No herbal azur do ceo

No herbal azur do ceo
Foto: Roberto Mouzo

5 de febreiro de 2021

Antonio Platas Reinoso, o mestre de Baio máis recordado

CHEGOU A BAIO EN 1948 DESPOIS DE SER REPRESALIADO CANDO EXERCÍA EN LAÑAS-ARTEIXO POR SER SIMPATIZANTE DO PARTIDO GALEGUISTA

Antonio Platas Reinoso foi mestre en Baio durante case un cuarto de século, pero ademais do seu labor docente, quedou no imaxinario colectivo baiés como un dos persoeiros máis carismáticos da segunda metade do século XX. A súa presenza en toda canta actividade cultural, deportiva ou mesmo relixiosa se celebraba dan boa mostra da súa implicación coa vila que tan ben o acolleu.

A recente lectura das fermosas Crónicas de Arteixo II de Xabier Maceiras, púxonos sobre a pista de novos aspectos da súa vida, sobre todo os referentes á súa depuración como mestre na Guerra Civil, motivo polo cal acabou destinado a Baio. No seu libro, Maceiras dedícalle un capítulo á mestra corcubionesa Rosario Romero Abella, que exercía na escola de nenas de Arteixo e ademais ocupaba o cargo de secretaria do Consello Local de Instrución Pública. Ese mesmo Consello tiña por presidente a Antonio Platas Reinoso, que naquela época rexentaba a escola de nenos de Lañas. Interesados por tal dato, o propio Maceiras púxonos na pista doutra publicación, Arteixo durante la Segunda República y la Guerra Civil, da autoría do cura de Morás, Manuel Blanco Rey, no que aparece unha pequena biografía de Platas Reinoso.

Estudante brillante

La Voz de Galicia
23.5.1928

Pero vaiamos ao principio. Antonio Platas Reinoso nace en Santiago de Compostela o 3 de agosto de 1907. Convértese nun estudante brillante, que obtén o título de mestre cun espléndido expediente, o que lle valeu o Premio Extraordinario da Escola Normal de Mestres en outubro de 1926. Non sería o seu único recoñecemento, pois catro anos antes conseguira o "Premio Exército" que concedía o Concello de Santiago, destacando o xurado que cualificou o seu exame como un alumno máis adiantado que moitos dos que posúen títulos académicos. En 1927 foille outorgado en Santiago o "Premio á Virtude e ao Traballo", que concedía a Fundación Manuel García Blanco (vinculada á Real Sociedade Económica), premio que recoñecía ao mozo compostelán que tivese unha conduta exemplar e que contribuíse ao sostemento da súa familia. Estaba dotado o premio con 600 pesetas. Ao ano seguinte figura como un dos dez candidatos ao "Premio a la Virtud" da madrileña Fundación de Fernán Caballero, mais non foi finalmente o elixido.

Xa neste momento estaba exercendo como mestre interino, pois en novembro de 1926 concedéraselle praza na escola de Cruces (A Escravitude-Padrón); en setembro de 1927 é destinado á de Sorribas (Rois) e en marzo de 1928 á de Serres (Muros). Tivo a sorte de que ao pouco de chegar a Serres se inaugurase un espléndido novo edificio escolar, doado polo filántropo muradán Simón Cambeiro Sande. No acto de inauguración leu un bonito discurso loando os valores da instrución e agradecendo a achega de tan benemérito veciño que fixera fortuna como emigrante en Cuba. Mais pouco puido gozar Antonio do edificio, pois en abril de 1929 é destinado ás Somozas.


O informe da inspectora e coñecida pedagoga María Barbeito

La escuela nueva se basa en el respeto, en el derecho de

gentes, en la fraternidad, en la igualdad (María Barbeito)

Na Gaceta de Madrid 268 (25.9.1930) publícase que Antonio Platas Reinoso, con domicilio na Calzada do Carme de Abaixo 24, Santiago, obtén praza fixa tras sacar as oposicións. A escola vai ser a mixta de Lañas (Arteixo), que estaba situada no lugar de Mosende. Ademais de ocuparse desta escola, Antonio vai presidir o Consello Local de Instrución, co que organiza diversas actividades. Unha delas foron unhas conferencias celebradas o 12 de xuño de 1932 en Larín, nas que os mestres de Larín, Monteagudo e Lañas trataron, respectivamente, os seguintes temas: “Cultura y Misiones Pedagógicas”, “Estudio de los vegetales y sus aplicaciones a la agricultura” e “Concepto de la libertad. Derechos y deberes”. Ademais de ditar esta última conferencia, Antonio Platas leu no intermedio do acto “unas poesías escogidas, de Rosalía de Castro, que fueron muy celebradas por la concurrencia” (La Voz de Galicia, 16.6.1932). Cando, ao ano seguinte, a célebre pedagoga María Barbeito é designada como inspectora das escolas dos concellos da Coruña e de Arteixo, atopa xa algo de camiño adiantado por parte dalgúns mestres. Botamos man agora do relato de Blanco Rey para extraer a valoración do primeiro informe que a inspectora fai de Antonio Platas:

A pedagoga María Barbeito
[culturagalega.gal]

"Su aspecto exterior: impresiona favorablemente. Salud: buena. Cultura: más que mediana. Formación pedagógica: suficiente. Carácter: afable. Lenguaje: culto; con mucha vocación, actividad, iniciativa y puntualidad. Disciplina en la clase: buena. Influencia sobre los alumnos: mucha. Resultados en la enseñanza: satisfactorios. (...) La mejor cualidad de este maestro: su cultura y laboriosidad. Su mayor defecto consiste en ayudar a los niños en las respuestas pronunciándoles la mitad de las palabras para que ellos las completen. Moralidad: ¡intachable!".

Ademais o cura de Morás engade da súa colleita que

"era D. Antonio Platas uno de los maestros querido y protegido por la Inspectora. (...) Aunque no se mostró 'incivilizadamente' como anticlerical, retiró el crucifijo de su escuela, dejó de impartir enseñanza religiosa y comenzó a coquetear con la política. (...) Como presidente del Consejo Local, en cuyo seno, según doña María Barbeito 'desplegó gran celo', se decantó, claramente, por el Partido Galleguista, de cuyo ideario hizo pública propaganda con perjuicio y detrimento de su labor escolar. El triunfo del Frente Popular envalentonó a este 'valioso' maestro que radicalizó, ostensiblemente, su postura. Nada extraño, pues que las nuevas autoridades, tras el triunfo del pronunciamento cívico-militar, le cesaren fulminantemente de su cargo por orden del Gobernador Civil de 20.8.1936 y con efectos de finales de julio de dicho año".


Saída da viaxe a Madrid; Platas está anicado, no medio.
28.10.1935 [Foto: Romero Masiá (2014)]
Non andaba errado o cura de Morás cando di que Platas era un mestre querido e protexido pola inspectora. Segundo Romero Masía (2014), María Barbeito tiña ao seu cargo 42 escolas, entre elas a de Lañas (nos seus informes pódense ler as queixas polos oídos xordos do Concello de Arteixo ás súas peticións, entre elas o traslado da escola de Lañas a un lugar máis céntrico da parroquia). Estableceu un Centro de Colaboración Pedagóxica para que os distintos mestres achegasen as súas experiencias, aprendesen novos métodos e tivesen fácil acceso a todo tipo de bibliografía a través da biblioteca do Centro. Cada mestre tiña que preparar un relatorio sobre distintos aspectos da docencia e tiña que expoñelo na súa escola perante os outros membros do Centro. A Antonio Platas tocoulle en xuño de 1935, xusto cando María Barbeito estaba percorrendo Europa para coñecer novas experiencias pedagóxicas. Outra das actividades do Centro eran as viaxes dos mestres. O 4 de abril de 1935 levou a Santiago máis de trinta mestres das escolas coruñesas e arteixás para que coñecesen o funcionamento da escola de xordomudos e cegos e o sanatorio psiquiátrico de Conxo, ademais de asistir a unha conferencia de Ciriaco Pérez Bustamante sobre o poder real nos séculos XVI e XVII a través da obra de Lope de Vega. A segunda viaxe, no mes de outubro, era máis ambiciosa, e aínda que houbo que desbotar o proxecto inicial por motivos económicos (presupostada a viaxe de 20 días por Madrid, Barcelona, Zaragoza, San Sebastián, Bilbao, Santander, Xixón e Oviedo en 8000 pesetas, solicitáralle unha subvención ao Ministerio de 5000 pesetas e este só concedeu 2000), a inspectora conseguiu levala adiante cun novo proxecto. O 28 de outubro iniciaba unha viaxe cos mestres “elegidos entre los que se hallen en mejores condiciones de recoger y aplicar orientaciones pedagógicas modernas y eficaces”. Antonio Platas foi un dos dezaseis elixidos (despois sumáronse seis máis pola súa conta) para pasar 12 días visitando León, Zamora, Valladolid, Ávila, Toledo, Salamanca e Madrid. Á parte de coñecer os edificios de interese artístico de cada cidade, visitaban distintos centros escolares, para comprobar distintas metodoloxías de traballo. Pero toda esta innovación pedagóxica quedou fulminada pola ditadura.

Simpatizante do Partido Galeguista e represaliado polo franquismo

Los maestros en Galicia han sido enteramente exterminados: la caza de 

maestros de primera enseñanza era un deporte diario de los falangistas”

(Pablo Neruda, Nuestra España, París, 9.3.1937)

Aínda que as palabras de Blanco Rey xustifican a acción das novas autoridades golpistas, baseándose supostamente en que o mestre Platas era partidario dunha escola laica e non relixiosa, tamén nos permiten coñecer algo máis do porqué da súa depuración e castigo posterior. Todos os mestres que tiñan como modelo os postulados da Institución Libre de Enseñanza viron como eran apartados dos seus postos, cando non eran fusilados. O mesmo acontecía cos que fixeran propaganda dalgún dos partidos integrantes da Fronte Popular, como era o caso do Partido Galeguista, co que el simpatizaba.

Antonio e Consuelo, en Baio
Antonio Platas foi destituído do seu posto o 20 de agosto de 1936 (cfr. Boletín Oficial de la provincia de La Coruña 190, 21.8.1936), e aínda que en 1938, mentres non se resolvía o seu expediente, foi devolto provisionalmente á escola de Lañas, axiña é cesado de novo. Este mesmo ano vai casar coa baiesa Consuelo Tasende Fachal, probablemente a primeira muller de Baio e redonda que logrou un título universitario, aínda que tivo que agardar aos 21 anos para poder estudar. Con tal motivo, foi para a casa dos seus padriños en Santiago, e puido sacar o Bacharelato e mais a carreira de Practicante, oficio que ía exercer, xunto co de comadroa, no concello de Zas. Na cidade compostelá foi onde se coñeceron Antonio e Consuelo, e alí ía nacer o primeiro fillo, Antonio, en 1939. En xullo de 1940, segundo a Orde de Depuración do Ministerio de Educación Nacional, é suspendido con dous anos de emprego e soldo, e posterior traslado fóra da provincia durante cinco anos, ademais de ser inhabilitado para cargos directivos. "Mi padre era maestro nacional, siendo corto de vista y sin haber disparado ni un tiro en su vida fue represaliado, como le ocurrió a tantos otros maestros", afirmaba Antonio Platas Tasende nunha entrevista que Marta Valiña lles fixo aos fillos do mestre en La Voz de Galicia, 8.3.2011. Foron tempos duros para a familia. A fame fai que teñan que abandonar Compostela e refuxiarse na casa dos pais de Consuelo, Constantino e María, que tiñan unha empresa pirotécnica en Baio ("era fogheteiro!", puntualizaba Antonio na citada entrevista).

Rehabilitado (1942) e permuta da praza: de Corme para Baio (1948)

Antonio consegue que se lle revise o expediente e en agosto de 1942 é rehabilitado: "Esta Junta [de 1ª Ensinanza da Coruña], en sesión del 10 del corriente [agosto], adjudicó la Escuela de Pazos, en Zas, a don Antonio Platas Reinoso, Maestro repuesto en la enseñanza" (Boletín Oficial de la provincia de La Coruña 184, 18.8.1942). Aquí, en San Cremenzo de Pazos, vai nacer a filla, Ana María, en 1944. Pero en agosto dese ano é destinado para o concello de Alfoz, na Mariña lucense, onde vai permanecer ata que en xullo de 1948 se lle aproba o traslado para a escola de Corme. A partir de aquí, a familia vai enfocar a vida arredor de Baio, pois aséntanse na Cacharosa, nunha casa alugada, e Antonio logra permutar a praza de Corme pola de Baio. Na escola baiesa, que estaba situada na casa de Labarta Pose, nos Carballos da Botica, exercía de mestre Juan Bautista Rodríguez Vila, que viñera para aquí, procedente de Traba, en 1943, e que, segundo Rojo Valiña (2011: 72), tamén sacaba moas.

E xa que falamos de José Rojo Valiña, imos valernos do seu libro ¿Sabías que...? Baio e algo máis para coñecer como era a vida de Platas Reinoso na vila baiesa:

Antonio Platas cos seus alumnos fronte ás escolas Agra Regueiro

"Cun alumnado que moitos anos sobrepasaban os cento trinta e cinco rapaces, lograba que todos saísen cun nivel de coñecementos superior ao das outras vilas. Pero a súa ensinanza, non só se encamiñaba ao puramente escolar, senón que abranguía outros aspectos que puidesen servir para enfrontarse a determinadas circunstancias e situacións da vida real. (...) Foi desde o principio colaborador insustituíble de D. Juan Astray, o cura párroco de Baio nas actividades que se levaran a cabo. No fútbol era o animador e impulsor que sempre estaba na primeira liña, potenciando este deporte entre os rapaces da escola. Profesionalmente dedicouse a preparar a documentación para os que emigraban ao estranxeiro. Tamén se dedicaba a levar a contabilidade de moitas empresas de Baio e doutras vilas veciñas".

Na entrevista de La Voz de Galicia, a súa filla Ana confirmaba estes feitos:

"Mi padre se encargaba de los chicos, pero muchas veces mi madre le echaba una mano, porque tenía más de 80 niños, de todas las edades. Además, por casa venía siempre muchísima gente, porque mi padre, que tenía una máquina de escribir, ayudaba a los vecinos a redactar cartas, a redactar documentos, a elaborar instancias... Era un hombre muy querido y eso nos llena de orgullo".

Nunca máis falou de política, nin na propia familia

E cando racha o silencio, o ruído, o son, o bisbeo, o lóstrego, o que sexa que o rompa, será sempre presaxio.

(Francisco Castro, Tantos anos de silencio, 2020)

O que non se sabía en Baio foran as causas do seu castigo como mestre, pois escarmentado polo que sufriran os seus, deixou de falar de política, incluso dentro do ámbito familiar. Foron anos de silencio. Aínda así, as súas ideas progresistas seguiron evidenciándose no seu bo facer como docente, facendo gala da cultura e laboriosidade da que falaba María Barbeito. Aínda que de ideas distintas, trabou grande amizade co cura da parroquia, Juan Astray (curiosamente, este tamén exercera na parroquia de Lañas durante tres meses en 1921, antes de ser destinado a Lamas-Zas). "Don Juan y mi padre eran uña y carne", sinala Ana Platas. Os dous levaron adiante moitos proxectos xuntos, como as actividades ao redor da festa de Mª Goretti ou a dirección das obras das Escolas Agra Regueiro, proxecto ideado por José Collazo e outros emigrantes baieses na Arxentina. Este fora un grande adianto para a vila, pois a escola dos Carballos da Botica estaba en moi malas condicións, con pingueiras, falta de bancos e mesas, e escaso sitio (os nenos ían á escola pola mañá e as nenas pola tarde, coa mestra Clotilde Lema). As novas Escolas Agra Regueiro foron inauguradas en 1954, momento no que o mestre Platas pronunciou un emotivo discurso, e ademais tivo que ler dous escritos, un enviado polos baieses emigrados na Arxentina, e outro por Aurora Blanco, viúva do mestre Agra Regueiro. Na escola, Antonio Platas fomentaba o deporte entre os alumnos, polo que non é estraño que fose un dos membros fundadores do CD Baio, equipo de fútbol local do que foi moitos anos directivo, e entre os seus méritos estivo o de ser un dos responsables de que se conseguise dispoñer do Campo do Balsiño, onde era un dos mellores seareiros:

Platas, 2º pola esq. dos sentados, con outros directivos do CD
Baio, visitando a Dª Lucinda Varela e Teodoro Morgade (pai)

"Malia que na práctica quizais exercese como tal, nunca quixo ser presidente: foi o eterno secretario de todas as xuntas directivas anteriores á federación do club, aínda que tampouco rexeitaba o cargo de tesoureiro-contador. Na primeira tempada da Liga da Costa (63-64) foi vicesecretario e na seguinte (64-65), tesoureiro; foron as últimas tempadas nas que participou como directivo, aínda que seguiu botando unha man. De rapaz seica tivera un accidente que lle afectara á vista, e esa deficiencia óptica acompañouno toda a vida. Aínda así procuraba non faltar aos partidos do Balsiño para animar; ao seu lado sempre tiña un rapaz da súa escola como 'lazarillo', que lle indicaba por onde andaba o balón" (Rei Lema/Lema Suárez, 2015: 70. Aquí figuraba como vicepresidente da primeira temporada, pero o recente achado da acta fundacional fainos corrixir ese erro).

Recoñecementos por parte do pobo baiés

Inauguración do campo de fútbol Platas
Reinoso, á que asistiron os fillos Ana e
Antonio. 24.8.1990. 
Antonio Platas Reinoso faleceu en abril de 1971, pero a súa figura quedou na memoria de moitas xeracións de baieses, que tiveron nel a moito máis que un mestre. "Los vecinos siempre se portaron bien con nosotros y siempre traían algún regalo. La gente de Baio era maravillosa", recorda Ana Platas Tasende. No ano 1990, a proposta da Asociación de Veciños Tabeirón, o Concello de Zas decide que unha rúa de Baio leve o nome de Mestre Platas, en concreto aquela rúa que comunica as vellas escolas Agra Regueiro co centro escolar Labarta Pose. Nese mesmo ano tamén se inaugura o novo campo de fútbol municipal de Baio, que se vai bautizar co nome de Platas Reinoso. Un home bo que demostrou desde a súa infancia que pagaba a pena preocuparse polos demais, que fixo bandeira dun ideal progresista e galeguista, dunha escola laica e baseada nos postulados da Institución Libre de Enseñanza, un home que sufriu un calvario polas súas ideas, pero que a pesar de todo, soubo mirar sempre polo ben de todos os seus veciños. E en Baio ben agradecidos lle están.


Bibliografía:

- BLANCO REY, Manuel (2008): Arteixo en la Segunda República y la Guerra Civil; Arteixo: autoedición.

- Boletín Oficial de la provincia de La Coruña, anos 1930-1948.

- Boletín Oficial del Estado (Gaceta de Madrid), anos 1926-1955.

- MACEIRAS, Xabier (2020): Crónicas de Arteixo II; Arteixo: autoedición.

- REI LEMA, Xosé Mª / LEMA SUÁREZ, Xosé Mª (2015): 50 Anos da Historia do Fútbol da Costa (1964-2014); Baio: autoedición.

- ROJO VALIÑA, José (2011): ¿Sabías que...? Baio... e algo máis; Baio: autoedición.

- ROMERO MASIÁ, Ana (2014): María Barbeito. Unha vida ao servizo da escola e dos escolares (1880-1970); A Coruña: Edicións Baía.

- S/A (1928): "Memoria de los actos de la Academia y relación de los concursos de premios (1926-1928)", Boletín de la Real Academia de la Historia, tomo 92, Madrid; pp. 818-848.

- VALIÑA, Marta (2011): "Baio es y será siempre nuestro principal punto de referencia. Retornar a... Baio. Antonio y Ana María Platas Tasende", La Voz de Galicia, Carballo, 8 de marzo, pp. 8-9.

- Prensa: El Compostelano, El Eco de Santiago, El Ideal Gallego, El Magisterio Español, El Pueblo Gallego, La Voz de Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario