prefiren ir a Cuba (52%) antes que á Arxentina (40%). En cambio en 1924, xa temos que os de Zas emigran nun 83% á Arxentina e nun 10% a Cuba [Moya, 2004: 99]. Alexandre Vázquez [2008: 27] sinala tres etapas na difusión da emigración galega ó Río da Prata neste partido xudicial: unha primeira (c. 1850), na que estarían os concellos de Camariñas, Corcubión e Fisterra; nunha segunda (c. 1860), Cee, Vimianzo e Zas; e nunha terceira (c. 1880-89), os de Dumbría e Muxía.
Imaxe da cuberta dun barco de emigrantes
Para os emigrantes do partido de Corcubión “la Argentina fue el destino preferido, por lo menos desde la década de 1880 hasta 1930. Estos gallegos se concentraron en La Boca y Barracas, el antiguo sector portuario de Buenos Aires a lo largo del Riachuelo, porque los primeros inmigrantes fueron marineros de los pueblos costeros de la jurisdicción. […] Al llegar la segunda década del siglo XX, por ejemplo, más del 55% de los inmigrantes del partido judicial de Corcubión que residían en las zonas portuarias de Buenos Aires no venían de los pueblos marineros sino de las aldeas rurales del interior del partido. Estos campesinos no se habían dirigido allí atraídos por las empresas navieras de la zona ni trabajaban en ellas. Simplemente iban detrás de conocidos que, a su vez, habían seguido los pasos de aquellos marineros de las aldeas marítimas de la jurisdicción que se habían instalado allí dos o tres generaciones antes”. [Moya, 2004: 99-101]. Este mesmo historiador sinala que eran máis dun terzo dos emigrantes corcubioneses os que se asentaron neste enclave italiano de La Boca, fundamentalmente ao redor da Praza Brown: “los inmigrantes de Vimianzo se agrupaban en el lado oeste de la Plaza Brown, en La Boca; los de Camariñas, en el lado sur, y los de Finisterre, en el lado norte”. [Id.: 211] Con todo, “en fecha tan temprana como la década de 1880 algunos emigrantes se trasladaron hacia el otro lado del Riachuelo y se establecieron en Avellaneda, una ciudad industrial de clase trabajadora contigua a Buenos Aires, hacia el sur de la Capital Federal”. [Id.: 497n]. Pero tamén había emigrantes da nosa zona nos barrios do centro de Buenos Aires. Cando a finais do séc. XIX a zona da Boca perda a súa forza económica tamén perderá atracción para aqueles emigrantes de clase media, sobre todo os procedentes das vilas. Moya [2004: 211] compara a emigración dos que chegan nos albores do séc. XX procedentes da burguesa vila de Corcubión cos que chegan do rural vimiancés: “Los nacidos en la villa de Corcubión tenían dos posibilidades de tres de vivir en el centro de Buenos Aires; los nacidos en Vimianzo no llegaban a una de cinco. Era tres veces más probable que los inmigrantes de todo el partido que se ocupaban de trabajos menores vivieran en La Boca que en los barrios céntricos, pasaba lo contrario con los empleados medios y altos”.
Para analizar a tipoloxía dos emigrantes da nosa zona podemos tomar como exemplo o estudo que fixo Mª Teresa García [1995: 212-217] da emigración dos concellos de Cee, Corcubión e Fisterra. Se os clasificamos por sexo, temos un 88% de homes e un 12% de mulleres. Entre os homes a porcentaxe é similar entre solteiros e casados (49% e 50%, respectivamente, con menos do 1% de viúvos); pero non así entre as mulleres, pois un 66% son solteiras e un 30% son casadas (hai un 4% de viúvas). En canto á idade, temos que dous terzos dos emigrantes teñen entre 23 e 42 anos, e non chega ao 24% os comprendidos entre os 15 e os 22 anos, nin tampouco sobrepasa o 9% os maiores de 42 anos; a poboación infantil (0-14 anos) é insignificante nos homes, pero chega a un 9% nas mulleres. En canto aos oficios dos que emigran, un 54% dos homes son campesiños (incluíndo labradores e xornaleiros), un 22% traballa no mar, cun 5% figuran os carpinteiros e os comerciantes, e un 2% é canteiro. Das mulleres, un 39% dedícase aos seus labores, un 32% á agricultura, un 9% a servir, un 7% é estudante, un 6% palilleira e un 4% costureira.
Anuncios de compañías navieiras na
revista corcubionesa Nerio (1921)
Un exemplo de como se emigraba na comarca fisterrá nos anos vinte dánola González [1990: 53]: “A emigración da bisbarra canalizábase a través da podente firma bancaria ‘Manoel Miñones’ de Corcubión, que no 1922 tivo que enfrontarse cos caciques de Fisterra apoiados polo deputado Blanco Espada, os cales non se resinaban a acepta-lo monopolio que desexaba impor Miñones (…). Os embarques tiñan lugar no mes de agosto polo porto da Coruña, mediante as compañías de entremediarios ‘Sobrinos de José Pastor’ e ‘Rubine e Hijos’, axentes respeitivamente dos vapores ingleses ‘Compañía del Pacífico’ e ‘Mala Real Inglesa’, que facían o percorrido ata os paises do Caribe para logo continuar por ambalasduas costas de América do Sul. Os pasaxeiros debían apresentarse nas oficiñas con catro días de antecipación, e un billete de terceira crase en 1920 custaba a nada cativa cantidade de 417 pts”.

O movemento asociativo

1ª Xunta Directiva da S.A.y C. Hijos del Partido de Corcubión
Debido á abundante presenza de galegos na Arxentina, os nosos emigrantes empezaron a “valorar as vantaxes da asociación, e polo tanto a fundar sociedades de ámbito galego e mais de ámbito comarcal e local. Á parte dos fins de beneficencia, axuda mutua e recreo, en moitas delas comezou a aparecer un obxectivo máis definido: a educación ou instrucción dos seus lugares de orixe” [Núñez, 1998: 74]. Xa que logo, creáronse en Buenos Aires entidades de ámbito galego, como o Centro Gallego (1907), a Casa de Galicia (1918) ou “El Hogar Gallego” (1921), e outras xa existentes recibiron un forte pulo, como é o caso da Asociación Española de Socorros Mutuos (AESM), que fora fundada en 1857, e que foi a entidade con maior número de socios ata que en 1930 foi superada polo Centro Gallego. Unha vez que con estas entidades estaba asegurada a asistencia mutualista, é cando os emigrantes crean outras sociedades de carácter comarcal, municipal ou parroquial. Son as chamadas sociedades de instrución, que, segundo datos de Peña [1991 I: 464], chegaron a ser 172 as constituídas na Arxentina. A súa finalidade, ademais de moitas delas implicárense no conflito agrario de Galicia, era a mellora das condicións do ensino nos seus lugares de nación, a poder ser coa creación de escolas (este autor fala de 65 novas escolas). A falta de instrución revelouse como un dos principais problemas que moitos emigrantes atoparon ao chegaren a América, polo que intentaron combater esta eiva. As sociedades de instrución serviron ademais, segundo sinalou Cagiao Vila [1999: 128], como ámbitos de socialización dos emigrados e incluso como a posibilidade máis doada de adquirir prestixio social para quen figurase no seus cadros directivos.
Os emigrantes da Costa da Morte, seguindo o exemplo doutras zonas, tamén crearon na década de 1920 varias sociedades de instrución na Arxentina. Da primeira da que temos noticia é da asociación “Hijos de los Ayuntamientos de Santa Comba, Zas, Cabana y Coristanco”, fundada o 4 de xuño de 1922, pero que en agosto de 1923 cambia o seu nome polo de “Hijos del Ayuntamiento de Santa Comba y anexos”, talvez pola existencia de sociedades dos outros concellos. Durante esta década contaba cunha media de 75 socios. En xaneiro de 1925 integrouse na Federación de Sociedades Gallegas, entidade que agrupaba pola época a preto de 40 sociedades.
Casto M. Insua, fundador da
ABC e Finisterre en América
O 24 de xuño de 1922 créase a sociedade “Hijos de la Parroquia de San Juan de Sardiñeiro”. Desta entidade, fundada o día do patrón da parroquia, dinos Peña Saavedra [1991 II: 400] que levantou unha escola, que era o seu empeño desde a fundación e que conseguiron inaugurar en 1931 no lugar de Sardiñeiro de Abaixo. Hoxe en día non se conserva porque sobre a súa estrutura construíuse o centro escolar Areouta. A asociación aínda seguía vixente a finais da década de 1930, mais supoñemos que non tardaría moito en esmorecer e os seus socios integraríanse na sociedade municipal ou na supramunicipal.
M. Areas Blanco, un dos
fundadores da ABC
Dous meses máis tarde nace a “Sociedad Agraria y Cultural de los Ayuntamientos de Mugía y Cée”, que enseguida se convertería en “Sociedad Agraria y Cultural Hijos del Partido de Corcubión”. A súa fundación foi polémica, por canto provocou a escisión dun grupo de socios muxiáns que crearon unha nova sociedade municipal. A data que tomaron como fundacional da entidade comarcal foi a do 26 de agosto de 1922, cando se celebrou a primeira asemblea, aínda que os estatutos e a aprobación da ampliación da entidade de bimunicipal a comarcal (ou neste caso bicomarcal, pois o partido xudicial abrangue os concellos das comarcas de Fisterra e Terra de Soneira) non tivo lugar ata o 27 de xaneiro de 1923. Catro anos máis tarde, o 30 de xaneiro de 1927 modificaría o seu nome polo de “Asociación Benéfica y Cultural del Partido de Corcubión”, sendo coñecida a partir de aquí polas siglas ABC de Corcubión. Evidentemente, foi a de maior importancia entre as sociedades de emigrantes da nosa zona, e mesmo se converteu nunha das máis senlleiras da emigración galega. Hoxe en día aínda resiste como unha das máis fortes da Arxentina.
Xunta Directiva  de "Unidos de
Puenteceso y Cabana" (1927)
A comezos do mes de decembro de 1922 créase a sociedade “Unidos de Puenteceso y Cabana”, á que tamén erroneamente lle atribúe Peña [1991 II: 403] a construción dunha escola, neste caso na vila de Corme, aínda que sinala en nota: “No hemos podido verificar si la escuela asignada a esta Sociedad es obra de la misma o de emigrantes del Ayuntamiento de Ponteceso agrupados de forma inestable” [Id.: 423]. A entidade mantivo unha actividade máis ou menos relevante ata a Guerra Civil española; xa no ano anterior a comezar esta, organizaba actos conxuntamente coa sociedade “Lar Bergantiñán”, que acabaría por absorvela, aínda que a entidade comarcal tampouco tivo moito percorrido. Nos anos corenta do século pasado temos noticia da existencia doutra sociedade bergantiñá, en concreto da “Asociación de Residentes de Buño”.
X. Paz Lestón, director do
Boletín da SCyA de Muxía
O 30 de xaneiro de 1923 quedaba formalmente constituída a “Sociedad Cultural y Agraria del Distrito de Mugía”, formada pola escisión dos socios que non aceptaran a idea da creación dunha entidade supramunicipal para todo o partido xudicial corcubionés. As dúas entidades mantiveron durante varios anos airadas polémicas sobre o seu labor en Galicia, o que quizais serviu de acicate para a realización de melloras na nosa terra. Aínda que non chegou a crear ningunha escola, a sociedade muxiá si que contribuiu a axudas para mellorar as que o Estado tiña nas distintas parroquias do concello. O seu percorrido rematou onde comezou, pois en xuño de 1938 intégrase de novo no seo da ABC de Corcubión, logo de case tres anos de colaboración mutua.
Na mesma época vaise crear outra asociación municipal dun concello do partido xudicial corcubionés, como é o de Zas. Así, o 1 de febreiro de 1923 fúndase a entidade “Hijos del Ayuntamiento de Zas”, con 76 socios fundadores. Polas listaxes de socios dunha e doutra entidade, podemos comprobar que na súa maioría pertencían á ABC os zasenses orixinarios da parroquia de Baio e arredores, mentres que os do resto do concello estaban na municipal. En 1941 cambiaría a súa denominación pola de “Asociación Hijos de Zas”, e aínda hoxe en día segue en activo.
A entidade “Unión Residentes de Puente del Puerto, Cereijo y anexos” naceu o 10 de maio de 1923. Esta sociedade abranguía as parroquias camariñás da Ponte do Porto e de Xaviña, e as vimiancesas de Cereixo e de Carnés; e en pouco tempo contaba xa con 200 socios. No momento da súa orixe marca como fin primordial o melloramento agrario e educativo das súas parroquias. Con todo, tivo pouco percorrido, pois a ABC acabou por absorvela.
A ABC de Corcubión sufriría unha segunda escisión, desta vez de socios fisterráns, que deron en crear unha nova sociedade, “Finisterre en América”, o 17 de setembro de 1926. Radicada en Avellaneda, a entidade fisterrá aínda hoxe segue con vida.
Membros da SAIMA de Laxe (1927)
O 16 de maio de 1927 decídese crear a “Sociedad Agraria, Instructiva y Mutua del Ayuntamiento de Lage y sus contornos”, pero a súa fundación foi sui generis por canto se produciu nunha asemblea da “Sociedad Agraria, Instructiva y Mutua del Partido Judicial de Negreira” (creada o 15 de agosto de 1920 –por certo, data da patroa da parroquia de Laxe-), entidade esta que estaba dominada por emigrantes do concello laxense. Estes, máis que crear unha nova asociación, o que fixeron foi acordar por maioría substituír o nome da sociedade polo do seu concello de orixe. Ao final, tras algunha que outra polémica, acabaron existindo dúas entidades cos nomes anteditos. A sociedade laxense tiña no momento da súa fundación-escisión 30 socios, que ese ano pasaron a ser xa 120. A potentada familia Musi, orixinaria de Soesto, foi a súa mantedora, e realizaron importantes achegas para melloras na escola e no pósito de pescadores da vila mariñeira. Nos anos trinta-corenta seguiría o seu ronsel o “Centro Renovación del Ayuntamiento de Lage”.
Fóra do noso ámbito territorial, pero próximas a nós, tamén temos que sinalar outras sociedades de emigrantes, como “Unión de Mazaricos” (creada o 6 de xuño de 1920), “Mutualidad y Cultura Muradana” (decembro 1913), “Unión Residentes de Outes” (fundada o 13 de novembro de 1910) ou “Hijos de Carnota”. Estas entidades en moitas ocasións interactuaron coas da nosa zona e desenvolveron proxectos en común. Se volvemos a coller as palabras de Pilar Cagiao [1999: 128-129] podemos concluír que todas "estas institucións operaron para moitos inmigrantes acabados de chegar como centros de amparo onde estableceron os seus primeiros contactos, como centros asistenciais onde solventaban os seus problemas de saúde, como centros de instrucción educacional e de ampliación de cultura e como lugares de entretemento para o tempo de lecer", pero sobre todo "constituíron o mecanismo máis evidente de expresión de identidade ó intentar reproducir pautas e manter costumes da propia sociedade de orixe" [Íd: 130]. 


Bibliografía:
  • Cagiao Vila, Pilar (1999): “A vida cotiá dos emigrantes galegos en América”, en Cagiao, Pilar (comp.): Galegos en América e ‘americanos’ en Galicia; Santiago de Compostela: Xunta de Galicia; pp. 115-135.
  • Eiras Roel, Antonio (1992): “La emigración gallega a América en los siglos XIX-XX. Nueva panorámica revisada”, en Eiras, A. (ed.): Aportaciones al estudio de la emigración gallega. Un enfoque comarcal; Santiago de Compostela: Xunta de Galicia; pp. 185-214.
  • Fernández Carrera, Xan X. (1999): Ramón Caamaño. Historia viva da Costa da Morte; A Coruña: Xaniño.
  • García Domínguez, Mª Teresa (1995): “Algunhas consideracións sobre o proceso migratorio da Costa da Morte: os emigrantes da zona de Fisterra cara a América no século XX a través das fontes censuais”, en Estudios Migratorios nº 1, Santiago de Compostela, decembro; pp. 203-227.
  • García Domínguez, Mª Teresa (2001): “O labor dos emigrantes galegos no eido educativo: o exemplo do Partido Xudicial de Corcubión”, Entre nós. Estudios de arte, xeografía e historia en homenaxe ó profesor Xosé Manuel Pose Antelo; Santiago de Compostela: Universidade; pp. 729-747.
  • González Fernández, X. Miguel (1990): Historias da Fisterra. Miscelania da Costa da Morte; Vigo: RP Edicións.
  • Moya, José C. (2004): Primos y extranjeros. La inmigración española en Buenos Aires, 1850-1930; Buenos Aires: Emecé Editores. 
  • Núñez Seixas, Xosé M. (1998): Emigrantes, caciques e indianos; Vigo: Xerais.
  • Peña Saavedra, Vicente (1991): Éxodo, organización comunitaria e intervención escolar; A Coruña: Xunta de Galicia; 2 volumes.
  • Rei Lema, Xosé Mª (2005): "As escolas dos emigrantes", La Voz de Galicia, Carballo, 4 de novembro, p. 14.
  • Rei Lema, Xosé Mª (2008): "A Asociación Hijos de Zas cumpre 85 anos", La Voz de Galicia, Carballo, 9 de xullo, p. 11.
  • Rei Lema, Xosé Mª (2009): "A creación das sociedades de emigrantes na década de 1920: o caso da Costa da Morte", Alborada nº 191, Buenos Aires, decembro.
  • Rei Lema, Xosé Mª: Xosé Collazo. Obra poética; inédito.
  • Vázquez González, Alexandre (2008): “Unha visión xeral da emigración galega contemporánea a América e a Europa”, Migracións na Galicia contemporánea. Desafíos para a sociedade actual; Santiago de Compostela: Sotelo Blanco; pp. 17-48.
  • Villares, Ramón / Fernández, Marcelino (1996): Historia da emigración galega a América; Santiago: Xunta de Galicia.
  • Villares, Ramón (2004): Historia de Galicia; Vigo: Galaxia.
  • Prensa da emigración en Buenos Aires: Alborada, Boletín de la SCyA del Distrito de Mugía, Céltiga, Correo de Galicia, El Despertar Gallego, El Heraldo Gallego, Finisterre, Galicia (FSG).

7 de xaneiro de 2016

CASTO M. INSUA, GALEGUISTA FISTERRÁN NA EMIGRACIÓN BONAERENSE

[Foto: Modesto Fraga (2014)]
Casto María Insua Insua naceu no lugar de Mallas, parroquia de San Martiño de Duio (Fisterra) o 15 de agosto de 1888. Era o sexto fillo do matrimonio entre Francisco Insua Canosa e Genoveva Insua Insua, tamén naturais desta aldea fisterrá, e sobriño do cura párroco de San Martiño, Juan Leandro, que era á vez o seu padriño. Eran seus irmáns Dolores, Josefa Juliana, Manuela Purificación Ramona, Carmen Francisca Lucía e José María Segundo. Da súa vida pouco sabemos, tan só que en 1912 decide emigrar a Buenos Aires, cidade na que se residiría ata o momento da súa morte, e na que os seus apelidos sufriron a transmutación e convertéronse en Insúa.
A súa presenza na capital arxentina temos que enfocala desde o punto de vista societario, pois foi nas sociedades creadas polos emigrantes onde Casto se deu a coñecer e onde desenvolveu un destacado papel. Aparece por vez primeira o 5 de maio de 1917 como un dos 25 socios fundadores da Asociación Cultural Gallega A Terra, entidade que tiña como fin divulgar en América a cultura e a arte de Galicia, e con tal motivo prevén a realización de festas, conferencias, exposicións, audicións musicais etc. Elíxese unha directiva provisoria, na que Casto figura como membro da Comisión Revisora de Contas. En febreiro de 1918 a entidade deriva na Asociación Regionalista Gallega A Terra, que lanza un comunicado de fundación nun opúsculo de catro páxinas titulado “A los gallegos”, no que se avoga pola autonomía administrativa e política de Galicia -sempre dentro do Estado español-, a resolución do problema dos foros e doutros problemas que nos afectan, seguindo as correntes do movemento rexionalista. O comunicado fundacional está asinado por 22 membros, entre eles Casto M. Insua. Segundo Núñez Seixas (1992:122-123), a Asociación ademais estaba concibida como unha sociedade de beneficencia, o que de feito levou á creación dunha entidade mutualista de carácter rexionalista oposta ao Centro Gallego. Así chegou a un acordo de fusión con outras sociedades culturais simpatizantes co galeguismo como eran a Asociación Coral Gallega, a Agrupación Artística Gallega e o Orfeón Gallego Primitivo, para constituíren o 31 de outubro de 1918 a Casa de Galicia de Buenos Aires. Na Xunta Directiva fundacional desta nova entidade figura Casto como Secretario de Actas.
Foron varias as actividades que desenvolveu esta sociedade. Do 7 ao 14 de novembro de 1920 a Casa de Galicia organiza unha “Semana Gallega” con numerosos actos. Casto figura na Comisión de Prensa xunto con outros destacados membros como Rodolfo Prada ou Eduardo Blanco-Amor. O 26 de agosto de 1921 aparece Casto como un dos 40 membros fundadores do “Ateneo Casa de Galicia”, creado para propender ao desenvolvemento cultural, científico e artístico dos que simpaticen coa sociedade rexional. Entre os seus membros estaban José R. Lence, Eduardo Blanco-Amor, Antonio R. Fraga, Rodolfo Prada etc. Na Asemblea do 16 de xaneiro de 1922, Casto é elixido vogal da xunta directiva da Casa de Galicia; en abril presenta a súa renuncia xunto con outros membros por desacordos cos nomeamentos de delegados das sociedades filiais, e abandonará a súa actividade nesta institución que, por outra parte, pouca máis vida activa tivo.
1ª Xunta Directiva da SAyC Hijos de Corcubión (1923);
Casto ocupa o lugar central como presidente da sociedade
No mes de agosto de 1922 Casto forma parte da comisión encargada de formar unha sociedade de emigrantes dos concellos de Cee e Muxía en Buenos Aires. Finalmente o 26 de agosto nacerá a “Sociedad Agraria y Cultural de los Residentes de los Ayuntamientos de Mugía y Cée”, que axiña había de virar en Sociedad Agraria y Cultural de los Hijos del Partido de Corcubión. El estivo en todo o proceso de formación da sociedade e foi un dos encargados da redacción dos seus estatutos. O 4 de abril de 1923 constituíuse a primeira xunta directiva e Casto vai ser nomeado primeiro presidente da SAyC Hijos de Corcubión.
Coa renovación de cargos, en abril de 1924 ocupa un posto na Comisión Revisora de Contas e no Tribunal de Apelación e en febreiro de 1925 figura como vogal da xunta directiva. En agosto de 1925 a SAyC Hijos de Corcubión saca á luz a revista Alborada, da que Casto vai ser o seu director. Estaría só á fronte da publicación os sete primeiros números, ata que o fisterrán foi expulsado da sociedade. No mes de marzo de 1926 Casto e outros catro socios fisterráns foron expulsados da sociedade corcubionesa “por traidores a la sociedad”, segundo o comunicado oficial. Segundo o propio Casto a razón estivo na súa oposición á creación dunha granxa-escola e á concesión da medalla de ouro da entidade a Pepe Miñones.
Portada do nº 2 da revista
Estes socios fisterráns expulsados da SAyC Hijos de Corcubión impulsan a creación dunha nova entidade municipal, que tería os seus froitos o 17 de setembro de 1926 cando se constitúa a sociedade Finisterre en América na capital arxentina. Casto, como principal impulsor, figura na primeira xunta directiva co cargo de Secretario, e ademais será un dos encargados da revista voceira da entidade Finisterre.
Cando o 21 de setembro de 1933 se funde a Nueva Casa de Galicia de Buenos Aires, Casto vai formar parte novamente desta sociedade, e en 1935 vai ser nomeado presidente da entidade, cargo que ostentou ata o momento da súa morte. Esta produciuse o 30 de agosto de 1938 a causa dunha forte pulmonía.
O seu labor foi quedando no esquecemento ata que os seus veciños fisterráns quixeron darlle o mérito que merece, e en 1998 organizáronse na vila do Cristo unhas xornadas de recoñecemento que levaban por título “Casto M. Insua, un fisterrán que reinventou o mundo”. Nestas xornadas, coordinadas por Modesto Fraga, estiveron distintos estudosos da nosa emigración, como Isaac Díaz Pardo, Xosé Neira Vilas, Marcos Valcárcel, Xosé M. Núñez Seixas ou Teresa García Domínguez, e incluso contaron coa presenza do seu fillo Francisco.


Bibliografía:
  • Anónimo (1998): “Homenaje a un galleguista. Mañana comenzarán los actos en recuerdo de Casto María Insua”, La Voz de Galicia, Carballo, 6 de outubro, p. 38.
  • Fraga, Modesto (2014): Fisterra, a derradeira perla de occidente; autoedición.
  • Libro de Bautizados; Parroquias de San Vicente de Duio e San Martiño de Duio; Libro 9.
  • Núñez Seixas, Xosé M. (1992): O galeguismo en América, 1879-1936; Sada: Ediciós do Castro.
  • Rei Lema, Xosé Mª: Pepe Collazo. Obra poética (inédito).
  • Prensa galega en Buenos Aires: Acción Gallega, Alborada, Correo de Galicia, Finisterre.