No herbal azur do ceo

No herbal azur do ceo
Foto: Roberto Mouzo

1 de febreiro de 2022

Tres "novas" historias de Pepe de Xan Baña no 150 aniversario de José Baña Pose


Este ano de 2022 fanse os 150 anos do nacemento de José Baña Pose, ou para sermos máis exactos o 4 de xaneiro de 1872 foi a data na que este xalleiro veu ao mundo no lugar de Varilongo, da parroquia de Santa Sabiña, concello de Santa Comba. Fillo do soneirán Juan Baña Lois, do lugar de Teixidón, na parroquia de Mira, no concello de Zas; e da bergantiñá Juana Pose Negreira, do lugar do Anido, na parroquia da Agualada, no concello de Coristanco. Pepe é o maior de sete irmáns dunha familia labrega pero con posibles, pois seu pai foi durante moitos anos o maior contribuínte por rústica do concello. A pesar diso, en 1889, cando tiña 17 anos, Pepe colle o camiño da emigración e chega a Cuba, onde vai traballar de primeiras, como case todos os galegos, nunha "bodega", que viña sendo unha tenda de ultramarinos. En 1892 ingresa no Seminario de San Carlos y San Ambrosio, mais o seu destino non ía ser o clero. Con todo, o seu paso polo seminario valeulle para adquirir unha formación que non tiña cos tres anos de escola aos que asistira en Galicia. Apuntouse tamén ás clases nocturnas de instrución do Centro Galego de La Habana e foi forxando unha serie de relacións co máis destacado da cultura galega na illa caribeña. Iso valeulle para traballar como auxiliar de administrador no semanario La Tierra Gallega, que dirixía Curros Enríquez, mais a súa vida íao levar ao mundo da hostalería, inaugurando o restaurante Gran Cocina Europea. Máis adiante no tempo pasaría ao mundo académico facéndose profesor de instrución pública.

Publicidade do seu primeiro libro no Galicia

En 1899 publica os seus primeiros textos na revista Follas Novas; son dous contos que aparecen asinados co pseudónimo de Varilongueiro e un poema ("A Soneira") que asina coas iniciais J.B. En abril de 1901 volve por vez primeira a Galicia, e en 1904 empeza a escribir xa con regularidade na citada revista, agora xa co pseudónimo que o vai facer famoso: Pepe de Xan Baña. Con este nome chega a publicar tres obras: a primeira en 1911, cando decide volver a Santa Comba e con tal motivo prepara prepara un libriño para os seus veciños. Trátase da Carta de Pepe de Xan Baña, dedicada a Farruco do Vinculeiro. Este longo poema de 81 estrofas ha de introducilo no seu segundo libro mais con modificación no título: "Carta ós de Santa Comba de Negreira". Esta segunda obra aparece en 1921, e tamén a fai para traer nunha nova visita -a terceira e última- ao eido natal. Estamos falando de Vindicación, vida e milagros de Pepe de Xan Baña en trinta anos de Cuba. Á volta desta viaxe, en 1922, vai aparecer a terceira, Suspiros na terriña despois de trinta e dous anos da Habana. Á parte destas tres publicacións, seguiu colaborando na prensa da colectividade galega emigrada na illa con todo tipo de textos. En 2005 recompilaramos a súa obra nun libro titulado As historias de Pepe de Xan Baña. A obra de José Baña Pose, publicado pola editorial xalleira tresCtres. Agora, coincidindo co 150 aniversario do nacemento do autor, traemos tres textos que non figuraban nese libro pois fómolos atopando segundo foi aumentando o catálogo de publicacións da emigración rescatadas de diversos arquivos da illa.

Luis Otero Pimentel
O primeiro dos textos foi publicado na revista Galicia (nº 21, La Habana, 27.5.1911) baixo o título "As campanas". Está dedicado a Luis d'Outeiro, pseudónimo do escritor e militar Luis Otero Pimentel, que estivo destinado na illa caribeña ata 1899, onde trabou amizade con Baña. Alí publicara a súa obra máis famosa, a novela Campaña de Caprecórneca, antes de ser trasladado a Cádiz, desde onde seguiu enviando textos ás revistas cubanas. No seu texto, Baña fai referencia a un artigo de Otero que apareceu no Galicia (nº 20, 20.5.1911) titulado "Consternación en Galicia. Una partida carlista", no que fala das campás da igrexa de Duxame (aínda que Baña modifica o topónimo). Con posterioridade, Otero publica a resposta ao texto de Baña no Galicia (nº 31, 5.8.1911) co título "As campanas de Duxame. Resposta a Pepe de Xan Baña", e nel volve sobre as campás de San Miguel de Duxame, en Vila de Cruces, que foran unha doazón dun antepasado seu, Domingo de Otero, virrei das Indias Orientais, e que eran famosas na redonda polo seu agradable son. En 1906 Otero publicara en Cádiz un libriño de poemas co título As campanas de Duxame, nas que un neno emigrado ten saudades das badaladas da igrexa da súa parroquia, libro que segundo o autor fixera para enviar á súa parroquia e así que os nenos aprendesen a ler en galego (por certo, non atopamos en ningunha publicación o lugar e data de nacemento de Otero Pimentel que se axusten á realidade, que vén sendo a aldea de Outeiro, parroquia de Portodemouros, concello de Vila de Cruces, no día 3 de setembro de 1944 -ás veces figura como orixinario de Lalín ou nacido en 1834-). O texto de Baña fai referencia ao que sentiu cando escoitou as campás da súa parroquia a primeira vez que volveu a Galicia en 1901, un sentimento semellante ao que expresou Otero Pimentel coas da súa parroquia veciña de Duxame.

As historias de Pepe de Xan Baña
recolleu en 2005 a súa obra

Os outros dous textos foron publicados no xornal Heraldo de Galicia. O primeiro, titulado "Ven Santiago", apareceu no nº 37 (26.6.1921) e é un conto en galego que se desenvolve en La Habana e no que o protagonista é o apóstolo Santiago. O segundo titúlase "Melilla" e vén no nº 44 (16.10.1921); é un artigo en castelán sobre a Guerra do Rif, no que Baña fai referencia a un texto publicado o 25 de setembro no mesmo xornal por O. de Velle, no que este critica que autoridades españolas na illa se preocupen de recrutar mozos en Cuba para iren á guerra e non de repatriar galegos enfermos que non teñen medios económicos. Pola súa parte, Baña fai un alegato contra o goberno español que logo do Desastre de Annual segue alistando mozos para ir loitar por un territorio que a estes non lles importa nada, polo que moitos deles fan o imposible por emigrar a América. Sobre este tema tratará tamén nun poema publicado en Suspiros na terriña titulado "Fuxindo a Melilla en Guldrís". No Heraldo de Galicia vai publicar tamén uns "Recuerdos de un viaje a Galicia", dos que atopamos tres capítulos (do segundo ao cuarto), sen que teñamos o número no que figura o primeiro nin apareza a continuidade do cuarto nos números seguintes, polo que se cadra o propio director do Heraldo deixou de publicar estes recordos de Baña. No noso libro xa publicabamos unhas inconclusas "Impresiones de un viaje" que apareceran en Eco de Galicia sobre a mesma viaxe de 1921.


AS CAMPANAS

Ó señor Luis d'Outeiro

Luisiño, aquí estou, home. Pol-o correo eiche de escribir logo. Estou esperando que Cerdeira m'acabe d'imprimir un libriño pra mandarcho, e dentro dunha carta, pra non gastar dous sellos; pro hoxe lin unha historia feita por ti, en Galicia, e non me para o sebo n-o corpo, si eu non fago, ou millor dito, digo outra. Móveme facer esto aqueles renglons donde falas d'as campanas de Deixame [sic]. Lee, meu velliño, e verás:

O día primeiro d'Abril d'o ano mil novecentos un, ás tres d'a tarde, cheguei d'a Habana á casa de meus pais. Ti xa sabes ben o que pasa cando chega un fillo. Meus pais (cand'os volverei ver), cinco hirmans femias, un criado, dous xornaleiros, estaban derredor de min no sobrado grande. Eles mirando pra min, e como sacaba d'a ucha que levei moita roupa boa, e eu mirando pr'as uchas vellas que deixara, había doce anos, onde se garda aínda hoxe o trigo, millo e centeo; tallos, cadeiras, mesa de comer día d'a festa, alzadeiros, cuncas de talabeira, moi poucas sans, todo estaba como cando eu era neno, e todo me saudaba, oí ben, Luisiño, todo me falaba o corazón. Miñas hirmans limpando as bagullas d'alegría, miña madre, ou máis gallego, miña nai, póndome unha cunca de leite fervida con mel n-a mesa, e un molete de oito libras; meu pai, mirando uns libros que levaba. Como había brétema e erballaba, o día cerraba máis cedo; e oyo: tan... tan... tan... Luisiño, non m'o creerás, home; penso que si: dei un salto e dixen: ¿e iso que é? Puxéronse todos mirando pra min, espantados. Volve a campana, máis lixeiro que antes: tan... tan... tan... e ó tempo qu'eles decían todos á ves: ¡Que foi, Pepiño? Excramaba eu: ¡Ay! A campana, e esbagullei; e esbagullo agora tamén. ¡Cando a volverei a oír!

Adiós, Luisiño; xa che escribirei; teño moito que contarche. Perdona que che trate de ti, pois podes ser meu pai. Es vello, home: ¡sesenta e seis anos! Teño medo de non verte. Eu nacín o mesmo ano que te tomaron por calrista. Xa teño corenta, pro parece que teño trinta no máis.

VEN SANTIAGO

Cando cheguei a esta ciudá pra escribir a miña vida e Milagros, fun a ver un paisano canónigo d'a nosa catedral d'a Habana: encontrei unha velliña na porta d'a casa, e díxome que non estaba, nin seu pai nin seu hirmán; qu'iban a cumprir unha promesa. Iba a dar volta, pr'o a velliña detúvome, pediume por todos os santos que lle fixera un favor: pois, siñor, hay dous días que o meu home fui cos cartos pra comprar que comer na praza e aínda non veu. Dous días hay que estou aquí n'esta porta ollando e non o vexo chegar. ¡Que medo teño que lle pasase algo! Vosté, pola alma de súa nai... Aínda non morreu, siñora. ¡Ay!, perdone, como vosté xa ten cara de vello... Siga vosté. Podrame ir ó "Pavo Real" e preguntar por Alixandro... digo non pregunte, berre por el, porque sinón vanll'o a negar; e cand'o vexa dígalle que veña antres que me morra de pena. Pian... pian... chego a Compostela 70 e dígolle a un velliño que lle diga a Alixandro que o buscan. ¿Quen é ese Alixandro? Un home alto e vello que está aquí! Aquí non hay ningún Alixandro! ¿Este non é o Pavo Real? Si, señor, pro non hay ningún Alixandro. Entabrei conversación pra contestarlle á vella, por si me tomaba o pelo, dixénome que non fora burro, que lle dixera á vella que Alixandro fora pró campo... que dita vella comíalle todo o que ganaba. Adimireime, porque c'unha rapaza esprote a un vello é de direito, pro unha vella de 60 pr'arriba, non'o creía. Pois élle verdá; nin casados son.

¿Non son casados e viven na casa d'un canónigo? Non, siñor.

Estuven pensando si volver a xunta a vella ou non volver, pro como a vella me dixera que o pai d'o canónigo a quería moito, e eu tiña que volver aquela casa, por non oír a vella o día que fora, volvín, e seguía a vella na porta...

Aínda non chegara, cando oín que me dixo: é vosté millor que o pan branco. Pois, siñora, o seu home foi pró campo. Jo, jo. Non fui a ningún lado; el está alí. Bueno pois... hastra mañán...

Marchei e volvín ó outro día. Senteime co pai d'o canónigo, que é muy velliño, e púxenme a parolar. Saleu a vella prá calle e berroulle o vello con quen eu estaba falando: Oya, señora, si vosté non se muda vou a trager a Sanidá pra que os voten prá calle. ¿Por que, hay algo podre no cuarto? Si, señora, dixo o vello: vostedes os dous.

Quedei adimirado, pois ela dixérame que o pai d'o canónigo a quería moito, e pregunteille que cras de xente era aquela. Non me fales, Pepe, eses son o demo. Como a casa custa tanto, alquilei un cuarto a un matrimonio xoven; como eran os dous novos, tiña medo que non se levasen d'o xenio, mandeinos mudar pra meter estes dous vellos podres. Oito meses me deben, sempre están com'os cans, e vivindo como demo, qu'eu non sabía...

Acabouse o conto e díxome: Pois, home, chegaches a tempo. Ti que non tes que facer, mira ver si me buscas o Apóstolo Santiago. Creín que era pra remachar o conto d'a vella... Pro saliu ó meu encontro e continuou: Non te poñas con cara de ferruxe, Pepe, Santiago Apóstolo está en Habana. Pacho Pego mandouno vir e veu, presentou os seus papés pra que o foxen sacar de Triscornia, pro coa enchente d'os muelles, non pudo saír o faco, que viña dentro d'unha caixa de madeira. Hay oito meses que se anda tras d'el e non s'encontra. Pra min, que montou a cabalo e foise por eses campos de Cuba. Fai com'os seus paisanos, en ves de protexer as gallegas protexa as cubanas.

Como el axéitase ben no seu faco branco, e as guajiras vólvense tolas por un home así, mira a ver, ti que andas polo campo, si o encontras, que veña a darnos a man aunque despois se volva a ir.

Qu'inda me leven os demos si eu non debo ter cara de zarralleiro. Onde queira que chego me mandan traballar. Míranme de riba a baixo, danme encomendas. Esto pásame moitas veces, tanto, que agora, encanto miro un que me mira, xa lle conozo que me vai mandar algo, e poño a lingua pra que diga que non.

En canto a Santiago, é verdá que o vino nos muelles, e aínda hay quen di que o ten os cataláns agochado, pro eu non o vou a averiguar. Onde o quero ver vereino. Na praza d'o consistorio, en Compostela.

MELILLA

Si hubiera un poco más de apego a leer la prensa regional a estas horas serían bien comentados los "Bocadillos Quincenales" del número pasado. Sí, señor; cuando se nos decía que no había medios en absoluto para hasta por su justo precio, conducir a tantos emigrantes a la Patria oficialmente, el amanecer del otro día de haberlo dicho, sobran dineros para reclutar y barcos para conducir, no a la madre patria... ¡A Melilla! Teniatis risus.

Y escribir hoy contra Melilla es ser mal español. Después de haber perdido la América con las Filipinas y sus cayos e islas Ladrones, nuestro porvenir y nuestro honor están escondidos en el África. Se dice en serio y se entonan cantos épicos a la nueva tierra de Promisión.

Véase cómo lo ven los que le toca ir a conquistarla:

Era el veinticuatro de Julio, día de los tradicionales fuegos de nuestro Patrón de Las Españas. Hallábamonos en el paseo de la Herradura de nuestra Jerusalén de Occidente, esperando la noche para contemplar por primera vez los encantos que bullían en nuestra mente desde que empezamos a tener uso de razón, contados por nuestros padres que lo han visto dos veces en 76 y 79 años que cuentan respectivamente de edad. De súbito se levanta un murmullo y se apodera un espanto de la enorme concurrencia: "¡Melilla! ¡Melilla! Todas las fuerzas decapitadas. El Estado Mayor entero se suicidó".

Nosotros, acostumbrados a recibir impresiones con el choteito criollo, contestábamos a los familiares que nos lo contaban: que esas eran bolas; pero no había forma de hacerles sonreir. Los periódicos locales son de escasa importancia y por ellos dije para mis adentros: Unas perras máis que otro día de venta. Pero alrededor del cuartel se agrupa la gente. Los muchachos hacen coro a los soldados en la calle; en el hotel Suizo, sitio de la alta oficialidad se ven personas distinguidas, entrando y saliendo con reserva. Los rostros se contraen; los pañuelos de las mujeres se llevan a los ojos y de fiesta, que estábamos, se convirtió aquello en una especie de acto fúnebre. Ya quisiéramos para ellos un entierro de "San Antonio" Chiquito para su consuelo. Los fuegos se incendiaron como de costumbre: El consistorio con su Montero Ríos en medio, lleno de gente. Se termina a las doce. "¡Ay, Dios mío! ¡Melilla! ¡Melilla!". Así se retira la muchedumbre. Partimos para ir a nuestra posada en Vista Alegre: pasamos por el cuartel. Los soldados adentro: ¡Viva España!

En la carretera hay grupos de personas: Oíamos: para América: para Cuba, para el Brasil: todo, menos Melilla. Llegamos a la aldea: "aunque no nos quede nada, llévenos nuestro hijo con usted para Cuba. Todo se consigue aquí. El caso es no ir a Melilla. Aquello es de los Moros: aquello no es nuestro. Queremos no verle más, pero que viva". Y en un santiamén, mil pesetas "per capita" para Cuba; setecientos cincuenta para América se pusieron más patriotas lejos de los moros, y "más cerca de la Patria", que hijos tiene nuestra España luchando con verdadero convencimiento de que pelear en Melilla, es pelear por ni para España.


5 de febreiro de 2021

Antonio Platas Reinoso, o mestre de Baio máis recordado

CHEGOU A BAIO EN 1948 DESPOIS DE SER REPRESALIADO CANDO EXERCÍA EN LAÑAS-ARTEIXO POR SER SIMPATIZANTE DO PARTIDO GALEGUISTA

Antonio Platas Reinoso foi mestre en Baio durante case un cuarto de século, pero ademais do seu labor docente, quedou no imaxinario colectivo baiés como un dos persoeiros máis carismáticos da segunda metade do século XX. A súa presenza en toda canta actividade cultural, deportiva ou mesmo relixiosa se celebraba dan boa mostra da súa implicación coa vila que tan ben o acolleu.

A recente lectura das fermosas Crónicas de Arteixo II de Xabier Maceiras, púxonos sobre a pista de novos aspectos da súa vida, sobre todo os referentes á súa depuración como mestre na Guerra Civil, motivo polo cal acabou destinado a Baio. No seu libro, Maceiras dedícalle un capítulo á mestra corcubionesa Rosario Romero Abella, que exercía na escola de nenas de Arteixo e ademais ocupaba o cargo de secretaria do Consello Local de Instrución Pública. Ese mesmo Consello tiña por presidente a Antonio Platas Reinoso, que naquela época rexentaba a escola de nenos de Lañas. Interesados por tal dato, o propio Maceiras púxonos na pista doutra publicación, Arteixo durante la Segunda República y la Guerra Civil, da autoría do cura de Morás, Manuel Blanco Rey, no que aparece unha pequena biografía de Platas Reinoso.

Estudante brillante

La Voz de Galicia
23.5.1928

Pero vaiamos ao principio. Antonio Platas Reinoso nace en Santiago de Compostela o 3 de agosto de 1907. Convértese nun estudante brillante, que obtén o título de mestre cun espléndido expediente, o que lle valeu o Premio Extraordinario da Escola Normal de Mestres en outubro de 1926. Non sería o seu único recoñecemento, pois catro anos antes conseguira o "Premio Exército" que concedía o Concello de Santiago, destacando o xurado que cualificou o seu exame como un alumno máis adiantado que moitos dos que posúen títulos académicos. En 1927 foille outorgado en Santiago o "Premio á Virtude e ao Traballo", que concedía a Fundación Manuel García Blanco (vinculada á Real Sociedade Económica), premio que recoñecía ao mozo compostelán que tivese unha conduta exemplar e que contribuíse ao sostemento da súa familia. Estaba dotado o premio con 600 pesetas. Ao ano seguinte figura como un dos dez candidatos ao "Premio a la Virtud" da madrileña Fundación de Fernán Caballero, mais non foi finalmente o elixido.

Xa neste momento estaba exercendo como mestre interino, pois en novembro de 1926 concedéraselle praza na escola de Cruces (A Escravitude-Padrón); en setembro de 1927 é destinado á de Sorribas (Rois) e en marzo de 1928 á de Serres (Muros). Tivo a sorte de que ao pouco de chegar a Serres se inaugurase un espléndido novo edificio escolar, doado polo filántropo muradán Simón Cambeiro Sande. No acto de inauguración leu un bonito discurso loando os valores da instrución e agradecendo a achega de tan benemérito veciño que fixera fortuna como emigrante en Cuba. Mais pouco puido gozar Antonio do edificio, pois en abril de 1929 é destinado ás Somozas.


O informe da inspectora e coñecida pedagoga María Barbeito

La escuela nueva se basa en el respeto, en el derecho de

gentes, en la fraternidad, en la igualdad (María Barbeito)

Na Gaceta de Madrid 268 (25.9.1930) publícase que Antonio Platas Reinoso, con domicilio na Calzada do Carme de Abaixo 24, Santiago, obtén praza fixa tras sacar as oposicións. A escola vai ser a mixta de Lañas (Arteixo), que estaba situada no lugar de Mosende. Ademais de ocuparse desta escola, Antonio vai presidir o Consello Local de Instrución, co que organiza diversas actividades. Unha delas foron unhas conferencias celebradas o 12 de xuño de 1932 en Larín, nas que os mestres de Larín, Monteagudo e Lañas trataron, respectivamente, os seguintes temas: “Cultura y Misiones Pedagógicas”, “Estudio de los vegetales y sus aplicaciones a la agricultura” e “Concepto de la libertad. Derechos y deberes”. Ademais de ditar esta última conferencia, Antonio Platas leu no intermedio do acto “unas poesías escogidas, de Rosalía de Castro, que fueron muy celebradas por la concurrencia” (La Voz de Galicia, 16.6.1932). Cando, ao ano seguinte, a célebre pedagoga María Barbeito é designada como inspectora das escolas dos concellos da Coruña e de Arteixo, atopa xa algo de camiño adiantado por parte dalgúns mestres. Botamos man agora do relato de Blanco Rey para extraer a valoración do primeiro informe que a inspectora fai de Antonio Platas:

A pedagoga María Barbeito
[culturagalega.gal]

"Su aspecto exterior: impresiona favorablemente. Salud: buena. Cultura: más que mediana. Formación pedagógica: suficiente. Carácter: afable. Lenguaje: culto; con mucha vocación, actividad, iniciativa y puntualidad. Disciplina en la clase: buena. Influencia sobre los alumnos: mucha. Resultados en la enseñanza: satisfactorios. (...) La mejor cualidad de este maestro: su cultura y laboriosidad. Su mayor defecto consiste en ayudar a los niños en las respuestas pronunciándoles la mitad de las palabras para que ellos las completen. Moralidad: ¡intachable!".

Ademais o cura de Morás engade da súa colleita que

"era D. Antonio Platas uno de los maestros querido y protegido por la Inspectora. (...) Aunque no se mostró 'incivilizadamente' como anticlerical, retiró el crucifijo de su escuela, dejó de impartir enseñanza religiosa y comenzó a coquetear con la política. (...) Como presidente del Consejo Local, en cuyo seno, según doña María Barbeito 'desplegó gran celo', se decantó, claramente, por el Partido Galleguista, de cuyo ideario hizo pública propaganda con perjuicio y detrimento de su labor escolar. El triunfo del Frente Popular envalentonó a este 'valioso' maestro que radicalizó, ostensiblemente, su postura. Nada extraño, pues que las nuevas autoridades, tras el triunfo del pronunciamento cívico-militar, le cesaren fulminantemente de su cargo por orden del Gobernador Civil de 20.8.1936 y con efectos de finales de julio de dicho año".


Saída da viaxe a Madrid; Platas está anicado, no medio.
28.10.1935 [Foto: Romero Masiá (2014)]
Non andaba errado o cura de Morás cando di que Platas era un mestre querido e protexido pola inspectora. Segundo Romero Masía (2014), María Barbeito tiña ao seu cargo 42 escolas, entre elas a de Lañas (nos seus informes pódense ler as queixas polos oídos xordos do Concello de Arteixo ás súas peticións, entre elas o traslado da escola de Lañas a un lugar máis céntrico da parroquia). Estableceu un Centro de Colaboración Pedagóxica para que os distintos mestres achegasen as súas experiencias, aprendesen novos métodos e tivesen fácil acceso a todo tipo de bibliografía a través da biblioteca do Centro. Cada mestre tiña que preparar un relatorio sobre distintos aspectos da docencia e tiña que expoñelo na súa escola perante os outros membros do Centro. A Antonio Platas tocoulle en xuño de 1935, xusto cando María Barbeito estaba percorrendo Europa para coñecer novas experiencias pedagóxicas. Outra das actividades do Centro eran as viaxes dos mestres. O 4 de abril de 1935 levou a Santiago máis de trinta mestres das escolas coruñesas e arteixás para que coñecesen o funcionamento da escola de xordomudos e cegos e o sanatorio psiquiátrico de Conxo, ademais de asistir a unha conferencia de Ciriaco Pérez Bustamante sobre o poder real nos séculos XVI e XVII a través da obra de Lope de Vega. A segunda viaxe, no mes de outubro, era máis ambiciosa, e aínda que houbo que desbotar o proxecto inicial por motivos económicos (presupostada a viaxe de 20 días por Madrid, Barcelona, Zaragoza, San Sebastián, Bilbao, Santander, Xixón e Oviedo en 8000 pesetas, solicitáralle unha subvención ao Ministerio de 5000 pesetas e este só concedeu 2000), a inspectora conseguiu levala adiante cun novo proxecto. O 28 de outubro iniciaba unha viaxe cos mestres “elegidos entre los que se hallen en mejores condiciones de recoger y aplicar orientaciones pedagógicas modernas y eficaces”. Antonio Platas foi un dos dezaseis elixidos (despois sumáronse seis máis pola súa conta) para pasar 12 días visitando León, Zamora, Valladolid, Ávila, Toledo, Salamanca e Madrid. Á parte de coñecer os edificios de interese artístico de cada cidade, visitaban distintos centros escolares, para comprobar distintas metodoloxías de traballo. Pero toda esta innovación pedagóxica quedou fulminada pola ditadura.

Simpatizante do Partido Galeguista e represaliado polo franquismo

Los maestros en Galicia han sido enteramente exterminados: la caza de 

maestros de primera enseñanza era un deporte diario de los falangistas”

(Pablo Neruda, Nuestra España, París, 9.3.1937)

Aínda que as palabras de Blanco Rey xustifican a acción das novas autoridades golpistas, baseándose supostamente en que o mestre Platas era partidario dunha escola laica e non relixiosa, tamén nos permiten coñecer algo máis do porqué da súa depuración e castigo posterior. Todos os mestres que tiñan como modelo os postulados da Institución Libre de Enseñanza viron como eran apartados dos seus postos, cando non eran fusilados. O mesmo acontecía cos que fixeran propaganda dalgún dos partidos integrantes da Fronte Popular, como era o caso do Partido Galeguista, co que el simpatizaba.

Antonio e Consuelo, en Baio
Antonio Platas foi destituído do seu posto o 20 de agosto de 1936 (cfr. Boletín Oficial de la provincia de La Coruña 190, 21.8.1936), e aínda que en 1938, mentres non se resolvía o seu expediente, foi devolto provisionalmente á escola de Lañas, axiña é cesado de novo. Este mesmo ano vai casar coa baiesa Consuelo Tasende Fachal, probablemente a primeira muller de Baio e redonda que logrou un título universitario, aínda que tivo que agardar aos 21 anos para poder estudar. Con tal motivo, foi para a casa dos seus padriños en Santiago, e puido sacar o Bacharelato e mais a carreira de Practicante, oficio que ía exercer, xunto co de comadroa, no concello de Zas. Na cidade compostelá foi onde se coñeceron Antonio e Consuelo, e alí ía nacer o primeiro fillo, Antonio, en 1939. En xullo de 1940, segundo a Orde de Depuración do Ministerio de Educación Nacional, é suspendido con dous anos de emprego e soldo, e posterior traslado fóra da provincia durante cinco anos, ademais de ser inhabilitado para cargos directivos. "Mi padre era maestro nacional, siendo corto de vista y sin haber disparado ni un tiro en su vida fue represaliado, como le ocurrió a tantos otros maestros", afirmaba Antonio Platas Tasende nunha entrevista que Marta Valiña lles fixo aos fillos do mestre en La Voz de Galicia, 8.3.2011. Foron tempos duros para a familia. A fame fai que teñan que abandonar Compostela e refuxiarse na casa dos pais de Consuelo, Constantino e María, que tiñan unha empresa pirotécnica en Baio ("era fogheteiro!", puntualizaba Antonio na citada entrevista).

Rehabilitado (1942) e permuta da praza: de Corme para Baio (1948)

Antonio consegue que se lle revise o expediente e en agosto de 1942 é rehabilitado: "Esta Junta [de 1ª Ensinanza da Coruña], en sesión del 10 del corriente [agosto], adjudicó la Escuela de Pazos, en Zas, a don Antonio Platas Reinoso, Maestro repuesto en la enseñanza" (Boletín Oficial de la provincia de La Coruña 184, 18.8.1942). Aquí, en San Cremenzo de Pazos, vai nacer a filla, Ana María, en 1944. Pero en agosto dese ano é destinado para o concello de Alfoz, na Mariña lucense, onde vai permanecer ata que en xullo de 1948 se lle aproba o traslado para a escola de Corme. A partir de aquí, a familia vai enfocar a vida arredor de Baio, pois aséntanse na Cacharosa, nunha casa alugada, e Antonio logra permutar a praza de Corme pola de Baio. Na escola baiesa, que estaba situada na casa de Labarta Pose, nos Carballos da Botica, exercía de mestre Juan Bautista Rodríguez Vila, que viñera para aquí, procedente de Traba, en 1943, e que, segundo Rojo Valiña (2011: 72), tamén sacaba moas.

E xa que falamos de José Rojo Valiña, imos valernos do seu libro ¿Sabías que...? Baio e algo máis para coñecer como era a vida de Platas Reinoso na vila baiesa:

Antonio Platas cos seus alumnos fronte ás escolas Agra Regueiro

"Cun alumnado que moitos anos sobrepasaban os cento trinta e cinco rapaces, lograba que todos saísen cun nivel de coñecementos superior ao das outras vilas. Pero a súa ensinanza, non só se encamiñaba ao puramente escolar, senón que abranguía outros aspectos que puidesen servir para enfrontarse a determinadas circunstancias e situacións da vida real. (...) Foi desde o principio colaborador insustituíble de D. Juan Astray, o cura párroco de Baio nas actividades que se levaran a cabo. No fútbol era o animador e impulsor que sempre estaba na primeira liña, potenciando este deporte entre os rapaces da escola. Profesionalmente dedicouse a preparar a documentación para os que emigraban ao estranxeiro. Tamén se dedicaba a levar a contabilidade de moitas empresas de Baio e doutras vilas veciñas".

Na entrevista de La Voz de Galicia, a súa filla Ana confirmaba estes feitos:

"Mi padre se encargaba de los chicos, pero muchas veces mi madre le echaba una mano, porque tenía más de 80 niños, de todas las edades. Además, por casa venía siempre muchísima gente, porque mi padre, que tenía una máquina de escribir, ayudaba a los vecinos a redactar cartas, a redactar documentos, a elaborar instancias... Era un hombre muy querido y eso nos llena de orgullo".

Nunca máis falou de política, nin na propia familia

E cando racha o silencio, o ruído, o son, o bisbeo, o lóstrego, o que sexa que o rompa, será sempre presaxio.

(Francisco Castro, Tantos anos de silencio, 2020)

O que non se sabía en Baio foran as causas do seu castigo como mestre, pois escarmentado polo que sufriran os seus, deixou de falar de política, incluso dentro do ámbito familiar. Foron anos de silencio. Aínda así, as súas ideas progresistas seguiron evidenciándose no seu bo facer como docente, facendo gala da cultura e laboriosidade da que falaba María Barbeito. Aínda que de ideas distintas, trabou grande amizade co cura da parroquia, Juan Astray (curiosamente, este tamén exercera na parroquia de Lañas durante tres meses en 1921, antes de ser destinado a Lamas-Zas). "Don Juan y mi padre eran uña y carne", sinala Ana Platas. Os dous levaron adiante moitos proxectos xuntos, como as actividades ao redor da festa de Mª Goretti ou a dirección das obras das Escolas Agra Regueiro, proxecto ideado por José Collazo e outros emigrantes baieses na Arxentina. Este fora un grande adianto para a vila, pois a escola dos Carballos da Botica estaba en moi malas condicións, con pingueiras, falta de bancos e mesas, e escaso sitio (os nenos ían á escola pola mañá e as nenas pola tarde, coa mestra Clotilde Lema). As novas Escolas Agra Regueiro foron inauguradas en 1954, momento no que o mestre Platas pronunciou un emotivo discurso, e ademais tivo que ler dous escritos, un enviado polos baieses emigrados na Arxentina, e outro por Aurora Blanco, viúva do mestre Agra Regueiro. Na escola, Antonio Platas fomentaba o deporte entre os alumnos, polo que non é estraño que fose un dos membros fundadores do CD Baio, equipo de fútbol local do que foi moitos anos directivo, e entre os seus méritos estivo o de ser un dos responsables de que se conseguise dispoñer do Campo do Balsiño, onde era un dos mellores seareiros:

Platas, 2º pola esq. dos sentados, con outros directivos do CD
Baio, visitando a Dª Lucinda Varela e Teodoro Morgade (pai)

"Malia que na práctica quizais exercese como tal, nunca quixo ser presidente: foi o eterno secretario de todas as xuntas directivas anteriores á federación do club, aínda que tampouco rexeitaba o cargo de tesoureiro-contador. Na primeira tempada da Liga da Costa (63-64) foi vicesecretario e na seguinte (64-65), tesoureiro; foron as últimas tempadas nas que participou como directivo, aínda que seguiu botando unha man. De rapaz seica tivera un accidente que lle afectara á vista, e esa deficiencia óptica acompañouno toda a vida. Aínda así procuraba non faltar aos partidos do Balsiño para animar; ao seu lado sempre tiña un rapaz da súa escola como 'lazarillo', que lle indicaba por onde andaba o balón" (Rei Lema/Lema Suárez, 2015: 70. Aquí figuraba como vicepresidente da primeira temporada, pero o recente achado da acta fundacional fainos corrixir ese erro).

Recoñecementos por parte do pobo baiés

Inauguración do campo de fútbol Platas
Reinoso, á que asistiron os fillos Ana e
Antonio. 24.8.1990. 
Antonio Platas Reinoso faleceu en abril de 1971, pero a súa figura quedou na memoria de moitas xeracións de baieses, que tiveron nel a moito máis que un mestre. "Los vecinos siempre se portaron bien con nosotros y siempre traían algún regalo. La gente de Baio era maravillosa", recorda Ana Platas Tasende. No ano 1990, a proposta da Asociación de Veciños Tabeirón, o Concello de Zas decide que unha rúa de Baio leve o nome de Mestre Platas, en concreto aquela rúa que comunica as vellas escolas Agra Regueiro co centro escolar Labarta Pose. Nese mesmo ano tamén se inaugura o novo campo de fútbol municipal de Baio, que se vai bautizar co nome de Platas Reinoso. Un home bo que demostrou desde a súa infancia que pagaba a pena preocuparse polos demais, que fixo bandeira dun ideal progresista e galeguista, dunha escola laica e baseada nos postulados da Institución Libre de Enseñanza, un home que sufriu un calvario polas súas ideas, pero que a pesar de todo, soubo mirar sempre polo ben de todos os seus veciños. E en Baio ben agradecidos lle están.


Bibliografía:

- BLANCO REY, Manuel (2008): Arteixo en la Segunda República y la Guerra Civil; Arteixo: autoedición.

- Boletín Oficial de la provincia de La Coruña, anos 1930-1948.

- Boletín Oficial del Estado (Gaceta de Madrid), anos 1926-1955.

- MACEIRAS, Xabier (2020): Crónicas de Arteixo II; Arteixo: autoedición.

- REI LEMA, Xosé Mª / LEMA SUÁREZ, Xosé Mª (2015): 50 Anos da Historia do Fútbol da Costa (1964-2014); Baio: autoedición.

- ROJO VALIÑA, José (2011): ¿Sabías que...? Baio... e algo máis; Baio: autoedición.

- ROMERO MASIÁ, Ana (2014): María Barbeito. Unha vida ao servizo da escola e dos escolares (1880-1970); A Coruña: Edicións Baía.

- S/A (1928): "Memoria de los actos de la Academia y relación de los concursos de premios (1926-1928)", Boletín de la Real Academia de la Historia, tomo 92, Madrid; pp. 818-848.

- VALIÑA, Marta (2011): "Baio es y será siempre nuestro principal punto de referencia. Retornar a... Baio. Antonio y Ana María Platas Tasende", La Voz de Galicia, Carballo, 8 de marzo, pp. 8-9.

- Prensa: El Compostelano, El Eco de Santiago, El Ideal Gallego, El Magisterio Español, El Pueblo Gallego, La Voz de Galicia.

18 de febreiro de 2020

Nos 75 anos da morte de Matías Escariz, poeta fisterrán nacido na emigración

O pasado 8 de febreiro fixéronse os 75 anos da morte de Matías Escariz, un dos nosos poetas máis prolíficos e tamén dos máis descoñecidos. A pesar de que xa fora reivindicado hai tempo por Miro Villar (La Voz de Galicia, 14-8-1992) ou Modesto Fraga (La Voz de Galicia, 16 de outubro de 1996), este crego "fisterrán" continúa no esquecemento e a súa obra espallada por revistas e xornais. Aproveitando esta data significativa dos 75 anos da súa desaparición, imos botar un pouco de luz sobre a súa figura.
Matías María Escariz Méndez naceu o 12 de decembro de 1881 en Buenos Aires, na emigración na que casaran seus pais. El, Francisco Escariz Canosa, natural de Denle, na parroquia fisterrá de San Vicente de Duio, o menor de seis irmáns dunha familia con fondas raíces nesta freguesía: seu avó paterno era natural tamén de Denle, e a avoa procedía de San Salvador. Súa nai, María Méndez Gundín, orixinaria do lugar da Catuxa, da parroquia de Santiago de Arteixo, era tamén a menor dos cinco irmáns desta familia con orixes en varias parroquias arteixás. Con pouco máis de cinco anos, o pequeno Matías vén para Galicia con seus pais: o 10 de abril de 1887 desembarca no porto de Vigo o vapor "Graf Bismarck" que os trae. Aséntanse na vila de Corcubión, onde a familia Escariz Méndez recibe a chegada de Josefa Francisca o 27 de febreiro de 1890, mais a alegría dura pouco e o 6 de maio dese mesmo ano falece a pequena.
Igrexa de Santa Locadia de Frixe por volta de 1930
[Foto: Boletín de la SAyC del Distrito de Mugía 10, 31-5-1930]
Asilo dos Desamparados en Betanzos, construído a expensas
dos irmáns García Naveira, no que Escariz estivo de capelán
O noso protagonista xa mozo vai ir para Santiago cursar a carreira eclesiástica. Expedíronlle o título de tonsurado en decembro de 1903, o de subdiácono en xaneiro de 1906 e o de diácono en abril deste ano. O 20 de xuño de 1906 é nomeado ecónomo de San Xoán de Bardullas e unidos. O 26 de outubro toma posesión desta parroquia muxiá, xunto coas de Santiso de Vuiturón e Santa Locadia de Frixe. Aquí vai estar ata que a comezos de 1914 é destinado ao concello da Estrada, en concreto a Santa Cristina de Vea. Sete anos botou nela ata que volve á súa terra, pois en febreiro de 1921 destínano ás parroquias de San Vicente e de San Martiño de Duio, onde desenvolvería unha ampla actividade, que mesmo traspasou fronteiras (foi socio das entidades bonaerenses "ABC de Corcubión" e "Finisterre en América"), e foi aquí onde comezaría a súa produción literaria. Tivo que abandonar as parroquias fisterrás por supostos "problemas veciñais" e vai ir para Santiago de Compostela en outubro de 1930, como capelán do Asilo das Oblatas, no barrio do Carme. A pesar de que estivo menos de dous anos na cidade compostelá, a súa actividade foi moi intensa, tanto relixiosamente (foi nomeado Cronista da Orde Terciaria dos Franciscanos) coma no campo literario. En xuño de 1932 envíano para Betanzos, como capelán do "Asilo de Ancianos Desamparados García Hermanos", no que vai estar ata que volve á súa comarca. A súa marcha de Betanzos supuxo tamén o final da súa produción poética (cunha única excepción, que veremos). A Guerra Civil colleuno como ecónomo de San Cibrán de Vilastose, en Muxía, pero en 1940 xa estaba de novo nas Mariñas, pois aparece como capelán das monxas de Meirás (Sada), onde nese mesmo verán oficia unha misa á que asiste Carmencita Franco. Aquí botou polo menos dous anos, ata que nos sorprende a súa presenza como capelán da "Comunidad de Hijas de Nuestra Señora" de Cangas do Morrazo no momento da súa morte, o 8 de febreiro de 1945.
Vida Gallega 424, 10-9-1929
Este percorrido pola súa traxectoria profesional como sacerdote vai ter moita importancia tamén no campo literario, pois boa parte da súa produción reflicte os lugares nos que habitou. Como dixemos foi un autor moi prolífico, pois del temos constancia da publicación de 150 poemas, dos que 104 son en galego e 46 en castelán, ademais de tres contos breves en galego. E todo nun espazo de pouco máis de sete anos, pois as primeiras referencias son de 1928, cando comeza a publicar na revista bonaerense Finisterre, voceiro da asociación de emigrantes fisterráns. 
Betanzos. Centro Cultural
Betanzos
, 1935. Este poema
recompilouno Torres Regueiro
en Betanzos na voz dos poetas
Vai ser a mediados do ano 1929 cando inicia a colaboración na súa publicación de cabeceira, o xornal El Compostelano. No desaparecido medio santiagués vai editar un total de 127 poemas (catro deles repetidos), dos cales 86 son en galego e 41 en castelán. Eses 86 poemas en galego convérteno no autor que máis poemas publicou na nosa lingua neste xornal entre 1925 e 1936, segundo os datos que ofrece Xulia Marqués no seu libro A Literatura galega no xornal El Compostelano (1920-1946), no que tamén elabora unha pequena biografía de Matías Escariz. A colaboración con este periódico foi ininterrompida ata marzo de 1935. Con todo, en 1941 aparecería un poema titulado "A Galicia (O derradeiro Adiós de Pérez Lugín)" coa seguinte anotación: "Optó al premio Pérez Lugín" -galardón creado pola Asociación da Prensa da Coruña para premiar o mellor traballo literario que enxalzase a Galicia-, pero que non era senón unha versión dun anterior titulado "O derradeiro adiós de Murguía". En El Compostelano tamén publicaría entre 1931 e 1934 outros escritos en castelán referidos a cuestións relixiosas, moitos deles agrupados baixo os títulos xenéricos de "Carta a un Terciario Franciscano" ou "Carta a un infiel".
Vida Gallega 444, 31-3-1930
Unha segunda publicación de referencia para Escariz era a prestixiosa revista viguesa Vida Gallega, na que deixou entre 1929 e 1934 un total de 81 poemas (61 en galego), moitos deles compartidos co xornal santiagués. A súa produción tamén chegou á Arxentina, pois xunto coa citada revista Finisterre, deixou a súa pegada en publicacións como Céltiga, Boletín Oficial de la Sociedad Nueva Casa de Galicia, Revista Oficial del Centro Gallego de Avellaneda ou Betanzos. Centro Cultural Betanzos. Incluso o atopamos na revista madrileña España Marítima, así como no decenario de Salvaterra do Miño El Eco del Condado, no xornal ourensán La Zarpa e no coruñés La Voz de Galicia.
Vida Gallega 584, 20-2-1934
A temática que domina nas súas composicións é a relixiosa, tanto na súa vertente de fervorosa fe, como na máis lúdica das celebracións de festas e romarías. Xunto a ela hai que subliñar o seu gusto polo costumismo e a exaltación da paisaxe que o rodea (con predominio das terras fisterrás, compostelás e mariñás). Mais tamén ten varias composicións nas que incide na temática social e mesmo lingüística e política, sobre todo en tempos da IIª Repúbica, como ese poema dedicado ás Mocedades Galegas "¡Arriba, Mociños!", ou en "¡¡Meu pobo gallego, esperta!!". Dentro da temática paisaxística, a súa terra fisterrá aparece en poemas como "¿Por quén chamar?", "A vila de Cee", "O Santo Cristo de Fisterre", "¡Corcubión!", "Pregaria á Virxe d'a Xunqueira", como tamén reflicte actividades propias da nosa zona, como o traballo no mar ou "O panillo". Compostela está representada en poemas como "A catredal de Santiago", "Mirando a Compostela", "O Pico Sagro", "Paisaxes compostelanos", "N'a Ferradura", "A feira d'Ascensión", etc.; mentres que a paisaxe de Betanzos vémola en composicións como "Os Caneiros", "Salayos mariñáns" ou "As feiras de Betanzos".
El Compostelano, 6-4-1932
En definitiva, foi a súa unha ampla produción poética, que aínda que non destaque pola súa alta calidade, si é mostra dun eloxiable labor literario dun escritor de noso que non debe quedar perdido no esquecemento.

21 de abril de 2019

Para unha historia da ABC de Corcubión (V): as Escolas Agra Regueiro de Baio

Aínda que a ABC de Corcubión non foi a entidade que financiou a construción das Escolas Agra Regueiro de Baio, si que tivo moito que ver na orixe do proxecto. Como vimos no artigo precedente, a entidade bonaerense determinou a finais da década de 1920 a construción de cadansúa escola nos concellos que compoñen o partido xudicial corcubionés, pero que por culpa da Guerra Civil española só o puido facer en catro deles. A escola do concello de Zas, a sexta segundo a orde do sorteo, non foi adiante, e o lugar escollido para facela, que era Baio, non tivo o ansiado edificio. Mais non foi porque os emigrantes baieses na Arxentina -comandados polo canteiro e escritor Pepe Collazo- non teimasen en levala adiante, e tanto teimaron que vinte anos despois lograron os seus propósitos. Imos analizar agora máis polo miúdo a orixe das Escolas Agra Regueiro, desde a modesta idea inicial á inauguración do edificio que aínda hoxe coroa a vila de Baio.

Quen era Agra Regueiro?

Para comezar, hai que saber quen era o protagonista ao que se lle dedicou este edificio. Pois ben, Xosé Agra Regueiro foi mestre de Baio durante 25 anos, entre 1887 e 1912. Segundo conta Francisco Romero Lema [1970: 21], era natural de Melide e casou con Aurora Blanco Romero, matrimonio do que naceron tres fillos: José, Marcial e Alfredo. Foi moi sentida a súa morte, pois faleceu repentinamente a tarde do 20 de febreiro de 1912, un martes de antroido. O seu labor docente deixou fonda pegada en varias xeracións que durante medio século pasaron polas súas aulas. Pero Agra Regueiro non se conformou con impartir clases, senón que loitou polo melloramento da educación na vila que o acolleu, e así xa en febreiro de 1889 realiza unha solicitude para a creación dunha escola de nenas en Baio, “ó que se opón a corporación municipal enviando un informe ó Gobernador civil ‘sobre los perjuicios y el mal efecto que producirían en el vecindario la creación de la escuela de niñas, interesada por el maestro de Bayo’” [cfr. Domínguez/Lema]. En 1891 volve insistir no tema e “unha comisión municipal formada polos maiores contribuíntes do concello emite un novo informe opoñéndose á creación da escola de nenas”. Pero Agra segue teimando e, co cambio de alcalde, consegue que a corporación delegue na “Junta Municipal de Instrucción la facultad de delegar la construcción de la escuela de niñas de Bayo a particulares”. Parece que tanto esforzo tivo recompensa, porque en 1895 xa se fala nas actas municipais da procura “dun local provisional para a escola de nenas de Baio ‘por tener que realizar obras en su casa el propietario de la casa escuela de niñas’”. Con todo, volve haber problemas en 1906 polo feito de que “el Ayuntamiento no ampliase el plazo de arriendo de la actual casa-escuela de niñas”, o que provoca as queixas dos veciños baieses que “requieren al alcalde que se busque otro [local] sin dilaciones, toda vez existen propietarios dispuestos a arrendarlos” (La Voz de Galicia, 7·7·1906, p.1).
Pepe Collazo, poeta e canteiro
baiés emigrado na Arxentina,
foi o principal impulsor da
homenaxe a Agra Regueiro
e da construción das escolas
Por estas e outras razóns, os baieses colleronlle un gran cariño a este mestre, e moito máis os emigrantes, que viron o necesario dunha boa educación cando se tiveron que enfrontar cun novo país, cunha nova sociedade, moito máis avanzada que a galega naquel momento. De aí o feito de que nacesen tantas sociedades de emigrantes que tiñan por obxectivo a construción de escolas nos seus lugares de orixe. E os baieses emigrados non esqueceron o que Xosé Agra fixo por eles, e quixeron remedialo dalgún xeito. Con tal motivo formaron un Comité de Homenaxe a comezos de 1930.
A primeira noticia deste Comité atopámola na revista Alborada (nº 55, Buenos Aires, maio de 1930), na que, baixo o titular "Comité de Homenaje al maestro Agra Regueiro", se dá a seguinte noticia:

Por iniciativa de don José Collazo Martínez se constituyó el comité más arriba expresado, cuya finalidad consistirá en recaudar fondos con el objeto de eregirle un busto al maestro de Bayo, don José Agra.

No número seguinte da revista (nº 56, xuño 1930) xa se dan máis datos sobre o "Comité Homenaje a Don José Agra Regueiro":

El día 13 de abril de 1930 quedaron constituidas las autoridades que regirán esta institución, en la siguiente forma: Presidente: Manuel Veloso; vicepresidente: Baltasar Martínez; secretario: José Collazo Martínez; prosecretario: José Reimúndez; tesorero: Manuel García; protesorero: José Fachal; contador: Manuel Pardo Gómez; subcontador: Daniel Rojo; comisión revisadora de cuentas: José Romar Lema y José Martínez Torrado; vocales: Agustín Martínez, Manuel Pereyra Esmorís, Manuel Lema, Jesús Espasandín y Perfecto Fuentes

Co recorrente título de "Comité Homenaje a D. José Agra Regueiro", Collazo publica un artigo (Alborada nº 57, agosto-setembro 1930) no que entre outras cousas di:

Es admirable el fervoroso entusiasmo de los residentes de Bayo en Buenos Aires, por honrar al que ha sido su maestro, don José Agra Regueiro. Es ya un hecho indiscutible que, dentro de un breve plazo, será erguido, en el pueblo de Bayo, un magnífico monumento labrado en granito, con su artística placa de bronce, a la memoria del eminente maestro.
La comisión directiva de dicho comité, así como todos sus asociados, en general, están preparando grandes fiestas a beneficio del proyecto en cuestión, que se realizarán en el próximo mes de noviembre. (…)
Nuestro representante en Bayo, (que es, a la vez, corresponsal de ALBORADA), don Modesto Veloso, nos comunica que el pueblo de Bayo está todo contentísimo al enterarse de la obra tan loable que se está realizando, y viene a la memoria de todos el recuerdo de aquel espíritu eminente que sacrificó su existencia en beneficio de todos cuantos hemos tenido la suerte de llegar hasta él, para lo cual están todos dispuestos a colaborar con nosotros, a medida de su esfuerzo, como premio a la labor sin igual de tan abnegado maestro.

En decembro (Alborada n.º 59) dáse unha lista dos socios baieses que xa cotizaron en beneficio do Comité de Homenaxe:

José Collazo Martínez, Manuel García Gómez, Francisco Rial Rego, Manuel Pereyra Esmorís, Ramón Pereyra Esmorís, Eliseo Collazo Rojo, José María Martínez Torrado, Agustín Martínez Torrado, Manuel Veloso Pardo, Manuel Pardo Gómez, Jesús Espasandín Pose, Andrés Varela Muñiz, Baltasar Martínez Torrado, Manuel Valiña Fernández, José Fachal, Ramón Santos Rial, Perfecto Fuentes Gómez, José Romar Lema, Modesto Bermúdez López, Daniel Rojo, Manuel Lema García, José Reymúndez Tasende, Ramón A. Martínez, Ramón Astray Vidal, Octavio García, Alfredo Pereyra Esmorís, Manuel Cardezo, Manuel Bermúdez Espasandín, José Añón, Ramón Pardo Gómez, Manuel Romero Carballo, Santiago Fachal, Evaristo Valiña, Andrés García Rojo, José Allo Abella, Ramón Mato, Manuel Trillo Rojo, Manuel Espasandín Pose.

Ata mediados de 1931 (Alborada nº 66) non sabemos máis do Comité. Agora infórmase que conta coa suma de 500 pesos arxentinos no Banco Español del Río de la Plata. Por Modesto Veloso sabemos que “ha sido designado el lugar destinado a levantarse en él, el monumento a la memoria de don José Agra Regueiro. Dicho lugar, es el situado en la parte Sur de la casa que habitaba el señor Agra, denominado ‘O Campo da Taberna’, distante del puente de Bayo aproximadamente 150 metros”. Así mesmo dise que os nomes e apelidos dos asociados do Comité serán estampados na lámina de bronce que se remitirá a Baio; a placa será colocada en lugar visible.
A comezos de 1932 xa se di que contan cunha suma de 700 pesos arxentinos no Banco Español e vólvense publicar os nomes dos socios cos que conta agora o Comité, que con respecto á lista que publicamos de finais de 1930 ten as baixas de Agustín Martínez Torrado, Andrés Varela Muñiz, Santiago Fachal e Manuel Espasandín Pose; e as altas de Manuel Gómez, Evaristo Silva, Manuel Bermúdez Outeda e Mariano Pérez.

Dun busto a unha escola

Proxecto do edificio escolar Agra Regueiro 
Nos comezos de 1932 prodúcese un cambio de obxectivo no Comité. Do proxectado busto na honra do mestre pásase á construción dunha escola que leve o seu nome. Lembremos unha vez máis que a ABC estaba a construír escolas na comarca e con tal motivo Pepe Collazo escríbelle unha carta á xunta directiva da entidade corcubionesa na que trata “sobre la conveniencia de que se haga una escuela de primeras letras en el lugar de Bayo, por ser este punto el más necesitado de la comarca, y, también, por ser esta la causal que más en cuenta ha tenido siempre la Junta Directiva de la A.B.C.” (Alborada n.º 69, xaneiro-febreiro 1932). A proposta de Collazo foi adiada pola asemblea para cando lle tocase a vez ao Concello de Zas, algo que como sabemos non chegou a realidade polo levantamento militar fascista. Pero Pepe Collazo e os seus veciños non decaeron na súa tentativa e seguiron adiante co Comité e coa idea de levantar unha escola na súa vila natal para honrar a Agra Regueiro, malia que houbo un parón motivado pola situación na que se atopaba España.
Aínda así, no 4º punto da orde do día da asemblea da ABC do 26 de decembro de 1936 dise: “Informa la J. D. aceptando la propuesta del Vocal Sr. Soto Rama, consistente en cooperar con la suma de quinientas pesetas cuando el Comité Homenaje a José Agra Regueiro haya dado comienzo a la obra que dicho Comité tiene proyectada”. En 1939 dáse a noticia de que na orde do día da asemblea do 30 de decembro figura un punto 6º que é unha subvención para a Escola Agra Regueiro proposta por Pepe Collazo.
A mediados de 1940 Xosé Collazo asina en Alborada (n.º 109, xuño-agosto) a seguinte noticia:

Dentro de breves días y a solicitud de algunos socios, el “Comité Agra Regueiro” en Buenos Aires, volverá a reanudar sus actividades con los socios que deseen seguir aportando su concurso, a fin de reunir fondos suficientes para la construcción de la Casa-Escuela, que en homenaje al eminente maestro don José Agra Regueiro, se levantará en el pueblo de Bayo. A estos efectos se celebrará de inmediato una reunión general, con los socios que gusten concurrir a la misma, en la que se levantará acta, firmada por los concurrentes, del capital existente en el Banco Español del Río de la Plata, depositado por este Comité, así como de los recibos que se hallaban al cobro cuando éste dejó de funcionar, a fin del año 1936.

Mais nos seguintes anos a actividade redúcese e apenas temos máis noticia que unhas cartas que Collazo lle manda á directiva da ABC.

O impulso definitivo para construír as escolas

Roberto Veloso, outro baiés
emigrado que xuntou os cartos
entre os seus veciños
Vai ser no comezo da década dos cincuenta cando o Comité lle dea un impulso ao seu proxecto e empece a facer unha nova recadación entre os veciños de Baio na Arxentina. En varias entrevistas co baiés Roberto Veloso, naquela época emigrado en Buenos Aires, puidemos coñecer os pormenores da nova actuación: "Para a recadación de fondos para as escolas Agra Regueiro mandoume a min o señor Pepe [Collazo] porta por porta para xuntar os cartos. Case todos os xuntei eu. Así mesmo, Modesto Blanco Pose, afillado de meu pai, e mailos seus irmáns, pobres de solemnidade, e que viñeron para a Arxentina grazas a meu pai, venderon unha leiriña a monte por 12 mil pesetas e doáronas para a construción, o que posibilitou unha boa cifra". A lista destes novos doadores está composta por:

José Fachal, Alfonso Pardo Gómez, Perfecto Vázquez, Ricardo Lema, Edelmiro Graíño, Modesto Bermúdez, José Pardo Gómez, Manuel Rey Pardo, Ángel Rey Pardo, Manuel Trillo Rojo, Manuel Rojo Gómez, José Antelo, Vicente Fachal, Andrés Vázquez, José Martínez Torrado, Manuel Ameijeiras, Gumersindo Díaz, Cándido Lema, Manuel Mira Pose, Manuel Espasandín, José Reymúndez, José Collazo, Román Silvarredonda, Antonio Santos, Roberto Veloso, Eugenio Lema, José Bermúdez Martínez, Manuel Ferreira, Francisco Fernández, Manuel Valiña, Asunción Martínez, Perfecto Varela, Matilde Valiña, Alfredo Rojo Abella, Soledad Santos, Jesús Romar, Evaristo Silvarredonda, Serafín Pérez, Perfecto López, Manuel Santos Pose, José Vieytes, Manuel Rojo Canto e Julio Gómez.

Lista de doadores que figura
nun cadro na propia escola
Esta listaxe foi enviada por Pepe Collazo e José Reimúndez a Modesto Veloso en decembro de 1954 para que fose colocada nas propias escolas, e hoxe en día aínda figura no edificio co detalle dos cartos doados por cada un deles. O total destas doazóns foi de 4.580 pesos arxentinos, que ao cambio daquela época (1 peso arxentino eran 2 pesetas), deu un total de 9.160 pesetas. A estas había que sumarlles as 5.750 pesetas que se recadaran nos anos trinta, as 12 mil pesetas doadas polos irmáns Blanco Pose, e unha última achega de cadansúas 500 pesetas por parte de Francisco Rial Rego, José Abella e de Elvira, Eliseo, Lucinda e Carmen Collazo Rojo, fillos estes catro de Pepe Collazo. A suma definitiva chegou ás 30.910 pesetas.
Os cartos enviáronse a Baio a mediados de 1953 a través do empresario vimiancés Perfecto López, quen tamén doara unha cantidade para o Comité, e puxéronse “a disposición de la Comisión del Colegio que preside nuestro buen amigo Don Juan Astray Vidal, Cura Párroco de aquella parroquia de nuestro recuerdo” segundo lemos na carta enviada por Collazo e Reimúndez a Roberto Veloso en xaneiro de 1954 [gardada no Arquivo de Roberto Veloso]. Para completar o necesario para a construción da escola, cóntanos Roberto Veloso, que foi necesario vender os mellores anacos dun monte en man común da xente de Baio. A única axuda do Estado vai ser unha subvención posterior de 50.000 pesetas para libros e material escolar enviada persoalmente polo Ministro de Educación, D. Joaquín Ruíz-Giménez, amigo íntimo do arcebispo baiés, D. Maximino Romero Lema. Este, anos máis tarde, conta a sorpresa dos seus veciños diante dese regalo, e preguntáronlle qué facían cos cartos, ao que lles respondeu Don Maximino que os gastasen de inmediato (tirado de Domínguez/Lema: inédito).
Inauguración das Escolas, cos asistentes facendo o saúdo fascista
Pero o labor do Comité non parou aquí, senón que antes de que se rematase a escola, xa estaban xuntando cartos na Arxentina para novas doazóns para Baio. En xaneiro de 1954, Pepe Collazo e José Reymúndez envíanlles unha carta a todos os baieses membros do Comité de Homenaxe, na que sinalan:

Para útiles de este grupo escolar construído en el Campo de Rollo (uno de los más soberbios de la Provincia) y que a pedido de los residentes de Bayo en Buenos Aires, llevará el nombre de Don José Agra Regueiro perpetuamente, hemos remitido a Bayo y puesto a disposición de la comisión respectiva la bonita suma de 6.750 pesetas.

E non remata aquí, pois comezan agora:

Una donación para la compra de un reloj de campana, que será colocado sobre los altos del edificio escolar, cuyo toque de las horas se hará sentir en todo el pueblo de Bayo y sus alrededores. (…)
También a pedido de la comisión de Bayo, se hará firmar por todos los donantes un álbum en pergamino que será exhibido al público, presentado y publicado en el Campo del Rollo el día de la inauguración.
Asimismo se leerán allí ese día solemne los discursos que serán remitidos por el comité de Buenos Aires.
También figurarán en otro pergamino que será exhibido públicamente, los integrantes del Comité Homenaje a Don José Agra Regueiro, con una nota de los fallecidos.

Outra imaxe do día da inauguración das Escolas
Tamén se lembraron da promesa feita pola ABC e así vemos que na asemblea do 31 de xullo de 1954 hai unha notificación por parte do secretario do “Comité de Homenaje a D. José Agra Regueiro”, é dicir, Pepe Collazo, solicitando o cumprimento dunha resolución da Asemblea Xeral Ordinaria de decembro de 1936, na que se votara a axuda de 500 pesetas con destino ao devandito Comité. A ABC cumpriu coa súa palabra e doou as pesetas prometidas.
Na circular que vai ser enviada en decembro de 1954 (acompañando a lista de doadores) infórmase tamén que quen queira saber da exactitude das contas pode dirixirse a Don Juan Astray, cura de Baio, como responsable da Comisión do Colexio; e que ademais:

Hacemos público que se hallan en caja (para una segunda colecta que contribuirán los que todavía no lo hicieron) la suma de cien pesos, donación de Alfredo Caamaño. También en poder de la vieja tesorería, de la que es tesorero Manuel García Gómez, está la cantidad de diecinueve pesos.
Hacemos a la vez presente a nuestros donantes y amigos, que los gastos del pergamino, costo de los dibujos, letras, dietas de transporte, estampillas de correo, impresión de circulares, que suman arriba de setecientos pesos, fueron costeados por José Reymúndez y José Collazo Martínez.
Damos aquí también los nombres de los fallecidos que han aportado su concurso al Comité formado el año 1930. Son como siguen: Mariano Pérez, José Añón, Ramón Mato y Andrés García Rojo.

Finalmente as escolas foron inauguradas o 27 de xuño de 1954. Na súa fachada, para orgullo de todos, aparece a seguinte inscrición: “Escuelas Agra Regueiro. Costeadas por el pueblo”. Deste xeito lle relataba Modesto Veloso o acto de inauguración ao seu fillo Roberto (carta de Modesto a Roberto Veloso, con data 3·7·1954, gardada no Arquivo deste último):

Fue algo grandioso y emocionante cual corresponde a la finalidad de aquella hermosa obra, que causó la admiración de las autoridades y de la concurrencia que la presenció.
Asistieron el Señor Gobernador Civil y el Presidente de la Diputación, con otras significadas personas que desde La Coruña les acompañaron; y también las autoridades Municipales y los maestros de varias parroquias. La concurrencia de público fue también numerosísima.
Hubo discursos que pronunciaron las autoridades; y por el maestro Señor Platas se dió lectura a los de Eliseo Collazo y de José Reymúndez, que me remitió el señor Pepe, los que fueron premiados con una prolongada salva de aplausos, dándose vivas a sus autores y a los ex-alumnos de D. José Agra Regueiro residentes en esa República por sus aportaciones en beneficio de aquella obra tan meritoria en cuya fachada figura el nombre del que en vida se llamó D. José Agra Regueiro, maestro de este pueblo.

Tamén La Voz de Galicia (29·6·1954, p.5) se facía eco desta inauguración baixo o titular “El gobernador civil inauguró el domingo un magnífico grupo escolar en Bayo. Ha sido costeado por todos los vecinos, y su importe se eleva al medio millón de pesetas”:

Bayo vivió el domingo una emotiva jornada con motivo de la inauguración de un magnífico grupo escolar. Para asistir al acto se trasladaron desde La Coruña, el gobernador civil y jefe provincial del Movimiento, D. Cristóbal Graciá Martínez, y el presidente de la Diputación Provincial, D. Diego Delicado Marañón, así como numerosos invitados coruñeses, antiguos residentes en el próspero pueblo de Bayo.
Al mediodía se celebró una misa de campaña ante el grupo escolar, que fue oficiada por el cura párroco, D. Juan Astray.
Noticia de La Voz de Galicia
Poco después de las seis de la tarde hicieron su entrada en Bayo el gobernador civil de la provincia y el presidente de la Diputación, que eran esperados por el alcalde y secretario del Ayuntamiento de Zas; alcalde de Vimianzo y por el jefe comarcal de Vimianzo, así como por el maestro nacional, D. Antonio Platas; el cura párroco, señor Astray, y por numerosos convecinos, que vitorearon la llegada de las autoridades. (…)
Las citadas autoridades recorrieron los diversos departamentos de las escuelas y casa-habitación para los maestros, elogiando la obra, magníficamente lograda. Poco después, el cura párroco, D. Juan Astray, bendijo el grupo, denominado “Escuelas Populares Agra Regueiro”, y seguidamente se izó por primera vez en su fachada la bandera nacional.
A continuación hizo uso de la palabra el maestro de la localidad, D. Antonio Platas, quien pronunció unas palabras alusivas al acto que se celebraba, y dando lectura a dos escritos enviados desde la Argentina por D. José Reimúndez y D. Eliseo Collazo, rebosantes de afecto hacia su pueblo natal y dedicando cariñosos párrafos a la memoria del que fue maestro –cuyo nombre lleva hoy el grupo inaugurado- D. José Agra Regueiro. Dió lectura asimismo a una carta de doña Aurora Blanco Romero, viuda de Agra, en la que expresa su profundo agradecimiento a todos por el homenaje que se le tributa a su difunto esposo, y lamentando no poder asistir al acto por lo delicado de su salud y hacía constar que delegaba en sus hijos D. José, D. Marcial y D. Alfredo Agra Blanco presentes en el acto.
Habló luego el cura párroco, don Juan Astray, quien agradeció la presencia de las autoridades en tan emotivo acto, y a renglón seguido, un niño de Bayo dió lectura a un poema alusivo a la figura de don José Agra Regueiro.
Finalmente, el gobernador civil, Sr. Graciá Martínez, se dirigió a los presentes, en emocionadas frases exhortando a todos a que siguieran el camino emprendido en favor de la enseñanza. Dedicó frases de elogio a los niños de Bayo y a la juventud en general, de la que tanto espera la Patria. Antes de terminar dió lectura a un telegrama del Ministerio de Educación concediendo 50.000 pesetas para material escolar.
El grupo escolar de Bayo “Agra Regueiro” consta de dos aulas, con capacidad para más de cincuenta alumnos cada una; casa-habitación para los maestros, dotadas con todas las comodidades. El importe total de la obra ha sido de más de medio millón de pesetas y fue costeada por el vecindario de Bayo y por algunos residentes en América.
Motivó la construcción de grupo recién inaugurado, la clausura de la escuela de niños por falta de local. Los vecinos de Bayo acordaron formar una Comisión, integrada por el párroco, señor Astray; D. Antonio Platas, D. Alfredo Agra, D. Braulio Astray y don Ramón Reimúndez, que llevaron a feliz término las obras.
Todos los vecinos colaboraron activamente, en la medida de sus posibilidades, para la consecución de la obra. Merecen, sin embargo, especial mención, los residentes en América, D. Eliseo, Elvira, Lucinda y Carmen Collazo, D. José Avella, D. Francisco Rial Rego, el “Comité Agra”, los hermanos Modesto, Manuel, Gumersinda y Encarnación Blanco; la Caja de Ahorros y Monte de Piedad de La Coruña; el Ayuntamiento de Zas, y don Jesús Corval, juez comarcal del partido judicial.

Vista de Baio desde o Campo da Feira sobre 1965.
As Escolas Agra Regueiro presiden a paisaxe baiesa.
As Escolas Agra Regueiro prestaron o seu servizo ata os anos noventa do pasado século, pois aínda que en 1972 se inaugurou o centro escolar “Labarta Pose”, a falta de espazo nel fixo que se usasen as “escolas vellas”, como pasaron a ser coñecidas, durante varios anos máis. Hoxe en día, as escolas “Agra Regueiro” son propiedade da Asociación de Veciños Tabeirón. No ano 1995 fíxose un proxecto para a instalación do reloxo de campá que anunciaran os nosos emigrados, e que agora sufragaba por completo Roberto Veloso (falaba dunha cifra próxima ao millón de pesetas). Habería que agardar a 2012, xa morto o propio Roberto, para a súa colocación; e no 2018 foi retirado da fachada o escudo franquista que se viran obrigados a colocar os baieses, para desgusto dos seus veciños na América. Actualmente o edificio alberga o centro de saúde e a Biblioteca “Roberto Veloso - Carmen Balboa”, doada polo matrimonio á Asociación de Veciños, e que conta con importante material da nosa emigración na Arxentina.

Bibliografía:

- DOMÍNGUEZ RIAL, Evaristo / LEMA SUÁREZ, Xosé Mª: O Concello de Zas, na Terra de Soneira, inédito.
- REI LEMA, Xosé Mª: Pepe Collazo. Obra poética; inédito.
- __________ (2018): Perfecto López, un vimiancés na Galiza ideal; Vigo: Galaxia.
- ROMERO LEMA, Francisco (1970): Bayo en el siglo XX; inédito.