No herbal azur do ceo

No herbal azur do ceo
Foto: Roberto Mouzo

5 de agosto de 2026

As sociedades de emigrantes de Laxe na Arxentina

Foto de Laxe de J. Vidal [Alborada nº 60-61, 1931]
O concello de Laxe contou na República Arxentina, como outros moitos municipios galegos, coa súa sociedade de emigrantes, pero a orixe da primeira que formaron os nativos destas terras bergantiñás sáese do habitual. Para entender a súa esperpéntica fundación temos que remontarnos ao 15 de agosto de 1920. Este día decidírase crear en Buenos Aires a Sociedad Agraria e Instructiva y Mutua del Partido Judicial de Negreira (en adiante, SAIMPJ de Negreira), que se constituirá oficialmente o día 20 dese mes. O seu líder, Antonio Casais, tiña moita influencia entre a colectividade galega de Buenos Aires, e valéndose diso a asociación negreiresa foi unha das que tratou de unir todas esas pequenas sociedades de galegos nunha federación. Con tal motivo constituíuse no mes de novembro unha comisión organizadora na que Casais figuraba como vicepresidente, pero na práctica era o presidente, pois este, Antón Alonso Ríos, estivo de baixa ata maio de 1921. Con todo, a sociedade barcalesa xa fora a fundadora o 6.11.1920 da Federación de Sociedades Agrarias e Instructivas de la Provincia de La Coruña, que a pesar do nome só estaba formada por cinco entidades: as asociacións municipais de Boqueixón, Padrón, Teo, Vedra e a propia do Partido Xudicial de Negreira. Cando no outono de 1921 se constitúa definitivamente a Federación de Sociedades Gallegas, curiosamente, a entidade de Negreira non vai estar entre as fundadoras e tan só participa, como membro da Federación provincial, como observadora no congreso constituínte. Casais vaise centrar na entidade coruñesa, na que vai ser presidente e director do seu voceiro Hércules.

Céltiga nº 37-38, 25.7.1926
   Problemas internos na SAIMPJ de Negreira van levar fóra dos postos directivos a Antonio Casais, pero os conflitos non se solucionaban e a entidade estivo a piques de desaparecer. En marzo de 1923 convócase unha asemblea extraordinaria para salvar a situación e reorganízase a entidade negreiresa coa redacción duns novos estatutos. É neste momento cando volve Casais á sociedade e canda el vanse integrar elementos foráneos ao partido xudicial -membros procedentes da Casa de Galicia-, entre os que vai destacar a figura do industrial da pasta Máximo Musi, natural da parroquia de Soesto, no concello de Laxe. Este empresario, do que xa falamos noutro artigo deste blog, vai levar con el á asociación varios membros da súa familia e empregados do seu negocio. Así, na xunta directiva formada en xuño, unha vez aprobados os novos estatutos, van figurar Casais e Máximo Musi como membros da comisión fiscal, e Esteban Musi como vogal. Pero a nova organización non solucionou as vellas diferenzas e significativos membros da directiva abandonan a entidade, polo que pasa Máximo Mussi a ocupar o posto de tesoureiro.


   Na asemblea do 24.4.1924 elíxese nova directiva, na que Máximo vai volver á comisión fiscal, Esteban segue de vogal titular e entra un novo irmán, Francisco, como vogal suplente. Os tres figuran tamén na Comisión de Festas da entidade, que presidía o propio Máximo. No mes de xullo, a SAIMPJ de Negreira abandona a federación provincial e no mes de xaneiro de 1925 ingresa na FSG. O 19.2.1925 celébrase nova asemblea para renovar a directiva e Máximo Musi faise co cargo de presidente, con Casais de vicepresidente e os outros irmáns Musi repiten os cargos que tiñan o ano anterior. A entidade decide no mes de maio nomear delegados en Galicia: un en cada concello dos que compoñen o partido xudicial de Negreira e outro máis no concello de Laxe, que vai recaer na figura de Antonio Sacedón, daquela presidente do Pósito de Pescadores. No mes de agosto, Casais e Musi propóñenlle á FSG que esta pase a ser unha Confederación Regional Gallega, que estaría formada por catro federacións provinciais, e dentro destas cada entidade municipal tería liberdade de acción. A idea non foi adiante.

Os de Laxe xa dominaban a SAIMPJ de
Negreira. El Heraldo G. 685, 21.11.1926
   Entrementres, o 10.8.1925 moitos dos socios fundadores que abandonaran a asociación fundan en Buenos Aires o Centro Unión Hijos del Partido Judicial de Negreira (en adiante, CUHPJ de Negreira). Vai principiar aquí unha guerra mediática entre as dúas entidades, que se vai prolongar durante varios meses. A finais de ano a nosa SAIMPJ de Negreira di contar con 84 socios. O delegado en Laxe fai o seu traballo e envía unha carta, que se vai publicar na prensa [El Heraldo Gallego, 20.9.1925], na que dá conta do estado lamentable en que se encontra a escola do Pósito de Pescadores, que ben precisaría dun novo edificio.

O 13.2.1926 renóvase a directiva, na que Máximo seguía de presidente, pero agora Esteban é o tesoureiro e Francisco vogal titular. No mes de outubro anuncian o proxecto de construír en Negreira unha granxa escola e unha sala de primeiros auxilios, cuxas obras din que van comezar na vindeira primavera. Ese mesmo outono organizan dous festivais para recadar fondos para unha escola en Laxe e a beneficio de Manuel Ruso Alonso, destacado líder agrario negreirés que coa ditadura de Primo de Rivera pasou a ocupar o cargo de alcalde, o que non impediu que pasase un mes no cárcere tras graves insultos contra José Reino Caamaño, líder dos liberais barcaleses. Mais antes de que as proxectadas obras se iniciasen todo ía mudar.

En El Heraldo Gallego do 16.5.1927 anúnciase para ese mesmo día a convocatoria dunha asemblea extraordinaria na que figuran como puntos da orde do día a elaboración duns novos estatutos e o cambio do nome da entidade. Porén, nese mesmo número do Heraldo publican unha nota de dous membros negreireses da asociación, Jesús Quinteiro e Domingo Barros, na que anuncian que se fan cargo da entidade tras a disolución da anterior, para sorpresa ata dos propios editores do xornal. A citada asemblea celebrouse e nela aprobaron os socios a reforma dos estatutos e a nova denominación, que pasa a ser Sociedad Agraria, Instructiva y Mutua del Ayuntamiento de Lage y sus contornos (en adiante, SAIMA de Laxe). Esta pode ser considerada a fundación oficial da entidade laxense, aínda que sempre vai figurar como tal a do 15 de agosto de 1920. Na listaxe de socios que ofrecen, nun número de 50, figuran os tres irmáns Musi (Máximo nº 1, Esteban nº 2 e Francisco nº 7), coas respectivas esposas e a filla do maior deles. Rapidamente van conseguir novos asociados, pois no mes de outubro din ser xa 120.

Na asemblea “fundacional” aproveitaron tamén para informar que van establecer a súa secretaria na rúa Bernardo de Irigoyen 483 (sede da sociedade Hogar Gallego) e que elixiron a xunta directiva, que estará presidida polo pontevedrés Rosendo Rodríguez:

Presidente, Rosendo Rodríguez; vicepresidente, Máximo Musi; Secretario: Alejandro M. Nogueira; vicesecretario, Manuel Marina; secretario de actas, Ignacio García; tesoureiro, Esteban Musi; vicetesoureiro: Joaquín Fandiño; vogais titulares: Francisco Musi, Manuel Romero, Manuel Rial, Antonio Vilariño; vogais suplentes: José Gerpe, Jesús A. Quinteiro, Gonzalo Corral, Daniel Devesa; fiscais: José Besada, Alfredo Romero, Manuel Fernández e Fernando Ferreiro.

Carta de Antonio Sacedón en El
 Heraldo Gallego nº 625, 20.9.1925
    Na relación anterior figura como vogal suplente Joaquín Quinteiro, pero debe ser un erro, pois este negreirés vai ser un dos promotores de que a SAIMPJ de Negreira siga con vida; é dicir, de convocar unha asemblea para informar que a asemblea realizada para o cambio de nome fora antirregulamentaria e que non se podía facer un cambio de denominación da entidade se dez socios estaban en contra, como afirman que había. De tal xeito, os negreireses van continuar adiante co nome primitivo coma se as determinacións adoptadas por Musi e compañía non existisen e van elixir nova directiva, na que figura José Lodeiro como presidente, Antonio Casais como vicepresidente e o propio Quinteiro como secretario. A FSG vailles dar a razón aos barcaleses e a asociación de Negreira é a que continúa pertencendo á federación e non a de Laxe. Con todo, o Consello Federal da FSG xa lles anunciara en agosto a todas as entidades que debían suspender da condición de socio a Máximo Musi ou do contrario a suspensión vailles afectar a elas como integrantes da FSG. Aos de Laxe non lles importou e en novembro renovan a directiva escollida seis meses antes e nomean a Máximo Musi presidente.

Resulta curioso que en novembro dese 1927 realice a entidade laxense un festival e os cartos recadados se digan que van a partes iguais para as escolas que a sociedade Unión Barcalesa de La Habana tiña no seu partido xudicial e para a que está facendo o Pósito de Pescadores de Laxe. Xa en xullo dese ano recibiran unha carta do Ministerio da Mariña agradecendo o apoio económico para a escola que se estaba facendo na Casa do Pescador. O caso é que durante o ano 1928 o Pósito foi recibindo distintas sumas de diñeiro procedentes da Arxentina destinadas a ese edificio (1009 pesetas en marzo, 1791 en xuño etc.). No mes de maio aprobaron o presuposto de 2500 pesetas destinadas para a construción dun lavadoiro público en Laxe, e con tal fin enviaron a mentada cifra. Nesa mesma reunión acordaron pedir orzamento para colocar unha campá na igrexa de Soesto. O 6.12.1928 o xornal coruñés La Voz de Galicia publicaba unha carta do secretario do concello de Laxe, José Campos Núñez, na que agradecía as axudas enviadas desde Buenos Aires. Mentres, a SAIMA de Laxe seguía organizando festivais e festas campestres para recadar fondos. Neses actos facía un importante labor a Comisión de Damas, que tiña en Asunción Rial de Musi, veciña de Serantes e esposa de Máximo Musi, a súa lideresa, e que axiña ía ser nomeada presidenta honoraria da entidade.

Céltiga nº 64, 25.8.1927
    A asociación estaba no seu punto álxido nestes primeiros anos de vida, a pesar de ir mudando de lugar a súa secretaría. En novembro de 1927 estaba na rúa Piedras 534, sede do Orfeón Gallego, en abril trasládanse a Piedras 530, sede do Orfeón Español, para acabar en setembro dese 1928 na rúa San Martín 474, sede da recentemente creada Nueva Casa de Galicia, entidade da que vai formar parte dos seus altos cargos o propio Máximo Musi. En xullo de 1929, coincidindo coa asemblea anual para renovar a xunta directiva e que escolleu de novo a Máximo como presidente, a sociedade laxense anunciaba o proxecto de construción dun hospital en Laxe, que levaría o nome da República Arxentina. O proxecto quedou niso, en proxecto, e non se levou a cabo nunca tal idea. De feito, a puxanza deste final dos anos vinte vai sufrir un parón coa nova década. Os Musi seguiron á fronte neses primeiros anos, con homenaxes incluídas, mesmo cando en 1931 a familia de Máximo vai embarcar para Galicia para pasar unhas vacacións de varios meses. Nese tempo seguiron a celebrarse algunhas festas campestres e festivais, pero xa sen fins benéficos, no que talvez influíu tamén os novos tempos de cambio que estaba a vivir España coa chegada da Segunda República. A partir de 1934 os Musi vanse apartar da primeira fila da escena social, pero iso non supuxo a fin da entidade laxense nin que non seguisen figurando nos seus cadros directivos. Nos vindeiros anos vai tomar protagonismo Victorino Fraga Cabanas, outro dos socios fundadores, que vai ser presidente da entidade durante case un cuarto de século. En 1953 vai viaxar a Laxe para colocar unha placa en recordo dos emigrados desta vila na Arxentina no dique de abrigo que se estaba construíndo no porto. No acto, Victorino agradeceu o labor filantrópico de Máximo Musi e tamén o de Bernardino Lema, emigrado en Montevideo, e que sufragara os gastos para dotar de bancos a igrexa de Santa María da Atalaia.

El Heraldo Gallego nº 757, 29.4.1928
   Logo da guerra civil, coa reunificación das dúas correntes que se formaran no seo da FSG, a asociación de Laxe volveu asentar a súa secretaría na sede da entidade federada, na rúa Bartolomé Mitre 2008, aínda que non vai pertencer a ela. A SAIMA de Laxe vai percorrer durante moitos anos un camiño polo deserto societario, pero vai aguantar con actividades para os seus socios e festexando sempre o 15 de agosto en recordo da súa terra. Andrade Cobas (1999: 206) sinala que o ano que tiveron máis socios foi en 1945, cando alcanzaron os 180, e que eran 100 ao rematar o século XX. Pero nos albores do novo século a sociedade laxense decide botar o peche definitivo a 75 anos de historia e integrarse no seo da ABC de Corcubión.

Pero a SAIMA non foi a única asociación do concello de Laxe en Buenos Aires. O 29 de xuño de 1937, no local que a FSG lle cedeu na súa sede da rúa Bolívar 1163, quedaba constituída a entidade denominada Centro Renovación del Ayuntamiento de Lage. Dicía nacer co fin de propagar a cultura e a mutualidade entre os seus asociados e simpatizantes, sen descartar “la parte sana de las relaciones recreativas”. Contaba con 92 socios fundadores e a primeira xunta directiva desta nova entidade estivo formada polas seguintes persoas e cargos:

Presidente, José García; vicepresidente, Manuel Rial; secretario, Severino Iglesias; vicesecretario, Arturo Vázquez; secretario de actas, Alfredo Romero; vicesecretario de actas, Faustino Alonso; tesoureiro, Francisco Mourín; vicetesoureiro, Ezequiel Lema; vogais: Francisco Rial, Modesto Vázquez, Benigno Tajes, Raúl Ramos; vogais suplentes: Jesús Vigo, Enrique García, Manuel Iglesias, Francisco Tajes, José Mourín; revisadores de contas: Alfredo Portaro, Antonio Ramos.

A pesar do manifestado na súa fundación, o 15 de agosto xa celebran o primeiro acto festivo, unha matinée danzante no salón Lassalle. No verán van realizar tamén dúas festas campestres en Vicente López, o que nos dá unha idea de que van ser este tipo de actividades as que centren o labor da entidade. En moitos destes actos festivos a recadación estaba destinada aos orfos da Guerra Civil española, o que demostraba a súa implicación co goberno republicano. En outubro de 1938, logo de renovar a xunta directiva, que seguía presidida por José García, declaran que xa alcanzaron a cifra de 200 socios, aínda que din estar lonxe dos seus propósitos. Non temos moita máis noticia desta entidade que a realización de festas, aínda que a finais de 1941 pasaron a participar das que organizaba a ABC de Corcubión. Esta permitíalles a estas asociacións veciñas gozar dos seus actos festivos en igualdade de condicións que as que tiñan os seus socios, co obxectivo último de absorbelas. Con todo, mediado o ano 1942 non lles deixou aos de Laxe continuar acudindo a estas festas, sen que coñezamos os motivos desa decisión. O Centro Renovación non debeu ter a partir de aquí moitos máis anos de vida e os seus socios, ben se integraron na ABC, ben na outra entidade do concello de Laxe.

Bibliografía:

  • Andrade Cobas, José Ramón (1999): Galleguidad en Argentina; Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, pp. 205-206.

  • Díaz, Hernán M. (2007): Historia de la Federación de Sociedades Gallegas. Identidades políticas y prácticas militantes; Buenos Aires: Fundación Sotelo Blanco e Editorial Biblos.

  • Helios (1953): “Cabeza y corazón”, en La Voz de Galicia, A Coruña, 26 de xuño, p. 2.

  • Núñez Seixas, Xosé M. (1998): Emigrantes, caciques e indianos; Vigo: Xerais.

  • Pérez, Anxo (1985): “La <<Sociedad do Patacón>> reunió en 1918 a doscientos marineros de Laxe”, en La Voz de Galicia, A Coruña, 13 de novembro, p. 26.

  • Rei Lema, Xosé Mª (2015): “Máximo Musi, o emigrante de Soesto (Laxe) que fixo pasta na Arxentina”, en noherbalazurdoceo.blogspot.com.es, 10 de novembro.

  • S/A (1953): “Se coloca una placa en el muelle de Lage. Donada por los gallegos de Buenos Aires”, en Hoja Oficial del Lunes, A Coruña, 10 de agosto, p. 2.

  • Prensa da colectividade: Acción Gallega, Alborada, Céltiga, Correo de Galicia, El Despertar Gallego, El Heraldo Gallego, Galicia (FSG), Hogar Gallego, Nova Galicia, Revista de la Nueva Casa de Galicia.