No herbal azur do ceo

No herbal azur do ceo
Foto: Roberto Mouzo

27 de marzo de 2019

Para unha historia da ABC de Corcubión (IV). Meu dito, meu feito: a ABC constrúe catro escolas


Cando en 1923 os dirixentes da “Sociedad Agraria y Cultural de los Hijos del Partido de Corcubión” (posteriormente mudado o nome en “Asociación Benéfica y Cultural del Partido de Corcubión”) redactaban os seus estatutos deixaban moi claros os seus fins. Así, no artigo 2º figuraban as súas intencións de:

a) Propender por todos los medios al mejoramiento agrario de aquella parte de Galicia.
b) Procurar asimismo la creación de escuelas de instrucción primaria, industriales y de artes y oficios, tendiendo al mejoramiento de las existentes, creando premios y estimulando todo aquello que esté comprendido en el orden cultural.

Xa que logo, a asociación nacía cunha clara intención de converterse nunha sociedade agraria e de instrución. Foi a súa principal actuación no primeiro campo a creación dunha Granxa-Escola Agrícola, aínda que, como vimos noutro artigo, tivo pouco futuro. No plano educativo os seus primeiros esforzos foron os de premiar os mellores alumnos de cada escola, así como os mellores mestres, do partido xudicial corcubionés.
Dúas imaxes da construción
da Escola de Nemiña (Muxía)
Outra actuación posterior foi a de colocar nas portas das igrexas e das casas do concello de todo o partido xudicial unha chapa coa seguinte lenda: “El saber leer, escribir y contar, abre las puertas del éxito. Si usted no tiene esos conocimientos, no debe emigrar” (Correo de Galicia nº 1164, Bs. As., 13 de maio de 1928, p. 16. Núñez Seixas [2001: 13] sinala que esta iniciativa “non só trataba de procurar o ben dos emigrantes, senón tamén de evitar que a colectividade se vise desprestixiada pola imaxe ofrecida por analfabetos acabados de chegar que non saberían expresarse con corrección en idioma español”). Este feito provocou a queixa de Xervasio Paz Lestón (“Al margen de una iniciativa”, Correo de Galicia nº 1167, Bs. As., 3 de xuño de 1928, p. 16), secretario da S. A. y C. Hijos de Muxía, que criticou que a ABC, co capital económico que manexaba neste momento, non fixese máis por solucionar o problema da educación, pois podía dotar as escolas existentes do material necesario e mesmo imitar outras sociedades que estaban a construír novas escolas. Non tardaría a ABC en levar a cabo proxectos de maior calado educativo.
Escola de Pasarela en 1932
e na actualidade -coa nova
altura de 1956 e a reforma
do presente século-
Sin cacareos ni alharacas. Aunque de modesta esfera, contribuiremos a desterrar el analfabetismo en nuestra comarca”. Deste xeito titulaba Díaz Novo o seu editorial de Alborada (nº 43, Bs. As., febreiro de 1929), dando conta da resolución da asemblea do día 2 de febreiro de 1929, na que se aprobou o “importantísimo proyecto de la creación de centros escolares en todos los ayuntamientos que componen el distrito judicial de Corcubión”. Sobre estes centros sinala Díaz Novo: ”No entra en las pretensiones nuestras, el boato, ni la fastuosidad del edificio grandioso, que ha de ser pasmo de la admiración de propios y extraños, ni queremos que los nuestros admitan en cuanto a su magnificencia el parangón con los centros similares creados por el esfuerzo de otros hermanos de América”.
Nesa concorrida asemblea, na que tivo protagonismo destacado o baiés Pepe Collazo na súa calidade de secretario, aprobouse por maioría a seguinte proposta:
La creación de dichos centros escolares de instrucción primaria, de inmediato y a medida que lo permitan los fondos sociales de la A.B.C., con las viviendas respectivas para los maestros encargados de la enseñanza, debiendo ser, unas y otras, de construcción sencilla, las que serán de propiedad exclusiva de esta Asociación. Para todo lo que corresponde a llevar a la práctica la ejecución y la forma de estos edificios, así como de las gestiones que han de iniciarse al respecto, la Asamblea otorga a la Junta Directiva, un voto amplio y de confianza.
Habiéndose aprobado también por mayoría, el sorteo de las mismas, se verifica este con el siguiente resultado: 1ª, Mugía; 2ª, Vimianzo; 3ª, Finisterre; 4ª, Cee; 5ª, Dumbría; 6ª, Zas; 7ª, Corcubión; 8ª, Camariñas y 9ª, Buenos Aires.
Seguidamente, se aprueban por aclamación, los nombres que, conjuntamente con el de la A.B.C. han de llevar las tres primeras escuelas sorteadas, que son los siguientes: “Manuel Areas Blanco”, “Enrique Labarta Pose” y “Juan Díaz Fernández”.

Escola de Suarriba (Sardiñeiro) en
construción e en funcionamento
Seguindo a Díaz Novo, vemos que a situación das escolas non terá lugar na capital municipal, senón noutros “lugares más apartados, que por ende son los más necesitados y por consiguiente, los que más derecho tienen a nuestra atención (…) para que comprenda el mayor número posible de futuros educandos”. Xa que logo, os tres lugares escollidos para as tres primeiras escolas van ser Nemiña en Muxía, Pasarela en Vimianzo e Suarriba en Fisterra, e os nomes elixidos para bautizalas tiñan a súa razón de ser: Manuel Areas Blanco, natural de Lires (Cee), foi un dos fundadores da ABC, ademais do seu presidente en 1924 e en 1928, ano no que morreu; Enrique Labarta Pose, coñecido escritor baiés, fora xa motivo de varias homenaxes pola asociación; e Juan Díaz Fernández, natural de Betanzos, foi mestre de Corcubión durante máis de trinta anos e a maiores vai ser o apoderado da ABC en Galicia para a construción destas escolas.
Dúas imaxes da Escola de Estorde
Pouco tempo despois, o tesoureiro da entidade, Marcial González, propón a inmediata construción da cuarta escola no concello de Cee, para a cal doaría mil pesos e toda a madeira necesaria se se fai no lugar de Estorde. A súa proposta non só foi aprobada pola xunta directiva, senón que se decide que leve o nome de tan benemérito veciño. Aínda así, a elección de Estorde creou un conflito co concello ceense, que prefería facela noutro sitio. Neste momento había no concello seis escolas, nos lugares de Cee, A Ameixenda, Brens, Lires, A Pereiriña e Toba. Segundo a proposta do concello os de Estorde tiñan facilidade para se desprazaren a Toba, e incluso a Corcubión ou a Sardiñeiro; en cambio os lugares de Sembra e A Carbaliza (da parroquia de Toba) e Tedín (da de Lires) deberían contar cun centro escolar pois a súa distancia con calquera das escolas existentes era moita [Cfr. Actas das sesións do 5 e do 29 de agosto de 1929 da “Junta Local de 1ª Enseñanza de Cee” no web do colexio Eugenio López]. Neste caso, como a bo seguro que sucedeu nos outros, a presenza e a presión de destacados emigrantes dos lugares escollidos influíu moito na situación final da escola.
No mes de setembro xa dan comezo as obras das catro escolas, segundo se nos informa en Alborada (nº 51, Bs. As., outubro de 1929) logo de que o Gobernador da Provincia aprobase a súa construción. Como mostra ofrecemos aquí un extracto da solicitude dos veciños de Pasarela ao Gobernador provincial:

Los que suscriben, vecinos y residentes en los lugares de Pasarela, Magro, Penedo, Gándara de Lamas, Fojo, Castro-Buján, pertenecientes todos ellos a la parroquia de Calo, término municipal de Vimianzo, a V.E. con el debido respeto exponen:
Que todos estos lugares, con el de Calo, contaban con una población de setecientos ochenta y dos habitantes, según el censo de 1920, vigente. (…)
Que la actual situación política, echando por tierra la nefanda apatía en pro de la sagrada misión de la enseñanza, a instancias del Ayuntamiento concedió una escuela para el lugar de Pasarela, que es el mayor de la parroquia; pero los que suscriben dudan de su veracidad, por cuanto desde aquella fecha no se volvió a saber nada sobre el particular.
Que enterados de nuestra triste situación los que componen la Asociación Benéfica Cultural del partido de Corcubión en la Argentina, dieron orden a su representante para que, de común acuerdo con el municipio y contando con nuestra cooperación y aportamiento, se construya un edificio que reuna todas las condiciones pedagógicas e higiénicas para Escuela y otro contiguo, capaz y decente, para vivienda del maestro.
Por todas estas razones expuestas a V.E. humildemente suplican que, (…) haciendo presente al Excmo. señor Ministro de Instrucción Pública nuestras tristes y justas lamentaciones, para que nos conceda la creación de una escuela mixta servida por maestra o maestro, para el lugar de Pasarela, parroquia de Calo, en este Ayuntamiento de Vimianzo.
Pasarela (Vimianzo), 31 de Agosto de 1929.
(Firman la instancia 25 vecinos y se adhieren 62, que no sabían firmar, lo que arroja la suma de 87 cabezas de familia).

As escolas tiñan un modelo
único como vemos nas fotos
de Pasarela e de Suarriba
Para a construción das escolas seguiuse un modelo único, segundo datos tirados de García (2001: 744), polo que os edificios tiñan que ser de planta baixa rectangular (16 m. de longo, 9’5 m. de ancho e 1’7 m. de alto), tellado a dúas augas, unha gran sala para impartir clase duns 150 m2, con seis grandes ventás. Adxacente á aula estaba a vivenda do mestre, que contaba con cociña, baño, adega e un cuarto. Contaban ademais cun pequeno campo para recreo dos alumnos. A fachada carecía de toda decoración a non ser a placa de mármore na que aparecía o nome da escola e o seu número e mais o nome da institución benfeitora (a escola de Pasarela diferenciarase das demais porque no seu frontispicio vai levar un reloxo doado polos veciños deste lugar emigrados en Buenos Aires). No mes de novembro (Alborada nº 52) informan das dificultades na construción das escolas, sobre todo nas de Suarriba e de Nemiña, pois teñen que ir buscar a pedra a sitios afastados (en concreto, ao Petón do Rocín e a Touriñán, respectivamente), tarefa na que en carro invisten un día. Con todo, anuncian o inminente funcionamento da de Suarriba, que xa conta con todo o material necesario sufragado polo concello fisterrán. Neste mesmo número fálase da posibilidade de deixar o nome de Labarta Pose, destinado á escola de Pasarela, para cando se constrúa a escola no concello de Zas, concretamente “en los alrededores de Bayo”. A Xunta Directiva non aprobou esta petición e mantén o nome do poeta baiés para a escola de Pasarela. A mediados de 1930 xa estaban as catro construídas e inician os trámites para dotalas de mestres.
Coa chegada da II República a situación da educación mellorou considerablemente. Isto afectoulles ás escolas da ABC, que, de acordo coas autoridades vixentes, deciden dar en usufruto as escolas aos propios concellos, aínda que debían cumprir unha serie de requisitos, como a conservación dos edificios, non dedicalas a outros fins que os educativos, e a imposibilidade de vendelas. De non cumprir calquera deles, os concellos deberán renunciar aos seus dereitos sobre elas (Alborada nº 67, Bs. As., outubro de 1931). A entrega en usufruto aos concellos tivo lugar a comezos do ano 1932.
A idea era seguir buscando fondos para completar a construción dunha escola en cada concello, pero a situación vaise torcer. Nas negociacións para a fusión entre a ABC de Corcubión e a SAyC de Muxía, os muxiáns presentan unhas bases nas que figura un punto 6º no que se di: “Mantenimiento de los propósitos de realizar obra cultural y benéfica en la comarca corcubionesa, pero más adelante, cuando allá surja una generación menos egoísta y menos refractaria a las iniciativas de interés colectivo o general” (Galicia -da FSG- nº 446, Bs. As., 15 de decembro de 1935, p. 8.). A resposta dos corcubioneses non deixa lugar ás dúbidas, pois séntense “desmoralizados por la falta de cooperación de las personas residentes en el partido. Manifestaron que, a pesar de haber construido cuatro locales que están funcionando como escuelas, no han conseguido tener cuatro socios cotizantes y menos constituir la ‘asamblea de delegados’ que establece el capítulo único de los Estatutos, por lo cual la A. B. C. tuvo que otorgar poder a una sola persona para que vigile por los intereses sociales! (¡Un solo representante en un Partido de cuarenta mil almas!)” (Galicia -da FSG- nº 448, Bs. As., 29 de decembro de 1935, p. 2). Ese representante era o mestre Juan Díaz Fernández. O malestar era evidente.
Os catro protagonistas que
deron nome ás escolas da ABC:
Manuel Areas Blanco, Enrique
Labarta Pose, Juan Díaz Fer-
nández e Marcial González
A fusión das dúas sociedades aínda tardaría en concretarse e cando o fixo tres anos despois, rexistran no acordo definitivo: “Una vez consolidada la obra social en este país, la Asociación proseguirá las mismas en la comarca, llevando a cabo la construcción de las escuelas proyectadas, siempre que así los resuelvan las asambleas” (Galicia -da FSG- nº 570, Bs. As., 15 de maio de 1938, p. 3). Pero o triunfo franquista na guerra civil puxo fin a este proxecto de escolarizar todos os concellos deste partido xudicial, polo que catro deles quedaron sen as escolas dos emigrantes. E non só iso, senón que as novas autoridades militares españolas apropiáronse dos edificios que construíran estas sociedades de emigrantes, sen que estes puidesen facer nada por evitalo. Acabáronse as axudas desde a emigración para a mellora educativa dos nosos lugares, pois o goberno franquista ocupou os edificios, pero non foi para dotalos de melloras. Os catro edificios correron distinta sorte; pois así mentres a mediados da década de 1950 os veciños de Nemiña escríbenlle á directiva da ABC que interceda ante o goberno español debido ao estado ruinoso no que se atopa o centro escolar, en Pasarela os propios veciños déronlle unha altura máis ao edificio para convertelo nunha escola de nenos e nenas con vivenda para os respectivos mestres (cfr. Vázquez Canosa, 2010: 70-72). E é que ante o desleixo gobernativo, eran os veciños os que tiñan que tomar a iniciativa pola súa conta, como foi o caso de Baio, no que os emigrantes en Buenos Aires, comandados por Pepe Collazo -destacado directivo da ABC cando a construción das súas escolas-, xuntan cartos para a construción na súa vila do que van ser as Escolas Agra Regueiro, na que podería ser a “quinta” escola da ABC, pero que presenta outros condicionantes e outras características, como veremos noutro artigo.

Bibliografía:

- GARCÍA DOMÍNGUEZ, Mª Teresa (2001): “O labor dos emigrantes galegos no eido educativo: o exemplo do Partido Xudicial de Corcubión”, Entre nós. Estudios de arte, xeografía e historia en homenaxe ó profesor Xosé Manuel Pose Antelo; Santiago de Compostela: Universidade; pp. 729-747.
- LAMELA GARCÍA, Luis V. (1990): “Las escuelas de los emigrantes (I, II y III)”, El Ideal Gallego, Ideal Ocio, 18 e 25 de febreiro e 4 de marzo: pp. 6-7, 14-15, e 6-7.
- NÚÑEZ SEIXAS, Xosé Manoel (2001): “Reinventando os galegos: a imaxe do bo emigrante na elite galaica da Arxentina, 1900-1930”, Dez-Eme nº 4, Santiago de Compostela, decembro; pp. 7-21.
- PAZ RODRÍGUEZ, José (2007): “As Escolas de Emigrantes da Costa da Morte criadas pola ABC do Partido Judicial de Corcubiom”, Agália nº 91-92, A Coruña, 2ª semestre; pp. 105-121.
- PEÑA SAAVEDRA, Vicente (1995): “Os centros educativos dos emigrantes. Panorámica galega e concreción na Costa da Morte”, Educación e patrimonio. A herdanza dunha fundación; Santiago de Compostela: Xunta de Galicia / Fundación F. Blanco de Lema; pp. 35-37.
- REI LEMA, Xosé Mª (2005): “As escolas dos emigrantes”, La Voz de Galicia, Carballo, 4 de novembro; p. 14.
- VÁZQUEZ CANOSA, Mª del Carmen (2010): As vellas escolas de Vimianzo; autoedición.
- Prensa da emigración en Buenos Aires: Alborada, Boletín de la S.C.yA. del Distrito de Mugía, Galicia. Órgano de la Federación de Sociedades Gallegas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario