No herbal azur do ceo

No herbal azur do ceo
Foto: Roberto Mouzo
Amosando publicacións coa etiqueta Corcubión. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Corcubión. Amosar todas as publicacións

21 de novembro de 2015

JUAN BENITO CARRERA, OUTRO FILÁNTROPO CORCUBIONÉS

[Foto: Nerio (1921)]
 Juan Benito Carrera Fábregas naceu na vila de Corcubión o 14 de xullo de 1853, no seo dunha distinguida familia, pero a pesar diso escolleu, xunto co seu irmán José, o camiño da emigración, en vez de seguir unha carreira universitaria como fixeron algúns dos seus once irmáns. Chegou á Arxentina cando contaba con 20 anos, e traballando en diversos establecementos comerciais, enseguida conseguiu ascender e co tempo ter negocios de seu, coma a firma “Carrera & Compañía”, casa importadora de tabaco da Habana e doutros produtos de Cuba e España. E, ao igual que a seu irmán, sorriulle a fortuna e conseguiu un grande éxito nos seus negocios e ser unha das máis importantes figuras do comercio bonaerense. Xa que logo, isto serviulle para entrar a formar parte da elite da colectividade galega en Buenos Aires, e para figurar nos cadros directivos de destacadas sociedades como a “Asociación Española de Socorros Mutuos de Buenos Aires”, da que foi directivo varios anos, chegando a ser o seu vicepresidente. Aínda que non chegou a ser directivo, tamén era socio do gran rival desta: o Centro Galego de Buenos Aires (socio nº 2849). No mundo financeiro, ocupou varios postos no directorio do “Banco Galicia y Buenos Aires”, e tamén na compañía de seguros “Galicia y Río de la Plata”. En 1911 fúndase “La Constructora Americana”, sociedade de préstamos hipotecarios e construción, da que vai ser o presidente do seu directorio.
Anuncio de "Carrera & Cía", empresa de Juan Benito
A finais de 1912 Juan B. Carrera envíalle ao alcalde de Corcubión o seu testamento, acompañado dunha carta na que lle indica que vai legar parte do seu patrimonio para beneficio da súa vila natal. Con todo, non será ata o 1 de xuño de 1920 cando faleza Juan Benito, na súa residencia da cidade de San Martín, provincia de Buenos Aires, a causa dunha insuficiencia cardíaca. Nese momento, segundo Waldomar (1921), estaba preparando o envío da súa preciada colección de libros para fundar unha Biblioteca popular en Corcubión.
Juan B. no directorio do Banco
Unha vez aberto o testamento ológrafo, compróbase que efectivamente deixa un bo legado: doa un terreo no centro da vila para a fundación dun asilo para anciáns desamparados (con preferencia para os que emigraran a América, e mesmo aqueles anciáns que aínda seguisen aló se querían retornar custeábaselles a pasaxe); adosado ao asilo construirase unha escola de Artes e Oficios de ensino práctico, que debía incluír a rama de servizo doméstico; no asilo tamén se instalará a súa Biblioteca (importante colección de libros e de cadros). Ademais deixa disposto o reparto anual de mil cincocentas pesetas para os máis pobres da súa vila. Xa en vida, Juan contribuíra a mellorar as condicións dos máis desfavorecidos, con importantes axudas. Tamén se preocupaba por aqueles emigrantes que chegaban a América con rudimentarios principios dun oficio manual e boa parte deles practicamente analfabetos. De aí a importancia que lle deu á construción desa escola de Artes e Oficios, pois así os seus veciños podían estar preparados para emigraren en condicións máis favorables. Este feito foi moi criticado polos políticos máis progresistas do momento, pois consideraban que estas “escolas dos americanos” dedicábanse a fomentar a emigración en vez de combater o problema desde a raíz; pero quizais non eran estes desprendidos emigrantes os encargados de solucionar os males da sociedade daquela época, e si os despreocupados gobernos.
A pesar de que os albaceas crearon unha fundación, que en 1931 foi recoñecida de carácter benéfico polo Ministerio de Facenda, as vontades de Juan Benito non chegaron a verse materializadas. O seu legado pasaría anos despois a outra fundación corcubionesa: o Asilo Emilio Alonso.

Bibliografía:
  • Anónimo (1913): Importancia de la Colonia Gallega en la República Argentina”, Nova Galicia nº 425, Buenos Aires, 6 de outubro, p. 1.
  • Anónimo (1920): “Muertes sentidísimas”, Nerio nº 1, Corcubión, 1 de xullo, p. 8.
  • Anónimo (1920): “Necrología. Don Juan B. Carrera”, Revista Mensual de la Asociación Española de Socorros Mutuos de Buenos Aires nº 100, Buenos Aires, 1 de xullo, s/p.
  • García Domínguez, Mª Teresa (2001): “O labor dos emigrantes galegos no eido educativo: o exemplo do Partido Xudicial de Corcubión”, en Entre nós. Estudios de arte, xeografía e historia en homenaxe ó profesor Xosé Manuel Pose Antelo; Santiago de Compostela: Universidade; pp. 729-747.
  • Lamela, Luis (2015): “El oscuro destino de la buena voluntad”, La Voz de Galicia, Carballo, 20 de outubro, p. 11.
  • Pesqueira, Joaquín (1919): Historia de la Asociación Española de Socorros Mutuos de Buenos Aires; Buenos Aires: A.E.S.M.B.A.
  • Waldomar, Emilio (1913): “D. Juan B. Carrera y su pueblo natal”, El Noroeste, A Coruña, 27 de xaneiro, p. 1.
  • Waldomar, Emilio (1921): “Nuestros filántropos. D. Juan Benito Carrera Fábregas”, Nerio nº 8, Corcubión, 15 de xaneiro, p. 9.


31 de outubro de 2015

JOSÉ CARRERA FÁBREGAS, FILÁNTROPO CORCUBIONÉS

[Foto: Nerio, 1920]
José Carrera Fábregas naceu na vila de Corcubión o 19 de marzo de 1857 nunha familia acomodada e de certo prestixio, o que non foi obvice para que, con apenas 14 anos, tivese que coller o camiño da emigración. Este camiño levouno cara a Buenos Aires, onde a vida lle depararía unha exitosa carreira no mundo empresarial. Este éxito fixo aumentar o seu prestixio entre a colectividade e así puido formar parte de entidades como o “Banco de Galicia y Buenos Aires” ou da compañía de seguros “Galicia y Río de la Plata”, sendo de ambas as dúas o seu vicepresidente, e presidente da tamén compañía de seguros “España”. Presidiu a “Sociedad Española de Beneficencia” e pertenceu á directiva do Hospital Español de Buenos Aires. Tamén desenvolveu un gran labor filantrópico pagándolles unha pensión a moitos pobres da súa vila natal, ademais de favorecer os seus veciños que emigraban á Arxentina.
Pero sería despois de morto cando a súa figura como filántropo se agrande. O seu testamento, feito o 1 de maio de 1918, sinalaba que posuía valores taxados en 1.600.000 pesos arxentinos “y otros más que adquiriré pues estoy en mi cabal salud y no veo mi muerte próxima por ahora” (Alasca, 1920). Pero traxicamente as súas palabras parece que foron un mal fado, pois o 27 de xullo de 1918 falecía a causa dun edema pulmonar na cidade bonaerense.
Construción do edificio a comezos de 1926 [Foto: Alborada]
Unha vez coñecido o seu testamento compróbase que deixa mandado construír en Corcubión unha escola de artes e oficios. O edificio que a albergue constará de tres corpos: un central para a administración e o culto, e dous laterais destinados a nenas e nenos, respectivamente. A escola levará o seu nome e tanto os seus restos coma os da súa muller, a arxentina Clotilde Salomone, serán depositados nunha urna que se construirá ao efecto. Para o sostemento da escola deixa o campo de General Viamonte (na provincia arxentina de Córdoba), que produce 44.500 pesos de renda anuais. Ao falecemento da súa viúva será o albacea o presidente do Banco de Galicia y Buenos Aires, ou un representante do seu directorio, que terá que entenderse co consello de administración que se cree en Corcubión, que estará formado polo rexistrador, o alcalde e o cura, quen serán os encargados de que a obra se leve a cabo. Mais este testamento, por razóns de carácter legal, quedou anulado, e con el o proxecto de construción desta escola.
Bosquexo do edificio orixinal (La Voz de Galicia, 1925)
Non obstante, os testamenteiros e os amigos do defunto convenceron a viúva para que cumprise a vontade do seu marido. Xa que logo, entregoulle ao presidente do Banco de Galicia y Buenos Aires, Iréneo Cucullu, a cantidade de 200 mil pesos arxentinos para a creación dunha fundación. Cucullu, íntimo amigo de José Carrera, contactou en Corcubión co avogado Alejandro Lastres Carrera, sobriño do benemérito corcubionés, e eles puxeron as bases do novo centro, que agora se van fixar no ensino primario e non en artes e oficios. Encargáronlle o proxecto ao arquitecto coruñés Eduardo Rodríguez Losada, que deseñou o edificio como deixara expresado Carrera no seu testamento. No verán de 1921 Alejandro Lastres recibe os fondos e poderes necesarios para a compra do terreo. Na prensa especúlase con dúas posibilidades, unha, a preferida, está situada no punto denominado “Muíño de Vento”; a outra, máis céntrica, é coñecida como a “Horta de Pol”. Desde as páxinas de Nerio apostan pola primeira, pois aínda que está a 700 metros do centro da vila, conta co “aire, la luz y los bellísimos horizontes que se disfrutan en el Molino y son esenciales en toda obra pedagógica, ni la estética del edificio, de mucho más lucimiento allí”.
Fernando Blanco e José Carrera,
dous símbolos para os emigrantes
do partido de Corcubión na Habana
Antes de que estivesen rematadas as escolas, en xullo de 1923 chegaron desde Buenos Aires os restos de José Carrera para seren enterrados aquí, como deixara dito no seu testamento. Malia que en moitos sitios se sinala que as obras remataron en 1924, polas fotos da revista Alborada tomadas en marzo de 1926 vemos que non é certo. Xa en xullo de 1925, nas páxinas de La Voz de Galicia, se auguraba que a súa finalización ía tardar case dous anos. Con todo, no mes de novembro de 1926, o Correo de Galicia anuncia que as obras están chegando ao final. O edificio conta con tres corpos diferenciados: un central, de dúas plantas, cunha capela na planta baixa e a vivenda do mestre na superior; e dous volumes dun só nivel situados a ambos os lados do central, destinados a aulas e aseos separados por sexos. O desnivel do terreo solventouse cunha escalinata e dúas ramplas que cobren a totalidade da fachada.
Aínda que o edificio se rematou a comezos de 1927, novos problemas adiaron o comezo da actividade escolar nel. Finalmente foi en 1931 cando empezaron a funcionar, grazas ás xestións dos fideicomisos e do Concello coas novas autoridades da II República. Segundo García (2001) ese mesmo ano a Fundación José Carrera é declarada de Beneficencia Particular, sendo gratuítos os libros de texto e o material pedagóxico necesario.
O edificio hoxe é a Casa do Concello de Corcubión
O “José Carrera” estivo en funcionamento ata 1959, cando o Padroado quedou sen fondos. En 1967 fíxose unha remodelación, ampliándoo unha altura coa eliminación da capela. En 1974 foi cedido ao Concello, que á súa vez o cedeu ao Ministerio de Educación para destinalo a colexio de EXB, e estaría operativo ata 1993. Volveu a mans municipais, que o reformou para albergar alí a Casa do Concello de Corcubión.

Bibliografía:
  • ALASCA [Alejandro Lastres Carrera] (1920): “Nuestros filántropos. D. José Carrera”, Nerio nº 3, Corcubión, 1 de agosto, p. 7.
  •  Anónimo (1918): “Notas bonaerenses. D. José Carrera”, El Eco de Galicia nº 962, Buenos Aires, 30 de xullo, p. 8.
  • Anónimo (1918): “Notas bonaerenses. Una escuela más”, El Eco de Galicia nº 968, Buenos Aires, 30 de setembro, p. 8.
  • Anónimo (1921): “La Fundación Carrera”, Nerio nº 15, Corcubión, 15 de agosto, p. 9.
  • Anónimo (1923): “Desde Corcubión”, El Ideal Gallego, A Coruña, 31 de xullo, p. 8.
  • Anónimo (1925): “La ‘Fundación José Carrera’ en Corcubión. Un magnífico colegio”, La Voz de Galicia, A Coruña, 22 de xullo, p. 1.
  • Anónimo (1926): “La ‘Fundación José Carrera’ en Corcubión”, Alborada nº 10, Buenos Aires, maio; s/p.
  • Anónimo (1926): “Información de Galicia. Corcubión”, Correo de Galicia nº 1088, Buenos Aires, 28 de novembro.
  • García Domínguez, Mª Teresa (2001): “O labor dos emigrantes galegos no eido educativo: o exemplo do Partido Xudicial de Corcubión”, en Entre nós. Estudios de arte, xeografía e historia en homenaxe ó profesor Xosé Manuel Pose Antelo; Santiago de Compostela: Universidade; pp. 729-747.
  • García Domínguez, Mª Teresa (2007): "A emigración na comarca de Fisterra cara a América", Vento do Leste nº 14, Barcelona, xullo; pp. 21-23.
  • http://mapas.consellodacultura.gal/escolas

24 de outubro de 2015

JOSÉ Mª DEL RÍO OSORIO, FILÁNTROPO MUXIÁN


José María del Río Osorio naceu na vila de Muxía o 3 de agosto de 1836. Fillo do muxián Miguel del Río e da fisterrá Mª Concepción Osorio, era o menor de catro irmáns (Manuel, Joaquín Ramón e Francisco). En 1853, cando contaba con dezasete anos, emigra a Cuba, a bo seguro para librar do servizo militar. En La Habana dedicouse ao comercio, fundando a ferretería “La Campana”, que ao dicir de Alejandro Lastres foi “además de sólido organismo comercial, verdadero consultorio para todo gallego que dudase, e institución tutelar que nunca negó ayudas ni escatimó adelantos al paisano que los necesitó”.
O seu prestixio foi aumentando entre a colectividade galega, e froito diso é a súa presenza na fundación de sociedades galegas como a “Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia” (1871) ou do “Centro Gallego de La Habana” (1879). Neste último foi nomeado “Socio de Honor” o 6 de agosto de 1883 e ocupou o cargo de vogal da xunta directiva entre os anos 1889 e 1891.
Tamén desempeñou un labor militar, pois pertenceu durante máis de trinta anos ao “Cuerpo de Voluntarios” en Cuba. No momento de desfacerse este organismo coa independencia cubana, José Mª del Río era Comandante honorario.
José Mª del Río morre na cidade de La Habana o 13 de xuño de 1906. Cando se le o seu testamento, que fora outorgado o 26 de novembro de 1902, descóbrese que deixara 30.000 pesos ouro para a construción dunha escola pública gratuíta de primeira ensinanza para nenos pobres en Muxía, outorgándolle a administración da escola ao propio Concello muxián. No mesmo testamento figura unha doazón de mil pesos ouro para a construción dun reloxo publico na vila de Corcubión, onde Del Río tiña familiares como o xuíz municipal e mais o deputado provincial Plácido Castro.
Desgraciadamente a escola non se levou a cabo, a pesar dos intentos do concello muxián, se nos atemos á disposición do Boletín Oficial del Estado do 22 de outubro de 1954 [Agradecemos a Manuel Vilar a achega deste documento]. Nel recóllese a constitución dunha Fundación benéfico-docente para intentar construír esta escola, mais considérase que os cartos dispostos e mais os xuros destes cincuenta anos, supoñen unha suma de 305.474’27 pesetas, cantidade insuficiente para desenvolver o proxecto de construción e mantemento dunha escola. Ademais, consideran que xa existen as escolas públicas necesarias no termo municipal de Muxía, e diante da imposibilidade de crear unha escola nova en condicións deciden suspender o propósito de Del Río, e que a propia “Fundación del Río Osorio” e o concello decidan o uso deses cartos, sempre en beneficio da escolas muxiás.
Fachada da igrexa de San Marcos
co reloxo doado por José Mª del Río
[Foto: FB Luis Lamela]
En troques, si se levou a cabo a colocación do reloxo en Corcubión, pois axiña o concello se fixo cargo do legado de Del Río. Como proba de agradecemento a corporación corcubionesa decide gravar na base do reloxo unha lenda alusiva á memoria do filántropo muxián: Como testimonio de gratitud del Ayuntamiento constitucional que de este reloj hizo al pueblo D. José del Río Osorio. 1908. Este reloxo foi colocado na igrexa de San Marcos en xuño de 1908, e na súa crónica o xornal coruñés El Noroeste sinala: “Esta mejora es muy útil para aquella comarca, pues las campanas son excelentes y se oyen en parajes distantes como el Pindo y el Ézaro, y los pescadores que se entregan a sus rudas faenas a nueve y doce millas de la costa oyen también perfectamente las horas del nuevo reloj, en tiempo normal, lo cual es para ellos muy ventajoso”. Aínda hoxe o reloxo loce na fachada da igrexa corcubionesa.


Bibliografía:
  • ALASCA [Alejandro Lastres Carrera] (1906): "Don José María del Río", El Eco de Galicia nº 539, Buenos Aires, 10 de outubro, p. 7.
  • Anónimo (1904): "Don José María del Río y Osorio", Galicia. Revista Semanal Ilustrada nº 10, La Habana, 6 de marzo, pp. 1-2.
  • Anónimo (1906): "La Voz en la provincia. Mugía", La Voz de Galicia, A Coruña, 28 de xullo, p. 2.
  • Anónimo (1908): "De Galicia", El Noroeste, A Coruña, 30 de xuño, p. 2.
  • Anónimo (1908): "Información regional. Coruña", Correo de Galicia nº 20, Buenos Aires, 2 de agosto, p. 5.
  • El "Centro Gallego" en su cuadragésimo aniversario, La Habana, 1919.
  • Lamela, Luis (2015): facebook.com/luis.lamela, 4 de abril.
  • Libro de Bautizados. Parroquia de Santa María de Muxía. Libro 5, folio 365.
  • Ruíz-Giménez, Joaquín (1954): "ORDEN de 7 de octubre de 1954 por la que se clasifica como benéfico-docente la Fundación instituida por don José María del Río Osorio en Mugia (La Coruña)", Boletín Oficial del Estado nº 295, Madrid, 22 de outubro, pp. 7151-7152.