No herbal azur do ceo

No herbal azur do ceo
Foto: Roberto Mouzo

4 de marzo de 2019

Para unha historia da ABC de Corcubión (III). Os emigrantes crean as "sociedades de instrución" para paliar o analfabetismo na Galicia de comezos do séc.XX

Escola pública de Fornelos-Baio creada en 1931 coa chegada
da República, a cargo da mestra Amalia Lojo. O poeta de Laxe
Antón Zapata escribe un fermoso texto na revista Alborada
(nº 69, 1932) acompañando esta foto do seu veciño José Vidal
A creación a comezos do século XX por parte dos nosos emigrantes en América das denominadas “sociedades de instrución” supuxo unha auténtica revolución no mundo educativo galego, coa construción de multitude de escolas que tentaban paliar a deficitaria situación da educación en Galicia, ante a parsimonia do Estado en realizar melloras en aspectos como as condicións dos edificios escolares –a maioría, locais arrendados non aptos para esta función-, os paupérrimos soldos dos mestres ou o importante absentismo escolar. Segundo datos de Narciso de Gabriel [2006: 151-ss], en 1900 había en Galicia 2.300 escolas públicas, o que supoñía unha media de 861 habitantes por escola. En 1930 case se duplica o número de escolas: 4.424, pero a media só baixa ata os 504 habitantes por escola; media que na provincia da Coruña chegaba aos 640 habitantes por escola pública. A estas habería que engadirlles as escolas privadas, sobre todo as chamadas "escolas de ferrado" (así coñecidas porque os mestres cobraban un ferrado de cereal ao ano por cada neno que acudía a elas). Nese principio do século XX tamén se amplía o período de escolarización, pois se a Lei Moyano (1857) establecía a obrigatoriedade dos seis aos nove anos, en 1901 auméntase ata os doce anos, e en 1923 ata os catorce. Non obstante, o absentismo escolar era algo habitual entre os nenos galegos destas primeiras décadas do século. Así, en 1908 a taxa de escolarización non chega ao 30% dos rapaces en idade escolar, alcanzando o 40% en 1923 [Gabriel, 2006: 163]. Dentro destas taxas, hai que sinalar que a poboación que acode á escola é basicamente masculina, pois non se consideraba necesario que as nenas aprendesen a ler e a escribir. Do mesmo xeito, os rapaces deixaban de iren ás clases se se precisaba a súa axuda na casa, polo que o absentismo escolar aumentaba naquelas épocas nas que se realizaban as principais tarefas agrícolas.
Xa que logo, esta sucesión de factores facía que a meirande parte da poboación fose analfabeta. Volvendo novamente sobre datos de De Gabriel [2006: 314-ss], a porcentaxe de poboación galega alfabetizada era do 25’7 % en 1900, chegando ao 50’7 % en 1930. Pero se analizamos os datos con relación ao xénero, temos que en 1900 estaban alfabetizados o 40’4 % dos homes, pero só o 13’6 % das mulleres. En 1930, a porcentaxe dos homes chegaba ao 59’9 %, mentres que a das mulleres triplicárase e alcanzaba o 42’9 %. Pero fixémonos agora no partido xudicial de Corcubión, e vexamos no seguinte cadro a evolución da porcentaxe da alfabetización:


MASCULINA
FEMININA
1900
1920
1930
1940
1900
1920
1930
1940
CAMARIÑAS
33
34
43
54
15
21
28
39
CEE
37
50
56
68
15
27
39
54
CORCUBIÓN
50
60
59
75
34
55
51
71
DUMBRÍA
34
44
52
59
03
08
23
35
FISTERRA
31
40
48
56
07
18
34
43
MUXÍA
39
46
48
62
10
20
31
44
VIMIANZO
32
45
47
57
06
21
26
39
ZAS
36
55
55
66
07
26
31
46
PART. XUDICIAL
35
46
50
61
10
22
31
43
GALICIA
40
51
60
71
14
31
43
58
[Fonte: N. de Gabriel, 2006]

Como podemos comprobar, os datos dos concellos deste partido xudicial amosan unhas porcentaxes aínda inferiores ás xa lamentables de Galicia, reflectindo un atraso dunha década fronte á media do país. Se collemos os datos de 1900 vemos como os partidos xudiciais menos alfabetizados corresponden aos situados na chamada periferia, como o noroeste coruñés ou o sur ourensán, aínda que encabeza a clasificación o partido de Ordes, cun ridículo 12% de alfabetización, seguido polos de Verín e Xinzo de Limia, cun 17%, Carballo cun 18%, e Bande e Corcubión que chegan ao 20%. Corenta anos despois, son os partidos xudiciais coruñeses os que encabezan a clasificación: Ordes, cun 45%, Corcubión, cun 51%, e Carballo, cun 53%. No cadro do partido xudicial corcubionés, observamos que os mellores datos están no concello de Corcubión, debido posiblemente a ser capital do partido e a desenvolver unha actividade máis "urbana" que rural, ao que hai que unir a presenza do veciño colexio construído polo indiano Fernando Blanco de Lema, o cal tamén se manifesta, en menor medida, nos datos do concello de Cee.
En 1927 medio cento de nenos acudían
á escola pública de Zas co mestre Pablo
de Torres [Foto: Alborada]
Diante da situación de desleixo do Estado en materia educativa, van ser os emigrantes os que traten de facerlle fronte. Dentro da emigración, temos que falar, de primeiras, das escolas levantadas por ricos indianos, convertidos en benfeitores dos seus lugares de orixe. É o caso, na Costa da Morte, do xa mencionado Fernando Blanco de Lema, que no seu testamento deixou cartos para a construción e mantemento en Cee dun colexio de ensino secundario e dunha escola de nenas (que empezaron a funcionar a mediados da década de 1880). Malpica aproveitouse das importantes achegas de Anselmo Villar Amigo, que serviron, entre outras moitas cousas, para a construción dunha escola que levaría o seu nome, inaugurada en 1914 (actualmente o edificio alberga a Casa do Concello). Do mesmo municipio era seu tío, o cóengo Francisco Villar Carracedo, que, segundo datos de Peña [1991 II: 366], deixou un capital de un millón de pesetas en terreos e unha cantidade non determinada nos bancos bonaerenses para implantar e soster un centro escolar en Malpica, do que nada sabemos. Caso similar aos deste sacerdote é o de José Mª del Río, que en 1906 “dona 30.000 duros para la fundación de un grupo escolar en su pueblo natal, que es Mugía” (El Eco de Galicia n.º 539, Buenos Aires, 10 de outubro de 1906, p.3), pero a súa realización foise adiando e a pesar de constituírse unha “Fundación benéfico-docente” -como publica o B.O.E. do 22 de outubro de 1954-, non se chegou a levar a cabo. Algo semellante ao que pasou co disposto por Manuel Mª Pose, que en 1904 deixaba no seu testamento 100 mil pesos arxentinos para ”la fundación y sostén de un Colegio Mercantil en Zas” (El Eco de Galicia n.º 475, Buenos Aires, 30 de decembro de 1904, p.1) sen que o proxecto vise a luz en ningún momento. Pola contra, si que chegou a bo porto a Escola de Artes e Oficios de Corcubión que deixara testada José Carrera Fábregas, e que empezou a funcionar en 1931 (hoxe tamén Casa do Concello).
Escolares do Pósito de Pescadores de Laxe en 1910, onde
se aprecia a escasa presenza de nenas. [Foto Vidal]
Como vemos, ata para levar adiante estas escolas que ricos emigrantes deixaban nos seus testamentos había moitas dificultades, pois nin sequera as autoridades municipais se molestaban en reclamar e esixir a construción destes edificios, e as poucas que foron arriba debéronse á teimosía dos testamenteiros para cumprir a derradeira vontade do falecido. Xa que logo, a creación das sociedades de instrución a comezos do século XX supuxo un importante cambio para o desenvolvemento da construción de novas escolas, por canto eran os propios emigrantes os que se preocupaban que os cartos que se recadasen fosen utilizados o máis rápido posible na obra ideada. Xa falamos das varias sociedades de instrución que crearon os emigrantes da Costa da Morte na Arxentina, e de como só a ABC tivo a capacidade para construír escolas, que foron catro, aínda que outras levaron adiante melloras no eido educativo. Aínda así, Peña Saavedra (1991) sinala que tanto a asociación "Unidos de Puenteceso y Cabana" como "Hijos de la Parroquia de San Juan de Sardiñeiro" levantaron senllos edificios escolares nos seus lugares de orixe, mais non hai ningún testemuño que confirme este dato, e todo parece que quedou nun simple intento. Como tamén o intentou a do "Ayuntamiento de Lage y sus contornos" que dirixía Máximo Musi, pero non lograron máis que enviar sumas de diñeiro -e non foron poucas- para a escola do Pósito de Pescadores da vila laxense, así como para outras obras de importancia.
Castelao recolleu en Cousas da vida a
problemática da calidade do ensino
nas escolas dos emigrantes
A “Sociedad Cultural y Agraria del Distrito de Mugía" tamén iniciou a súa andadura con altas miras, e cunha clara vontade de crear escolas no seu concello de orixe, e non só se conformaban coa simple construción senón que avogaban pola importancia da calidade do ensino que esas escolas lles ofrecesen aos nenos e nenas. Así, publicaron un manifesto, do que mesmo se fixo eco en Galicia o periódico A Nosa Terra (nº 186, A Coruña, 1 de xuño de 1923, p. 5), no que sinalaban: "O noso camiño é máis corto e vai dereito âs necesidades mais apremiantes do municipio visando craramente estes tres probremas capitás: A instrucción elemental (neutra e racional), A enseñanza agrícola (en canto refírese â divulgación dos modernos conocimientos e praiticas encol da agricultura, gandería, industria leiteira e derivadas e especialmente da industria de granxa) e o fomento dos Sindicatos agrícola-gandeiros (como factores do progreso económico da comarca e do benestar individual do labrador, dende que eles instituyan o seguro mutuo sobre o gando, a cooperación para a adquisición de sementes e abonos químicos e especialmente da creación de caixas rurás de depósito e préstamo que libren ao labrador das poutas da usura). […] Emporiso, hoxe como onte, a especie de instrucción que se lles suministra aos nenos das aldeas é a mesma, esto é, unha enseñanza en fragante desacordo cos seus costumes e o seu xénero de vida. Necesitamos, pol-o contrario, crear no distrito escolas esencialmente rurás que preparen ao neno para a función que mais tarde terá de desempeñar e que de feito xá desempeña, tal é a de agricultor; pero agricultor â moderna, capaz de extraer â terra e â gandería todo o rendimento que o labrador dos países adiantados adoita a sacarlles. D’este xeito o noso labrego non levará a vida de privaciós e miserias que hoxe soporta nin se verá en moitos casos na dura necesidade de buscar na emigración o pan de cotío que non soupo atopar na su propia terra”. Ao igual que a sociedade de Laxe, a entidade muxiá tívose que conformar con achegas monetarias para a mellora das condicións das escolas públicas dos distintos lugares do concello, así como na compra de diverso material escolar.
Quen si logrou levantar escolas foi, como xa dixemos, a entidade supramunicipal ABC de Corcubión, e diso habémonos ocupar nun vindeiro artigo.


Bibliografía:

- GABRIEL, Narciso de (2006): Ler e escribir en Galicia; A Coruña: Universidade.
- GARCÍA DOMÍNGUEZ, Mª Teresa (2001): “O labor dos emigrantes galegos no eido educativo: o exemplo do Partido Xudicial de Corcubión”, Entre nós. Estudios de arte, xeografía e historia en homenaxe ó profesor Xosé Manuel Pose Antelo; Santiago de Compostela: Universidade; pp. 729-747.
- MARTÍNEZ DOMÍNGUEZ, Blanca (2008): “Alfabetización, escolarización e emigración en Galicia (1860-1930): uns vínculos paradoxais”, Migracións na Galicia contemporánea. Desafíos para a sociedade actual; Santiago de Compostela: Sotelo Blanco; pp. 49-72.
- PEÑA SAAVEDRA, Vicente (1991): Éxodo, organización comunitaria e intervención escolar; A Coruña: Xunta de Galicia; 2 volumes.
__________ (1995): “Os centros educativos dos emigrantes. Panorámica galega e concreción na Costa da Morte”, Educación e patrimonio. A herdanza dunha fundación; Santiago de Compostela: Xunta de Galicia / Fundación F. Blanco de Lema; pp. 35-37.
- REI LEMA, Xosé Mª (2005): “As escolas dos emigrantes”, La Voz de Galicia, Carballo, 4 de novembro; p. 14.
- Prensa da emigración en Buenos Aires: Alborada, Boletín de la S.C.yA. del Distrito de Mugía, Correo de Galicia, El Despertar Gallego, El Eco de Galicia, El Heraldo Gallego, etc.

20 de outubro de 2018

Para unha historia da ABC de Corcubión (II). Primeiras iniciativas

A "Sociedad Agraria y Cultural de los Hijos del Partido de Corcubión" nace cunha clara finalidade de loitar pola melloría da súa terra de orixe. Así, xa a finais de 1922 indican que as melloras que debe realizar a sociedade son: a busca dun maior rendemento da agricultura do país, a redención dos foros, a creación dunha escola experimental agrícola ou industrial, e a creación de escolas de primaria [Correo de Galicia, 19·11·1922] . En febreiro de 1923 súmase como necesidade perentoria a implantación dunha sala de primeiros auxilios médicos que libre os nosos veciños de teren que acudir a Santiago.
A preocupación dos dirixentes da sociedade polo estado no que se atopaban as comarcas fisterrás podémola ver en dúas cartas dirixidas a representantes políticos. A primeira, con data do 5 de maio, mándanlla ao deputado en Cortes por Corcubión Benito Blanco-Rajoy Espada, da que extractamos estes parágrafos [Correo de Galicia, 20·5·1923]:

A pesar das promesas, Blanco Rajoy
seguiu deixando o distrito no abandono
Entendemos que son varias las mejoras de que tan necesitada se halla aquella parte de Galicia. La realización del proyectado ferrocarril, algo cuya importancia no se discute; el llevarlo a la práctica merecerá unánimes aplausos. Fomentar las industrias (especialmente la pesquera); contribuir al desarrollo intensivo de la agricultura y ganadería, dándole la importancia que tienen para la riqueza nacional; propender al mayor y mejor cultivo del árbol con todos sus derivados; son anhelos justos que merecen preferentes atenciones, y que el claro talento de S. S. habrá podido apreciar y seguramente estudiar con detenimiento.
Pero hay un aspecto sobre nuestra vida sobre el que nos permitimos llamar muy especialmente la atención de S. S., porque es el que más de cerca nos toca en la emigración. Nos referimos a la instrucción en general. Hay aquí una pléyade de jóvenes, que precisamente en su casi totalidad han debido cruzar el mar por las deficiencias anotadas en el párrafo anterior; y al querer desarrollar sus actividades en este hospitalario país, se han encontrado frente a la negra realidad de que no se les había instruído, ni rudimentariamente en muchos casos, teniendo, por consiguiente, que conformarse con ocupar puestos donde el trabajo corporal lo es todo.

Meses despois, o mesmo periódico [Correo de Galicia, 29·07·1923] publica a resposta do deputado, na que comenta “as moitas melloras” que conseguiu el para esta zona, melloras que xa publicara a prensa coruñesa [El Ideal Gallego, 23·11·1922] e que foran a creación de escolas en Leis e Ozón (Muxía), Salto (Vimianzo) e Loroño (Zas), ademais da estrada entre Baio e Laxe -segundo Francisco Romero Lema, esta estrada non se fixo ata 1935-. Benito Blanco-Rajoy Espada (A Coruña, 1891–1966) foi deputado polo distrito de Corcubión entre 1919 e 1923 polo partido conservador como candidato único nas eleccións; tamén será deputado pola provincia da Coruña durante toda a II República (1931-1939) polas dereitas.
O diputado "cunero"
Chapaprieta foi elixido
polos distritos de Ordes
e Noia, pero pouco fixo
por esta provincia pese
a chegar a altos cargos 
Unha segunda carta envíalla a directiva da ABC o 30 de maio ao ministro de Traballo, Industria e Comercio, e senador pola Coruña, Joaquín Chapapietra. Entre outras cousas dinlle [Correo de Galicia, 10·6·1923]:

Urge, pues, veamos más amplios horizontes y consignamos que los cuidados que el Estado dispensa, a veces con prodigalidad, los dedique también a los pueblos que, como los del Partido Judicial de Corcubión, jamás participaron de las ventajas del presupuesto de la Nación al que todos contribuímos con entusiasmo y desprendimiento para engrandecer a España. (…)
Por eso vemos con pena, con verdadero dolor de sinceros españoles, que la casi totalidad de los que llegan a estos países hospitalarios, necesariamente tienen que ocuparse en trabajos rudos y corporales, por la falta de instrucción y preparación intelectual adecuada al estado de cultura a que han llegado hoy los pueblos americanos y de la que disfrutan las colectividades extranjeras que tienen asiento en el nuevo mundo.

As promesas políticas quedaron, coma sempre, en auga de castañas, polo que a asociación terá que facer o traballo pola súa conta. Entre as iniciativas destes primeiros meses podemos citar a creación dun premio destinado aos mellores mestres e alumnos das escolas do partido xudicial. En concreto consistía ese premio nunha "medalla de oro para el maestro de cada ayuntamiento del partido que mejor organizada presente su escuela, un alfonsino para el alumno que mejores notas obtenga también por ayuntamiento; premios idénticos para las maestras y alumnas y dos premios más, uno para el profesor y otro para el mejor alumno del colegio ‘Blanco’ de segunda enseñanza que funciona en la villa de Cée, siendo en total 36 los premios a conceder" [Correo de Galicia, 29·7·1923]. Tamén vai colaborar na creación dunha biblioteca en Zas, a través da "Sociedad de Amigos de la Escuela de Zas" dirixida polo seu mestre Pablo de Torres; ou nas suscricións para homenaxes a persoeiros da comarca, como o ceense Blanco de Lema ou os baieses Labarta Pose e Agra Regueiro. Pero os maiores esforzos estaban destinados á construción dunha granxa escola.
Así, na asemblea do 27 de xuño de 1924 perfílanse os que deben ser os proxectos a realizar pola sociedade [Correo de Galicia, 20·7·1924]:

A.- Escuela (Sus amplios detalles se darán a conocer oportunamente).
B.- Estación de primeros Auxilios; Consultorio médico; Asistencia médico-quirúrgica de urgencia; Primeros auxilios (En casos de accidentes, envenenamientos, intoxicación, asfixia, ahogados, etc., etc., contando con una ambulancia automóvil provista de todos los elementos necesarios para cualquier emergencia).
C.- Depósito y provisión (al costo) de máquinas rurales, herramientas, semillas, etc., etc.
D.- Experimentación rural; Vivero surtido de acuerdo con las condiciones locales; Campo de siembra: hortalizas, etc.; Arboricultura: frutales, viñedos, etc.; Pequeño gallinero para avicultura; Conejera, etc.; establo: vacas, cerdos, etc., etc.

Pepe Miñones realizou
un gran labor para a
entidade corcubionesa,
o que lle valeu a medalla
de ouro da Sociedade.
Con tal motivo acordan a compra dun terreo nun lugar céntrico dentro do partido xudicial e nomean unha comisión consultiva-xestora en Galicia formada por cinco membros -entre eles o avogado corcubionés Pepe Miñones- encargada de estudar a realización deste proxecto. Esta comisión decide que o urxente é a construción da granxa escola, e a poder ser dúas, porque a súa implantación nun lugar intermedio –neste caso tomaban como máis probable Berdoias (Vimianzo)- consideran que non cobre as necesidades de todo o partido xudicial, polo que se pode facer unha para os concellos soneiráns e outra para os nemanqueños, contando para iso coa colaboración das corporacións municipais [Correo de Galicia, 7·12·1924].
A pesar dos esforzos de Pepe Miñones Bernárdez, desenvolvendo o labor de representante da asociación en Galicia, estas iniciativas non tiveron éxito. Con todo, o corcubionés non caeu no desalento e organizou en 1926 unha Asemblea de Delegados da asociación nos concellos do partido xudicial, nomeando dous representantes por cada concello para que se encargasen de desempeñar os traballos marcados desde terras arxentinas. Pero a actividade desta asemblea tivo pouco percorrido, xa que axiña deixa de funcionar, e os proxectos da asociación quedaron sen realizar. Non tardarán desde a Arxentina en darlle un xiro á súa actuación na súa terra de orixe.

9 de outubro de 2018

Para unha historia da ABC de Corcubión (I). As orixes

Xa falamos noutro artigo das moitas asociacións que no inicio do século XX se crearon na Arxentina polos nosos emigrantes, e en concreto por parte dos que procedían da Costa da Morte. A máis importante de todas estas, e unha das máis significativas de toda a colectividade, foi a Asociación Benéfica y Cultural del Partido de Corcubión. Coñecida popularmente como a ABC de Corcubión, tivo unha conflitiva orixe, da que agora imos tratar aquí.
Casto M. Insua foi o primeiro
presidente da SAyC Hijos del
Partido de Corcubión (1923)
O fisterrán Casto María Insua conta nas páxinas de Alborada [nº 1 e 2] que foron o ceense Manuel Areas Blanco e o muxián Manuel Creiro Pose os que tiveron a idea de facer unha sociedade de emigrantes na Arxentina dos seus dous concellos. Con tal motivo publicaron un manifesto, asinado por un total de 122 emigrantes, convocando para o 26 de agosto de 1922 nos salóns da sociedade “El Hogar Gallego” a todos “los oriundos de los Ayuntamientos de Mugía y Cée, que hasta ahora hemos permanecido en el marasmo y en la inactividad casi total, den muestras de su potencialidad agrupándose y aunando sus esfuerzos, contribuyendo cada uno con su aporte, para que unificado el de todos, pueda así llegarse a la consecución de las mejoras de todo orden, especialmente agrarias y culturales, de las que tan necesitados se encuentran nuestros ayuntamientos” (Correo de Galicia, 20·8·1922). A convocatoria foi un éxito, pois asistiron máis de 200 veciños, moitos deles de concellos limítrofes dos dous mencionados. Xa que logo, o muxián Leopoldo Balboa suxeriu que se podía ampliar a sociedade a todo o partido xudicial. Con todo, esa noite constituíuse a “Sociedad Agraria y Cultural de los Ayuntamientos de Mugía y Cee”, creándose unha comisión provisoria dirixida por José Quintáns Pazos para redactar os estatutos, pero:

Los componentes de la comisión provisoria nombrada en ese entonces, notaron que en aquella reunión se indicó la conveniencia de que esta sociedad abarcase a todos los ayuntamientos del partido de Corcubión; encontró además que en las listas de socios figura un buen número de cotizantes que no proceden de ninguno de los ayuntamientos citados, siendo, en cambio, de los de Dumbría, Finisterre, y otros; en los pocos días transcurridos desde la constitución de esta sociedad, a la vez que pudieron palpar, por decirlo así, los grandes entusiasmos que ha despertado la nueva sociedad entre nuestros coterráneos, comprobaron también que esa ansia de mejoramiento a que ella tiende, radica, y en grado muy apreciable, entre los naturales de otros ayuntamientos del mismo partido judicial. Hubo con tal motivo varias reuniones y se cambiaron ideas, resolviéndose en definitiva que la asamblea a que próximamente se convocará para la discusión y aprobación de los estatutos por que haya de regirse, diga en definitiva qué es lo que debe hacerse (Correo de Galicia, 19·11·1922).

Manuel Areas Blanco,
inspirador e presidente
da asociación corcubionesa
O 27 de xaneiro de 1923 celebrouse a asemblea para a aprobación dos estatutos e para considerar a ampliación da sociedade. Da realización dos estatutos encargouse finalmente unha subcomisión formada por Manuel Areas Blanco e Casto M. Insua, e van ser aprobados o 24 de marzo de 1923. En canto á ampliación había dous bandos claramente diferenciados: un contrario a ela, dirixido curiosamente polo muxián Balboa, e outro partidario dela, defendido polo fisterrán Insua. Logo de varias horas de discusión, a votación deparou unha gran maioría en favor da ampliación. Polo tanto quedaba constituída formalmente a “Sociedad Agraria y Cultural de los Hijos del Partido de Corcubión”.
Os perdedores non aceptaron a decisión da asemblea e formaron unha nova sociedade. Esta escisión, dirixida por Balboa e Creiro Pose, daría lugar á “Sociedad Cultural y Agraria del Distrito de Mugía”, fundada xa o 30 de xaneiro de 1923. A principal razón da súa negativa a formar parte dunha asociación de todo o partido xudicial estivo en que eles avogaban por unha especie de confederación de sociedades de cada un dos concellos, segundo se desprende do publicado en Correo de Galicia [18·2·1923]. As controversias entrambas asociacións tiveron momentos moi álxidos, con descualificacións polas dúas partes, sobre todo no referente á educación.
José Quintáns Pazos dirixiu
a sociedade embrionaria
Así e todo, a entidade corcubionesa non se resentiu e a finais de 1924 o número de socios era duns 600, sendo os de Vimianzo, cuns 130, e os de Muxía -a pesar dos socios escindidos- con 110, os concellos con maior número; e Camariñas, con 13, e Zas, con 14 os de menor. Para ser socio había que “ser persona de buena conducta, sin distinción de sexo ni edad, abonando la cuota mensual mínima de un peso”, segundo o artigo 9º dos seus estatutos. A pesar de que non había distinción de sexo, deses 600 socios, só seis eran mulleres, aínda que co tempo iría medrando a presenza feminina. Onde non van ter presenza é nos cadros directivos, pois ata a década de 1990 non figurará ningunha muller con cargo na xunta.
Nos estatutos (art. 5º e 6º) sinálase que a xunta directiva debe estar formada por un presidente, un vicepresidente, un secretario, un prosecretario, un tesoureiro, un protesoureiro, un contador, un subcontador e oito vogais titulares –un por cada concello- e outros oito suplentes. O traballo da directiva estará vixiado por unha “Comisión Revisora de Contas”. Para encargarse das actividades lúdicas crearase xa ben cedo unha “Comisión de Festas”. Dentro desta terían o seu sitio as socias, pois formaríase unha subcomisión de “señoritas” ou de “damas” na que se lles daba certo protagonismo, aínda que as máis das veces as súas integrantes eran as mulleres ou fillas dos propios directivos. Cos anos tamén haberá unha “Comisión de Cultura e Prensa” e unha “Comisión de Finanzas”.
Membros da primeira Xunta Directiva da SAyC Hijos
del Partido de Corcubión (1923) [Foto: Alborada]
A primeira xunta directiva da sociedade estaba composta polos seguintes membros: Casto María Insua (presidente); José Quintáns Pazos (vicepresidente); Manuel Areas Blanco (secretario); Plácido Villaronga (prosecretario); Vicente Graíño (contador); Pedro Martínez (subcontador); Lino Baliña (tesoureiro); José M. Castro (protesoureiro); José Santos Soto, Daniel Caamaño Moreira, Jesús Pose, José Franco, Manuel B. Fernández, Manuel Lema, José Figueiras e Manuel Fariña (vogais titulares); Benigno Vieytes, Manuel Blanco, Félix Martínez, José Moreira López, José Lago, Andrés Miñones Tajes, Alfredo Pereira e Andrés Canosa (vogais suplentes); Manuel Pose, Jaime Lires, Manuel Baliña, José González Pais e Manuel Alvarellos (comisión de apelacións e revisora de contas).


7 de xullo de 2016

"UNIDOS DE PUENTECESO Y CABANA", ASOCIACIÓN BERGANTIÑÁ EN BUENOS AIRES

A sociedade de emigrantes “Unidos de Puenteceso y Cabana”, constituída na cidade de Buenos Aires a comezos do mes de decembro de 1922, foi unha das moitas que naceron nos comezos desta década no país arxentino, como relatamos no noso estudo sobre as Asociacións de Emigrantes da Costa da Morte na Arxentina. A primeira noticia desta entidade témola o 8 de outubro de 1922, cando se publica no periódico bonaerense Correo de Galicia (nº 861, p. 4) unha convocatoria para todos os emigrantes orixinarios dos concellos de Cabana e Ponteceso co fin de artellar unha sociedade. A reunión terá lugar o domingo 15 de outubro de 1922, ás 15 horas, na Avenida Leandro N. Alem 2070. No número seguinte desa publicación (o 862, do 15 de outubro) reitérase a petición, pero agora aparece a sinatura dos convocantes: Eduardo Verdes (de Pelletes de Neaño), Eduardo García (de Dairita [sic]) e Luciano Ordóñez (de Brantuas).
Finalmente atoparemos constituída a sociedade a comezos de decembro, coa elección da súa primeira xunta directiva: Presidente: Eduardo García; Vicepresidente: Eduardo Verdes; Secretario: Ramón Souto; prosecr.: Evaristo García; tesoureiro: Luciano Ordóñez; protes.: José Souto Costa; vogais: Manuel Souto, Laureano Iglesias, Sebastián Vázquez, Evaristo Vidal, Luis Mato, Manuel Vecino, Manuel Montes e José Durán; revisores de contas: Evaristo García Vidal e Máximo García. A secretaría está situada na rúa Leandro N. Alem 2070 (Correo de Galicia 869, 3-12-1922, p. 5). Para o 28 de abril de 1923 preparan o seu primeiro acto, que consiste nunha gran velada artística e baile familiar no Salón-Teatro Mariano Moreno, na que foron representadas as obras La vena de plata, En la sombra e El chiquillo, todas elas moi aplaudidas.
O 15 de xullo de 1923 celebrouse a asemblea na que se aprobou a acta constitutiva e mais os estatutos sociais. Elixiuse unha nova xunta directiva: Presidente: Eduardo García; Vicrepresidente: Manuel Souto; secretario xeral: Ramón Souto; secretario de actas: José Sanesteban; prosecr.: Andrés López; tesoureiro: Luciano Ordóñez; protes.: José Ordóñez; inspector xeral: Eduardo Verdes; subinsp.: Luis M. Souto; vogais: Manuel Suárez, Evaristo G. Vidal, Evaristo García, José Suárez e Máximo García; supl.: Ramón Blanco, José M. Rodríguez e Adolfo Eiroa; revisores de contas: David Leis, José A. Martínez e José Mª García; bibliotecarios: Perfecto García e Luciano Pombo (Correo de Galicia 902, 22-7-1923). Para celebrar o seu primeiro aniversario realizan un festival artístico-danzante o 15 de decembro de 1923 no salón-teatro do Orfeón Español.
En abril de 1924 trasladan a súa secretaría á rúa Estados Unidos 1532, sede do Hogar Gallego, e redactan un novo estatuto no que o obxectivo social é “establecer el mutualismo, la instrucción, repatriación y recreo”.
O 27 de febreiro de 1926 celebrouse a asemblea para renovar a xunta directiva, que quedou constituída do seguinte xeito: Presidente: Francisco Beres, Vicepresidente: Eduardo García; secretario xeral: José Espino; prosecr.: José M. García; secretario de actas: Alfonso Núñez; tesoureiro: Luciano Ordóñez; protes.: Ramón Souto; inspector xeral: Eduardo Verdes; subinsp.: David Leis; vogais: Manuel Lavora, José Ramos, Francisco Pereiras, José Lema e Manuel Lema; supl.: José Ordóñez, José Suárez e Martín Brea; bibliot.: Jesús Pérez e Adolfo Eiroa; revisores de contas: Andrés López, José Sanesteban e José A. Martínez (Céltiga nº 29-30, 3-1926). Aproveitando a asemblea anuncian o traslado da secretaría para a rúa Bernardo de Irigoyen 483, pero a comezos de 1927 xa volven trasladarse, agora para a rúa San José 1717.
En maio dese mesmo ano volve cambiar a súa xunta directiva, que queda agora: Presidente: José M. García; vice: José A. Martínez; secretario xeral: Ramón Souto; prosecr.: José Espino; secretario de actas: Luciano Ordóñez; inspector: José Ramos; subinsp.: Alfonso Ferreiro; vogais: Gabriel Domínguez, Manuel Santos, Antonio Ramos, Ángel Rodríguez, Abel Ramos Pose, Pedro Rey e Adolfo Eiroa; revisores de contas: Andrés López e José Sanesteban; bibliot.: Elías Fernández. Dous anos botou esta directiva, pois o 9 de febreiro de 1929 celébrase unha asemblea para a súa renovación, que quedou da seguinte maneira: Presidente: José Ramos; vice: José M. García; secretario: Florencio Carril; prosecr.: Maximino Villalustre; secretario de actas: Eliseo Carril; tesoureiro: Luciano Ordóñez; protes.: Ezequiel Añón; inspector: Antonio Ramos; subinsp.: Pedro Rey; vogais: Manuel Santos, Manuel Moreira, Pedro Moreira, Antonio Vila, Manuel Vázquez Fariña, José Santos e Enrique Carpintero; revisores de contas: Francisco Beres e Felipe García; bibliotecario: Andrés López (Correo de Galicia 1206, 3-3-1929). A comezos dese ano trasladara unha vez máis a súa secretaría, agora na rúa Salta 1185, sede da Federación de Sociedades Gallegas.
Dos varios festivais que celebraron durante estes anos, destaca o que tivo lugar o 6 de abril de 1929. Foi un festival artístico-danzante no Salón do Círculo de Aragón que constou dos seguintes actos: 1º Pasodobre “Puenteceso y Cabana” interpretado pola orquestra do Sr. López; 2º Comedia nun acto “Los monigotes” interpretada polo cadro social que dirixe o socio J.M. García; 3º Pasodobre “Claveles rojos” pola orquestra. 4º Representación do diálogo cómico “Así los hizo Dios”, orixinal de R. Beltrán; 5º Tango; 6º O coro típico social que dirixen os socios señores Moreiras executará as pezas: “Os amoriños primeiros”, a jota “Puenteceso y Cabana”, “¡Ay! ¡ay! ¡ay!” canción cubana polo tenor Salgado, e a “Alborada de Veiga”; finalizando a parte artística cunha exhibición de jota polo Sr. Moreira. 7º Baile con dúas orquestras (Correo de Galicia 1210, 31-3-1929, p.4). Nas festas da sociedade van ser habituais os irmáns Moreira, orixinarios da parroquia pontecesá de Tella, que se van converter nos máis sonados acordeonistas da colectividade emigrada.
Poucas noticias temos da asociación da década de 1930, tan só unha referencia dun novo acto social, neste caso un festival que ten lugar en 1935. Así o sinala Miro Villar (2009: 70) na súa biografía sobre Antón Zapata, quen fora “convidado a participar nun festival galego organizado pola Sociedad Unidos de Puenteceso y Cabana, en colaboración coa Irmandad Artística y Cultural Ultreya, o 22 de xuño. Os beneficios ían destinados a engrosar a subscrición aberta para erixir un monumento a Eduardo Pondal. No amplo e variado programa do festival, Zapata intervén en dúas ocasións, na Primeira Parte para pronunciar unhas “Verbas laudatóreas encol do bardo”, despois da recitación do poema “O Cisne de Ponteceso”, e na segunda parte coa lectura doutro poema da súa autoría, “Acordeón Galego”, acompañado dos acordeonistas Irmáns Moreira”. Neste ano 1935 tamén veremos varios festivais nos que a sociedade “Unidos de Puenteceso y Cabana” desenvolve en colaboración con “Lar Bergantiñán”, entidade que posteriormente acabará por absorvela.
Aínda que Peña Saavedra lle atribúa, con dúbidas, a esta asociación a construción dunha escola na vila de Corme, o certo é que a modestia desta entidade non deu para financiar un edificio escolar nas terras de orixe dos seus membros. A finalidade desta sociedade quedou reducida, como outras moitas, a uns mínimos servizos mutualistas e, sobre todo, a dar cobertura ás horas de recreo e lecer dos seus socios.

Bibliografía:

- Peña Saavedra, Vicente (1991): Éxodo, organización comunitaria e intervención escolar; A Coruña: Xunta de Galicia; 2 volumes.
- Rei Lema, Xosé María (2009): “A creación das sociedades de emigrantes na década de 1920: o caso da Costa da Morte”, Alborada nº 191, Buenos Aires, decembro.
- Villar, Miro (2009): Antón Zapata García. Biografía dun poeta emigrado ao servizo da II República; Ames: Laiovento.
- Prensa da emigración en Buenos Aires: Alborada, Céltiga, Correo de Galicia, El Heraldo Gallego, Galicia (FSG).