| Foto de Laxe de J. Vidal [Alborada nº 60-61, 1931] |
![]() |
| Céltiga nº 37-38, 25.7.1926 |
Na
asemblea do 24.4.1924 elíxese nova directiva, na que Máximo vai
volver á comisión fiscal, Esteban segue de vogal titular e entra un
novo irmán, Francisco, como vogal suplente. Os tres figuran tamén
na Comisión de Festas da entidade, que presidía o propio Máximo.
No mes de xullo, a SAIMPJ de Negreira abandona a federación
provincial e no mes de xaneiro de 1925 ingresa na FSG. O 19.2.1925
celébrase nova asemblea para renovar a directiva e Máximo Musi
faise co cargo de presidente, con Casais de vicepresidente e os
outros irmáns Musi repiten os cargos que tiñan o ano anterior. A
entidade decide no mes de maio nomear delegados en Galicia: un en
cada concello dos que compoñen o partido xudicial de Negreira e
outro máis no concello de Laxe, que vai recaer na figura de Antonio
Sacedón, daquela presidente do Pósito de Pescadores. No mes de
agosto, Casais e Musi propóñenlle á FSG que esta pase a ser unha
Confederación Regional Gallega, que estaría formada por catro
federacións provinciais, e dentro destas cada entidade municipal
tería liberdade de acción. A idea non foi adiante.
![]() |
| Os de Laxe xa dominaban a SAIMPJ de Negreira. El Heraldo G. 685, 21.11.1926 |
O 13.2.1926 renóvase a directiva, na que Máximo seguía de presidente, pero agora Esteban é o tesoureiro e Francisco vogal titular. No mes de outubro anuncian o proxecto de construír en Negreira unha granxa escola e unha sala de primeiros auxilios, cuxas obras din que van comezar na vindeira primavera. Ese mesmo outono organizan dous festivais para recadar fondos para unha escola en Laxe e a beneficio de Manuel Ruso Alonso, destacado líder agrario negreirés que coa ditadura de Primo de Rivera pasou a ocupar o cargo de alcalde, o que non impediu que pasase un mes no cárcere tras graves insultos contra José Reino Caamaño, líder dos liberais barcaleses. Mais antes de que as proxectadas obras se iniciasen todo ía mudar.
En El Heraldo Gallego do 16.5.1927 anúnciase para ese mesmo día a convocatoria dunha asemblea extraordinaria na que figuran como puntos da orde do día a elaboración duns novos estatutos e o cambio do nome da entidade. Porén, nese mesmo número do Heraldo publican unha nota de dous membros negreireses da asociación, Jesús Quinteiro e Domingo Barros, na que anuncian que se fan cargo da entidade tras a disolución da anterior, para sorpresa ata dos propios editores do xornal. A citada asemblea celebrouse e nela aprobaron os socios a reforma dos estatutos e a nova denominación, que pasa a ser Sociedad Agraria, Instructiva y Mutua del Ayuntamiento de Lage y sus contornos (en adiante, SAIMA de Laxe). Esta pode ser considerada a fundación oficial da entidade laxense, aínda que sempre vai figurar como tal a do 15 de agosto de 1920. Na listaxe de socios que ofrecen, nun número de 50, figuran os tres irmáns Musi (Máximo nº 1, Esteban nº 2 e Francisco nº 7), coas respectivas esposas e a filla do maior deles. Rapidamente van conseguir novos asociados, pois no mes de outubro din ser xa 120.
Na asemblea “fundacional” aproveitaron tamén para informar que van establecer a súa secretaria na rúa Bernardo de Irigoyen 483 (sede da sociedade Hogar Gallego) e que elixiron a xunta directiva, que estará presidida polo pontevedrés Rosendo Rodríguez:
Presidente, Rosendo Rodríguez; vicepresidente, Máximo Musi; Secretario: Alejandro M. Nogueira; vicesecretario, Manuel Marina; secretario de actas, Ignacio García; tesoureiro, Esteban Musi; vicetesoureiro: Joaquín Fandiño; vogais titulares: Francisco Musi, Manuel Romero, Manuel Rial, Antonio Vilariño; vogais suplentes: José Gerpe, Jesús A. Quinteiro, Gonzalo Corral, Daniel Devesa; fiscais: José Besada, Alfredo Romero, Manuel Fernández e Fernando Ferreiro.
![]() |
| Carta de Antonio Sacedón en El Heraldo Gallego nº 625, 20.9.1925 |
Resulta curioso que en novembro dese 1927 realice a entidade laxense un festival e os cartos recadados se digan que van a partes iguais para as escolas que a sociedade Unión Barcalesa de La Habana tiña no seu partido xudicial e para a que está facendo o Pósito de Pescadores de Laxe. Xa en xullo dese ano recibiran unha carta do Ministerio da Mariña agradecendo o apoio económico para a escola que se estaba facendo na Casa do Pescador. O caso é que durante o ano 1928 o Pósito foi recibindo distintas sumas de diñeiro procedentes da Arxentina destinadas a ese edificio (1009 pesetas en marzo, 1791 en xuño etc.). No mes de maio aprobaron o presuposto de 2500 pesetas destinadas para a construción dun lavadoiro público en Laxe, e con tal fin enviaron a mentada cifra. Nesa mesma reunión acordaron pedir orzamento para colocar unha campá na igrexa de Soesto. O 6.12.1928 o xornal coruñés La Voz de Galicia publicaba unha carta do secretario do concello de Laxe, José Campos Núñez, na que agradecía as axudas enviadas desde Buenos Aires. Mentres, a SAIMA de Laxe seguía organizando festivais e festas campestres para recadar fondos. Neses actos facía un importante labor a Comisión de Damas, que tiña en Asunción Rial de Musi, veciña de Serantes e esposa de Máximo Musi, a súa lideresa, e que axiña ía ser nomeada presidenta honoraria da entidade.
![]() |
| Céltiga nº 64, 25.8.1927 |
![]() |
| El Heraldo Gallego nº 757, 29.4.1928 |
Pero a SAIMA non foi a única asociación do concello de Laxe en Buenos Aires. O 29 de xuño de 1937, no local que a FSG lle cedeu na súa sede da rúa Bolívar 1163, quedaba constituída a entidade denominada Centro Renovación del Ayuntamiento de Lage. Dicía nacer co fin de propagar a cultura e a mutualidade entre os seus asociados e simpatizantes, sen descartar “la parte sana de las relaciones recreativas”. Contaba con 92 socios fundadores e a primeira xunta directiva desta nova entidade estivo formada polas seguintes persoas e cargos:
Presidente, José García; vicepresidente, Manuel Rial; secretario, Severino Iglesias; vicesecretario, Arturo Vázquez; secretario de actas, Alfredo Romero; vicesecretario de actas, Faustino Alonso; tesoureiro, Francisco Mourín; vicetesoureiro, Ezequiel Lema; vogais: Francisco Rial, Modesto Vázquez, Benigno Tajes, Raúl Ramos; vogais suplentes: Jesús Vigo, Enrique García, Manuel Iglesias, Francisco Tajes, José Mourín; revisadores de contas: Alfredo Portaro, Antonio Ramos.
A pesar do manifestado na súa fundación, o 15 de agosto xa celebran o primeiro acto festivo, unha matinée danzante no salón Lassalle. No verán van realizar tamén dúas festas campestres en Vicente López, o que nos dá unha idea de que van ser este tipo de actividades as que centren o labor da entidade. En moitos destes actos festivos a recadación estaba destinada aos orfos da Guerra Civil española, o que demostraba a súa implicación co goberno republicano. En outubro de 1938, logo de renovar a xunta directiva, que seguía presidida por José García, declaran que xa alcanzaron a cifra de 200 socios, aínda que din estar lonxe dos seus propósitos. Non temos moita máis noticia desta entidade que a realización de festas, aínda que a finais de 1941 pasaron a participar das que organizaba a ABC de Corcubión. Esta permitíalles a estas asociacións veciñas gozar dos seus actos festivos en igualdade de condicións que as que tiñan os seus socios, co obxectivo último de absorbelas. Con todo, mediado o ano 1942 non lles deixou aos de Laxe continuar acudindo a estas festas, sen que coñezamos os motivos desa decisión. O Centro Renovación non debeu ter a partir de aquí moitos máis anos de vida e os seus socios, ben se integraron na ABC, ben na outra entidade do concello de Laxe.
Bibliografía:
Andrade Cobas, José Ramón (1999): Galleguidad en Argentina; Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, pp. 205-206.
-
Díaz, Hernán M. (2007): Historia de la Federación de Sociedades Gallegas. Identidades políticas y prácticas militantes; Buenos Aires: Fundación Sotelo Blanco e Editorial Biblos.
-
Helios (1953): “Cabeza y corazón”, en La Voz de Galicia, A Coruña, 26 de xuño, p. 2.
-
Núñez Seixas, Xosé M. (1998): Emigrantes, caciques e indianos; Vigo: Xerais.
-
Pérez, Anxo (1985): “La <<Sociedad do Patacón>> reunió en 1918 a doscientos marineros de Laxe”, en La Voz de Galicia, A Coruña, 13 de novembro, p. 26.
-
Rei Lema, Xosé Mª (2015): “Máximo Musi, o emigrante de Soesto (Laxe) que fixo pasta na Arxentina”, en noherbalazurdoceo.blogspot.com.es, 10 de novembro.
-
S/A (1953): “Se coloca una placa en el muelle de Lage. Donada por los gallegos de Buenos Aires”, en Hoja Oficial del Lunes, A Coruña, 10 de agosto, p. 2.
-
Prensa da colectividade: Acción Gallega, Alborada, Céltiga, Correo de Galicia, El Despertar Gallego, El Heraldo Gallego, Galicia (FSG), Hogar Gallego, Nova Galicia, Revista de la Nueva Casa de Galicia.




