No herbal azur do ceo

No herbal azur do ceo
Foto: Roberto Mouzo

15 de outubro de 2015

ANSELMO VILLAR AMIGO, EMPRESARIO, POLÍTICO E FILÁNTROPO MALPICÁN

Anselmo Villar Amigo naceu na vila de Malpica o 2 de decembro de 1950, sendo o terceiro dos seis fillos que tivo o matrimonio de Ramón Villar, secretario municipal, e Fermina Amigo, tamén eles malpicáns. Con 12 anos Anselmo emigra á Arxentina reclamado por un seu tío, Francisco Villar Carracedo, crego na parroquia de El Socorro. Comeza a traballar na empresa dos irmáns Hueyo, dedicada á importación e exportación de tecidos. A súa progresión foi meteórica, e cando un dos irmáns faleceu nun accidente, Anselmo converteuse en socio da nova sociedade comercial, "Hueyo y Villar", que duraría ata finais de 1897. O seu bo facer fixo que gañase crédito entre o empresariado bonaerense, o que o levou a formar parte da "Cámara de Comercio de la Bolsa", ocupando o posto de presidente en 1895. En 1902 vai ser un dos socios fundadores da empresa de fundición e laminación de ferro e de aceiro "La Cantábrica S.A.", da que chegou a ser presidente do seu directorio. Tamén foi un dos socios da maior fábrica de bolsas da Arxentina, "La Primitiva", e introduciuse no mundo financeiro como accionista do "Banco Español del Río de la Plata", un dos máis importantes da época pois a través del os emigrantes remesaban o diñeiro cara aos seus lugares de orixe. 
Xa desde ben cedo demostrou Anselmo Villar a súa paixón pola política, o que o levará a formar parte tanto da vida política arxentina coma da española. Sendo aínda mozo participara na guerra arxentina-paraguaia (1865-1870) como voluntario asistindo os feridos. Politicamente Villar simpatizou co Partido Nacional de Bartolomé Mitre, e chegou a ser un dos seus homes de confianza, a pesar de non ter a nacionalidade arxentina. Mesmo participou na revolución mitrista de 1874 que intentou derrocar sen éxito o presidente Nicolás Avellaneda. Con posterioridade formou parte do Consello Escolar e da Comisión de Hixiene de varias xurisdicións bonaerenses. En maio de 1905 Anselmo foi nomeado polo presidente da nación, Manuel Quintana, membro do "Comisión Municipal de Buenos Aires", máxima representación pública á que podía aspirar un estranxeiro, coa honra de ser o primeiro español que ostentaba tal cargo. Aínda que non volveu ocupar postos de relevancia, mantivo estreita colaboración co presidente arxentino elixido en 1910, o seu amigo Roque Sáenz Peña.
Anselmo con Bartolomé Mitre, 2º e 1º pola dereita
Polo que respecta á política española, Anselmo era un monárquico afervoado, grande admirador de Afonso XIII e da súa nai, a raíña rexente María Cristina, que o recibiron en audiencia en varias ocasións. Pero a súa actividade política propiamente dita iníciase en 1905, cando é proclamado candidato a Cortes polo partido xudicial de Corcubión formando parte do Partido Liberal (en concreto, da facción monterista). A loita electoral co seu rival, o conservador Ramón Sanjurjo, foi encarnizada e motivo de grandes desputas, que chegaron a ser moi violentas. As eleccións do 10 de setembro deron como vencedor a Sanjurjo (3.761 votos fronte a 3.568), das máis de dez mil persoas que tiñan dereito a voto nos dez concellos do distrito (os oito actuais máis Laxe e Ponteceso). La Voz de Galicia, máximo defensor dos intereses monteristas, denunciou o "pucheirazo" que se producira nos concellos de Muxía e Camariñas. As protestas, as manifestacións e incluso os actos vandálicos sucedéronse polo distrito nos seguintes meses. Os monteristas corcubioneses, con Plácido Castro á cabeza, impugnaron as eleccións, pero foi proclamado deputado Sanjurjo. Logo de continuos litixios déronlles a razón e Anselmo Villar foi nomeado deputado o 22 de xaneiro de 1907, mais como a lexislatura remataba en marzo non chegou a xurar o cargo.
Non participará nestas eleccións de 1907, nin tampouco nas vindeiras de 1909 e 1911, mais unha reestruturación nas filas monteristas vai cambiar a súa situación. O movemento de pezas da familia Montero Ríos, deixa vacante a praza de deputado do distrito de Muros, polo que se convocan unhas eleccións parciais o 11 de xuño, nas que Anselmo Villar vai ser o candidato dos monteristas fronte ao conservador José Varela. Mais era un trámite pois era este un distrito "enfeudado" de Montero, é dicir, as eleccións estaban completamente aseguradas pola rede clientelar do vello político compostelán. O 17 de xuño Anselmo é proclamado deputado e o 19 xa presta xuramento. Ocupou o posto ata o final da lexislatura, o 2 de xaneiro de 1914.
Á parte dos ámbitos empresarial e político, hai un terceiro que foi tan importante coma os dous anteriores. Estamos a falar do seu labor social e filantrópico. En 1876 forma parte da directiva da Asociación Española de Socorros Mutuos (AESM) de Buenos Aires, a maior entidade mutualista da colectividade española emigrada ata que en 1930 se verá superada polo Centro Galego. Anselmo ocupou distintos postos na súa directiva (vogal, secretario, vicepresidente) ata que en chegou a ser o seu presidente, cargo no que estivo oito anos, repartidos en dúas épocas: de 1883 a 1885 e de 1893 a 1898. En 1894 creouse  a AESM de Mulleres, na que a súa dona, Luisa Bernal, chegará a ocupar o posto de presidenta. En 1896 Anselmo foi un dos fundadores da Asociación Patriótica Española, crerada principalmente para canalizar a axuda dos emigrantes á "patria nai" para as guerras coloniais. Á parte de importantes sumas de diñeiro, a Asociación Patriótica chegou a mercar un barco acoirazado que lle foi regalado ao Exército español, que bautizaron co nome de Río de la Plata, pois tamén colaboraron algúns emigrantes do Uruguai.
Moito máis elitista que estas dúas entidades era o Club Español, sociedade creada a mediados do século XIX para reunir os elementos máis privilexiados da colectividade española. Anselmo Villar formou parte deste círculo de elite, e mesmo chegou a ser presidente do Club Español entre 1902 e 1903. Dependente desta sociedade era o Hospital Español, e del tamén foi presidente o emigrante malpicán. De feito, en 1899 regaloulle ao Hospital unha sala de operacións con todos os avances do momento. Igualmente foi un dos fundadores da sección arxentina da Cruz Vermella, sendo o seu delegado para Europa, e como tal asistiu en Londres á Conferencia Internacional da Cruz Vermella de 1907. Foi condecorado coa Gran placa de honor e diploma da Cruz Vermella Española. Polos seus méritos a favor da patria o goberno español tamén o condecorou coa Gran Cruz da Orde de Isabel a Católica en decembro de 1904.
Anselmo Villar colaborou na fundación e mantemento dalgún periódico da colectividade emigrada, como El Correo Español ou El Diario Español. Este, fundado en 1905 polo seu amigo López de Gomara, pasou por unha fonda crise que derivou na súa conversión nunha sociedade anónima, da que Villar foi un dos principais accionistas. A transformación en sociedade anónima permitiu mercar novas instalacións, e Anselmo contribuiu coa compra dunha nova rotativa.
Fonte e escola de Malpica, financiados por Anselmo Villar.
Non obstante, os actos máis salientables de Anselmo Villar foron os filantrópicos, sobre todo no seu lugar de orixe. En 1897 vai sufragar os gastos da nova fonte que construirá en Malpica, que vai ser inaugurada por todo o alto no mes de setembro. Foi a primeira traída de augas da vila. En 1900, nunha visita a Malpica, deixa 4000 pesetas para a construción dun mercado, feito que parece que se prolongou no tempo por dificultades na expropiación dos terreos. Coincidindo cunha nova viaxe á súa terra, ten lugar a colocación da primeira pedra do mercado o 13 de xuño de 1903. En setembro do ano seguinte asistirá á inauguración do mercado e tamén da rampla do porto, que permitiu un mellor acceso para os mariñeiros malpicáns, e unha apretura da vila ao mar. Polo financiamento destes avances xa fora distinguido como Fillo Predilecto da vila bergantiñá en 1901, coa entrega dunha medalla de ouro por parte dos seus veciños. Posteriormente, o edificio do mercado de abastos vai ser restaurado á conta de Anselmo para albergar nel as escolas de nenos e nenas, inauguradas en 1914, e que levarán o nome de "Grupo Escolar Villar Amigo". Tamén axudaba aos pobres da vila, e no momento da súa morte sinalará a prensa que máis de trinta familias malpicás eran socorridas por este veciño exemplar. En Buenos Aires realizaba igualmente un labor caritativo, pois tiña por costume todos os 25 de maio, día da patria arxentina, aboar distintas contas do Banco Municipal de Préstamos en favor dos pobres que tiñan alí os seus bens empeñados.
Anselmo Villar viaxaba a cada pouco por Europa acompañado da súa familia, e sempre tiña uns días para achegarse a Malpica. E moitos malpicáns fixeron fortuna na Arxentina grazas á súa asistencia, pois non dubidaba en axudalos dándolles traballo e apoiándoos nos seus primeiros pasos como fixeran con el cando chegara a ese país sendo case un neno.
Anselmo Villar Amigo faleceu en Buenos Aires o 10 de maio de 1918 a causa dunha artrite crónica. No seu testamento deixou unha importante suma para os máis necesitados da súa vila natal. Del díxo Martínez Morás que era "un gallego argentinizado y el español más conocido en Buenos Aires".

Bibliografía:

  • Cristóforis, Nadia Andrea de (2009): "Un malpicán na política e na empresa riopratense", en Carmona Badía, Xoán (coord.): Empresarios de Galicia. Volume 2, A Coruña: Fundación Caixa Galicia, pp. 222-249.
  • García Sebastiani, Marcela (2004): "Crear identidades y proyectar políticas de España en la Argentina en tiempos de transformación del liberalismo. El Diario Español de Buenos Aires (1905-1912)", Estudios Migratorios Latinoamericanos nº 55, decembro, pp. 525-554.
  • García Sebastiani, Marcela (2005): "La eficacia de las redes y los resultados de los vínculos: las élites de los emigrantes españoles en la Argentina (1862-1923)", Revista Complutense de Historia de América vol 31, pp. 147-176.
  • Libro de Bautizados de San Xulián de Malpica, Libro 3, folio 58.
  • Lugilde, Anxo (2007): "Un indiano de Malpica nas Cortes", en O voto emigrante. Viaxe pola zona escura da democracia española, Vigo: Galaxia, pp. 45-49.
  • Martínez Morás, Andrés (1907): "Anselmo Villar", en Siluetas, Buenos Aires: Impr. Arias-Lantero.
  • Ortiz y San Pelayo, Félix (1914): Boceto Histórico de la Asociación Patriótica Española, Buenos Aires: Librería La Facultad.
  • Pesqueira, Joaquín (1919): Historia de la Asociación Española de Socorros Mutuos de Buenos Aires, Buenos Aires: AESMBA.
  • Vilanova Rodríguez, Alberto (1966): Los gallegos en la Argentina, Buenos Aires: Ed. Galicia, tomo II:
  • Villegas, Emilio F. de (1912): Reseña histórica del Club Español: 1852-1912, Buenos Aires: Ricardo Radaelli.
  • Prensa: La Voz de Galicia, El Noroeste, El Eco de Galicia, El Diario Español, Caras y Caretas... 

1 comentario:

  1. Por se non a conoces, da cuarta foto do artigo hai outra copia onde aparece, na esquina superior dereita, Anselmo Villar.

    ResponderEliminar