O
pasado 8 de febreiro fixéronse os 75 anos da morte de Matías
Escariz, un dos nosos poetas máis prolíficos e tamén dos máis
descoñecidos. A pesar de que xa fora reivindicado hai tempo por Miro Villar (La Voz de Galicia, 14-8-1992) ou Modesto Fraga (La Voz de Galicia, 16 de outubro de 1996), este crego "fisterrán"
continúa no esquecemento e a súa obra espallada por revistas e
xornais. Aproveitando esta data significativa dos 75 anos da súa
desaparición, imos botar un pouco de luz sobre a súa figura.
Matías María Escariz Méndez naceu
o 12 de decembro de 1881 en Buenos Aires, na emigración na que
casaran seus pais. El, Francisco Escariz Canosa, natural de Denle, na
parroquia fisterrá de San Vicente de Duio, o menor de seis irmáns
dunha familia con fondas raíces nesta freguesía: seu avó paterno era natural tamén de Denle, e a avoa procedía de San Salvador. Súa nai, María Méndez
Gundín, orixinaria do lugar da Catuxa, da parroquia de Santiago de
Arteixo, era tamén a menor dos cinco irmáns desta familia con orixes en
varias parroquias arteixás. Con pouco máis de cinco anos, o pequeno
Matías vén para Galicia con seus pais: o 10 de abril de 1887
desembarca no porto de Vigo o vapor "Graf Bismarck" que os
trae. Aséntanse na vila de Corcubión, onde a familia Escariz Méndez
recibe a chegada de Josefa Francisca o 27 de febreiro de 1890, mais a
alegría dura pouco e o 6 de maio dese mesmo ano falece a pequena.
Igrexa de Santa Locadia de Frixe por volta de 1930 [Foto: Boletín de la SAyC del Distrito de Mugía 10, 31-5-1930] |
Asilo dos Desamparados en Betanzos, construído a expensas dos irmáns García Naveira, no que Escariz estivo de capelán |
O noso protagonista xa mozo vai ir
para Santiago cursar a carreira eclesiástica. Expedíronlle o título
de tonsurado en decembro de 1903, o de subdiácono en xaneiro de 1906
e o de diácono en abril deste ano. O 20 de xuño de 1906 é nomeado
ecónomo de San Xoán de Bardullas e unidos. O 26 de outubro toma
posesión desta parroquia muxiá, xunto coas de Santiso de Vuiturón
e Santa Locadia de Frixe. Aquí vai estar ata que a comezos de 1914 é
destinado ao concello da Estrada, en concreto a Santa Cristina de
Vea. Sete anos botou nela ata que volve á súa terra, pois en
febreiro de 1921 destínano ás parroquias de San Vicente e de San
Martiño de Duio, onde desenvolvería unha ampla actividade, que
mesmo traspasou fronteiras (foi socio das entidades bonaerenses "ABC
de Corcubión" e "Finisterre en América"), e foi aquí onde comezaría
a súa produción literaria. Tivo que abandonar as parroquias
fisterrás por supostos "problemas veciñais" e vai ir para
Santiago de Compostela en outubro de 1930, como capelán do Asilo das Oblatas, no barrio do Carme. A
pesar de que estivo menos de dous anos na cidade compostelá, a súa
actividade foi moi intensa, tanto relixiosamente (foi nomeado
Cronista da Orde Terciaria dos Franciscanos) coma no campo literario.
En xuño de 1932 envíano para Betanzos, como capelán do "Asilo
de Ancianos Desamparados García Hermanos", no que vai estar ata que
volve á súa comarca. A súa marcha de Betanzos supuxo tamén o final da súa produción poética (cunha única excepción, que veremos). A Guerra Civil colleuno como ecónomo de San
Cibrán de Vilastose, en Muxía, pero en 1940 xa estaba de novo nas
Mariñas, pois aparece como capelán das monxas de Meirás (Sada),
onde nese mesmo verán oficia unha misa á que asiste Carmencita
Franco. Aquí botou polo menos dous anos, ata que nos sorprende a súa
presenza como capelán da "Comunidad de Hijas de Nuestra Señora"
de Cangas do Morrazo no momento da súa morte, o 8 de febreiro de
1945.
Vida Gallega 424, 10-9-1929 |
Este percorrido pola súa
traxectoria profesional como sacerdote vai ter moita importancia
tamén no campo literario, pois boa parte da súa produción reflicte
os lugares nos que habitou. Como dixemos foi un autor moi prolífico,
pois del temos constancia da publicación de 150 poemas, dos que 104
son en galego e 46 en castelán, ademais de tres contos breves en
galego. E todo nun espazo de pouco máis de sete anos, pois as
primeiras referencias son de 1928, cando comeza a publicar na revista
bonaerense Finisterre,
voceiro da asociación de emigrantes fisterráns.
Vai ser a mediados do ano 1929 cando inicia a colaboración na súa publicación de cabeceira, o xornal El Compostelano.
No desaparecido medio santiagués vai editar
un total de 127 poemas (catro deles repetidos),
dos cales 86
son en galego e 41 en castelán. Eses 86
poemas en galego convérteno no autor que máis poemas publicou na
nosa lingua neste xornal entre 1925 e 1936, segundo os
datos que
ofrece Xulia Marqués no seu
libro A Literatura galega no xornal El Compostelano
(1920-1946), no que tamén
elabora unha pequena biografía de Matías Escariz. A colaboración
con este periódico foi ininterrompida ata marzo de 1935. Con
todo, en 1941 aparecería un
poema titulado "A Galicia (O
derradeiro Adiós de Pérez Lugín)"
coa
seguinte anotación: "Optó al premio Pérez Lugín"
-galardón creado pola Asociación da Prensa da Coruña para premiar
o mellor traballo literario que enxalzase a Galicia-, pero que non
era senón unha versión dun
anterior titulado "O derradeiro adiós de Murguía".
En El Compostelano
tamén publicaría
entre 1931 e 1934 outros escritos en
castelán referidos a
cuestións relixiosas, moitos deles agrupados baixo os títulos
xenéricos de "Carta
a un Terciario Franciscano" ou "Carta a un infiel".
Betanzos. Centro Cultural Betanzos, 1935. Este poema recompilouno Torres Regueiro en Betanzos na voz dos poetas |
Vida Gallega 444, 31-3-1930 |
Vida Gallega 584, 20-2-1934 |
El Compostelano, 6-4-1932 |