No herbal azur do ceo

No herbal azur do ceo
Foto: Roberto Mouzo

7 de xullo de 2016

A CASE CENTENARIA "ASOCIACIÓN HIJOS DE ZAS" (BUENOS AIRES)


Praza do Carme de Zas en 1929. [Foto: Caamaño]
O 1 de febreiro de 1923 é a data de nacemento da sociedade “Hijos del Ayuntamiento de Zas”, entidade creada por 76 emigrantes deste concello na cidade de Buenos Aires. Nesta época de creación de asociacións entre a colectividade galega, temos que falar da existencia desde o 4 de xuño de 1922 da sociedade “Hijos de los Ayuntamientos de Santa Comba, Zas, Cabana y Coristanco”, que, non obstante, en agosto de 1923 vai mudar o seu nome polo de “Hijos del Ayuntamiento de Santa Comba y anexos”, a bo seguro pola nova creación este ano de novas entidades por parte dos oriúndos de Zas e Cabana (“Unidos de Puenteceso y Cabana”). Tamén temos que facer referencia á existencia, no momento de fundarse a sociedade municipal zasense, da supramunicipal “Sociedad Agraria y Cultural Hijos del Partido de Corcubión” (creada o 26 de agosto de 1922, e posteriormente transformada en ABC de Corcubión). Aínda que logo se verá que esta non vai ter moito éxito cos orixinarios de Zas, pois dos máis de 600 socios que tiña en 1924 tan só 14 pertencían ao concello de Zas. Parece que os integrantes deste municipio na entidade do partido xudicial eran os procedentes da zona de Baio, influídos pola presenza nos seus postos directivos do poeta-canteiro José Collazo, e os do resto do concello preferían a entidade municipal.
Francisco Miranda, presidente fundador
[Foto: Asociación Hijos de Zas]
Pero volvamos á formación de “Hijos del Ayuntamiento de Zas”, e aos seus 76 socios fundadores, que foron os seguintes por orde de inscrición: Francisco Miranda, José Mourelle, Manuel Mouro, Ovidio Esmorís, José M. Mouro, Constantino Amigo, Ramón Moreira, José Blanco Silva, Francisco Ferreiro, Manuel Mourelle, José Espasandín, Alejandro Ríos, Francisco Rojo, Francisco Mallón, Manuel Espasandín, Francisco Pose, Manuel Blanco, Domingo Pose, Perfecto Suárez, Andrés Rojo, José Espasandín, Domingo Suárez, Manuel Trigo, Manuel Rial, José Moreira, Francisco Mouro, José Suárez, Manuel Moreira, Manuel R. Montes, Francisco M. Pose, Andrés Lorenzo, Manuel Recarey, Manuel Espasandín, Antonio Blanco, Manuel Domínguez, Manuel Silva, Pedro López, Modesto Brenlla, Manuel Fuentes, Marcos Fernández, José M. Miranda, José M. Espasandín, José Montes, Ricardo López, José M. López, Manuel Ferreiro Baña, José Blanco, José Ferreiro Baña, Manuel Ferreiro López, José Pardiñas, Manuel Blanco, Maximino Espasandín, Modesto Espasandín, Mª Josefa Grille, Joaquín Lorenzo, José Fernández, Manuel Costa, Manuel López, José Mallón, Benito Rial, José Rial, Modesto Pardiñas, José González, Manuel Landeira, Eduardo Ferreiro, Perfecto Ferreiro, José Somoza, José Regueiro, Manuel Castiñeira, Francisco Mourelle, Antonio García, Perfecto Calo, Daniel Mouro, Evaristo Blanco, Manuel Gallo e María Castiñeira. Foi elixido primeiro presidente da entidade Francisco Miranda, que botaría no cargo os tres primeiros anos da entidade. Establecen a súa secretaría na rúa Deán Funes 264 (Avellaneda). Os fins que se marcan na súa creación son os de axudar economicamente aos asociados enfermos ou ás familias en caso de morte. Os cartos sacábanos das cotas dos socios ou da celebración de actos para o tempo de lecer (sobre todo, festivais e “pic-nics”). Tiñan no seu calendario de festexos dúas datas ben marcadas: a da celebración do seu aniversario e a do Carme de Zas.
Nos case cen anos de vida, os presidentes da entidade, ademais do sinalado Francisco Miranda, foron os seguintes: José María Mouro (1926 a 1931), Higinio Fernández (1932, 1934, 1937 e de 1950 a 1952), Daniel Mouro (1933, 1936, 1940, 1947 e 1948), Francisco Mouro (1935), José Blanco (1938), Modesto Espasandín (1939, 1941 e 1942), Enrique Mouro (1943 e 1944), Serafín Rojo (1945 e 1946), Manuel Rojo (1949), Ovidio Espasandín (1953 a 1956, 1959 a 1960, 1963 a 1970), José María Busto (1957, 1958, 1971 e 1972), Enrique Mouro (1961 e 1962), Ángel Gerpe (1973 a 1978), José Río (1979 e 1980), Manuel Busto (1981, 1982, 2000 a 2011), Severino Pose (1983 a 1996), Constantino Costa (1997 a 1999), Ángel J. Pereira Espasandín (2012 e 2013), ata chegar ao actual, Enrique Ferradás (desde 2014).
A pesar de que o seu labor estaba centrado no benestar dos emigrados na Arxentina, no momento que se produce en Galicia o drama da guerra civil, a sociedade zasense non quedou de brazos cruzados e así, segundo lemos no semanario Galicia (nº 530, 8-8-1937), decide “realizar festivales y tratar por todos los medios legales a su alcance de adquirir fondos, ropas, víveres, etc., para ayudar a los niños huérfanos de la República Española”. A propia asociación de Zas figurará nunha ampla listaxe de sociedades de emigrantes na Arxentina que expresaron “su adhesión al Gobierno legítimo de España y su protesta contra la invasión de la Patria por tropas extranjeras” (“España en la Argentina. Los fieles a la República Española”, ABC, Madrid, 21-11-1937, p. 2).
Como vimos, os festivais eran os principais actos da entidade, celebrando sobre todo a patroa de Zas, a Virxe do Carme. Posiblemente para unha desas festas nacería o “Himno de Hijos de Zas”, composto en 1939 por Enrique Mouro, que sacamos de Núñez Seixas (2002: 256):

En aquel hermoso día
cuando a Zas él llegó
era la fiesta del Carmen
en la que él se divirtió.
Al son de las gaitas y bandas
orquestas y castañuelas
bailaban las juventudes
y hasta las gentes abuelas.
El joven pronto observó
que un coro bien formado
despidiéndose tristón
esta canción ha entonado.
Yo soy de Zas, de Zas me voy
pero volveré…
Si no vuelvo
yo me moriré…
Porque en Zas dejamos
muy bellos valores
pues hay en sus mozas
muy ricos amores.
El joven alegre
a bailar empezó
y esa misma tarde
su novia eligió.
Simpática y tan graciosa
la joven bella
aceptó al joven y entonces
dijo estas palabras de amor.
Que yo lo quiero de veras
me honro tanto en decir
pero de este mi pueblo
nunca jamás me he de ir.
Cantemos mi niña hermosa
que no saldremos ya más
juntos aquí viviremos
todos los hijos de Zas.

Na asemblea do 29 de setembro de 1940 resolveuse que a partir do 1 de xaneiro de 1941 a entidade cambiase a súa denominación pola de “Asociación Hijos de Zas”. En 1946 unha lei do goberno peronista fai que teñan que abandonar os seus fins asistenciais e centrarse nas actividades lúdicas e sociais. Xa que logo, deciden xuntar cartos para mercar un campo recreativo, o que conseguirán na década seguinte cun terreo na zona de Quilmes. En 1998, coincidindo co seu 75 aniversario, inauguraron unha nova sede social na rúa Suárez 236, no barrio porteño da Boca. En palabras dun dos seus últimos presidentes, Manuel Busto Moreira, “lo nuestro es la cultura, trabajamos por nuestras costumbres, por nuestras añoranzas, y de paso nos juntamos, los no tan jóvenes, a tomar un café y charlar un poco de Galicia”. Desde hai uns cantos anos contan con agrupacións folclóricas e nos seus locais impártense clases de gaita, pandeireta, acordeón e baile tradicional.


Bibliografía:

- Asociación Hijos de Zas. En su 75º Aniversario, 1923-1998; Buenos Aires, 1998.
- Asociación Hijos de Zas. 85º Aniversario, 1923-2008; Buenos Aires, 2008.
- hijosdezas.blogspot.com.es
- Núñez Seixas, Xosé Manoel (2002): O inmigrante imaxinario; Santiago de Compostela: USC.
- Palmou Carballo, Ángel (2013): “Hijos de Zas cumple 90 años manteniendo vivos los lazos con Galicia”, La Voz de Galicia, Carballo, 13 de abril.
- Rei Lema, Xosé María: Xosé Collazo. Obra poética; inédito.
- Rei Lema, Xosé María (2008): “A asociación Hijos de Zas de Bos Aires cumpre 85 anos”, La Voz de Galicia, Carballo, 9 de xullo, p. L11.
- Rei Lema, Xosé María (2009): “A creación das sociedades de emigrantes na década de 1920: o caso da Costa da Morte”, Alborada nº 191, Buenos Aires, decembro, pp. 47-48.
- Sixirei Paredes, Carlos (2001): Asociacionismo Galego no exterior, Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, tomo I.
- Prensa da emigración na Arxentina: Alborada, Correo de Galicia, Galicia (FSG).

Ningún comentario:

Publicar un comentario