No herbal azur do ceo

No herbal azur do ceo
Foto: Roberto Mouzo

4 de marzo de 2019

Para unha historia da ABC de Corcubión (III). Os emigrantes crean as "sociedades de instrución" para paliar o analfabetismo na Galicia de comezos do séc.XX

Escola pública de Fornelos-Baio creada en 1931 coa chegada
da República, a cargo da mestra Amalia Lojo. O poeta de Laxe
Antón Zapata escribe un fermoso texto na revista Alborada
(nº 69, 1932) acompañando esta foto do seu veciño José Vidal
A creación a comezos do século XX por parte dos nosos emigrantes en América das denominadas “sociedades de instrución” supuxo unha auténtica revolución no mundo educativo galego, coa construción de multitude de escolas que tentaban paliar a deficitaria situación da educación en Galicia, ante a parsimonia do Estado en realizar melloras en aspectos como as condicións dos edificios escolares –a maioría, locais arrendados non aptos para esta función-, os paupérrimos soldos dos mestres ou o importante absentismo escolar. Segundo datos de Narciso de Gabriel [2006: 151-ss], en 1900 había en Galicia 2.300 escolas públicas, o que supoñía unha media de 861 habitantes por escola. En 1930 case se duplica o número de escolas: 4.424, pero a media só baixa ata os 504 habitantes por escola; media que na provincia da Coruña chegaba aos 640 habitantes por escola pública. A estas habería que engadirlles as escolas privadas, sobre todo as chamadas "escolas de ferrado" (así coñecidas porque os mestres cobraban un ferrado de cereal ao ano por cada neno que acudía a elas). Nese principio do século XX tamén se amplía o período de escolarización, pois se a Lei Moyano (1857) establecía a obrigatoriedade dos seis aos nove anos, en 1901 auméntase ata os doce anos, e en 1923 ata os catorce. Non obstante, o absentismo escolar era algo habitual entre os nenos galegos destas primeiras décadas do século. Así, en 1908 a taxa de escolarización non chega ao 30% dos rapaces en idade escolar, alcanzando o 40% en 1923 [Gabriel, 2006: 163]. Dentro destas taxas, hai que sinalar que a poboación que acode á escola é basicamente masculina, pois non se consideraba necesario que as nenas aprendesen a ler e a escribir. Do mesmo xeito, os rapaces deixaban de iren ás clases se se precisaba a súa axuda na casa, polo que o absentismo escolar aumentaba naquelas épocas nas que se realizaban as principais tarefas agrícolas.
Xa que logo, esta sucesión de factores facía que a meirande parte da poboación fose analfabeta. Volvendo novamente sobre datos de De Gabriel [2006: 314-ss], a porcentaxe de poboación galega alfabetizada era do 25’7 % en 1900, chegando ao 50’7 % en 1930. Pero se analizamos os datos con relación ao xénero, temos que en 1900 estaban alfabetizados o 40’4 % dos homes, pero só o 13’6 % das mulleres. En 1930, a porcentaxe dos homes chegaba ao 59’9 %, mentres que a das mulleres triplicárase e alcanzaba o 42’9 %. Pero fixémonos agora no partido xudicial de Corcubión, e vexamos no seguinte cadro a evolución da porcentaxe da alfabetización:


MASCULINA
FEMININA
1900
1920
1930
1940
1900
1920
1930
1940
CAMARIÑAS
33
34
43
54
15
21
28
39
CEE
37
50
56
68
15
27
39
54
CORCUBIÓN
50
60
59
75
34
55
51
71
DUMBRÍA
34
44
52
59
03
08
23
35
FISTERRA
31
40
48
56
07
18
34
43
MUXÍA
39
46
48
62
10
20
31
44
VIMIANZO
32
45
47
57
06
21
26
39
ZAS
36
55
55
66
07
26
31
46
PART. XUDICIAL
35
46
50
61
10
22
31
43
GALICIA
40
51
60
71
14
31
43
58
[Fonte: N. de Gabriel, 2006]

Como podemos comprobar, os datos dos concellos deste partido xudicial amosan unhas porcentaxes aínda inferiores ás xa lamentables de Galicia, reflectindo un atraso dunha década fronte á media do país. Se collemos os datos de 1900 vemos como os partidos xudiciais menos alfabetizados corresponden aos situados na chamada periferia, como o noroeste coruñés ou o sur ourensán, aínda que encabeza a clasificación o partido de Ordes, cun ridículo 12% de alfabetización, seguido polos de Verín e Xinzo de Limia, cun 17%, Carballo cun 18%, e Bande e Corcubión que chegan ao 20%. Corenta anos despois, son os partidos xudiciais coruñeses os que encabezan a clasificación: Ordes, cun 45%, Corcubión, cun 51%, e Carballo, cun 53%. No cadro do partido xudicial corcubionés, observamos que os mellores datos están no concello de Corcubión, debido posiblemente a ser capital do partido e a desenvolver unha actividade máis "urbana" que rural, ao que hai que unir a presenza do veciño colexio construído polo indiano Fernando Blanco de Lema, o cal tamén se manifesta, en menor medida, nos datos do concello de Cee.
En 1927 medio cento de nenos acudían
á escola pública de Zas co mestre Pablo
de Torres [Foto: Alborada]
Diante da situación de desleixo do Estado en materia educativa, van ser os emigrantes os que traten de facerlle fronte. Dentro da emigración, temos que falar, de primeiras, das escolas levantadas por ricos indianos, convertidos en benfeitores dos seus lugares de orixe. É o caso, na Costa da Morte, do xa mencionado Fernando Blanco de Lema, que no seu testamento deixou cartos para a construción e mantemento en Cee dun colexio de ensino secundario e dunha escola de nenas (que empezaron a funcionar a mediados da década de 1880). Malpica aproveitouse das importantes achegas de Anselmo Villar Amigo, que serviron, entre outras moitas cousas, para a construción dunha escola que levaría o seu nome, inaugurada en 1914 (actualmente o edificio alberga a Casa do Concello). Do mesmo municipio era seu tío, o cóengo Francisco Villar Carracedo, que, segundo datos de Peña [1991 II: 366], deixou un capital de un millón de pesetas en terreos e unha cantidade non determinada nos bancos bonaerenses para implantar e soster un centro escolar en Malpica, do que nada sabemos. Caso similar aos deste sacerdote é o de José Mª del Río, que en 1906 “dona 30.000 duros para la fundación de un grupo escolar en su pueblo natal, que es Mugía” (El Eco de Galicia n.º 539, Buenos Aires, 10 de outubro de 1906, p.3), pero a súa realización foise adiando e a pesar de constituírse unha “Fundación benéfico-docente” -como publica o B.O.E. do 22 de outubro de 1954-, non se chegou a levar a cabo. Algo semellante ao que pasou co disposto por Manuel Mª Pose, que en 1904 deixaba no seu testamento 100 mil pesos arxentinos para ”la fundación y sostén de un Colegio Mercantil en Zas” (El Eco de Galicia n.º 475, Buenos Aires, 30 de decembro de 1904, p.1) sen que o proxecto vise a luz en ningún momento. Pola contra, si que chegou a bo porto a Escola de Artes e Oficios de Corcubión que deixara testada José Carrera Fábregas, e que empezou a funcionar en 1931 (hoxe tamén Casa do Concello).
Escolares do Pósito de Pescadores de Laxe en 1910, onde
se aprecia a escasa presenza de nenas. [Foto Vidal]
Como vemos, ata para levar adiante estas escolas que ricos emigrantes deixaban nos seus testamentos había moitas dificultades, pois nin sequera as autoridades municipais se molestaban en reclamar e esixir a construción destes edificios, e as poucas que foron arriba debéronse á teimosía dos testamenteiros para cumprir a derradeira vontade do falecido. Xa que logo, a creación das sociedades de instrución a comezos do século XX supuxo un importante cambio para o desenvolvemento da construción de novas escolas, por canto eran os propios emigrantes os que se preocupaban que os cartos que se recadasen fosen utilizados o máis rápido posible na obra ideada. Xa falamos das varias sociedades de instrución que crearon os emigrantes da Costa da Morte na Arxentina, e de como só a ABC tivo a capacidade para construír escolas, que foron catro, aínda que outras levaron adiante melloras no eido educativo. Aínda así, Peña Saavedra (1991) sinala que tanto a asociación "Unidos de Puenteceso y Cabana" como "Hijos de la Parroquia de San Juan de Sardiñeiro" levantaron senllos edificios escolares nos seus lugares de orixe, mais non hai ningún testemuño que confirme este dato, e todo parece que quedou nun simple intento. Como tamén o intentou a do "Ayuntamiento de Lage y sus contornos" que dirixía Máximo Musi, pero non lograron máis que enviar sumas de diñeiro -e non foron poucas- para a escola do Pósito de Pescadores da vila laxense, así como para outras obras de importancia.
Castelao recolleu en Cousas da vida a
problemática da calidade do ensino
nas escolas dos emigrantes
A “Sociedad Cultural y Agraria del Distrito de Mugía" tamén iniciou a súa andadura con altas miras, e cunha clara vontade de crear escolas no seu concello de orixe, e non só se conformaban coa simple construción senón que avogaban pola importancia da calidade do ensino que esas escolas lles ofrecesen aos nenos e nenas. Así, publicaron un manifesto, do que mesmo se fixo eco en Galicia o periódico A Nosa Terra (nº 186, A Coruña, 1 de xuño de 1923, p. 5), no que sinalaban: "O noso camiño é máis corto e vai dereito âs necesidades mais apremiantes do municipio visando craramente estes tres probremas capitás: A instrucción elemental (neutra e racional), A enseñanza agrícola (en canto refírese â divulgación dos modernos conocimientos e praiticas encol da agricultura, gandería, industria leiteira e derivadas e especialmente da industria de granxa) e o fomento dos Sindicatos agrícola-gandeiros (como factores do progreso económico da comarca e do benestar individual do labrador, dende que eles instituyan o seguro mutuo sobre o gando, a cooperación para a adquisición de sementes e abonos químicos e especialmente da creación de caixas rurás de depósito e préstamo que libren ao labrador das poutas da usura). […] Emporiso, hoxe como onte, a especie de instrucción que se lles suministra aos nenos das aldeas é a mesma, esto é, unha enseñanza en fragante desacordo cos seus costumes e o seu xénero de vida. Necesitamos, pol-o contrario, crear no distrito escolas esencialmente rurás que preparen ao neno para a función que mais tarde terá de desempeñar e que de feito xá desempeña, tal é a de agricultor; pero agricultor â moderna, capaz de extraer â terra e â gandería todo o rendimento que o labrador dos países adiantados adoita a sacarlles. D’este xeito o noso labrego non levará a vida de privaciós e miserias que hoxe soporta nin se verá en moitos casos na dura necesidade de buscar na emigración o pan de cotío que non soupo atopar na su propia terra”. Ao igual que a sociedade de Laxe, a entidade muxiá tívose que conformar con achegas monetarias para a mellora das condicións das escolas públicas dos distintos lugares do concello, así como na compra de diverso material escolar.
Quen si logrou levantar escolas foi, como xa dixemos, a entidade supramunicipal ABC de Corcubión, e diso habémonos ocupar nun vindeiro artigo.


Bibliografía:

- GABRIEL, Narciso de (2006): Ler e escribir en Galicia; A Coruña: Universidade.
- GARCÍA DOMÍNGUEZ, Mª Teresa (2001): “O labor dos emigrantes galegos no eido educativo: o exemplo do Partido Xudicial de Corcubión”, Entre nós. Estudios de arte, xeografía e historia en homenaxe ó profesor Xosé Manuel Pose Antelo; Santiago de Compostela: Universidade; pp. 729-747.
- MARTÍNEZ DOMÍNGUEZ, Blanca (2008): “Alfabetización, escolarización e emigración en Galicia (1860-1930): uns vínculos paradoxais”, Migracións na Galicia contemporánea. Desafíos para a sociedade actual; Santiago de Compostela: Sotelo Blanco; pp. 49-72.
- PEÑA SAAVEDRA, Vicente (1991): Éxodo, organización comunitaria e intervención escolar; A Coruña: Xunta de Galicia; 2 volumes.
__________ (1995): “Os centros educativos dos emigrantes. Panorámica galega e concreción na Costa da Morte”, Educación e patrimonio. A herdanza dunha fundación; Santiago de Compostela: Xunta de Galicia / Fundación F. Blanco de Lema; pp. 35-37.
- REI LEMA, Xosé Mª (2005): “As escolas dos emigrantes”, La Voz de Galicia, Carballo, 4 de novembro; p. 14.
- Prensa da emigración en Buenos Aires: Alborada, Boletín de la S.C.yA. del Distrito de Mugía, Correo de Galicia, El Despertar Gallego, El Eco de Galicia, El Heraldo Gallego, etc.

Ningún comentario:

Publicar un comentario