No herbal azur do ceo

No herbal azur do ceo
Foto: Roberto Mouzo

21 de novembro de 2015

JUAN BENITO CARRERA, OUTRO FILÁNTROPO CORCUBIONÉS

[Foto: Nerio (1921)]
 Juan Benito Carrera Fábregas naceu na vila de Corcubión o 14 de xullo de 1853, no seo dunha distinguida familia, pero a pesar diso escolleu, xunto co seu irmán José, o camiño da emigración, en vez de seguir unha carreira universitaria como fixeron algúns dos seus once irmáns. Chegou á Arxentina cando contaba con 20 anos, e traballando en diversos establecementos comerciais, enseguida conseguiu ascender e co tempo ter negocios de seu, coma a firma “Carrera & Compañía”, casa importadora de tabaco da Habana e doutros produtos de Cuba e España. E, ao igual que a seu irmán, sorriulle a fortuna e conseguiu un grande éxito nos seus negocios e ser unha das máis importantes figuras do comercio bonaerense. Xa que logo, isto serviulle para entrar a formar parte da elite da colectividade galega en Buenos Aires, e para figurar nos cadros directivos de destacadas sociedades como a “Asociación Española de Socorros Mutuos de Buenos Aires”, da que foi directivo varios anos, chegando a ser o seu vicepresidente. Aínda que non chegou a ser directivo, tamén era socio do gran rival desta: o Centro Galego de Buenos Aires (socio nº 2849). No mundo financeiro, ocupou varios postos no directorio do “Banco Galicia y Buenos Aires”, e tamén na compañía de seguros “Galicia y Río de la Plata”. En 1911 fúndase “La Constructora Americana”, sociedade de préstamos hipotecarios e construción, da que vai ser o presidente do seu directorio.
Anuncio de "Carrera & Cía", empresa de Juan Benito
A finais de 1912 Juan B. Carrera envíalle ao alcalde de Corcubión o seu testamento, acompañado dunha carta na que lle indica que vai legar parte do seu patrimonio para beneficio da súa vila natal. Con todo, non será ata o 1 de xuño de 1920 cando faleza Juan Benito, na súa residencia da cidade de San Martín, provincia de Buenos Aires, a causa dunha insuficiencia cardíaca. Nese momento, segundo Waldomar (1921), estaba preparando o envío da súa preciada colección de libros para fundar unha Biblioteca popular en Corcubión.
Juan B. no directorio do Banco
Unha vez aberto o testamento ológrafo, compróbase que efectivamente deixa un bo legado: doa un terreo no centro da vila para a fundación dun asilo para anciáns desamparados (con preferencia para os que emigraran a América, e mesmo aqueles anciáns que aínda seguisen aló se querían retornar custeábaselles a pasaxe); adosado ao asilo construirase unha escola de Artes e Oficios de ensino práctico, que debía incluír a rama de servizo doméstico; no asilo tamén se instalará a súa Biblioteca (importante colección de libros e de cadros). Ademais deixa disposto o reparto anual de mil cincocentas pesetas para os máis pobres da súa vila. Xa en vida, Juan contribuíra a mellorar as condicións dos máis desfavorecidos, con importantes axudas. Tamén se preocupaba por aqueles emigrantes que chegaban a América con rudimentarios principios dun oficio manual e boa parte deles practicamente analfabetos. De aí a importancia que lle deu á construción desa escola de Artes e Oficios, pois así os seus veciños podían estar preparados para emigraren en condicións máis favorables. Este feito foi moi criticado polos políticos máis progresistas do momento, pois consideraban que estas “escolas dos americanos” dedicábanse a fomentar a emigración en vez de combater o problema desde a raíz; pero quizais non eran estes desprendidos emigrantes os encargados de solucionar os males da sociedade daquela época, e si os despreocupados gobernos.
A pesar de que os albaceas crearon unha fundación, que en 1931 foi recoñecida de carácter benéfico polo Ministerio de Facenda, as vontades de Juan Benito non chegaron a verse materializadas. O seu legado pasaría anos despois a outra fundación corcubionesa: o Asilo Emilio Alonso.

Bibliografía:
  • Anónimo (1913): Importancia de la Colonia Gallega en la República Argentina”, Nova Galicia nº 425, Buenos Aires, 6 de outubro, p. 1.
  • Anónimo (1920): “Muertes sentidísimas”, Nerio nº 1, Corcubión, 1 de xullo, p. 8.
  • Anónimo (1920): “Necrología. Don Juan B. Carrera”, Revista Mensual de la Asociación Española de Socorros Mutuos de Buenos Aires nº 100, Buenos Aires, 1 de xullo, s/p.
  • García Domínguez, Mª Teresa (2001): “O labor dos emigrantes galegos no eido educativo: o exemplo do Partido Xudicial de Corcubión”, en Entre nós. Estudios de arte, xeografía e historia en homenaxe ó profesor Xosé Manuel Pose Antelo; Santiago de Compostela: Universidade; pp. 729-747.
  • Lamela, Luis (2015): “El oscuro destino de la buena voluntad”, La Voz de Galicia, Carballo, 20 de outubro, p. 11.
  • Pesqueira, Joaquín (1919): Historia de la Asociación Española de Socorros Mutuos de Buenos Aires; Buenos Aires: A.E.S.M.B.A.
  • Waldomar, Emilio (1913): “D. Juan B. Carrera y su pueblo natal”, El Noroeste, A Coruña, 27 de xaneiro, p. 1.
  • Waldomar, Emilio (1921): “Nuestros filántropos. D. Juan Benito Carrera Fábregas”, Nerio nº 8, Corcubión, 15 de xaneiro, p. 9.


Ningún comentario:

Publicar un comentario