No herbal azur do ceo

No herbal azur do ceo
Foto: Roberto Mouzo

16 de outubro de 2015

JOSÉ LÓPEZ PÉREZ, UN SONEIRÁN PRESIDENTE DO CENTRO GALEGO DA HABANA



José López Pérez naceu accidentalmente en Madrid en novembro de 1872, por culpa dun traslado laboral de seu pai. Este dato, que podería ser anecdótico, terá moita importancia no futuro como logo veremos. Seu pai, José López Núñez, natural do lugar de Artón (Vilar-Zas), era sarxento do exército español, motivo polo cal tivo que trasladarse da Coruña a Madrid. Súa nai, Claudia Pérez, era natural de San Martiño de Valongo (na comarca do Ribeiro), mais da liñaxe vasca dos Eguía (era sobriña de Nazario Eguía, Capitán Xeneral de Galicia nomeado por Fernando VII, que despois se adheriu á causa carlista).
Aos tres meses de nacer López Pérez, seu pai é destinado a Cuba. Ano e medio despois chegarán á illa caribeña súa nai e mais el. En pouco tempo produciranse unha serie de fatalidades ao seu redor. Aos catro días da estancia en Cuba morre súa nai (8-6-1874). Con dous anos e medio, seu pai mándao para a casa da avoa paterna en Artón, pero cando ten seis anos mórrelle súa avoa. Seu pai envíao logo coa avoa materna a Avilés, pera esta morre en menos dun ano, polo que volve cunha tía para La Habana. Aos seis meses morre esta tía que o amadriñaba. Por se era pouco, seu pai perde o traballo no Arsenal e ten que traballar de peón de albanel. López Pérez tiña sete anos.
Segundo nos conta Xosé Baña, foi ao colexio municipal e mereceu o premio único que cada escola lle dá ao alumno máis aplicado. Con 17 anos empezou a dar clases en colexios particulares e asiste a clases de segunda ensinanza no instituto. Despois faría a carreira de Dereito, chegando a ser un dos avogados de máis sona da illa.
En 1894 López Pérez ocupa o cargo de secretario da sección de Instrución do Centro Galego de La Habana, no que estaría ata 1899, cando é nomeado presidente desa sección. Como tal, estableceu as clases diurnas gratuítas para os fillos dos socios. Pouco a pouco foi medrando dentro da grande institución mutualista. Ocupou o posto de vogal da xunta directiva nos anos 1895-1899, 1901 e 1902. En 1903 é nomeado Secretario do Centro Galego e presidente da sección de Fomento. Aquí tomou unha das medidas máis importantes para os nosos emigrantes, como foi a de que o Centro acollese a todos os emigrantes que chegaban á illa. Isto vén provocado porque todos aqueles que chegaban a Cuba e non eran reclamados por familiares ou amigos eran destinados a un campamento, o de Triscornia, no que vivían en condicións infrahumanas e realizaban os traballos máis duros (Un bo exemplo disto dánolo Xosé Lesta Meis na súa novela Manecho o da rúa). Coa medida de López Pérez de inscribilos como socios do Centro antes de embarcar, nada máis chegar a Cuba os nosos emigrantes eran libres para buscar o traballo que quixesen. Por outra banda, como presidente da "Sección de Fomento y Protección al Trabajo" presentou unhas bases para a creación dunha caixa de aforros, iniciativa que foi levada a cabo en 1906 coa constitución da "Caja de Ahorros de los socios del Centro Gallego", que co tempo deu lugar á poderosa "Caja de Ahorros y Banco Gallego".
"Caja de Ahorros y Banco Gallego" de La Habana
En marzo de 1904 créase "La Peña Gallega", entidade constituída por 25 membros entre os que figura López Pérez, a carón de Fontenla Leal, Chané, Plácido Lugrís, Ángel Barros, sendo Curros Enríquez o seu "presidente honorario e único". Desta peña vai nacer a idea da creación da "Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega" en abril de 1905. Nesta, López Pérez vai ocupar o posto de vogal, cargo que obstentará na comisión encargada de redactar os seus estatutos. Cando se cree a Academia Galega en 1906 na Coruña, José López Pérez vai ser nomeado académico correspondente. Tamén será relator do Regulamento da Sección de Propaganda da Academia.
Logo de catro anos como secretario, en 1907 é elixido por unanimidade presidente do Centro Galego de La Habana. Pero a súa elección provocou un dos máis importantes conflitos na historia da entidade, como foi o ataque furibundo de Curros Enríquez, socio honorario do Centro, contra os emigrantes galegos pola escolla do soneirán. Baña Pose, amigo dos dous, explica a postura do vate: "el día que elegimos al señor López Pérez para Presidente se dio de baja, sólo porque López Pérez había nacido accidentalmente en Madrid, como si uno naciera donde le da la gana". A polémica tivo o seu punto álxido coa lectura por parte do celanovés do seu poema "A espiña" nun acto do Centro Galego, no que atacaba aos socios en versos coma estes: "¡Non terei por presidente / a quen non nacer gallego!". Pola contra, Ángel Barros, vicepresidente da Asociación Iniciadora e Protectora da Academia, no seu discurso de benvida ao novo presidente, fai a seguinte semblanza: "La cualidad en el sobresaliente / es que cifra su orgullo y delicia, / en amar a su padre y a Galicia".
Non obstante, López Pérez nunca lle gardou rancor a Curros, e logo da morte do poeta (7-3-1908), el vai ser o encargado de acompañar o seu cadaleito ata A Coruña, a onde chegarán o 1 de abril. Virá acompañado de seu pai, ademais de Castro Chané e do escritor Nan de Allariz, correndo el con todos os gastos. O enterro de Curros foi un dos acontecementos máis importantes da historia da Coruña, pois durou varios días e mobilizou moitísima xente. O día 3 celebrouse unha velada necrolóxica na Casa do Concello, na que López Pérez estivo acompañado, entre outros, por Filomena Dato, Manuel Lugrís Freire, Manuel Murguía, Carré, Linares Rivas ou Cabeza de León. A súa intervención, aclamada varios minutos, pechou o acto. Dous días despois celebrouse un banquete de homenaxe a López Pérez e ao Centro Galego por parte da "Reunión de Artesanos", ao que acudiron as principais personalidades coruñesas da época.
Aproveitando a súa estadía en Galicia decide ir, na compaña de seu pai, visitar Artón, onde "se prepara un entusiasta recibimiento", segundo lemos nas páxinas de La Voz de Galicia do 8 de abril. Neste mesmo xornal, comprobamos que en vez de volver para Cuba o día 21 como tiña previsto, decide prolongar a volta ata o mes de outubro e aproveitar para facer unha viaxe por distintas poboacións de Galicia, por Madrid, Barcelona, París "y otras capitales extranjeras". Significativa foi a homenaxe que lle tributou o Centro Galego de Madrid o 5 de maio, e espléndidas as recepcións que lle tributaban algunhas das cidades e vilas galegas (Mondoñedo, Viveiro, Santiago de Compostela, Pontevedra, Mondariz...). Ao final marchou no mes de agosto da Coruña, e na súa despedida estiveron o alcalde da Coruña e varios concelleiros, membros da Liga de Amigos, da Reunión de Artesanos, da Academia Galega e da Asociación de Periodistas. Se brillante foi a súa marcha de Galicia, non menos o foi a súa chegada a Cuba, que tivo lugar o 2 de setembro, pois segundo relata a crónica do Galicia (Madrid, 1-10-1908) "en varios barcos engalanados le recibieron las comisiones y gran número de socios del Centro, quienes le ofrecieron un banquete que revistió extrema brillantez, pronunciándose numerosos y patrióticos brindis".

Momento do acto de escritura do Teatro Nacional por
parte do Centro Galego de La Habana. López Pérez é
o primeiro pola dereita, de pé.
Pero a súa actuación como presidente tivo como feito subliñable a compra do edificio do Gran Teatro Nacional (ou Gran Teatro Tacón, como era coñecido por ser propiedade da Tacón Realty Company), coas construcións anexas, para Pazo Social do Centro Galego (un terreo de 4.777'91 metros cadrados). A sinatura desta adquisición tivo lugar o 10 de xaneiro de 1906, e o custe foi de 525 mil pesos, aos que haberá que sumar os 800 mil que presupostan para a súa reforma. Na Memoria do Centro de 1906 dise que "ningún suceso, después de la fundación de la Sociedad, ha tenido tanta importancia para la Colonia, como la compra del Gran Teatro Nacional, y edificios anexos que constituyen la manzana en que está enclavado". Os historiadores cubanos Janet Iglesias e Javiher Gutiérrez subliñan a importancia que tivo para os galegos a compra do Teatro, "un símbolo de la nación", o que lles fai preguntarse: "¿quiénes perdieron la guerra?". O 8 de decembro tivo lugar a colocación da primeira pedra, que chegou desde as canteiras de Parga (Guitiriz), e actuou como madriña do acto a esposa de López Pérez, Ramona García de Villalta. Estiveron presentes, entre outras autoridades, o alcalde e o bispo de La Habana, e a gran banda municipal interpretou a Alborada de Veiga. Posteriormente asinouse a escritura de Cumprimento de Condición Resolutoria da adquisición o 28 de decembro de 1907. A inauguración do Palacio tivo lugar en 1913 e a do Teatro en 1915, xa co noso protagonista fóra da presidencia do Centro. Polo seu traballo a prol do Centro Galego, José López Pérez obtivo a distinción de "Socio de Honor" o 10 de outubro de 1895, foi nomeado "Socio de Mérito" o 19 de xullo de 1906, e a Xunta Xeral outorgoulle o 13 de decembro de 1908 a condición de "Presidente de Honor".

Bibliografía:

  • Apuntes para la Historia del Centro Gallego de La Habana de 1879 a 1909; La Habana: Impr. de El Avisador Comercial, 1909.
  • Baña, Pepe de Xan (1921): Vindicación, vida e milagros de Pepe de Xan Baña en trinta anos de Cuba, La Habana: Impr. La Universal.
  • Barros, Ángel (1907): "Discurso de D. Ángel Barros", Boletín de la Real Academia Gallega nº 13 e 14, A Coruña, 20 de xuño e 20 de xullo, pp. 3-7 e 27-30.
  • El "Centro Gallego" en su cuadragésimo aniversario; La Habana, 1919.
  • Iglesias Cruz, Janet / Gutiérrez Fort, Javiher (2007): "Escuchando el rumor de los pinos desde Cuba", en Cagiao, Pilar / Guerra, Sergio (eds.): De raíz profunda. Galicia y lo gallego en Cuba, Santiago de Compostela: USC / Xunta de Galicia, pp. 63-88. 
  • Lema Suárez, Xosé Mª (1995): "Un soneirán de corazón", La Voz de Galicia, Carballo, 31 de xaneiro, p. 34.
  • Lema Suárez, Xosé Mª (coord.) (2010): A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte, Vigo: Xerais.
  • Oreiro Pensado, Xesús (1998): "Crónica actual da morte de Curros", A Nosa Terra. A Nosa Historia nº 14, Vigo, pp. 44-51.
  • Rei Lema, Xosé Mª (2005): As historias de Pepe de Xan Baña. A obra de Xosé Baña Pose, Santa Comba: tresCtres.
  • Rei Lema, Xosé Mª (2006): "Un soneirán na creación da Real Academia Galega", La Voz de Galicia, Carballo, 13 de maio, p. 14.

Ningún comentario:

Publicar un comentario