No herbal azur do ceo

No herbal azur do ceo
Foto: Roberto Mouzo
Amosando publicacións coa etiqueta Costa da Morte. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Costa da Morte. Amosar todas as publicacións

7 de outubro de 2026

A orixe da centenaria sociedade "Finisterre en América"

Foto de Fisterra na portada do Finisterre nº 27, 1929 [cortesía Luis Lamela]
 O 19 de setembro de 1926 fundouse na cidade de Avellaneda, dentro da provincia de Buenos Aires, a sociedade Finisterre en América. Para a súa creación foi, sen dúbida, fundamental un conflito interno entre directivos doutra entidade, a Sociedad Agraria y Cultural Hijos del Partido de Corcubión (despois rebautizada como Asociación Benéfica Cultural del Partido de Corcubión -a ABC de Corcubión-), que rematou coa expulsión de cinco socios pertencentes ao concello fisterrán. O 11 de marzo de 1926 foron expulsados da referida sociedade "corcubionesa" Joaquín de Haz Ugarte, Vicente Graíño, Perfecto Santos, Ricardo Santamaría e Casto Mª Insua. Pero vaiamos ao acontecer dos feitos.

O 22 de agosto de 1922 fora creada en Buenos Aires a asociación do partido xudicial corcubionés, da que xa falamos polo miúdo neste blog, e entre os seus membros fundadores estaba o fisterrán de Mallas Casto María Insua, que en marzo de 1923 vai ser elixido o primeiro presidente oficial da entidade. A duración do mandato era anual, polo que ao ano seguinte pasou á Comisión Revisadora de Contas e os dous vindeiros foi vogal en representación do concello fisterrán. Na directiva fundacional tamén estaba o fisterrán Vicente Graíño como contable, cargo no que repetiría ao ano seguinte para pasar despois á Comisión Revisadora de Contas; mentres que o posto de contable vai ser ocupado por un veciño seu, Joaquín de Haz Ugarte. Vemos, pois, como os tres formaban parte da elite da sociedade "corcubionesa" nestes anos iniciais. En 1925 a entidade dá un paso adiante e decide publicar unha revista, que vai levar por título Alborada Para dirixila, a directiva escolle a Casto Mª Insua, xa con experiencia xornalística noutras publicacións da colectividade emigrada na Arxentina.

Casto María Insua Insua

    Así as cousas, a finais de febreiro de 1926 sae un novo número do mentado voceiro e nel Casto asina un artigo titulado "Cositas", no que fai unha crítica dalgúns compoñentes da directiva da entidade, que, segundo el, non cumprían os estatutos da asociación, ben por descoñecemento, ben á mantenta. Na seguinte sesión da xunta directiva, o 8 de marzo, é destituído do seu posto de director de Alborada, e tres días despois o Tribunal de Apelacións vaino suspender, xunto cos outros catro fisterráns xa sinalados, da súa condición de socios da entidade. O presidente Antonio Díaz Novo vaise facer cargo da revista e vai publicar un editorial titulado "Cosas... y cositas" no que carga duramente contra o antigo director e expresidente da asociación. Casto e mais Joaquín de Haz van recorrer ás páxinas do Correo de Galicia para expresaren a súa postura, que viña sendo a súa negativa a que a asociación intentase construír no partido xudicial unha granxa escola, que acabaría segundo eles en mans dalgún cacique, e tamén consideraban que a entidade non fora creada para vanagloriar distintos amigos dos directivos e concederlles medallas de ouro, como era o caso nestes momentos do avogado corcubionés José Miñones Bernárdez.

A polémica prolongaríase na prensa durante varias semanas, con cartas intercambiadas tanto no semanario citado como en Alborada por parte do propio Casto e de directivos "corcubioneses". E o conto foi medrando tanto, que no mes de agosto ve a luz unha nova publicación: Finisterre, que levaba por subtítulo "Órgano defensor de los intereses de los naturales del Ayuntamiento de Finisterre en la República Argentina". Estaba dirixida por Casto María Insua e como administrador figuraba Joaquín de Haz Ugarte e como redactor Jesús M. Traba. Aproveitáronse dela para responder aos ataques lanzados dende Alborada e tamén para enviar os seus canonazos, pero tamén lles serviu para unir ao seu redor os seus veciños coa vista posta na creación dunha nova entidade. Así se manifesta no segundo número, publicado o 15 de setembro:

O nº 2 da revista Finisterre, cando aínda
non se fundara a sociedade fisterrá
    Con solo el primer número de FINISTERRE los naturales de este Ayuntamiento que formaron la rama más frondosa de la sociedad de Corcubión deciden separarse de esta institución que están gobernando hombres de una ineptitud manifiesta. [...]

Sabemos que se ha formado una comisión de entusiastas que quieren a todo trance y sin más trámite la constitución de una sociedad de naturales de aquel Ayuntamiento de Finisterre. [...]

Hay más: los fines que persiguen en principio al formar la nueva sociedad, según se nos informa, son: protección mutua del asociado, mejoramiento cultural en todo lo que abarca la instrucción primaria, sala de lectura, sin descuidar lo que atañe al orden agrario y la industria pesquera, caminos, sanidad, etc., dentro de las posibilidades que pueda conseguir la sociedad.

Como podemos apreciar, os instigadores marcaban certa distancia, coma se fosen outros os creadores da entidade, pero, a fin de contas, o seu plan dera froitos. O 19 de setembro nacía en Avellaneda a sociedade Finisterre en América, nun local da rúa Ameghino. Posiblemente sexa o único caso de entre as nosas asociacións de emigrantes no que existiu antes o seu órgano de difusión que a propia entidade, pero o caso é que a revista Finisterre acabou convertida oficialmente no voceiro da nova sociedade. Na asemblea constituínte, na que contaban con 157 socios fundadores, elixiuse a súa primeira xunta directiva, que estivo formada polos seguintes membros:

Presidente, Jesús M. Traba; Vicepresidente, Ricardo Santamaría; Secretario, Casto M. Insua; Vicesecretario, Valentín Castreje; Tesoureiro, Perfecto Santos; Vicetesoureiro, Ramón López Castro; Contador, Joaquín de Haz Ugarte; Vicecontador, Antonio González; Vogais: José Traba Calvo, Joaquín González, Ramón Pequeño Baldomar, Gervasio Liñeiro, Manuel Insua García, Ángel Lires, Manuel Lires, Manuel Olveira Senlle, José Santamaría, Manuel Santamaría, José Traba e Francisco Nemiña; Revisores de Contas: Francisco García Cordo, Manuel Lemus Domínguez, Francisco Insua e Matías Lemus.

Na sesión da directiva do 16 de outubro deciden engadirlle á denominación oficial da entidade, Finisterre en América, “Sociedad Agraria y Cultural formada por los naturales de las cuatro parroquias que componen este Ayuntamiento”. Un ano despois elixen outra nova directiva, que quedou configurada do seguinte xeito:

Portada do Finisterre, xa como órgano de
Finisterre en América [cortesía Luís Lamela]
    Presidente, Vicente Graíño; Vicepresidente, Francisco T. Riestra; Secretario, Enrique Espiñeira; Vicesecretario, José Santamaría; Tesoureiro, Perfecto Santos; Vicetesoureiro, Francisco Insua; Contador, Joaquín de Haz Ugarte; Vicecontador, Antonio González Espiñeira; Vogais: Juan Insua Santos, Ramón Outes, Gervasio Liñeiro e Ramón Góñez Traba; vogais suplentes: José Louzán, Adelino Quintas, Manuel Leopoldo Castro e Juan Santos Casais; Tribunal de Apelacións: Casto María Insua, Jesús M. Traba, Ricardo Santamaría e Ángel Lires; suplentes: Joaquín González Espiñeira e José Blanco.

E en marzo de 1929 volvía remodelarse boa parte da xunta directiva, de acordo aos seus estatutos, e quedaba conformada cos seguintes membros:

Presidente, Vicente Graíño; Vicepresidente, Valentín Castreje; Secretario, Juan Santos Casais; Vicesecretario, Manuel Castreje; Tesoureiro, Manuel Martínez; Vicetesoureiro, Francisco Insua; Contador, José de Haz Ugarte; Vicecontador, Matías Lemus; Vogais: Ángel Lires, Manuel Fernández e Francisco Nemiña; vogais suplentes: Ángel Fernández, Enrique Míguez, José Lires Canosa e Joaquín González; Tribunal de Apelacións: Manuel Rivas, Custodio Estévez, Baldomero Martínez e José Olveira Traba; suplentes: Gervasio Liñeiro e Antonio M. Martínez.

Con estas tres directivas temos xa unha composición de quen foron os iniciadores desta entidade na Arxentina, que en menos de dous anos dicían contar con preto de 800 socios. Agora imos centrarnos na súa actividade, que, como vimos anteriormente, tiñan uns fins de mutualidade e cultura, no que axudaban a repatriar socios enfermos e contaban cunha biblioteca de máis de 500 exemplares, pero tamén pretendían atender os problemas agrarios e marítimos do seu concello de nación. Un dos temas candentes na Fisterra desta época era a construción dun porto de refuxio, e Finisterre en América tomou claro partido para que se levase a cabo. Así, o 10 de novembro de 1927 envíanlle unha extensa carta ao presidente do Estado, o xeneral Primo de Rivera, tras anunciar este un plan de obras en moitos portos do país, na que solicitan que sexa incluído o de Fisterra entre eses portos. No mes de agosto de 1928 reiteraron a petición aproveitando a celebración dun Consello de Ministros na cidade da Coruña e enviáronlle o seguinte telegrama:

Excelentísimo señor general Miguel Primo de Rivera – Coruña – Ochocientos marineros naturales de Finisterre, reunidos bajo el patrocinio de la Sociedad “Finisterre en América”, coincidiendo con visita V.E. Galicia, reiteran solicitud encareciéndolo construcción puerto refugio Finisterre, ansiando mayoría retornar y contribuir con honrado trabajo a su engrandecimiento. Esperando escuchéis nuestra máxima aspiración, saluda a V.E. - Graíño, presidente.

Fisterráns no Campo do Castelo, foto publicada na portada
do Finisterre nº 21, 1928 [Cortesía Luis Lamela]

    Non dubidaron tampouco en organizar festivais para recadar cartos para a banda de música ou para socorrer en caso de desgrazas, como a ocorrida en febreiro de 1929 na que morreron oito mariñeiros tras un temporal nas costas fisterrás. El Ideal Gallego sinalaba en outubro que se recibira unha segunda remesa, similar á primeira, de 1700 pesetas, das que se fixeran cargo o alcalde Ramón R. Vigo, o cura de Duio Matías M. Escariz e o médico municipal Desiderio Emérito Paz, para que as repartisen entre as familias dos finados. Para os seus festivais, a entidade fisterrá mesmo creara un conxunto artístico afeccionado que levaba por nome “¿Qué Dirán?”; estaba dirixido polo socio Ángel Lires e contaba cuns 15 membros.

Pero as cousas na entidade non tardaron en revirarse e estivo a piques de desaparecer con menos de tres anos de vida por desavinzas internas. No verán de 1929 a directiva presidida por Vicente Graíño dimite e deixa a asociación en mans dunha Comisión Reorganizadora, formada por persoas alleas á directiva saínte e aos socios que estaban enfrontados a ela. O 15 de agosto lanza a creada Comisión un comunicado, asinado por Feliciano de Haz Ugarte, Ramón Lobelos, Felipe Santos e José Santos, no que sinalan que as súas funcións son poñer en marcha as actividades da entidade, ordenar o cobro das cotas, publicar a revista social e, finalmente, convocar unha asemblea para a elección de novas autoridades. Para iso din necesitar un clima de concordia e cooperación de todos os socios, aos que están dispostos a escoitar nas súas reivindicacións para poder solucionar a crise e poder avanzar nun proxecto en común. Parece que despois do temporal chegou a calma e as augas volveron ao seu rego. Isto debeu ser un punto de inflexión, porque a entidade refíxose e non só seguiu avante, senón que chegou ata os nosos días e acaba de converterse en centenaria.

Bibliografía:

  • ANDRADE COBAS, José Ramón (1999): Galleguidad en la Argentina; Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.

  • FRAGA, Modesto (2025): As almas da fisterranía; A Coruña: Medulia Editorial.

  • REI LEMA, Xosé María (2016): "Casto M. Insua, galeguista fisterrán na emigración bonaerense", en noherbalazurdoceo.blogspot.com.es, 7 de xaneiro.

  • S/A (1929): “Finisterre”, El Ideal Gallego, A Coruña, 4 de outubro, p. 5.

  • Prensa da colectividade galega na Arxentina: Alborada, Correo de Galicia, Finisterre.


25 de agosto de 2026

A sociedade "Hijos de la Parroquia de San Juan de Sardiñeiro" de Buenos Aires e a súa escola

O MERITORIO LABOR DUNHA MODESTA ENTIDADE QUE LOGROU CONSTRUÍR UNHA ESCOLA NA SÚA PARROQUIA

El Ideal Gallego, 20.7.1930
Hoxe imos falar dun caso único entre as sociedades que os emigrantes da Costa da Morte formaron na Arxentina, como o é a que crearon os veciños da parroquia fisterrá de Sardiñeiro. A singularidade desa asociación está en que foi a única que ten carácter parroquial, e non municipal ou comarcal. O exemplo máis próximo podiánolo dar a entidade formada por catro parroquias soneirás (Carnés, Cereixo, A Ponte o Porto e Xaviña), pero que resultou de vida efémera, non coma a de Sardiñeiro. E se xa resulta difícil manter unha sociedade tan pequena, as cousas complícanse cando tamén se crean unha asociación municipal (Finisterre en América) e outra supracomarcal (ABC de Corcubión) que abranguen o seu territorio. E por se isto fose pouco, que conseguise levantar unha escola no seu lugar de orixe, feito que só puido facer a ABC de Corcubión en toda a Costa, incrementa aínda máis a importancia desta entidade. Pero vaiamos á orixe e despois iremos desgranando os seus méritos.

O 24 de xuño de 1922, coincidindo co día do seu patrón, creouse en Buenos Aires a sociedade Hijos de la Parroquia de San Juan de Sardiñeiro. A primeira xunta directiva da entidade estivo formada polos seguintes membros:

Presidente, José Casais; Secretario, Manuel Casais; Tesoureiro, Manuel Domínguez; Vicetesoureiro: José González; Vogais: Antonio Marcote, José Lamas, Manuel Lires, Manuel Domínguez, Ramón González, Bautista Redonda, Manuel Marcote; Revisores de Contas: Celestino Lestón, Manuel Canosa e Francisco Martínez.

A fundación desta entidade tiña un fin fundamental, exposto desde o primeiro momento: "la magna obra que hemos proyectado cual es la de dotar a la parroquia de una escuela, cuyo proyecto no tardará en ser una realidad" (Correo de Galicia, 11.2.1923). Tamén sinalan a axuda á repatriación de socios enfermos como outro dos seus obxectivos. A secretaría de entidade estaba na Avenida Montes de Oca 2228, do barrio de Barracas (daquela denomnado Barracas al Norte). As primeiras actividades que realizan son os típicos bailes familiares, as festas campestres no barrio de Quilmes e os festivais artísticos nos salóns bonaerenses dedicados a este tipo de eventos. Isto mesmo motivou que en 1925 o socio número 2 da entidade mandase unha carta á prensa para recordarlles aos directivos a idea inicial da construción da escola, que parecía esquecida. Pero as directivas seguiron facendo actos festivos, algunhas veces a canda a entidade Hijos de Quintela de Leirado, con que compartían secretaría.

Vai ser a finais de 1928 cando se volva falar da escola dentro da asociación e vai ser coa publicación na prensa dunha carta asinada por Manuel Domínguez Buiturón, que contén tamén un “recado” para a ABC de Corcubión (Correo de Galicia, 9.12.1928):

El llamado que quiero hacer es a los naturales de San Juan de Sardiñeiro, y muy especialmente a los de los lugares de Padrís, Castreje, Sisto, Suarriba, Buján, Rial y Castromiñán. (...) Señores: ha cosa de dos años entre las nuevas creaciones escolares, figura la de Suarriba, la que no existe por falta de casa, aun cuando los vecinos ceden, gratuítamente el solar para la edificación, y a la vez cooperan con su aporte y acarreo de material, pero todo este esfuerzo resulta nulo, si nosotros, los aquí esparcidos no salimos en su ayuda. Mirad la distancia que nos separa de Sardiñeiro de Abajo, los rudos y pésimos caminos que hasta ese punto tenemos, y nos convenceremos del cotidiano martirio de nuestros niños y del poco provecho que pueden obtener. No os esperancéis por más tiempo en sociedades que nada hacen en bien de nuestra región ni en provecho de cosa alguna, no siendo regalar chapitas, pergaminos, decoraciones y dineros a quienes nada merecen, buscando en ello la popularidad de determinados señores.

Antiga escola de Sardiñeiro, c1925 [cortesía Modesto Fraga]
O obxectivo final da carta era convocar unha reunión para o día 15 dese mes na que nomear unha comisión para recadar cartos. Esa convocatoria foi un auténtico fracaso, pois tan só asistiron tres persoas, pero non decae no empeño e volve convocar outra reunión para o mes de xaneiro, co fin de axudar a levantar a citada escola en Suarriba. A historia desta escola xa arrincara en 1924, cando desde o concello de Fisterra elevan un expediente ao Ministerio de Instrución Pública para construír unha nova escola na parroquia de Sardiñeiro, para así ter unha destinada aos veciños de Sardiñeiro de Arriba e Abaixo e outra para os demais lugares da parroquia. O 26 de xaneiro de 1926 no xornal El Compostelano dise que se enviou un expediente para crear unha escola no lugar de Suarriba, pero os expedientes deberon quedar en auga de castañas porque non se fixo nada. En 1929, o correspondente de Alborada, o voceiro da ABC de Corcubión, relataba con respecto ao que sucedía na parroquia de Sardiñeiro:

Su distrito escolar, según el censo de 1920, es de mil setenta y cinco habitantes, y solo cuenta con una escuela mixta, cuya matrícula oscila entre los ciento diez a ciento veinte niños, que tienen que distribuirse entre dos clases, una por la mañana y otra por la tarde, debido a lo reducido del local de la escuela, con un trabajo abrumador para la maestra, doña Carmen Díaz Novo, dándose el caso de que, a pesar de necesitarse para los lugares de Sardiñeiro de Abajo y de Arriba, que tienen 577 habitantes, dos escuelas unitarias y para los lejanos de Buján, Castreje, Castromiñán, Padrís, Rial, Sixto y Suarriba, que cuentan con 498 habitantes, otra mixta, según está pedida hace tiempo, no se ha podido lograr por ahora que se atendiera a las justas lamentaciones de sus vecinos, por lo que nos permitimos llamar la atención del señor gobernador civil, que tanto celo está demostrando en la construcción de escuelas en esta provincia.

Todo isto acabou por levar a unha dura competencia entre as dúas entidades, ABC de Corcubión e Hijos de San Juan de Sardiñeiro, por levantar unha escola nesta parroquia. Así, os “corcubioneses” aproban en asemblea o 2 de febreiro de 1929 construír unha escola en cada un dos oito concellos que compoñen o partido xudicial. Cos fondos que posúen acordan comezar coas tres primeiras, para o cal fan un sorteo dos concellos, que depara o resultado de Muxía, Vimianzo e Fisterra para esta fase inicial. Houbo quen viu neste sorteo unha man interesada que fixo que saísen os concellos de Muxía e Fisterra, que teñen entidades rivais na construción da escola. Sexa como for, os directivos da ABC deron “orden a su representante en Corcubión [o mestre Juan Díaz Fernández] para que se construya un edificio en el lugar de Suarriba (el puesto más céntrico del distrito escolar) con todas las condiciones higiénicas y pedagógicas necesarias para instalar en él una Escuela amplia y la vivienda del maestro” (Alborada, 6.1929). Ante esta noticia, o alcalde fisterrán Ramón Rodríguez Vigo envíalles unha carta na que afirma que a Comisión Municipal acordou elevar ao presidente da entidade o máis entusiasta testemuño de gratitude. O 23 de xullo apróbase de forma provisional a construción e o 28 de outubro o Ministerio de Instrución Pública deu o mandato definitivo. O concello implicárase nesa escola de Suarriba e mentres se construía habilitou un local nunha casa nova facilitada gratuitamente polo veciño Ramón Domínguez Canosa, que en setembro de 1930 xa tiña designado como mestre o fisterrán Manuel Martínez Traba.

En vista da actuación da ABC, os directivos de Hijos de San Juan de Sardiñeiro deciden coller o porco polo rabo e pasar á acción na construción da súa escola. Así, o 24 de xuño de 1930 colócase a primeira pedra do edificio, acto do que podemos ler esta crónica en La Voz de Galicia (3.7.1930), coa presenza de José Casais Canosa, auténtico alma máter da entidade:

Conmemorando el octavo aniversario de la fundación de la “Sociedad de los Hijos de la Parroquia de San Juan de Sardiñeiro” en la República Argentina, se colocó la primera piedra de un grupo escolar que los emigrados de este pintoresco rinconcito gallego quieren construir para que sus hijos puedan prepararse para la lucha de la vida con mejores armas que las que ellos tuvieron al abandonar el suelo patrio.

A las cinco de la tarde se organizó la comitiva integrada por los niños del lugar formados en dos filas, llevando las niñas banderas argentinas y los niños la bandera nacional; alcalde, Sr. Ballón García, juez municipal en funciones señor Sisto Durán, secretario judicial señor Rivera, vicepresidente de la S. de H. de la P. de Sardiñeiro D. José Casais Canosa, comisión delegada de dicha Sociedad en Sardiñeiro formada por D. José Lado, D. Bautista Suárez, D. Vicente Marcote, D. Ramón Domínguez, D. Manuel Suárez, D. Manuel Marcote, D. Ramón Suárez, D. Nemesio Canosa, D. Bautista Marcote, D. José Marcote, D. Bautista Lestón y D. Andrés Cerdeiras; maestra de Duyo Srta. Julia Costa y los maestros de Finisterre D. Antonio de la Barrera y don Pedro Raña Couselo, D. Arturo Ramón Carrera e D. F. Equirias, médicos municipales de Corcubión y Finisterre, respectivamente y numeroso público de la parroquia de Sardiñeiro y de las villas de Finisterre y Corcubión.

Dió comienzo el acto, bendiciendo el coadjutor de Finisterre, Sr. Sendón, por delegación del Sr. Cura párroco, la primera piedra, ayudándole en esta ceremonia los señores capellanes de Duyo y Brens. Seguidamente, la Sta. Elvira Casais leyó unas muy bien escritas cuartillas, enalteciendo el generoso rasgo de la Srta. Josefa Ballesteros, que hizo donación del solar que ocupará la parte del edificio que se va a construir. Exhortó a todos para que contribuyesen a esta obra de redención, dió las gracias a cuantos habían contribuido con su presencia al acto y terminó enviando desde aquel lugar en el que cifrarán sus amores los vecinos de Sardiñeiro, un saludo a nuestros hermanos de América. Fué muy merecidamente aplaudida.

A continuación también leyó un hermoso discurso el Sr. Casais, quien en frases de exaltado patriotismo, prometió que la sociedad por él fundada, perfectamente compenetrada de la obra a realizar, no desmejorará el camino emprendido y ahora con más empeño que nunca redoblará sus esfuerzos para salir airoso de la empresa comenzada.

Pola crónica que do acto fixo El Ideal Gallego sabemos ademais que Ramón Marcote, bibliotecario do Centro Galego da Habana e nativo desta parroquia, doou a cantidade de 500 pesetas para a escola. A raíz desta cerimonia, o alcalde fisterrán José Bellón emite un bando no que lembra que a escolarización é obrigatoria dos 6 aos 14 anos, e que os nenos non se poden dedicar a outra actividade que non sexa a educativa, por iso exhorta aos pais a que “mandeis vuestros hijos a la Escuela con la mayor asiduidad, que con el reconocido y probado celo de los señores maestros de este Ayuntamiento, podrán lograrse así provechosos resultados” (El Ideal Gallego, 4.7.1930). O 16 de novembro de 1931 o Ministerio de Instrución Pública emitía unha Real Orde (cfr. Gaceta de Madrid, 24.11.1931) pola que aprobaba definitivamente a creación desta escola no lugar de Sardiñeiro de Abaixo, de primeiras destinada ás nenas, pero axiña se produce unha rectificación e dedican esta aos nenos e a mixta xa existente na parroquia pasa a ser das nenas.

En 1932 xa se inaugura en Suarriba a nova escola que construíra a ABC de Corcubión, que vai levar o nome do propio Juan Díaz Fernández. Mentres, os de Sardiñeiro van máis lentos, pero seguros. A sociedade bonaerense creou a tal efecto unha delegación na parroquia, que estaba liderada por Andrés Cerdeiras e Bautista Suárez, como presidente e secretario, respectivamente. En xullo de 1934 reciben comunicación de Buenos Aires na que agradecen a colaboración de todos os que contribúen a que a obra vaia adiante, comezando pola corcubionesa Josefa Ballesteros, doadora do terreo no que se vai facer o edificio, xunto co xardín, campo de deportes etc., e seguindo polos veciños que achegan pequenas doazóns e sobre todo o seu traballo gratuíto. Debido ás xestións realizadas polo mestre Francisco de la Barrera, a directiva da entidade porteña acepta, unha vez rematadas as obras, ceder o edificio para que albergue unha escola nacional máis do concello. Así mesmo, teñen en mente, como complemento da escola (El Ideal Gallego, 17.7.1934)

la creación de una biblioteca y pequeño museo hispano americano, donde se recopilarán datos de interés para nuestros emigrantes, muestras de productos, etc., de los países de América frecuentados por nuestros conterráneos, para que éstos puedan adquirir una noción más exacta de las tierras a donde van en busca de trabajo.

Inicio da crónica de El
Ideal Gallego
, 20.9.1936 

Non agochaban, pois, as súas intencións de “iniciar un ensayo, por lo menos, de ‘escuelas para emigrantes’, tan útiles en nuestra tierra. Además cuando pueda llevarse a cabo la instalación de la escuela nacional en dicho nuevo edificio, la referida asociación ‘Pro Escuelas’, contribuirá por su cuenta a dotarla de material científico completo, cinematográfico, etc.” (El Ideal Gallego, 28.8.1934). Grandes avances prometían os de Sardiñeiro para a súa escola, que se verían coutados co levantamento militar de xullo de 1936.

Aínda así, e a pesar de aparecer nunha listaxe de entidades que apoiaran na Arxentina o Estatuto galego (El Ideal Gallego, 18.6.1936), a sociedade dos fillos de Sardiñeiro podía inaugurar por fin a súa escola o 13 de setembro de 1936 coa presenza das novas autoridades locais. Entre outros, fixeron uso da palabra no acto inaugural o mestre Francisco de la Barrera Agrasar e o médico Francisco Esmorís Recamán, quen pechou a súa intervención con estas palabras (La Voz de Galicia, 22.9.1936):

Si bien nunca había perdido la esperanza, en muchos momentos sufriera el dolor de ver la lentitud con que iban las obras de la casa escuela y que al fin hoy tenía el júbilo de que la obra, aunque no terminada, estaba en condiciones de ser útil.

Exhortó a los congregados a que dieran cima a la empresa inscribiéndose todos en la sociedad protectora de esta obra que funciona en Sardiñeiro y puso de ejemplo para que sirviera de estímulo a aquéllos, la conducta cristiana y patriótica de la señorita Josefa Ballesteros, que tantos sacrificios y entusiasmos derrochó en favor de la construcción de la casa-escuela y terminó dedicando un sentido recuerdo a los hijos de Sardiñeiro en América.

A escola de Sardiñeiro construída polos "arxentinos", 1958
[foto cortesía Modesto Fraga]
O edificio desta escola “tiña unha soa planta, de forma rectangular. Estaba construído en cachotaría irregular, sobre un baseamento para salvar o desnivel do terreo e con cuberta de tella a catro augas. Contaba cunha soa aula para que as nenas da parroquia recibisen clases con nocións básicas” (Cfr. “Escola de Sardiñeiro” en As Escolas da Emigración; proxecto do Consello da Cultura Galega). As obras colleran pulo no ano anterior, cando se fixeron cargo da delegación -que ao pouco virou en sociedade protectora que foi rexistrada no Goberno Civil en decembro de 1935- o mestre Francisco de la Barrera, como presidente, e como secretario, José García Fernández, esposo da mestra da escola de nenas Mª del Carmen Devesa Areosa. Dos proxectos educativos previstos (biblioteca, museo, material científico e cinematográfico...) non soubemos máis, pero iso si, a escola foi bendicida polo cura e contaba co pertinente crucifixo, que era o único material indispensable nas escolas destes novos tempos que empezaban.

Unha vez realizada a desexada obra na parroquia, verdadeiro obxectivo da asociación, a actividade da entidade de Sardiñeiro circunscribiuse practicamente á realización de actos de lecer para os seus socios. Neste sentido, volve aparecer no seu camiño a ABC de Corcubión, que en novembro de 1939 ofrécelles aos socios da entidade de Sardiñeiro acudir aos seus actos festivos nas mesmas condicións que os da ABC, algo que xa fixera antes cos de Finisterre en América e Hijos de Zas. En 1941 volven os “corcubioneses” facer un chamamento ás tres sociedades:

Se acuerda a ser posible celebrar los festivales sociales próximos, conjuntamente con las sociedades hermanas Finisterre en América, Sardiñeiro y Zas, a partes iguales de ganancias y pérdidas o con el porcentaje que se determine, así como también participar, en iguales condiciones, de los festivales que dichas sociedades tengan comprometidos, a fin de estrechar lazos de unión y hermandad.

O obxectivo último destas ofertas non era outro que absorber estas pequenas entidades no seo da ABC, como fixera había tres anos coa de Muxía. Con todo, ao chamamento tan só respondeu afirmativamente a sociedade de Sardiñeiro, que celebrou conxuntamente coa entidade corcubionesa algunhas festas. En 1944 e 1947 volverán desde a directiva da ABC intentar que as tres sociedades valoren a posibilidade dunha fusión, pero seguiron sen obter resultado positivo. Así e todo, da entidade de Sardiñeiro non temos máis noticias da súa existencia desde finais desta década.

Esta sería a fachada principal da escola levantada polos
Hijos de la Parroquia de San Juan de Sardiñeiro, incluída 
no edificio actual [foto: Arquivo da Emigración Galega]
Pero o nome da sociedade Hijos de la Parroquia de San Juan de Sardiñeiro quedou para sempre na historia pola construción da súa escola. Un edificio que debeu ter unha vida complicada, se nos atemos ao que explicaba en 1952 o daquela alcalde de Fisterra, Ramón Rodríguez Lestón: “el Sr. Gobernador me prometió (...) poner en las debidas condiciones pedagógicas e higiénicas la perteneciente a Sardiñeiro, cuyo edificio fué donado por una colonia de hijos de Sardiñeiro residentes en América. Funciona actualmente la sección perteneciente al sexo masculino, y falta poner en condiciones las clases para niñas” (La Noche, 19.11.1952). Puido ser por esta época cando se lle fixo un segundo andar ao edificio, mais esta escola non chegou como era ata os nosos días, xa que sobre ela se levantou na década dos oitenta o actual colexio público Areouta, pero oxalá non esquezan nunca en Sardiñeiro o que loitaron hai cen anos os seus veciños para poderen dispor dunhas escolas en condicións.

Bibliografía:

  • As Escolas da Emigración. Un proxecto do Arquivo da Emigración Galega; Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, en mapas.consellodacultura.gal/escolas/

  • Gaceta de Madrid (publicación previa ao Boletín Oficial do Estado); Madrid, 1928-1936.

  • Prensa da colectividade galega na Arxentina: Alborada, Correo de Galicia, El Heraldo Gallego

  • Prensa de Galicia: El Compostelano (Santiago de Compostela), El Ideal Gallego (A Coruña), La Noche (Santiago de Compostela), La Voz de Galicia (A Coruña)


4 de marzo de 2019

Para unha historia da ABC de Corcubión (III). Os emigrantes crean as "sociedades de instrución" para paliar o analfabetismo na Galicia de comezos do séc.XX

Escola pública de Fornelos-Baio creada en 1931 coa chegada
da República, a cargo da mestra Amalia Lojo. O poeta de Laxe
Antón Zapata escribe un fermoso texto na revista Alborada
(nº 69, 1932) acompañando esta foto do seu veciño José Vidal
A creación a comezos do século XX por parte dos nosos emigrantes en América das denominadas “sociedades de instrución” supuxo unha auténtica revolución no mundo educativo galego, coa construción de multitude de escolas que tentaban paliar a deficitaria situación da educación en Galicia, ante a parsimonia do Estado en realizar melloras en aspectos como as condicións dos edificios escolares –a maioría, locais arrendados non aptos para esta función-, os paupérrimos soldos dos mestres ou o importante absentismo escolar. Segundo datos de Narciso de Gabriel [2006: 151-ss], en 1900 había en Galicia 2.300 escolas públicas, o que supoñía unha media de 861 habitantes por escola. En 1930 case se duplica o número de escolas: 4.424, pero a media só baixa ata os 504 habitantes por escola; media que na provincia da Coruña chegaba aos 640 habitantes por escola pública. A estas habería que engadirlles as escolas privadas, sobre todo as chamadas "escolas de ferrado" (así coñecidas porque os mestres cobraban un ferrado de cereal ao ano por cada neno que acudía a elas). Nese principio do século XX tamén se amplía o período de escolarización, pois se a Lei Moyano (1857) establecía a obrigatoriedade dos seis aos nove anos, en 1901 auméntase ata os doce anos, e en 1923 ata os catorce. Non obstante, o absentismo escolar era algo habitual entre os nenos galegos destas primeiras décadas do século. Así, en 1908 a taxa de escolarización non chega ao 30% dos rapaces en idade escolar, alcanzando o 40% en 1923 [Gabriel, 2006: 163]. Dentro destas taxas, hai que sinalar que a poboación que acode á escola é basicamente masculina, pois non se consideraba necesario que as nenas aprendesen a ler e a escribir. Do mesmo xeito, os rapaces deixaban de iren ás clases se se precisaba a súa axuda na casa, polo que o absentismo escolar aumentaba naquelas épocas nas que se realizaban as principais tarefas agrícolas.
Xa que logo, esta sucesión de factores facía que a meirande parte da poboación fose analfabeta. Volvendo novamente sobre datos de De Gabriel [2006: 314-ss], a porcentaxe de poboación galega alfabetizada era do 25’7 % en 1900, chegando ao 50’7 % en 1930. Pero se analizamos os datos con relación ao xénero, temos que en 1900 estaban alfabetizados o 40’4 % dos homes, pero só o 13’6 % das mulleres. En 1930, a porcentaxe dos homes chegaba ao 59’9 %, mentres que a das mulleres triplicárase e alcanzaba o 42’9 %. Pero fixémonos agora no partido xudicial de Corcubión, e vexamos no seguinte cadro a evolución da porcentaxe da alfabetización:


MASCULINA
FEMININA
1900
1920
1930
1940
1900
1920
1930
1940
CAMARIÑAS
33
34
43
54
15
21
28
39
CEE
37
50
56
68
15
27
39
54
CORCUBIÓN
50
60
59
75
34
55
51
71
DUMBRÍA
34
44
52
59
03
08
23
35
FISTERRA
31
40
48
56
07
18
34
43
MUXÍA
39
46
48
62
10
20
31
44
VIMIANZO
32
45
47
57
06
21
26
39
ZAS
36
55
55
66
07
26
31
46
PART. XUDICIAL
35
46
50
61
10
22
31
43
GALICIA
40
51
60
71
14
31
43
58
[Fonte: N. de Gabriel, 2006]

Como podemos comprobar, os datos dos concellos deste partido xudicial amosan unhas porcentaxes aínda inferiores ás xa lamentables de Galicia, reflectindo un atraso dunha década fronte á media do país. Se collemos os datos de 1900 vemos como os partidos xudiciais menos alfabetizados corresponden aos situados na chamada periferia, como o noroeste coruñés ou o sur ourensán, aínda que encabeza a clasificación o partido de Ordes, cun ridículo 12% de alfabetización, seguido polos de Verín e Xinzo de Limia, cun 17%, Carballo cun 18%, e Bande e Corcubión que chegan ao 20%. Corenta anos despois, son os partidos xudiciais coruñeses os que encabezan a clasificación: Ordes, cun 45%, Corcubión, cun 51%, e Carballo, cun 53%. No cadro do partido xudicial corcubionés, observamos que os mellores datos están no concello de Corcubión, debido posiblemente a ser capital do partido e a desenvolver unha actividade máis "urbana" que rural, ao que hai que unir a presenza do veciño colexio construído polo indiano Fernando Blanco de Lema, o cal tamén se manifesta, en menor medida, nos datos do concello de Cee.
En 1927 medio cento de nenos acudían
á escola pública de Zas co mestre Pablo
de Torres [Foto: Alborada]
Diante da situación de desleixo do Estado en materia educativa, van ser os emigrantes os que traten de facerlle fronte. Dentro da emigración, temos que falar, de primeiras, das escolas levantadas por ricos indianos, convertidos en benfeitores dos seus lugares de orixe. É o caso, na Costa da Morte, do xa mencionado Fernando Blanco de Lema, que no seu testamento deixou cartos para a construción e mantemento en Cee dun colexio de ensino secundario e dunha escola de nenas (que empezaron a funcionar a mediados da década de 1880). Malpica aproveitouse das importantes achegas de Anselmo Villar Amigo, que serviron, entre outras moitas cousas, para a construción dunha escola que levaría o seu nome, inaugurada en 1914 (actualmente o edificio alberga a Casa do Concello). Do mesmo municipio era seu tío, o cóengo Francisco Villar Carracedo, que, segundo datos de Peña [1991 II: 366], deixou un capital de un millón de pesetas en terreos e unha cantidade non determinada nos bancos bonaerenses para implantar e soster un centro escolar en Malpica, do que nada sabemos. Caso similar aos deste sacerdote é o de José Mª del Río, que en 1906 “dona 30.000 duros para la fundación de un grupo escolar en su pueblo natal, que es Mugía” (El Eco de Galicia n.º 539, Buenos Aires, 10 de outubro de 1906, p.3), pero a súa realización foise adiando e a pesar de constituírse unha “Fundación benéfico-docente” -como publica o B.O.E. do 22 de outubro de 1954-, non se chegou a levar a cabo. Algo semellante ao que pasou co disposto por Manuel Mª Pose, que en 1904 deixaba no seu testamento 100 mil pesos arxentinos para ”la fundación y sostén de un Colegio Mercantil en Zas” (El Eco de Galicia n.º 475, Buenos Aires, 30 de decembro de 1904, p.1) sen que o proxecto vise a luz en ningún momento. Pola contra, si que chegou a bo porto a Escola de Artes e Oficios de Corcubión que deixara testada José Carrera Fábregas, e que empezou a funcionar en 1931 (hoxe tamén Casa do Concello).
Escolares do Pósito de Pescadores de Laxe en 1910, onde
se aprecia a escasa presenza de nenas. [Foto Vidal]
Como vemos, ata para levar adiante estas escolas que ricos emigrantes deixaban nos seus testamentos había moitas dificultades, pois nin sequera as autoridades municipais se molestaban en reclamar e esixir a construción destes edificios, e as poucas que foron arriba debéronse á teimosía dos testamenteiros para cumprir a derradeira vontade do falecido. Xa que logo, a creación das sociedades de instrución a comezos do século XX supuxo un importante cambio para o desenvolvemento da construción de novas escolas, por canto eran os propios emigrantes os que se preocupaban que os cartos que se recadasen fosen utilizados o máis rápido posible na obra ideada. Xa falamos das varias sociedades de instrución que crearon os emigrantes da Costa da Morte na Arxentina, e de como só a ABC tivo a capacidade para construír escolas, que foron catro, aínda que outras levaron adiante melloras no eido educativo. Aínda así, Peña Saavedra (1991) sinala que tanto a asociación "Unidos de Puenteceso y Cabana" como "Hijos de la Parroquia de San Juan de Sardiñeiro" levantaron senllos edificios escolares nos seus lugares de orixe, mais non hai ningún testemuño que confirme este dato, e todo parece que quedou nun simple intento. Como tamén o intentou a do "Ayuntamiento de Lage y sus contornos" que dirixía Máximo Musi, pero non lograron máis que enviar sumas de diñeiro -e non foron poucas- para a escola do Pósito de Pescadores da vila laxense, así como para outras obras de importancia.
Castelao recolleu en Cousas da vida a
problemática da calidade do ensino
nas escolas dos emigrantes
A “Sociedad Cultural y Agraria del Distrito de Mugía" tamén iniciou a súa andadura con altas miras, e cunha clara vontade de crear escolas no seu concello de orixe, e non só se conformaban coa simple construción senón que avogaban pola importancia da calidade do ensino que esas escolas lles ofrecesen aos nenos e nenas. Así, publicaron un manifesto, do que mesmo se fixo eco en Galicia o periódico A Nosa Terra (nº 186, A Coruña, 1 de xuño de 1923, p. 5), no que sinalaban: "O noso camiño é máis corto e vai dereito âs necesidades mais apremiantes do municipio visando craramente estes tres probremas capitás: A instrucción elemental (neutra e racional), A enseñanza agrícola (en canto refírese â divulgación dos modernos conocimientos e praiticas encol da agricultura, gandería, industria leiteira e derivadas e especialmente da industria de granxa) e o fomento dos Sindicatos agrícola-gandeiros (como factores do progreso económico da comarca e do benestar individual do labrador, dende que eles instituyan o seguro mutuo sobre o gando, a cooperación para a adquisición de sementes e abonos químicos e especialmente da creación de caixas rurás de depósito e préstamo que libren ao labrador das poutas da usura). […] Emporiso, hoxe como onte, a especie de instrucción que se lles suministra aos nenos das aldeas é a mesma, esto é, unha enseñanza en fragante desacordo cos seus costumes e o seu xénero de vida. Necesitamos, pol-o contrario, crear no distrito escolas esencialmente rurás que preparen ao neno para a función que mais tarde terá de desempeñar e que de feito xá desempeña, tal é a de agricultor; pero agricultor â moderna, capaz de extraer â terra e â gandería todo o rendimento que o labrador dos países adiantados adoita a sacarlles. D’este xeito o noso labrego non levará a vida de privaciós e miserias que hoxe soporta nin se verá en moitos casos na dura necesidade de buscar na emigración o pan de cotío que non soupo atopar na su propia terra”. Ao igual que a sociedade de Laxe, a entidade muxiá tívose que conformar con achegas monetarias para a mellora das condicións das escolas públicas dos distintos lugares do concello, así como na compra de diverso material escolar.
Quen si logrou levantar escolas foi, como xa dixemos, a entidade supramunicipal ABC de Corcubión, e diso habémonos ocupar nun vindeiro artigo.


Bibliografía:

- GABRIEL, Narciso de (2006): Ler e escribir en Galicia; A Coruña: Universidade.
- GARCÍA DOMÍNGUEZ, Mª Teresa (2001): “O labor dos emigrantes galegos no eido educativo: o exemplo do Partido Xudicial de Corcubión”, Entre nós. Estudios de arte, xeografía e historia en homenaxe ó profesor Xosé Manuel Pose Antelo; Santiago de Compostela: Universidade; pp. 729-747.
- MARTÍNEZ DOMÍNGUEZ, Blanca (2008): “Alfabetización, escolarización e emigración en Galicia (1860-1930): uns vínculos paradoxais”, Migracións na Galicia contemporánea. Desafíos para a sociedade actual; Santiago de Compostela: Sotelo Blanco; pp. 49-72.
- PEÑA SAAVEDRA, Vicente (1991): Éxodo, organización comunitaria e intervención escolar; A Coruña: Xunta de Galicia; 2 volumes.
__________ (1995): “Os centros educativos dos emigrantes. Panorámica galega e concreción na Costa da Morte”, Educación e patrimonio. A herdanza dunha fundación; Santiago de Compostela: Xunta de Galicia / Fundación F. Blanco de Lema; pp. 35-37.
- REI LEMA, Xosé Mª (2005): “As escolas dos emigrantes”, La Voz de Galicia, Carballo, 4 de novembro; p. 14.
- Prensa da emigración en Buenos Aires: Alborada, Boletín de la S.C.yA. del Distrito de Mugía, Correo de Galicia, El Despertar Gallego, El Eco de Galicia, El Heraldo Gallego, etc.