No herbal azur do ceo

No herbal azur do ceo
Foto: Roberto Mouzo

7 de xaneiro de 2016

CASTO M. INSUA, GALEGUISTA FISTERRÁN NA EMIGRACIÓN BONAERENSE

[Foto: Modesto Fraga (2014)]
Casto María Insua Insua naceu no lugar de Mallas, parroquia de San Martiño de Duio (Fisterra) o 15 de agosto de 1888. Era o sexto fillo do matrimonio entre Francisco Insua Canosa e Genoveva Insua Insua, tamén naturais desta aldea fisterrá, e sobriño do cura párroco de San Martiño, Juan Leandro, que era á vez o seu padriño. Eran seus irmáns Dolores, Josefa Juliana, Manuela Purificación Ramona, Carmen Francisca Lucía e José María Segundo. Da súa vida pouco sabemos, tan só que en 1912 decide emigrar a Buenos Aires, cidade na que se residiría ata o momento da súa morte, e na que os seus apelidos sufriron a transmutación e convertéronse en Insúa.
A súa presenza na capital arxentina temos que enfocala desde o punto de vista societario, pois foi nas sociedades creadas polos emigrantes onde Casto se deu a coñecer e onde desenvolveu un destacado papel. Aparece por vez primeira o 5 de maio de 1917 como un dos 25 socios fundadores da Asociación Cultural Gallega A Terra, entidade que tiña como fin divulgar en América a cultura e a arte de Galicia, e con tal motivo prevén a realización de festas, conferencias, exposicións, audicións musicais etc. Elíxese unha directiva provisoria, na que Casto figura como membro da Comisión Revisora de Contas. En febreiro de 1918 a entidade deriva na Asociación Regionalista Gallega A Terra, que lanza un comunicado de fundación nun opúsculo de catro páxinas titulado “A los gallegos”, no que se avoga pola autonomía administrativa e política de Galicia -sempre dentro do Estado español-, a resolución do problema dos foros e doutros problemas que nos afectan, seguindo as correntes do movemento rexionalista. O comunicado fundacional está asinado por 22 membros, entre eles Casto M. Insua. Segundo Núñez Seixas (1992:122-123), a Asociación ademais estaba concibida como unha sociedade de beneficencia, o que de feito levou á creación dunha entidade mutualista de carácter rexionalista oposta ao Centro Gallego. Así chegou a un acordo de fusión con outras sociedades culturais simpatizantes co galeguismo como eran a Asociación Coral Gallega, a Agrupación Artística Gallega e o Orfeón Gallego Primitivo, para constituíren o 31 de outubro de 1918 a Casa de Galicia de Buenos Aires. Na Xunta Directiva fundacional desta nova entidade figura Casto como Secretario de Actas.
Foron varias as actividades que desenvolveu esta sociedade. Do 7 ao 14 de novembro de 1920 a Casa de Galicia organiza unha “Semana Gallega” con numerosos actos. Casto figura na Comisión de Prensa xunto con outros destacados membros como Rodolfo Prada ou Eduardo Blanco-Amor. O 26 de agosto de 1921 aparece Casto como un dos 40 membros fundadores do “Ateneo Casa de Galicia”, creado para propender ao desenvolvemento cultural, científico e artístico dos que simpaticen coa sociedade rexional. Entre os seus membros estaban José R. Lence, Eduardo Blanco-Amor, Antonio R. Fraga, Rodolfo Prada etc. Na Asemblea do 16 de xaneiro de 1922, Casto é elixido vogal da xunta directiva da Casa de Galicia; en abril presenta a súa renuncia xunto con outros membros por desacordos cos nomeamentos de delegados das sociedades filiais, e abandonará a súa actividade nesta institución que, por outra parte, pouca máis vida activa tivo.
1ª Xunta Directiva da SAyC Hijos de Corcubión (1923);
Casto ocupa o lugar central como presidente da sociedade
No mes de agosto de 1922 Casto forma parte da comisión encargada de formar unha sociedade de emigrantes dos concellos de Cee e Muxía en Buenos Aires. Finalmente o 26 de agosto nacerá a “Sociedad Agraria y Cultural de los Residentes de los Ayuntamientos de Mugía y Cée”, que axiña había de virar en Sociedad Agraria y Cultural de los Hijos del Partido de Corcubión. El estivo en todo o proceso de formación da sociedade e foi un dos encargados da redacción dos seus estatutos. O 4 de abril de 1923 constituíuse a primeira xunta directiva e Casto vai ser nomeado primeiro presidente da SAyC Hijos de Corcubión.
Coa renovación de cargos, en abril de 1924 ocupa un posto na Comisión Revisora de Contas e no Tribunal de Apelación e en febreiro de 1925 figura como vogal da xunta directiva. En agosto de 1925 a SAyC Hijos de Corcubión saca á luz a revista Alborada, da que Casto vai ser o seu director. Estaría só á fronte da publicación os sete primeiros números, ata que o fisterrán foi expulsado da sociedade. No mes de marzo de 1926 Casto e outros catro socios fisterráns foron expulsados da sociedade corcubionesa “por traidores a la sociedad”, segundo o comunicado oficial. Segundo o propio Casto a razón estivo na súa oposición á creación dunha granxa-escola e á concesión da medalla de ouro da entidade a Pepe Miñones.
Portada do nº 2 da revista
Estes socios fisterráns expulsados da SAyC Hijos de Corcubión impulsan a creación dunha nova entidade municipal, que tería os seus froitos o 17 de setembro de 1926 cando se constitúa a sociedade Finisterre en América na capital arxentina. Casto, como principal impulsor, figura na primeira xunta directiva co cargo de Secretario, e ademais será un dos encargados da revista voceira da entidade Finisterre.
Cando o 21 de setembro de 1933 se funde a Nueva Casa de Galicia de Buenos Aires, Casto vai formar parte novamente desta sociedade, e en 1935 vai ser nomeado presidente da entidade, cargo que ostentou ata o momento da súa morte. Esta produciuse o 30 de agosto de 1938 a causa dunha forte pulmonía.
O seu labor foi quedando no esquecemento ata que os seus veciños fisterráns quixeron darlle o mérito que merece, e en 1998 organizáronse na vila do Cristo unhas xornadas de recoñecemento que levaban por título “Casto M. Insua, un fisterrán que reinventou o mundo”. Nestas xornadas, coordinadas por Modesto Fraga, estiveron distintos estudosos da nosa emigración, como Isaac Díaz Pardo, Xosé Neira Vilas, Marcos Valcárcel, Xosé M. Núñez Seixas ou Teresa García Domínguez, e incluso contaron coa presenza do seu fillo Francisco.


Bibliografía:
  • Anónimo (1998): “Homenaje a un galleguista. Mañana comenzarán los actos en recuerdo de Casto María Insua”, La Voz de Galicia, Carballo, 6 de outubro, p. 38.
  • Fraga, Modesto (2014): Fisterra, a derradeira perla de occidente; autoedición.
  • Libro de Bautizados; Parroquias de San Vicente de Duio e San Martiño de Duio; Libro 9.
  • Núñez Seixas, Xosé M. (1992): O galeguismo en América, 1879-1936; Sada: Ediciós do Castro.
  • Rei Lema, Xosé Mª: Pepe Collazo. Obra poética (inédito).
  • Prensa galega en Buenos Aires: Acción Gallega, Alborada, Correo de Galicia, Finisterre.

Ningún comentario:

Publicar un comentario