No herbal azur do ceo

No herbal azur do ceo
Foto: Roberto Mouzo
Amosando publicacións coa etiqueta Zas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Zas. Amosar todas as publicacións

17 de outubro de 2015

MANUEL MARÍA POSE, FILÁNTROPO DE ZAS



Manuel María Pose de Prado naceu o 19 de abril de 1846 no lugar de Vilar do Mato, parroquia e concello de Zas. Era fillo de Francisco, natural do mesmo lugar, e de Baltasara, natural da parroquia de San Pedro do Allo (Zas). Con 16 anos decide emigrar e trasladouse á Arxentina, instalándose en Magdalena, pequena cidade na provincia bonaerense. Neste momento a provincia estaba pouco poboada e as vías de comunicación eran escasas, pero isto non o arredou dos seus propósitos de apostar polo rural en vez de facer como a maioría dos galegos emigrantes que se asentaban na capital. Converteuse xa que logo en estancieiro no partido de Olavarría, tamén na provincia de Buenos Aires. Empezou comerciando con la, pero non tardou en ampliar o negocio ao ramo gandeiro. Mercou a baixo prezo moitas terras que co paso do tempo multiplicaron o seu valor, conseguindo así unha importante fortuna.
Portada d'El Eco de Galicia no que se
publica o legado de Manuel Mª Pose
Parece ser que fixo unha viaxe á súa terra e contemplou todas as necesidades que tiña a súa vila natal, prometendo remedialas algún día. A súa cómoda posición social na Arxentina fixo que se lle ofrecesen postos de importancia nalgunhas sociedades bonaerenses, cargos que sempre rexeitou, pois dicía que o que querían del era só o seu diñeiro. Pasou os seus últimos anos nun modesto hotel de Buenos Aires, retraído e tranquilo, ata que o 14 de decembro de 1904 morreu na capital arxentina. Foi enterrado no cemiterio do Norte, coñecido como Recoleta.
O día 23 do mesmo mes abriuse o seu testamento, e todos aqueles que o acusaran de avaricia por non querer participar nas sociedades de emigrantes, comprobaron que os seus cartos tiñan un mellor destino. Nese testamento deixou disposto que se fixesen as seguintes doazóns: 50 mil pesos arxentinos para o Hospital Español de Buenos Aires, outros 50 mil para a Asociación Española de Socorros Mutuos de Buenos Aires, outros 50 mil ao Asilo de Nenos Desvalidos de Buenos Aires, 10 mil pesos ao Hospital de Olavarría, 50 mil ao Hospital Real de Santiago de Compostela e outros 50 mil ao Hospicio desta cidade. Por último doa 100 mil pesos para a fundación e sostén dun Colexio Mercantil en Zas.
Con todo, ao pouco tempo de abrirse o testamento, unha filla natural de Manuel María, que fora silenciada nel, reclamou as citadas cantidades como súas. Para evitar problemas e preitos interminables, negociou coas entidades arriba citadas que demandaran os cartos, ofrecendo nestes casos o dez por cento da cifra que outorgará seu pai. Así o fixeron, por exemplo, a Asociación Española de Socorros Mutuos ou o Hospital Español. Para o primeiro conta Pesqueira (1919: 70-71) que aceptaron os 5 mil pesos "recibidos de los herederos del señor Pose y de acuerdo con el arreglo celebrado con ellos, entregando además la suma de 2500 en concepto de donativo de dichos herederos". En Santiago de Compostela tamén demandaron os cartos desde o hospicio, grazas a que as autoridades municipais nomearon dous xestores (os señores Pardo González e Pérez Neu) para facerse cargo do legado de Pose. Con el puideron reformar a Casa de Beneficencia, cun novo e amplo comedor, repuxeron o chan dalgunhas estancias, cuartos de baño, ximnasio etc. Como agradecemento ao zasense, o concello compostelán, a proposta do edil republicano Santiago López Naveira, fíxolle unha pequena homenaxe póstuma en 1916, coa colocación dunha placa nesa Casa Hospicio.
Pola contra, desde o Hospital compostelán nada se reclamou, e así aparecerá reflectido anos despois nun artigo na revista Alborada, no que se critica a Deputación coruñesa, encargada de xestionar o cobro para o Hospital, por non molestarse en emular o concello compostelán e reclamar o pagamento desa doazón (Xa no seu momento se critica nas páxinas d'El Nororeste que a Deputación non tivese unhas palabras de gratitude para o doador). Un caso similar ao do organismo provincial debía ser o do concello de Zas, pois dos cartos para a fundación do Colexio Mercantil nesta vila nunca se soubo. Era bo coñecedor Manuel M. Pose da necesidade dunha boa educación para triunfar na vida, sobre todo se se ten que pasar polo trauma da emigración.
Da importancia que tivo no seu momento dá conta o historiador Alberto Vilanova, quen sinala que “al lado de Blanco Lema, García Barbón, Naveira, Amboage, Da Guarda, Zapata, López Cortón, por no citar más que los últimos, tenemos que colocar a Manuel María Pose”.

Bibliografía:
  • Anónimo (1904): "El Sr. D. Manuel M. Pose. Un nuevo filántropo galaico", El Eco de Galicia nº 475, Buenos Aires, 30 de decembro, p. 1 [Reproducido co título "D. Manuel M. Pose. Un filántropo gallego" en Follas Novas nº 405, La Habana, 5 de marzo de 1905, pp. 2-3].
  • Anónimo (1905): "En la Diputación Provincial. El legado de Buenos Aires. ¡Ni un recuerdo!", El Noroeste, A Coruña, 30 de abril, p. 1.
  • Anónimo (1913): "Noticias de Galicia", El Eco de Galicia nº 789, Buenos Aires, 30 de setembro, pp. 5-6.
  • Anónimo (1916): "La Nochebuena", El Correo de Galicia, Santiago de Compostela, 26 de decembro, p. 3.
  • Anónimo (1916): "La fiesta de la Casa Hospicio", Diario de Galicia, Santiago de Compostela, 26 de decembro, p. 1.
  • Anónimo (1916): "Homenaje muy simpático. En la Casa-Hospicio", Gaceta de Galicia, Santiago de Compostela, 27 de decembro, pp.1-2.
  • Anónimo (1925): "Noticias", Alborada º 1, Buenos Aires, agosto.
  • Libro de Bautizados. Parroquia de Santo André de Zas, Libro 2, folio 183.
  • Pesqueira, Joaquín (1919): Historia de la Asociación Española de Socorros Mutuos de Buenos Aires, Buenos Aires: AESMBA.
  • Rei Lema, Xosé Mª (2005): "Manuel M. Pose, filántropo de Zas", La Voz de Galicia, Carballo, 13 de outubro, p. 14.
  • Vilanova, Alberto (1966): Los gallegos en la Argentina, Buenos Aires: Ed. Galicia, vol. 2.

16 de outubro de 2015

JOSÉ LÓPEZ PÉREZ, UN SONEIRÁN PRESIDENTE DO CENTRO GALEGO DA HABANA



José López Pérez naceu accidentalmente en Madrid en novembro de 1872, por culpa dun traslado laboral de seu pai. Este dato, que podería ser anecdótico, terá moita importancia no futuro como logo veremos. Seu pai, José López Núñez, natural do lugar de Artón (Vilar-Zas), era sarxento do exército español, motivo polo cal tivo que trasladarse da Coruña a Madrid. Súa nai, Claudia Pérez, era natural de San Martiño de Valongo (na comarca do Ribeiro), mais da liñaxe vasca dos Eguía (era sobriña de Nazario Eguía, Capitán Xeneral de Galicia nomeado por Fernando VII, que despois se adheriu á causa carlista).
Aos tres meses de nacer López Pérez, seu pai é destinado a Cuba. Ano e medio despois chegarán á illa caribeña súa nai e mais el. En pouco tempo produciranse unha serie de fatalidades ao seu redor. Aos catro días da estancia en Cuba morre súa nai (8-6-1874). Con dous anos e medio, seu pai mándao para a casa da avoa paterna en Artón, pero cando ten seis anos mórrelle súa avoa. Seu pai envíao logo coa avoa materna a Avilés, pera esta morre en menos dun ano, polo que volve cunha tía para La Habana. Aos seis meses morre esta tía que o amadriñaba. Por se era pouco, seu pai perde o traballo no Arsenal e ten que traballar de peón de albanel. López Pérez tiña sete anos.
Segundo nos conta Xosé Baña, foi ao colexio municipal e mereceu o premio único que cada escola lle dá ao alumno máis aplicado. Con 17 anos empezou a dar clases en colexios particulares e asiste a clases de segunda ensinanza no instituto. Despois faría a carreira de Dereito, chegando a ser un dos avogados de máis sona da illa.
En 1894 López Pérez ocupa o cargo de secretario da sección de Instrución do Centro Galego de La Habana, no que estaría ata 1899, cando é nomeado presidente desa sección. Como tal, estableceu as clases diurnas gratuítas para os fillos dos socios. Pouco a pouco foi medrando dentro da grande institución mutualista. Ocupou o posto de vogal da xunta directiva nos anos 1895-1899, 1901 e 1902. En 1903 é nomeado Secretario do Centro Galego e presidente da sección de Fomento. Aquí tomou unha das medidas máis importantes para os nosos emigrantes, como foi a de que o Centro acollese a todos os emigrantes que chegaban á illa. Isto vén provocado porque todos aqueles que chegaban a Cuba e non eran reclamados por familiares ou amigos eran destinados a un campamento, o de Triscornia, no que vivían en condicións infrahumanas e realizaban os traballos máis duros (Un bo exemplo disto dánolo Xosé Lesta Meis na súa novela Manecho o da rúa). Coa medida de López Pérez de inscribilos como socios do Centro antes de embarcar, nada máis chegar a Cuba os nosos emigrantes eran libres para buscar o traballo que quixesen. Por outra banda, como presidente da "Sección de Fomento y Protección al Trabajo" presentou unhas bases para a creación dunha caixa de aforros, iniciativa que foi levada a cabo en 1906 coa constitución da "Caja de Ahorros de los socios del Centro Gallego", que co tempo deu lugar á poderosa "Caja de Ahorros y Banco Gallego".
"Caja de Ahorros y Banco Gallego" de La Habana
En marzo de 1904 créase "La Peña Gallega", entidade constituída por 25 membros entre os que figura López Pérez, a carón de Fontenla Leal, Chané, Plácido Lugrís, Ángel Barros, sendo Curros Enríquez o seu "presidente honorario e único". Desta peña vai nacer a idea da creación da "Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega" en abril de 1905. Nesta, López Pérez vai ocupar o posto de vogal, cargo que obstentará na comisión encargada de redactar os seus estatutos. Cando se cree a Academia Galega en 1906 na Coruña, José López Pérez vai ser nomeado académico correspondente. Tamén será relator do Regulamento da Sección de Propaganda da Academia.
Logo de catro anos como secretario, en 1907 é elixido por unanimidade presidente do Centro Galego de La Habana. Pero a súa elección provocou un dos máis importantes conflitos na historia da entidade, como foi o ataque furibundo de Curros Enríquez, socio honorario do Centro, contra os emigrantes galegos pola escolla do soneirán. Baña Pose, amigo dos dous, explica a postura do vate: "el día que elegimos al señor López Pérez para Presidente se dio de baja, sólo porque López Pérez había nacido accidentalmente en Madrid, como si uno naciera donde le da la gana". A polémica tivo o seu punto álxido coa lectura por parte do celanovés do seu poema "A espiña" nun acto do Centro Galego, no que atacaba aos socios en versos coma estes: "¡Non terei por presidente / a quen non nacer gallego!". Pola contra, Ángel Barros, vicepresidente da Asociación Iniciadora e Protectora da Academia, no seu discurso de benvida ao novo presidente, fai a seguinte semblanza: "La cualidad en el sobresaliente / es que cifra su orgullo y delicia, / en amar a su padre y a Galicia".
Non obstante, López Pérez nunca lle gardou rancor a Curros, e logo da morte do poeta (7-3-1908), el vai ser o encargado de acompañar o seu cadaleito ata A Coruña, a onde chegarán o 1 de abril. Virá acompañado de seu pai, ademais de Castro Chané e do escritor Nan de Allariz, correndo el con todos os gastos. O enterro de Curros foi un dos acontecementos máis importantes da historia da Coruña, pois durou varios días e mobilizou moitísima xente. O día 3 celebrouse unha velada necrolóxica na Casa do Concello, na que López Pérez estivo acompañado, entre outros, por Filomena Dato, Manuel Lugrís Freire, Manuel Murguía, Carré, Linares Rivas ou Cabeza de León. A súa intervención, aclamada varios minutos, pechou o acto. Dous días despois celebrouse un banquete de homenaxe a López Pérez e ao Centro Galego por parte da "Reunión de Artesanos", ao que acudiron as principais personalidades coruñesas da época.
Aproveitando a súa estadía en Galicia decide ir, na compaña de seu pai, visitar Artón, onde "se prepara un entusiasta recibimiento", segundo lemos nas páxinas de La Voz de Galicia do 8 de abril. Neste mesmo xornal, comprobamos que en vez de volver para Cuba o día 21 como tiña previsto, decide prolongar a volta ata o mes de outubro e aproveitar para facer unha viaxe por distintas poboacións de Galicia, por Madrid, Barcelona, París "y otras capitales extranjeras". Significativa foi a homenaxe que lle tributou o Centro Galego de Madrid o 5 de maio, e espléndidas as recepcións que lle tributaban algunhas das cidades e vilas galegas (Mondoñedo, Viveiro, Santiago de Compostela, Pontevedra, Mondariz...). Ao final marchou no mes de agosto da Coruña, e na súa despedida estiveron o alcalde da Coruña e varios concelleiros, membros da Liga de Amigos, da Reunión de Artesanos, da Academia Galega e da Asociación de Periodistas. Se brillante foi a súa marcha de Galicia, non menos o foi a súa chegada a Cuba, que tivo lugar o 2 de setembro, pois segundo relata a crónica do Galicia (Madrid, 1-10-1908) "en varios barcos engalanados le recibieron las comisiones y gran número de socios del Centro, quienes le ofrecieron un banquete que revistió extrema brillantez, pronunciándose numerosos y patrióticos brindis".

Momento do acto de escritura do Teatro Nacional por
parte do Centro Galego de La Habana. López Pérez é
o primeiro pola dereita, de pé.
Pero a súa actuación como presidente tivo como feito subliñable a compra do edificio do Gran Teatro Nacional (ou Gran Teatro Tacón, como era coñecido por ser propiedade da Tacón Realty Company), coas construcións anexas, para Pazo Social do Centro Galego (un terreo de 4.777'91 metros cadrados). A sinatura desta adquisición tivo lugar o 10 de xaneiro de 1906, e o custe foi de 525 mil pesos, aos que haberá que sumar os 800 mil que presupostan para a súa reforma. Na Memoria do Centro de 1906 dise que "ningún suceso, después de la fundación de la Sociedad, ha tenido tanta importancia para la Colonia, como la compra del Gran Teatro Nacional, y edificios anexos que constituyen la manzana en que está enclavado". Os historiadores cubanos Janet Iglesias e Javiher Gutiérrez subliñan a importancia que tivo para os galegos a compra do Teatro, "un símbolo de la nación", o que lles fai preguntarse: "¿quiénes perdieron la guerra?". O 8 de decembro tivo lugar a colocación da primeira pedra, que chegou desde as canteiras de Parga (Guitiriz), e actuou como madriña do acto a esposa de López Pérez, Ramona García de Villalta. Estiveron presentes, entre outras autoridades, o alcalde e o bispo de La Habana, e a gran banda municipal interpretou a Alborada de Veiga. Posteriormente asinouse a escritura de Cumprimento de Condición Resolutoria da adquisición o 28 de decembro de 1907. A inauguración do Palacio tivo lugar en 1913 e a do Teatro en 1915, xa co noso protagonista fóra da presidencia do Centro. Polo seu traballo a prol do Centro Galego, José López Pérez obtivo a distinción de "Socio de Honor" o 10 de outubro de 1895, foi nomeado "Socio de Mérito" o 19 de xullo de 1906, e a Xunta Xeral outorgoulle o 13 de decembro de 1908 a condición de "Presidente de Honor".

Bibliografía:

  • Apuntes para la Historia del Centro Gallego de La Habana de 1879 a 1909; La Habana: Impr. de El Avisador Comercial, 1909.
  • Baña, Pepe de Xan (1921): Vindicación, vida e milagros de Pepe de Xan Baña en trinta anos de Cuba, La Habana: Impr. La Universal.
  • Barros, Ángel (1907): "Discurso de D. Ángel Barros", Boletín de la Real Academia Gallega nº 13 e 14, A Coruña, 20 de xuño e 20 de xullo, pp. 3-7 e 27-30.
  • El "Centro Gallego" en su cuadragésimo aniversario; La Habana, 1919.
  • Iglesias Cruz, Janet / Gutiérrez Fort, Javiher (2007): "Escuchando el rumor de los pinos desde Cuba", en Cagiao, Pilar / Guerra, Sergio (eds.): De raíz profunda. Galicia y lo gallego en Cuba, Santiago de Compostela: USC / Xunta de Galicia, pp. 63-88. 
  • Lema Suárez, Xosé Mª (1995): "Un soneirán de corazón", La Voz de Galicia, Carballo, 31 de xaneiro, p. 34.
  • Lema Suárez, Xosé Mª (coord.) (2010): A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte, Vigo: Xerais.
  • Oreiro Pensado, Xesús (1998): "Crónica actual da morte de Curros", A Nosa Terra. A Nosa Historia nº 14, Vigo, pp. 44-51.
  • Rei Lema, Xosé Mª (2005): As historias de Pepe de Xan Baña. A obra de Xosé Baña Pose, Santa Comba: tresCtres.
  • Rei Lema, Xosé Mª (2006): "Un soneirán na creación da Real Academia Galega", La Voz de Galicia, Carballo, 13 de maio, p. 14.

15 de outubro de 2015

ROBERTO VELOSO, PRESIDENTE DAS MOCEDADES GALEGUISTAS DE BUENOS AIRES

Roberto Veloso Gómez naceu na vila de Baio o 22 de novembro de 1919. Con trinta anos decide emigrar á Arxentina e na súa capital, Buenos Aires, vai permanecer oito anos traballando como xastre.
Lonxe da España franquista naceron en Roberto as inquedanzas galeguistas e unha das primeiras cousas que fixo ao xuntar uns cartiños foi mercar o Sempre en Galiza de Castelao, auténtica Biblia do galeguismo. Ademais, frecuentaba os centros da colectividade que estaban máis próximos ao nacionalismo, como eran os centros provinciais (sobre todo o Centro Ourensán), a Irmandade Galega e, como non, a ABC de Corcubión. Nesta foi requirido en varias ocasións por Perfecto López para que formase parte da directiva, pero rexeitou sempre a invitación por falta de tempo. Nestes centros pasaba horas na biblioteca ou acudía a actos e conferencias sobre cultura e política galega.
Todo o fervor galeguista dos mozos galegos emigrados e dos arxentinos fillos de galegos daría os seus froitos na creación en 1953 das "Mocedades Galeguistas" de Buenos Aires, na que Roberto participou. E non só foi partícipe, senón que chegou a ser nomeado presidente da entidade. Segundo el mesmo nos contou, "fun elixido presidente das Mocedades cun grande apoio porque como era socio do Centro Ourensán, do Coruñés, do Pontevedrés, do Galego, da Irmandade, tiña a confianza das sociedades e tamén da xente de mediana idade, que vía en min un tipo de confianza, e, por suposto, dos máis novos, que me elixiron case en contra da miña vontade". A estadía no cargo, como sinalaban os estatutos, era por un ano e foi ese o tempo que estivo á fronte, contando coa presenza de Xosé Neira Vilas como secretario. Á parte das moitas actividades que levaron a cabo, recorda Roberto con cariño a invitación que lles fixera aos directivos das Mocedades don Manuel Puente, o máis grande mecenas do galeguismo bonaerense, á súa casa con motivo da visita de Francisco Fernández del Riego: "Alí estábamos Neira Vilas, Denís Conles, Carlos Abraira, Adelina González e mais un de Baio rodeados de figuras como Manuel Puente, Fernández del Riego e os deputados Antón Alonso Ríos e Ramón Suárez Picallo". 
Na casa de Manuel Puente: Alonso Ríos, Fdez. del Riego,
Neira Vilas, Adelina González, Carlos Abraira, Denís Conles,
Suárez Picallo e Roberto Veloso, á dereita da imaxe.
Desta época é tamén unha significativa protesta contra un escritor galego que publica unha reseña sobre unha novela, a cal estima de menor valía por estar escrita en galego. Roberto figura como primeira sinatura dunha carta publicada no xornal bonaerense Opinión Gallega co título "Varil e lumioso defendemento do idioma galego. Mozos da Galiza libre dirixen unha carta aberta a un escritor galego de pouca fe e dinidade patriótica". A pesar de botar pouco tempo emigrado, non debeu pasar desapercibido o seu traballo cando o escritor Ricardo Flores o cita como unha das cincuenta persoas chegadas despois de 1936 que máis fixeron polo galeguismo en Buenos Aires, ao lado de xente como Bieito Cupeiro, Isaac Díaz Pardo, Rafael Dieste, Xosé Neira Vilas, Luís Seoane, Lorenzo Varela ou Elpidio Villaverde. Na cidade porteña asistiu ao maior acontecemento da colectividade galega emigrada, como foi o Primeiro Congreso da Emigración Galega, celebrado en 1956 para conmemorar o centenario do Banquete de Conxo. O seu grande pesar da súa estadía na Arxentina foi non coñecer persoalmente a Castelao, pois cando chegou Roberto en 1949 xa o rianxeiro estaba moi enfermo.
Pero as súas actividades políticas non lle quitaron tempo para outras tarefas, como foi o de ir casa por casa do baieses residentes en Buenos Aires para xuntar cartos para a construción das escolas "Agra Regueiro" na súa vila natal, en estreita colaboración co seu veciño Pepe Collazo. Tamén se dedicou ao mundo da canción, pois formou parte, practicamente des que chegou, da Coral Galega do Centro Orensano "Terra Nosa", que estivo dirixida ata 1952 por Isidro B. Maiztegui e logo por José Antonio Gallo. E tivo tempo tamén para introducirse no mundo da literatura, deixando algún poema aínda inédito.
Crónica da revista Alborada: aniversario
das "Mocedades Galeguistas" co
irmán Veloso de presidente.
A morriña era moita e estrañaba demasiado a Baio, polo que decide regresar a finais do mes de agosto de 1957. Instalouse de primeiras na casa patrucial, pero en 1961 decide mercar unha casa no veciño lugar do Ceán (Bamiro). Aquí dedicouse ao mundo da agricultura, cultivando a súa horta e sobre todo as súas árbores froiteiras que eran a envexa de todos cantos pasaban por alí. No Ceán coñecería a muller da súa vida, Carmen Balboa López, a mestra que acababa de chegar a Bamiro, coa que casaría o 7 de xuño de 1962. Carmen foi mestra nesta parroquia vimiancesa entre 1961 e 1973, e despois pasou ao grupo escolar Labarta Pose de Baio, no que estaría ata a súa xubilación en outubro de 1980. Nesta data deciden os dous trasladarse a vivir á Coruña, onde botaron os derradeiros anos das súas intensísimas vidas, pero sempre lembrándose de Baio (á súa asociación de veciños doáronlle, entre outras cousas, a súa completa biblioteca e deixaron orde de mercar un reloxo para que se colocase nas escolas Agra Regueiro).
Roberto faleceu na cidade da Coruña o 9 de agosto de 2010, mais os seus restos foron soterrados no cemiterio parroquial de Santa María de Baio.

Bibliografía:
  • Lema Suárez, Xosé Mª (2005): "Un baiés, presidente das Mocedades Galeguistas", La Voz de Galicia, Carballo, 28 de abril, p. 14.
  • Lema Suárez, Xosé Mª (coord.) (2010): A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte, Vigo: Xerais.
  • Rei Lema, Xosé Mª (2010): "Na morte de Roberto Veloso", La Voz de Galicia, Carballo, 13 de agosto, p. 11.
  • Rei Lema, Xosé Mª: Xosé Collazo. Obra poética; inédito.